Domingo, 13 Xullo de 2025

Unha unidade móbil de doazón de sangue estará en Goián o vindeiro mércores 21 de xuño

0

Tomiño acollerá unha nova visita dunha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue a vindeira semana. O mércores 21 de xuño o autobús da axencia situarase na parada de autobús, na Carballeira, de 16.00 a 21.00 horas para todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. En Galicia necesítanse 500 doazóns de sangue cada día para atender as 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, o transplante de órganos e as 1.600 atencións nos hospitais de día.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que debe serse maior de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.

O Ciclo Mestre Mateo chega a Baiona

0

O Multiusos de Sabarís, no Concello de Baiona, acollerá este luns 19 de xuño unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme Live is life, do realizador Dani de la Torre e finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario.

O filme, do 2022, conta con guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizado por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices. A acción transcorre no verán de 1985, no que, como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volta á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Pero este ano é distinto. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

Despois desta sesión, Baiona acollerá o vindeiro mes de xullo o pase dos documentais A foreign song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, que se exhibirá o día 3 ás 21.00 horas no mesmo Multiusos, e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreado no Ourense Film Festival, e que se proxectará o día 17, tamén no mesmo espazo e á mesma hora.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de A Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais dos citados Live is life, A foreign song e Onde máis doe, o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

O luns comezan as obras de humanización da rúa Lugo

0

O próximo luns, 19 de xuño, comezarán as obras de humanización da rúa Lugo en pleno centro urbano de Tui. Por este motivo non se poderá nin circular nin estacionar neste vial. Haberá tamén cambios no tráfico na rúa Ourense, xa que provisionalmente mentres duren as obras suprimirase o aparcamento en batería para habilitar na intersección entre esta rúa e Colón, Martínez Padín, e Augusto González Besada tres carrís de circulación.

A actuación prevista na Lugo suporá un investimento superior aos 200 mil euros con cargo ao  Plan Concellos. As obras teñen un prazo de execución de dous meses. Intervirase o tramo comprendido entre a rúa Ourense e a praza de Galicia que pasará a ser de sentido único.  

Enrique Cabaleiro, alcalde en funcións, sinala que con esta actuación “trátase de adecuar esa rúa, cada vez máis transitada, nunha rúa que responda aos estándares que debe responder nestes momentos unha vía urbana”.  Así o proxecto a executar contempla  a execución de beirarrúas máis anchas, zonas esparcemento, novo mobiliario urbano e zonas verdes, e eliminación de barreiras arquitectónicas. Unha vez rematas as obras pasará  ter sentido único de circulación, en principio cara a praza de Galicia.  

A Feira do Viño volve este verán ao Rosal

0

Concello e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, que este ano recupera as súas datas habituais. O vindeiro mes de xullo a Praza do Calvario converterase un ano máis no escenario central de tres días nos que se programarán multitude de actividades culturais, gastronómicas e de lecer abertas a toda a veciñanza e visitantes.

A cita será os días 14, 15 e 16 de xullo, nos que a feira levará de novo ao centro urbano rosaleiro unha morea de actividades coas que facer gozar ao público e dar pulo ao dinamismo comercial que cada ano este evento xera na contorna.

“Recuperamos a esencia e as datas desta festa de interese turístico coa que cada ano promovemos o noso patrimonio enolóxico e amosamos ás persoas que nos visitan todo o que O Rosal pode ofrecer”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora anima a toda a veciñanza e visitantes a participar na que será a XXXI edición da Feira do Viño do Rosal e desfrutar dunha experiencia inesquecible.

O Casco Vello de Baiona goza este sábado e domingo do roteiro musical “Sons do Casco”

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá hoxe sábado e o domingo, 17 e 18 de xuño,  leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán 11 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando, a Praza Fonte de Zeta e este ano introdúcese como novidade a Praza de San Xoan. Outra das novidades desta edición e o pasarrúas nocturno a cargo dunha fanfarria que  ambientará as rúas do Casco Vello desde ás 22:30 ata a medianoite do sábado.

Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona,   declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio  en 1993.

Con iniciativas como estas quérese participar na reactivación económica do municipio.  Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses.  Con esta  atractiva programación  quérese seguir atraendo xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta.

Digna Rivas gobernará en Redondela co apoio de AER e o BNG

0

Digna Rivas, Xoan Carlos González e Roberto Villar  firmaron esta semana pasada o acordo de pacto de goberno que ten como finalidade consolidar un goberno tripartito progresista en Redondela.

A secretaria xeral do PSdeG de Redondela declaraba na mesa de acordo que “imos ter o goberno progresista que a cidadanía demandou cos seus votos o pasado 28M. As urnas demostraron o que estamos hoxe a firmar e é o noso deber responsabilizarnos cos dereitos dos veciños”.

Digna Rivas e Roberto Villar asinaban un documento de medidas programáticas así como a entrada no goberno da Agrupación de Electores, asumindo o seu concelleiro electo, Roberto Villar a concellería de Infraestruturas e sustentabilidade.

No caso da sinatura realizada con Xoan Carlos González chegaron a un acordo de investidura no que dende o primeiro momento estaban de acordo en loitar por un goberno progresista. Entre os puntos expresados destacaban a necesidade de diálogo e que ambas forzas políticas participen nas decisións fundamentais para Redondela, ademais de puntos en común sobre igualdade e empregro estudando as necesidades reais da cidadanía.

Na sinatura de ambos acordos a secretaria xeral amosou ”a súa satisfacción e agradecemento a BNG e AER por traballar na procura de puntos de consenso que foi imprescindible para este acordo progresita”. Ao que engadía que “os veciños esperan un goberno forte que estea a altura. Non vou a falar de disputas porque estamos aquí para traballar por e para a cidadanía de Redondela”.

“Abrimos un período novo e contade co meu compromiso permanente de diálogo e de entendemento, sempre cos intereses xerais de Redondela para seguir catro anos máis avanando”, concluía Rivas.

O pleno de investidura celebrouse o sábado ás 12:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.

Tomiño contratará a 4 persoas desempregadas ao abeiro do proxecto ‘Primeira Experiencia Profesional’

0

O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a catro persoas desempregadas ao abeiro do proxecto ‘Primeira Experiencia Profesional 2023/2024’, un plan para o fomento da empregabilidade posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Xa está pendurado no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica municipal o documento cos perfís profesionais que se solicitarán nos vindeiros días na Oficina de Emprego de Tui, que realizará a sondaxe previa ao proceso selectivo.

O inicio dos contratos está previsto para o 15 de xullo de 2023 e terán unha duración dun ano a tempo completo. As persoas candidatas deberán estar inscritas como demandantes de emprego ou en mellora de emprego no Servizo Público de Emprego e cumprir os requisitos da convocatoria, como estar en posesión da titulación solicitada ou empadroados preferiblemente en Tomiño ou noutro concello da provincia, entre outros.

Nesta ocasión búscase unha persoa co Grao en Ciencias Ambientais ou en Agricultura para a xestión do servizo de baleirado de fosas sépticas, de préstamo de biotrituradoras e das incidencias relacionadas coa recollida de lixo e limpeza viaria, para a colaboración coas traídas de augas comunais ou a tramitación de expedientes.

Por outra banda, contratarase a unha persoas co Grao en Publicidade e Relacións Públicas para a planificación, organización e xestión de eventos e actividades, fundamentalmente de carácter cultural e deportivo; a elaboración de estudos de impacto e alcance das actividades; deseño da publicidade ou creación de contidos audiovisuais ou gráficos para medios e redes sociais.

Tamén se buscarán a dúas persoas con Grao universitario en economía para prospección de recursos infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego; o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais; a implantación de políticas activas de emprego e promoción e promoción da formación ocupacional; o deseño de programas de intervención para a inserción laboral de persoas desempregadas; ou a tramitación de axudas con ou sen fondos europeos, subvencións e reclamacións patrimoniais.

Ponteareas consegue de fondos europeos para a transformación dixital da administración local

Ponteareas continúa captando fondos europeos Next Generation EU para a mellora de todos os eidos municipais. Nesta ocasión, o Concello vén de recibir dúas subvencións por un importe total de 160.000 euros para a transformación dixital e a modernización da administración local ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Política Territorial.

Por un lado, o Concello acadou unha axuda de máis de 75.000 euros para desenvolver melloras de integración coa Carpeta Cidadá que contribúan a que cidadanía e empresas teñan unha visión centralizada da súa información a través desta ferramenta estatal. O proxecto, xa licitado e adxudicado, constará de dúas fases, unha na que se realizará un estudo da evolución do sistema de tramitación e outra para o indexado e configuración da interoperabilidade.

Neste camiño cara a unha transformación dixital maior, o Concello tamén levará a cabo un proxecto de subministro, instalación, migración de datos e posta en marcha de cabinas de almacenamento que contribuirá a mellorar a capacidade de almacenamento dos Centros de Procesos de Datos municipais, para poder aloxar diferentes servizos que repercutirán de xeito directo na veciñanza. Tras o subministro e instalación do material, procederase á configuración, migración dos recursos existentes e a súa posta en marcha. O proxecto, que conta cunha subvención de 83.500 euros, xa foi licitado e adxudicado.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, amosou a súa satisfacción por volver captar fondos europeos para melloras que afectan directamente á cidadanía e recalcou o compromiso do Concello “coa transformación dixital e a mellora dos servizos para os nosos veciños”.

Salceda acollerá o espectácula de danza e teatro “Habitarme”

O espectáculo de danza e teatro “HabitarMe”, promovido pola Deputación e a Fundación Igualarte, que desde o ano 2002 traballa para que as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística, chega este domingo, 18 de xuño, a Salceda de Caselas. Persoas da entidade que integral Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, interpretarán este espectáculo ás 20.00 horas no Auditorio Municipal da vila. A entrada é libre ata completar o aforo.

Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, que fan, que cuestionan, que están incómodas, que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen. A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.

Tralo paso por Salceda este domingo, e por  Bueu e Cambados a fin de semana pasada, “HabitarMe” continuará de xira ata o 25 de xuño percorrendo os concellos de Gondomar e Redondela. O sábado 24 chegará ao Auditorio Luis Tobío de Gondomar, tamén ás 20.00 horas, e o ciclo pecharase en Redondela o domingo 25, coa función no Auditorio Multiusos da Xunqueira ás 19.00 horas.

O certame do relato de Baiona publica o seu primeiro volume

0

O Concello de Baiona e a Biblioteca Municipal entregaron o libro de relatos “O enxeño engaiolado”, que reúne os relatos das tres últimas edicións.

O acto celebrouse onte venres, ás 17.30 h, no Salón de Plenos do Concello de Baiona. O libro recopila os relatos gañadores dos Certames de Relato Curto e Conto Infantil “O enxeño engaiolado” nas súas tres primeiras edicións 2020-2022.

O certame que nacera dunha iniciativa para incentivar, desde o confinamento, a creatividade literaria e celebrar o Día do Libro 2020 conta dende onte cun libro que formará parte da Biblioteca Municipal. Cun deseño innovador, está creado con frescura e elegancia en soporte de gran formato, 22×22 cm para a fácil lectura. Ademais conta con ilustracións ao principio de cada relato da pintora Laine Villero e deseño da portada mantendo a idea orixinal dunha gaiola pero aberta como símbolo de liberación do “Enxeño engaiolado”.

O fundador de Xerais, presente no acto, Xulián Moure, agradeceu a iniciativa do Concello de Baiona toda vez que este acto promove a cultura do Val de Miñor.

O rexidor municipal, Carlos Gómez, expresou a súa satisfacción polo certame e o “agradecemento a todos os participantes pola súa participación e o desexo de que dentro de outros tres anos poidamos voltar a reunirnos para festexar o segundo volume”.

Os actos concluiron co festival de poesía do colexio Cova Terreña de Baiona e a homenaxe aos grandes escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

Hoxe abre ao público a piscina municipal de Tui

0

Hoxe sábado, 17 de xuño, abrirá ao público a piscina municipal de Tui. O seu horario será de luns a venres de 13:30  a 20:30 h e os sábados, domingos e festivos de 12:30 a 20:30 horas.

O prezo da entrada mantense no mesmo importe que en anos anteriores sendo de 2€ para as persoas adultas, e de 1,5 € para os nenos e nenas de 4 a 14 anos, e para as persoas xubiladas. Establécense amais bonos de 30 baños por importe de 40€ para adultos e de 35€ para público infantil e xubilado.

Horario

  • De luns a venres de 13.30  a 20.30 h
  • Sábados, domingos e festivos de 12.30  a 20.30 h

Prezos

  • Entrada individual adulto  2 €
  • Entrada individual infantil (4 a 14 anos) / xubilados  1,5 €
  • Bono 30 baños adulto  40 €
  • Bono 30 baños infantil / xubilados  35 €

Areeiro advirte do aumento de síntomas de black rot

A Estación Fitopatolóxica Areeiro vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que advirte do aumento de síntomas de black rot e aconsella incrementar a vixilancia ante o oídio. Aínda que afirma que o estado fitosanitario das viñas é excelente, recomenda vixiar síntomas de mildio e, naquelas nas que se vaia cumprir o prazo de protección do produto, aplicar tratamento antimildio, antioídio e contra o black rot. Amais, e debido ás condicións de humidade e sol, Areeiro aconsella aplicar tamén tratamento antimildio nas plantacións de pataca e outras hortícolas.

Esta semana téñense detectado moitos síntomas de black rot en acio. Aínda que o tempo previsto non será o máis favorable á evolución da enfermidade, é preciso incrementar a vixilancia en todas as comarcas da provincia e, onde haxa brotes do fungo, elixir un funxicida antimildio e antioídio rexistrado tamén para esta enfermidade. Tamén se teñen observado acios con presenza de micelio do oídio nalgúns predios. Por esta situación, Areeiro recomenda incrementar a vixilancia, tendo amais en conta que este é un dos momentos máis críticos da enfermidade.

En xeral, o centro dependente da Deputación asegura que o estado fitosanitario das viñas é excelente e que soamente se observaron síntomas de mildio nos predios que sufriron un forte ataque cando coincidiron as primeiras condicións extremadamente favorables coa floración. Boa parte das viñas están tratadas, sen embargo cómpre estar alerta, en especial naquelas nas que se vaia cumprir o prazo de protección teórico e onde aínda queden síntomas non ben controlados. Tamén no que respecta á vide, Areeiro recomenda eliminar o excesivo desenvolvemento da vexetación. Nestes casos debe realizarse a poda en verde e o esfollado lixeiro, así como proceder á roza da cuberta vexetal, para poder levar a cabo un mellor control de enfermidades.

Patacas e outras hortícolas

As condicións de humidade elevada e o sol destes días provocarán unha evaporación da auga do solo que xerarán condicións moi favorables ao mildio na pataca e outras hortícolas. Deste xeito, o centro dependente da Deputación recomenda, naquelas plantacións que non estean protexidas, aplicar un tratamento que respecte o prazo de seguridade dos produtos nas plantas temperás próximas á colleita.

A Deputación avanza na reordenación da Avenida Sarmiento Rivera

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para sacar a licitación as obras de reordenación da EP-4006 no seu treito inicial en Ponteareas, na Avenida Sarmiento Rivera. Estes traballos, que buscan garantir a mobilidade das persoas a través da creación dun itinerario peonil accesible neste tramo situado no núcleo urbano, teñen un orzamento de 630.423 euros que serán financiados ao 100 % pola institución provincial. A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira este tramo ao Concello de Ponteareas.

A actuación abrangue o tramo comprendido entre a glorieta situada xunto ao Concello de Ponteareas (onde conflúe a avenida Sarmiento coa rúa Concha Brey e as avenidas de Galicia e Rosalía de Castro) e a glorieta coas rúas Redondela e Pombas. Con ela preténdese mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas nesta céntrica avenida, mediante a construción de beirarrúas adecuadas para configurar itinerarios peonís continuos, accesibles e seguros, ao tempo que se resta prioridade ao espazo destinado ao tráfico rodado e se implantan medidas que permitan conseguir o calmado efectivo do mesmo.

O estreitamento da calzada xunto cos pasos peonís elevados buscan conseguir unha redución efectiva da velocidade e conformar unha “porta de entrada” ao núcleo urbano, recuperando o espazo público para a cidadanía. Así, na zona máis próxima ao Concello, onde a existencia de edificacións en ámbalas dúas marxes non permiten ampliar a sección actual, encaixaranse beirarrúas de 2,5 m e unha calzada de 5,70 metros entre bordos. No resto, redúcese a calzada actual a 6 metros, mantendo a política de carrís estreitos que favorezan a redución de velocidade e conseguindo ademais que as beirarrúas queden por riba dos 2,5 m.

Ademais, acondicionarase e melloraranse as características da estrada en canto a seguridade e comodidade das persoas usuarias, como a adecuación da iluminación, a dotación de sinalización horizontal e vertical e a reposición daqueles servicios afectados pola execución das obras.

A maxia volve á Carabela Pinta no III Festival de Maxia “Baiona Pinta Maxia”

0

Baiona acollerá o venres 23, o sábado 24 e o domingo 25 de xuño o seu terceiro Festival de Maxia baixo o título “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado pola Concellería de Cultura, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo como:  Dania Díaz, participante no programa Got Talent e recoñecida como unha das maiores expoñentes da maxia a nivel de internacional; Adrián Carratalá, un dos magos máis creativos que hai en España;  “Edu o Mago”, un ilusionista moi dinámico e divertido para toda a familia que vén desde Madrid; ou os vigueses Carlos Tomico e Sara Rodríguez, da cooperativa “Mangia na Manga” entre outros moitos. Ademais dos xa tradicionais ilusionistas do festival como son Samuel Moreno ou Javi Rufo.

Tras o éxito dos dous primeiros festivais,  o Concello de Baiona volveu á apostar por este evento e programou novas actividades como un Scappe Room, conferencias…ampliando os espectáculos das edicións de 2021 e 2022.

Nesta edición 2023, a maxia volve ao muso flotante da Carabela Pinta, que deu nome ao festival, introducindo como novidade a repartición de tickets 15 minutos antes de cada pase para fixar a hora á que van entrar ás instalacións.

Todas as actividades son gratuítas. Para poder participar nalgunhas delas é necesaria a inscrición previa a través do WhatsApp (685960370) ou a través de [email protected], como é o caso dos talleres de maxia ou o Escape Room, xa que o aforo é limitado.

Esta nova oferta para a última fin de semana de xuño  coincide  supón un pistoletazo de saída á tempada estival na localidade. Os espectáculos están pensados para que se vexan na rúa e supoñen unha posta en valor dos distintos espazos da vila. 

Os ilusionistas que intervirán en Baiona son todo un referente da maxia. O elenco está  composto por grandes referentes galegos e nacionais nesta especialidade que asolagará as rúas e prazas de Baiona nuns días repletos de maxia.

O Balneario de Mondariz cumple 150 anos

O Balneario de Mondariz cumpre 150 anos e conta con celebrarlo dunha forma moi especial: o brinde co “auga de la Fuente de Gándara” de todo o seu equipo actual, 150 familias, por moitos anos máis. Unha fotografía de familia que se enmarca nun amplo programa de actividades que se están desenvolvendo desde principios de ano en Galicia, Vigo e Madrid.

Os irmáns Peinador son os grandes artífices do que hoxe é o Balneario de Mondariz e toda a súa contorna, cando en 1873 a auga dos seus mananciais foi declarada de utilidade pública polo Goberno de España, converténdose así na única vila termal española. Un proxecto levado a cabo polo arquitecto Antonio Palacios, responsable dalgúns dos edificios máis emblemáticos de Madrid, entre eles o actual Concello de Madrid. Balneario de Mondariz cumpre estes días 150 anos dedicados á saúde termal e como referente europeo no turismo de saúde e coa satisfacción de que a súa importancia foi tal que son o único caso no mundo que, por necesidades do establecemento termal, orixinou en 1924, un novo municipio con autonomía propia e co seu nome Mondariz Balneario como aceno.

Pero como conseguiu ser Balneario de Mondariz coñecido, hai dous séculos, en toda Europa e marcar unha historia chea de importantes acontecementos?

A Belle Époque marcou unha época nos veraneos de saúde dos españois e europeos máis elegantes que tiñan no Balneario de Mondariz un destino. Mondariz sempre foi sempre sinónimo de saúde, de encontro e vacacións nos seus tres séculos de vida. Unha vila termal que defende os intereses de todos os españois como propios. Facendo internacional o carácter acolledor dos galegos.

Falar de Galicia é falar da Terra da auga: mar, ríos e augas mineromedicinales que converten o noroeste español en todo un destino de benestar que ten no termalismo unha tradición centenaria que lles fai únicos. Mondariz, un balneario que nace a mediados dos séculos XIX e principios do XX é desde sempre o referente europeo do Salutem per Aqua, partir das propiedades dos seus mananciais. O termalismo tradicional dos “aguïstas” da Belle *Époque que trouxo a Galicia a personaxes como Isaac Peral, John Rockefeller II, Isabel de Borbón, o arcebispo de Westminster, Miguel Primo de Rivera ou o sultán Muley Haffid e o infante Augusto de Bragança a coidar a súa saúde deu paso no século XXI a toda unha industria turística galega a partir do culto ao corpo e a necesidade de buscar a fonte da eterna mocidade.

E é que as augas mineromedicinales do Balneario de Mondariz pola súa composición bicarbonatadas, carbogaseosas e ferruginosas son únicas en España á hora de loitar contra o envellecemento, tanto a nivel físico como estético. Unha realidade recentemente destacada por un estudo realizado por hidrólogos que recoñecen a calidade das augas termais pontevedresas e que teñen nesta vila termal a referencia do termalismo. Unxas augas tamén recomendadas para patoloxías crónicas (reumatolóxicas, respiratorias, dermatolóxicas, dixestivas) que teñen un efecto ralentizante do envellecemento grazas ao seu efecto antioxidante e antiinflamatorio e axudan á reactivación da capacidade física e psíquica das persoas maiores.

Ruta este domingo no Castelo de Soutomaior para coñecer as herbas de San Xoán

A Deputación organiza este domingo, 18 de xuño, unha das 30 actividades que ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior: “As herbas de San Xoán”, unha ruta a través da cal as familias coñecerán as sete herbas tradicionais de San Xoán, os seus beneficios, o seu emprego tradicional, os seus rituais e lendas que xiran a carón delas. A actividade, que forma parte do programa “Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior”, comeza ás 11:30 horas e ten xa as 30 prazas cubertas.

“Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior” é unha programación de actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, xogos tradicionais, oficios artesanais, seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.

Trala actividade deste domingo, “As herbas de San Xoán”, o programa continúa o sábado 15 de xullo cun día en familia con dous obradoiros sobre xogos tradicionais, o domingo 6 de agosto cun obradoiro sobre os oficios, o sábado 19 de agosto horas cun obradoiro infantil de cociña, o sábado 2 de setembro cun obradoiro de vendima, o sábado 28 de outubro coa celebración do Samaín e, por último, o sábado 4 de novembro coa celebración do Magosto. As entradas para as actividades xa están dispoñibles na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €) e cada actividade conta cun total de 30 prazas.

Ademais, a Deputación de Pontevedra tamén organiza este ano 68 sesións de visitas guiadas. Celebraranse os luns e os venres de xullo e de agosto e terán versións temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín para persoas adultas serán os venres e os sábados de outubro; e as infantís os sábados e domingos de outubro. Por último, do 6 ao 10 de decembro celebraranse as visitas teatralizadas de Nadal.

O Porriño publica as bases para partcipar nas comparsas de Porrigalia 2023

O Porriño quenta motores para celebrar unha nova edición de Porrigalia. A concellería de Festexos vén de publicar as bases para participar nos desfiles de comparsas que terán lugar o venres 7 e o sábado 8 de xullo.

Poderán participar todas aquelas ANPAS, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC que presenten comparsas integradas por un mínimo de 8 compoñentes e que acudan caracterizados dunha das civilizacións de Porriño: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.

Cada comparsa participante recibirá un premio de 300 euros, que se otorgará ata alcanzar o importe máximo establecido de 5.400 euros (por orde rigoroso de inscrición). Aquelas comparsas que desexen participar en Porrigalia fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.

As bases están publicadas e poden consultarse na seguinte ligazón https://oporrino.org/documentos/bases-desfile-comparsas-porrigalia-2023/.

Teatro sobre sucesos e curiosidades de Ponteareas

Despois de máis dun ano buscando historias que vexan a luz, o grupo de teatro comunitario A Comuna súbese por primeira vez a un escenario para estrear ‘Cando o río sona’, unha representación no que o elenco escenificará sucesos ocorridos en Ponteareas e as súas 24 parroquias e explorará curiosidades que seguro van facer ao público coñecer a vila dende outro punto de vista.

A actuación será este sábado 17 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo con entrada de balde. Nela as e os espectadores poderán gozar dun tipo de teatro pensado por e para a veciñanza que nace na década dos 80 do século pasado na Arxentina e que dende entón marca as súas diferenzas con outros tipos de teatro polas súas peculiaridades.

O teatro comunitario é unha práctica de índole social na que se pon en valor a recollida de historias da contorna, facendo que a práctica incremente os valores de vivencia colectiva, compartindo co público reflexións e debate ao final nunha conversa colectiva tras a función.

A Guarda acolle o obradoiro “as abellas e as aromáticas”

0

O Concello da Guarda continúa neste mes de xuño a terceira edición do ciclo “Sostendo o Futuro”, actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna.

O vindeiro venres día 23 de xuño realizaranse os Obradoiros “As abellas e as aromáticas”, especialmente dedicados a crianzas de entre 3 e 12 anos, que cunha duración aproximada de dúas horas realizaranse no Castelo de Santa Cruz ás 19:30h. As inscricións están abertas no 986 61 0000.

Xa no mes de xullo, o  día 9, terán lugar os “Baños en natureza”, unha actividade para adultos e crianzas cunha duración aproximada de hora e media que terán lugar no Monte Santa Trega ás 18:30h.

Tamén en xullo, o día 21, realizarase na Xunqueira de Salcidos a actividade “Bolboretas nocturnas”, unha actividade cunha duración aproximada de entre tres e catro horas que arrancará ás 21:15h.

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades programadas baixo a segunda edición de “Sostendo o futuro”.

Mondariz avanza nos traballos para unha nova captación de auga no barrio do Couto

0

Esta semana, veciños da parroquia de Lougares puideron sentir os ruídos dunha escavadora no barrio do Couto. Baixo a atenta mirada do concelleiro de Mobilidade e Urbanismo, Leopoldo Tato, os operarios avanzaron na apertura dunha nova e necesaria captación de auga, que busca minorar os frecuentes problemas de escaseza de auga durante os meses de verán. Esta actuación, que chega a uns días da sesión plenaria de investidura deste sábado 17 de xuño, está financiada pola Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2023, e forma parte do intenso programa de melloras na rede municipal de abastecemento de auga que desenvolveu o Goberno municipal, con Xosé Emilio Barros como alcalde, desde o ano 2019.

En marzo deste ano, malia estar xa no último treito do mandato, o Goberno municipal xa anunciou a súa participación na solicitude conxunta do PERTE de dixitalización do ciclo da auga que liderou a Deputación de Pontevedra. Opta, polo tanto, a uns 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga. Este proxecto foi resultado de traballos previos para analizar a situación, avaliar necesidades e planificar actuacións. Entre os anos 2021 e 2023, ademais, realizouse un plan municipal de abastecemento autónomo, financiado por Augas de Galicia, para que as traídas veciñais tamén puidesen dispoñer de información técnica precisa sobre a situación das infraestruturas de cara a planificar futuras melloras na tradicional rede de abastecemento autónomo, de suma importancia no entorno rural.

Os investimentos na mellora de infraestruturas relacionadas co abastecemento de auga foron constantes durante o último mandato. O Goberno municipal atopouse en 2019 con practicamente a totalidade das captacións e mananciais de auga que abastecen as parroquias de Vilar, Riofrío, Mondariz, Lougares, Toutón e Frades en situación irregular, o cal demostraba o estado de abandono e desleixo político-administrativo durante anos. Procedeu a tramitar a legalización dunha decena de captacións e tamén planificou progresivas melloras substanciais en depósitos de auga como o do muíño de Luís, que abastece boa parte do centro urbano de Mondariz. Entre os anos 2021 e 2022 realizáronse traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros). En 2020, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, tamén se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar. “Deixamos pendente de licitar a renovación do depósito de Riofrío, con cargo ao Plan Concellos 2023”, anuncia Xosé Emilio Barros, alcalde en funcións de Mondariz.

Recorre o río Miño en bicicleta co ‘Minho Wine Experience’

O AECT Rio Minho vai celebrar este sábado e o vindeiro día 24 de xuño o ‘Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho’, unha experiencia que mistura deporte, turismo e enoloxía no territorio miñoto transfronteirizo. O proxecto de enocicloturismo inclúe dúas saídas de 80 quilómetros en bicicleta por concellos galegos e portugueses da raia que rematan con experiencias de degustación en adegas  de viño locais.

Unhas 45 persoas ciclistas percorrerán en bicicleta por estrada cada sábado paisaxes naturais e históricas, pasando por varios concellos do Miño e de Galiza, atravesando as distintas pontes internacionais do Río Miño. Na primeira xornada a saída será dende o Museo da Ciencia e do Viño de Salvaterra, para despois seguir por Monçao, Valença, Tui, As Neves, Arbo, Melgaço, e volver ao Museo de Salvaterra. As paradas serán en Fillaboa e Soalheiro, tendo a ‘experiencia’ enolóxica (un menú degustación harmonizado con viños e a presenza de empresas produtoras portuguesas e galegas) en Salvaterra, da man de viños de Pazo do Pegullal e Soalheiro.

O día 24 de xuño a saída será no Club Ínsua de Moledo (Caminha) . Pasarase por Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, A Guarda e de novo por O Rosal ata volver a Caminha, con paradas en Terras Gauda e o AquaMuseu no Rio Minho. O almorzo ‘vínico’ será no Insua Clube.

A duración de cada unha das rutas será de cinco horas aproximadamente e o programa é de balde, sendo necesaria a inscrición. A intención é que participen no proxecto ciclistas profesionais, figuras públicas que practican ciclismo, xornalistas e persoas con influencia ligados ao ciclismo ou mundo dos viños e calquera persoa que practique ciclismo de estrada. É preciso dispoñer de bicicleta propia.

Os programas do proxecto “Minho Wine Experience – Vive o Rio Minho” teñen o obxectivo de promocionar a comarca e todas as súas potencialidades de turismo activo, sustentable e natureza, ademais de promover a gastronomía e enoloxía transfronteiriza, seguindo o exemplo doutras propostas semellantes en territorios vinícolas de moitos países. Dentro da Península Ibérica destacan as de La Rioja, Catalunya, Andalucía e La Mancha, ademais da Ribeira do Douro en Portugal.

A iniciativa do percorriño e experiencia enociclista polo Río Miño está promovida pola AECT – Rio Minho, no ámbito do proxecto Vive Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A España Portugal.

O Concello de Covelo rehabilita a fonte do Barreiro en Santa Marina

0

O Concello de Covelo, dentro do seu plan de recuperación de fontes públicas, procedeu á rehabilitación da fonte de Barreiro na parroquia de Santa Marina.

O persoal municipal realizou tarefas de limpeza, saneamento do manancial, acondicionamento da pía e recollidas de auga ademais de cambios de tubaxes e colocación dunha billa, entre outros traballos. Tamén se acondicionou o acceso á fonte, o canal de rego e o lavadoiro.

“As fontes públicas non só son un servizo útil e básico tamén forman parte da historia dos nosos barrios por iso ao longo deste último ano procedemos á reparación de tres fontes públicas e proseguiremos para que todas estean en condicións óptimas”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Tomiño alza a voz contra o abuso e o maltrato ás persoas maiores

0

Galicia conta cunha poboación envellecida, co dobre de persoas maiores de 65 anos que de rapaces de menos de 16. Nesta realidade, Tomiño conmemorou o Día Mundial da Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato á vellez para visibilizar unha problemática cada vez máis habitual entre a sociedade.

Representantes de diferentes institucións e asociacións do municipio realizaron unha marcha colectiva dende o Centro de Día de Tomiño ata a Praza do Seixo para rematar coa lectura dun manifesto co que concienciar sobre este problema de saúde pública e de violación de dereitos humanos.

Nesta lectura participaron persoas usuarias do Centro de Día, da Asociación Vontade, de San Xerome Emiliani, do programa de maiores do Concello de Tomiño ‘Reactívate’, da Garda Civil, profesorado do IES Antón Alonso Ríos, representantes dos Servizos Sociais do municipio e a alcaldesa, Sandra González. 

Durante o acto os tomiñeses e tomiñesas levantaron a voz contra un maltrato silenciado e normalizado, xa que se dá en círculos de confianza, de medo a represalias, de illamento social, de falta de conciencia, de dependencia ou de deterioro cognitivo da persoa que o padece. Só no ano 2022 rexistráronse en España máis de 700 casos de abusos a persoas maiores, un maltrato que vai máis alá de golpes ou insultos, xa que o tipo de abusos máis rexistrados foron a neglixencia por abandono, falta de coidados de hixiene ou de alimentación correcta, entre outros.

Nigrán repite o reto para acadar un San Xoán sen lixo

0

“Repitamos o reto, o mar non é un vertedoiro”. Baixo esta premisa, o Concello de Nigrán lanza de novo o desafío #SanXoanSenLixo2023 motivado polo éxito desde a súa estrea no 2019. Nesta ocasión os padriños da iniciativa son o campión mundial de surf, Goni Zubizarreta; o adestrador do F.C.Barcelona feminino, Jonatan Giráldez (os dous son naturais de Nigrán); o showman vigués Tony Lomba e o mariñeiro e influencer Rogelio Santos Queiruga apadriñan este ano a iniciativa.

O obxectivo é que sexa viral outra vez máis e que o areal amenza completamente limpo grazas ao civismo dos participantes. A campaña de concienciación medioambiental foi presentada esta mañá na praia de Panxón coa presencia do alcalde e concelleiros, representantes de entidades culturais, educativas e deportivas, empresas concesionarias como Aqualia e outros particulares. Un ano máis, o Concello fai un chamamente á participación de persoas e colectivos para que suban unha fotografía ou vídeo a cadansúas redes sociais cun cartel que poña #SanXoanSenLixo2023, etiquetando así mesmo a publicación.

“Esta campaña foi pioneira en Galicia cando a estreamos no 2019, repetimos no 2022 despois da pandemia e o éxito foi absoluto, Nigrán é un exemplo ao respecto. Cremos que a xente, especialmente a mocidade, está cada vez máis comprometida co medio ambiente e sabe que isto inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia e non recurrimos á prohibición. A festa non ten que estar reñida con estes principios, Praia América é un tesouro natural e é responsabilidade de todos preservala”, insiste o alcalde, Juan González, quen incide en que este ano a máxima marea alta será ás 7:45, polo que é especialmente importante depositar o lixo nos contedores instalados para evitar que o mar o leve.

O Concello de Nigrán editou tamén cartelería ao respecto na que se incide en 5 premisas básicas: Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus. Igualmente, pedíu a colaboración de Protección Civil para que, coma o ano pasado, difundan esta mensaxe por megafonía.

“Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nos”, subliña.

Festival de Habaneras organizado por ASOMAMOS o vindeiro domingo en Torroso

0

A coral da Asociación de Maiores de Mos, ASOMAMOS, organiza o seu tradicional Festival de Habaneras e Polifonía que este ano chega á súa XII Edición e que terá lugar o vindeiro domingo, 18 de xuño, ás 19.00 horas no Auditorio do Centro Dotacional de Torroso.

Ademais da anfitrioa Coral Polifónica ASOMAMOS, participarán as corais de A Cañiza e Frol Nova de Chapela (Redondela).

A entrada será libre e de balde ata completar o aforamento.

O Concello de Tui recorda á veciñanza a Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos

0

O Concello de Tui lembra que a práctica de xogos nos espazos abertos que impliquen un risco relevante para a seguridade de persoas ou bens e, especialmente, a circulación temeraria con patíns ou monopatíns por beirarrúas ou lugares destinados aos peóns constitúe unha infracción grave da Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos.

O alcalde de Tui en funcións, Enrique Cabaleiro, lembra nun bando a obriga de cumprir con esta ordenanza que ten como finalidade protexer a convivencia cidadá entre todos os veciños e veciñas e todas as persoas que residen na cidade ou a visitan, cada vez en máis número, para gozar dos seus múltiples atractivos históricos, culturais, deportivos e naturais.

No caso de rexistrarse estes xogos ou condución temeraria de patíns ou patinetes os axentes informarán, en primeiro lugar, a estas persoas de que estas prácticas están prohibidas. No caso de que persistan na súa actitude  procederán  a correspondente denuncia e intervirase cautelarmente o xogo, monopatín, patín ou similar.  Estas condutas poden ser sancionadas con multas de 751 € ata 1.500 €. No suposto de accións cometidas por menores de idade, os pais, as nais ou as persoas que resulten legalmente responsables dos mesmos, serán responsables civís dos danos e prexuízos que se deriven das accións dos menores.

No bando da alcaldía indicase que coa Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos preténdese conseguir o maior e o mellor nivel de convivencia, así como a máxima protección dos nosos recursos, bens e servizos de todo tipo establecendo medios para tratar de reducir ao mínimo as condutas e usos pouco respectuosos ou conflitivos que puidesen afectar negativamente a convivencia cidadá.

Tamén se indica que corresponde á administración municipal evitar comportamentos incívicos que se produzan en prexuízo grave da cidadanía cando esta non teña o deber xurídico de soportalo.

Aberta ao tráfico a rúa Picota polo bo avance das obras na súa fase final

0

O Concello de Redondela anuncia o remate das obras de remodelación da rúa Picota dende o viaduto ata a praza da capela de Santa Mariña, incluíndo no seu trazado a praza da Fonte do Mouro e a contorna da antedita capela. As obras contaron cun investimento total de 993.834,47 euros dos que a Deputación de Pontevedra achegou, a través do plan ReacPon, máis de 636.000 €.

Cómpre salientar que a rúa Picota forma parte do Camiño Portugués sendo, actualmente, o único tramo da vila que non se atopa empedrado. A maiores, durante os últimos tempos os vehículos foron a máis na zona reducindo as beirarrúas, ata tal punto, que as persoas que cirulan a pe atopan discontinuidades nas mesmas ao longo do seu trazado.

A intervención tratou de regularizar o trazado da rúa dotándoo dunha nova identidade e relacionando o seu firme cos novos empedrados existentes nas prazas. Ao igual que acontece con este tipo de obras en todas as vilas e cidades, búscase devolver o protagonismo aos peóns fronte aos vehículos facendo das rúas e prazas lugares máis amables e puntos de convivencia cidadá.

Para mellorar a paisaxe urbana, explica a alcaldesa en funcións Digna Rivas, “melloráronse os accesos ás vivendas e as medianeiras vistas, recubríndose con xardiñeiras elevadas aqueles puntos onde asomaban antigas cimentacións de edificios.”.

O proxecto deseñado actuou en tres frontes. Rúa Picota, na que se buscaba integrala completamente no tecido urbano, de xeito que o empedrado  mimetícese co outro xa existente para conseguir un vial de plataforma única.

Praza Fonte do Mouro, na que continúa o empedrado relegándose a praza ao lateral leste conectada a través de ramplas e escaleiras accesibles. Amais, a existencia de socalcos permitiu crear espazos nos que, as actividades, serán determinadas polos usuarios e usuarias e o uso que se lle queira dar.

Contorna da capela de Santa Mariña, na se mantiveron os mesmos materiais que no resto das actuacións creándose, xa na praza unha “alfombra” de empedrado franqueada por dous grandes bancos que acotan o espazo e crean unha especie de adro ca propia capela que, actualmente, está suxeita a un intenso tráfico da N550 da que so está separada por unha xardiñeira.

Trátase, sinala Digna Rivas, “de continuar mellorando as rúas e prazas para convertelos en espazos humanizados, de convivencia veciñal e na que as persoas teñan prioridade sobre os vehículos, como acontece xa hoxe en día en case que todas as vilas e grandes cidades.

A alcaldesa en funcións adiantou que o Concello estuda, nestes momentos, “diversas alternativas para o estacionamento de vehículos dos residentes, de xeito que quede minimizada a supresión de prazas nos lugares da actuación urbanística”. Non se trata de eliminar prazas de estacionamento, asegura Digna Rivas, “senón de compatibilizar a súa situación cunha humanización da contorna que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Nestes momentos está en tramitación o aluguer de terreos próximos á Rúa Picota para ofrecer prazas de estacionamento de balde.

Rosalía de Castro desembarca co seu herbario en Ponteareas

Rosalía de Castro chega a Ponteareas co seu particular herbario. A autora, unha das grandes poetas da paisaxe, protagoniza a exposición ‘Nasín cando as prantas nasen. O herbario de Rosalía’, unha mostra da Deputación de Pontevedra na que se recollen imaxes de plantas e flores moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega.

A mostra estará ata o vindeiro 25 de xuño no vestíbulo do auditorio municipal Reveriano Soutullo, no que o público poderá desfrutar dun herbario literario, non científico, que busca aproximarse ao que podería face a propia Rosalía nos paseos que daba e que inspiraron a súa obra.

A exposición, que xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, consta de cinco seccións con 40 imaxes en total que falan de rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles..

Aberto o prazo de inscrición para os cursos de natación na piscina municipal de Covelo

0

O Concello de Covelo informa que xa está aberto o prazo de inscrición para os cursos de natación na piscina municipal. Como cada ano no mes de agosto o Concello ofrece as clases de iniciación e perfeccionamento da modalidade deportiva de natación tanto para adultos como para nenos.

As clases impartiránse de 12:15 a 14:15 horas, organizadas en quendas de media hora no caso das dirixidas a crianzas, e serán totalmente de balde. As persoas interesadas que desexen ter máis información deberán contactar coas oficiñas do concello de luns a venres de 9 a 14 horas ou visitar a web municipal na seguinte ligazón cursos de natación.

A inscrición tamén se poderá realizar a través da sede electrónica https://covelo.sedelectronica.es/info.0.

O comezo das clases para os adultos será o día 2 de agosto tres días á semana; os luns, mércores e venres ás 12:15 horas.

Para as crianzas nacidas a partir do ano 2018 as clases arrincarán o 1 de agosto ofrecendo dous días semanais para iniciación, martes e xoves e tres días; luns, mércores e venres, para perfeccionamento.

Nigrán instala dúas canastras no torreiro de Priegue

0

O Concello de Nigrán, atendendo á petición da veciñanza, investíu 4.110 € na adquisición de sendas canastras móbiles para o torreiro de Priegue, ademais de pintar esta cancha deportiva, xa que ata o de agora non había canastras. Esta opción de ocio engádese ao investimento realizado no 2018 polo Concello de Nigrán, cando rehabilitou a vella escola do recinto, creou un parque infantil e mellorou a pista multideportes.

“É un orgullo para min despedirme como concelleiro de Deportes con esta iniciativa na miña parroquia e no Torreiro, un lugar ao que estou especialmente ligado e no que traballei sempre desde o goberno para dotalo de máis opcións de ocio e entretemento”, sinala Luís Sanromán, quen exerceu como edil durante os últimos 8 anos e será relevado por Sara Penedo.

O grupo xuvenil da Escola de Teatro de Tomiño levanta o pano para despedir o curso

0

O grupo xuvenil da Escola de Teatro de Tomiño remata o curso levantando o pano. O alumnado de 13 a 18 anos subirase este domingo 18 de xuño ao escenario para interpretar ‘Menuda veciña!’, unha obra coa que os mozos que participan nesta escola municipal demostrará todo o aprendido ao longo destes meses de clases e ensaios. A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.30 horas con entrada de balde.

A través da Escola de Teatro municipal, cativada e mocidade achéganse ao mundo teatral ao tempo que se estimulan as súas capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo ou se melloran os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Ademais, combínase a expresión dramática coa creación, co ensaio e coa posta en escena desta obra final coa que deleitarán ao público este domingo.

O proxecto “Mulleres do téxtil” recolle as vivencias das traballadoras de Regojo

0

O Concello de Redondela colabora coa iniciativa Mulleres do téxtil, de José Manuel González e Roberto Casal Mouriño. O proxecto, presentado o pasado día 12 de marzo no Multiúsos da Xunqueira, continúa desenvolvéndose a través da creación da obra teatral e a emisión en paralelo dunha serie de pódcast na Radio Municipal.

Mulleres do textil recolle as vivencias de todas as mulleres que formaron parte da empresa téxtil Regojo, pilar da economía redondelá dende 1937 a 1978. O proxecto creouse coa participación do grupo de treatro afeccionado de Reboreda e a colaboración dos 4 institutos do municipio (IES Chapela, IES Floriani, IES Mendiño e IES Illa de San Simón). Os organizadores guiaron ao alumnado para recompilar información mantendo xuntanzas cun total de 22 traballadoras de diferentes xeracións para crear esta obra de teatro comunitaria. O grupo de actrices e actores está formado por parte do alumnado dos institutos redondeláns e 11 mulleres e 1 home de idade adulta sen experiencia profesional no mundo do teatro.  A obra estréase no Multiúsos da Xunqueira os días 1 e 2 de xullo ás 20:00 horas e se desenvolverá  alternando escenas corais, drama e comedia.

A alcaldesa en funcións, Digna Rivas, explica que “cando chegou as miñas mans esta iniciativa non dubidei en apoiala, pois pon en valor as mulleres traballadoras de Redondela e sobre todo de aquelas mulleres que traballaron en Regojo e forman parta da historia viva do municipio. Moitas delas comezaron a traballar con 14 anos e teñen vivencias moi importantes para a memoria de Redondela. É importante para este goberno recoñecer o traballo da muller e recuperar os espazos que lles negaron no relato histórico oficial”.

Rivas quere agradecer o traballo deste colectivo e dos 4 institutos do municipio “que uníronse co obxectivo de poñer en valor a historia de Redondela para que a nosa memoria perdure e as mulleres traballadoras de Regojo sexan recoñecidas recuperando os espazos que lles negaron no relato histórico oficial. Unha labor educativa fundamental e imprescindible de cara a unha sociedade máis igualitaria”.

 En paralelo, para contextualizar e dar a coñecer o que foi e a relevancia que tivo Regojo en Redondela, decidiron tamén elaborar unha serie de catro audios en formato pódcast a partir da documentación existente en torno a esta industria e tamén en base as 14 horas de gravacións das que dispoñen desas mulleres que pasaron pola fábrica. Os pódcast estreouse o venres 9 deste mes e continuará os venres 16, 23 e 30 dentro do programa A Estación da Radio Municipal e poderanse escoitar tamén na páxina web www.radioredondela.com.

Na biblioteca municipal de Ponteareas ‘As cousas pequenas contan’

A biblioteca municipal de Ponteareas acolle este venres 16 unha nova actividade coa que fomentar a lectura entre a cativada dun xeito lúdico e atractivo. Ao abeiro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, a partir das 19.00 horas nenos de 5 a 12 anos poderán gozar coa actividade ‘As cousas pequenas contan’, de Julio Varela Aparicio.

Trátase dun obradoiro no que se busca desenvolver a creatividade entre os rapaces e rapazas asistentes, así como introducilos na creación narrativa a través do audiovisual. Durante a actuación, o público sorprenderase cunha bolsa chea de obxectos que Julio Varela precisa para a súa viaxe e explicará a súa afección a crear historias a partir de cada un deles, para o que pedirá a axuda do público asistente.

Cada neno e nena recibirá un obxecto coñecido e habitual nos fogares e deberá darlle personalidade, nome, características físicas… para crear un elenco de personaxes e animais imaxinarios crearán unha historia na que ditos personaxes serán os grandes protagonistas.

Coas actividades do programa ‘Ler Conta Moito’ búscase promover entre o público dende ben cativos e cativas non só o interese pola lectura, senón tamén a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e a expresión artística.

As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse ben a través do correo electrónico [email protected] ou ben chamando ao teléfono 986 660 765.

Baiona “lamenta e condena” una vez máis os actos vandálicos desta fin de semana

0

O Concello de Baiona condena unha vez máis condena os actos vandálicos ocorridos durante a fin de semana no municipio contra o patrimonio moble. Trátase da décima vez no que vai de ano de desperfectos nos baños públicos da praia A Ladeira. Entre os daños atópanse: roubos das cerraduras das portas de entrada,  tapas de urinarios, mecanismos das cisternas, maguitos, grifos, tiradores, roubo do armario da traballadora da limpeza así coma de todos os productos….pintadas nos lavabos,  portas, paredes… e tamén destruccións nas portas interiores.

O Concello lembra que Baiona “é de todos e pide que se coiden e respecten os espazos públicos e privados. Este tipo de incidentes, ademais de provocar estragos e sucidade nas infraestruturas, co seu consecuente custo económico, tamén provocan prexuízos aos baioneses e baionesas, xa que afectan directamente ás vías públicas que todos e todas disfrutamos”, destaca, Carlos Gómez Prado.

O concelleiro considera que este tipo de actos vandálicos non teñen cabida nunha localidade como Baiona.

Os operarios municipais do Concello de Baiona procederon a pechar os baños públicos da praia A Ladeira durante o luns e o martes  para reparar os numerosos desperfectos ocasionados durante a fin de semen. Tamén se realizaron as labores de limpeza pertinentes para por en funcionamiento os lavabos municipais.

Nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos o domingo en Covelo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar nunha nova xornada de  portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 18 de xuño e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece rutas, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía e distintas actividades.

A organización oferta a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada e por en valor o patrimonio cultural e natural, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

A inscrición está aberta ata esgotar as prazas.

O serradoiro dos Carranos

O serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o serradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa e un pequeno almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí. A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación  xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

O Porriño convoca o seu I Concurso de Drag Queen

O vindeiro 28 de xuño o mundo conmemora o Día do Orgullo LGTBIQ+ e O Porriño súmase un ano máis á celebración. Dentro do programa de actos que se fará público nos vindeiros días convócase o I Concurso de Drag Queen do Porriño Orgulloso, que premiará aos tres mellores drags.

Poderán participar neste certame todas as persoas que teñan cumpridos os 18 anos antes da celebración do acto e que se inscriban previamente. As inscricións poderán presentarse de modo presencial no Rexistro Xeral do Concello do Porriño (de luns a venres de 9 a 14 h) ou de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello do Porriño mediante instancia xenérica. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 23 de xuño.

O xurado valorará, á hora de puntuar, a creatividade, orixinalidade, elaboración do vestido e interpretación e a posta en escena e en base a isto, determinará cales son os tres Drags premiados con 500 euros para o primeiro (Drag Queen do Porriño Orgulloso 2023), 300 para segundo clasificado e 200 para o segundo.

As bases poden consultarse xa na seguinte ligazón: https://ecultura.net/dia-do-porrino-orgulloso-concurso-drag-queen-do-porrino-orgulloso-2023/

A Guarda adxudica as obras de mellora da mobilidade da rúa Coruña e camiño escolar do CEIP Sinde

0

O Concello da Guarda continúa coa mellora de viais públicos da localidade. Nesta ocasión adxudicou a primeira fase das obras de mellora da mobilidade na rúa Coruña por unha contía de 316.969 € e o camiño escolar seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde por unha contía de 244.149 €. Estas dúas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O concurso público foi gañado pola empresa coruñesa NAROM S.A.

As actuacións na rúa Coruña están destinadas á renovación das redes de abastecemento e saneamento, proxectando unha nova rede separativa. Tamén se renovarán as canalizacións de alumeado público e instalaranse novos puntos de luz. Realizarase a optimización da sección do vial para mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns. A nova rúa terá unhas beirarrúas máis anchas conformando un espazo máis amable para as persoas, tamén se eliminarán as barreiras arquitectónicas dándolle continuidade aos tránsitos peonís. Levará elementos vexetais en todo o seu percorrido, xardineiras na zona onde hai edificacións e árbores na zona onde non hai edificacións.

O camiño escolar seguro pretende favorecer unha inversión de xerarquías no uso do espazo público na que o peón sexa o centro de toda acción quedando os vehículos subordinados a un uso racional e limitado. Para conseguir este fin é necesario facer modificacións físicas nos camiños de transito que conducen a escola. Hai que aumentar as condicións de seguridade e accesibilidade universal. Estas modificacións físicas teñen que ter un complemento con medidas a nivel social para que o camiño escolar cumpra o seu fin.

As actuacións do camiño escolar realizaranse nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique María Sexto, Circunvalación, rúa Ourense e rúa Tui. Entre outros realizaranse traballos para dar preferencia a itinerarios peonís, instalación de xardineiras e varandas, instalación de semáforos, pintados horizontais e murais, instalación de bancos, etc.

Dadas as características das obras a do camiño escolar deberá executarse durante o verán para que estea lista ao comezo do curso e a da rúa Coruña, que entraña dificultades de desvío de tráfico para a zona da Cruzada, debería executarse rematado o verán.

Baiona presenta o libro “O Enxeño Engaiolado”

0

O Concello de Baiona e a Biblioteca Municipal festexan a Semana Internacional dos Museos coa presentación do libro de relatos das tres últimas edicións do certame.

Os actos celebraranse hoxe 15 de xuño ás 17.30 h da tarde no Salón de Plenos do Concello de Baiona. O libro recopila os relatos gañadores dos Certames de Relato Curto e Conto Infantil “O enxeño engaiolado” nas súas tres primeiras edicións 2020-2022.

O certame naceu como unha iniciativa realizada polo Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Municipal de Baiona a través de Concellería de Cultura para incentivar, desde o confinamento, a creatividade literaria e celebrar o Día do Libro 2020 que, a causa da crise sanitaria da Covid-19, suspendera todas as actividades habituais previstas.

A presentación do libro do Certame “O enxeño engaiolado” enmárcase entre os eventos previstos na Semana Internacional dos Museos. Os premiados que asistirán ao acto de entrega son María Alonso Velasco, Julio Villarino Espino, Brais Costas Fragueiro, Inés Rey Torres, Ignacio Carreras Ojea, Fátima Míguez Lorenzo, Juan Ferrándiz Avendaño e Soledad García Riveiro.

A entrada ao evento é libre. O libro “O enxeño engaiolado”, publicado polo Concello de Baiona e deseñado polo grupo de fusión de arte Solaina Valmiñor conta cunha exquisita maquetación e unha sorpresa para os premiados.

Xornada de portas abertas para coñecer o Club Natación Mos

0

O Club Natación Mos inicia xornadas de portas abertas, completamente gratuítas, para nenos, de entre 6 e 12 anos de idade, que queiran coñecer como é o funcionamento do C.N. Mos, facendo unha inmersión na dinámica do Club.

O requisito para poder participar é que os interesados teñan nocións previas de natación, sendo un requisito indispensable o de ser capaces de completar os 25 metros da piscina de forma autónoma, sen a axuda de ningún elemento de flotación.

Aqueles que estean interesados en acudir a coñecer o CN Mos deberán poñerse en contacto previamente co club mediante o correo electrónico: [email protected].

Tui ten menos de mil persoas en paro por primeira vez en quince anos

0

Por primeira vez en quince anos, o número de persoas desempregadas en Tui descendeu por baixo da barreira das 1000, segundo os datos correspondentes ao mes de maio de 2023. En concreto o paro situouse nas 989 persoas o mes pasado, diminuíndo en 98 persoas con respecto a abril. Esta notable redución no desemprego reflicte os esforzos continuos do Concello de Tui para mellorar a empregabilidade dos seus habitantes.

Durante o últimos catro anos, o Concello de Tui ten implementado unha serie de accións orientadas a fomentar a empregabilidade. Leváronse a cabo, en colaboración coa administración autonómica e estatal, cursos de formación nos que as persoas participantes obtiveron o certificado de profesionalidade, así como obradoiros de emprego e dous programas integrados de emprego. Estas iniciativas proporcionaron ao alumnado as habilidades necesarias para competir no mercado laboral actual, ampliando así as súas oportunidades de emprego.

Un dos alicerces fundamentais na loita contra o desemprego en Tui foi o Servizo Municipal de Orientación. Este servizo non só brinda asesoramento e apoio aos desempregados, senón que tamén establece contactos coas empresas locais, levando a cabo intermediación laboral, e adaptando a oferta formativa ás necesidades do tecido empresarial da zona. Grazas a este labor proactivo, logrouse un mellor axuste entre a demanda e a oferta de emprego, favorecendo a inserción laboral dos cidadáns de Tui.

A concelleira de Formación e Emprego en funcións, Ana Núñez, expresa a súa gratitude e recoñecemento a todos os actores involucrados neste logro. Destaca a dedicación e o compromiso das persoas que teñen participado nas distintas accións formativas, así como a colaboración das empresas locais e o apoio do Servizo de Orientación. Este fito, indica a edil, é “un exemplo claro de como o traballo conxunto pode ter un impacto positivo e duradeiro na vida das persoas”. Salienta a importancia dese traballo conxunto así coma da necesaria colaboración público-privada para acadar estes resultados. Tamén dende o concello de Tui quérese amosar o agradecemento as administración que tiveron tamén un papel importante nas actividades formativas impartidas coma a Xunta de Galicia, a Deputación ou o goberno do Estado.

O Concello de Tui continuará traballando para manter e mellorar estes resultados na loita contra o desemprego. Así continuará a promover accións que impulsen a formación, a empregabilidade e o crecemento económico.