Ponteareas prepárase para celebrar o seu Corpus por todo o alto. A uns días de que arranque unha nova edición da festa grande da vila, o Concello aprobou este martes en pleno por unanimidade a concesión das Medallas de Prata do Corpus Christi 2023 aos alfombristas propostos polas entidades de cada tramo.
A alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, quixo dar os parabéns a todas as persoas galardoadas por recibir “un recoñecemento que reflicte un sentir común e o esforzo de todas e todos os alfombristas, que coa súa unión e o seu traballo colectivo conseguen que a maior obra de arte efémera engalane as rúas da nosa vila cada ano, facéndonos desfrutar das sensacións, da ledicia e do recendo dunha festa única”.
Pola súa banda, o concelleiro de Eventos en funcións, Miguel Bouzó, agradeceu ás persoas premiadas “o seu esforzo, o seu traballo e a súa entrega, que fan posíbel que ano a ano a festa do Corpus Christi sexa o noso sinal de identidade e un referente que nos coloca en todo o mundo”.
Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi de Ponteareas a proposta de cada tramo alfombrado son:
- Pedro González Sacramento polo tramo da Orotava.
- María del Carmen Groba Varela polo tramo de Praza Bugallal.
- Inés Sertaje Carballido pola alfombra da rúa Oriente.
- Susana Rodríguez Porto pola Praza Maior (1º tramo).
- Roberto Mera Covas pola Praza Maior.
- Margarita Táboas Abril por Ferreiros (1º tramo).
- Mónica Martínez da Cruz pola alfombra da ANPA Pena do Equilibrio.
- Ana María Barros Carrera polo tramo Ferreiros-San Roque.
- Marta Amil Lago por Fonte do Baratillo.
- Fernando Centenera Martínez polo tramo de Fernández Vega.
- Pilar Domínguez Fornos por Cantón de Boavista.
- Sara Nieto Pereira polo tramo da Castiñeira.
- Rosa Álvarez Sousa pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
- José Carlos Pérez Bautista polo tramo de Santa Bárbara de Prado.
- María del Carmen Pérez Martínez polo tramo das Monxas Reveriano Soutullo.
- Laureano Covelo González pola alfombra de Reveriano Soutullo.
- Alvarina Álvarez Boente pola rúa Constitución.
- María Ángeles Fernández Lago polo tramo do Arco da Vella.