Concello e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, que este ano recupera as súas datas habituais. O vindeiro mes de xullo a Praza do Calvario converterase un ano máis no escenario central de tres días nos que se programarán multitude de actividades culturais, gastronómicas e de lecer abertas a toda a veciñanza e visitantes.
A cita será os días 14, 15 e 16 de xullo, nos que a feira levará de novo ao centro urbano rosaleiro unha morea de actividades coas que facer gozar ao público e dar pulo ao dinamismo comercial que cada ano este evento xera na contorna.
“Recuperamos a esencia e as datas desta festa de interese turístico coa que cada ano promovemos o noso patrimonio enolóxico e amosamos ás persoas que nos visitan todo o que O Rosal pode ofrecer”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora anima a toda a veciñanza e visitantes a participar na que será a XXXI edición da Feira do Viño do Rosal e desfrutar dunha experiencia inesquecible.