Galicia conta cunha poboación envellecida, co dobre de persoas maiores de 65 anos que de rapaces de menos de 16. Nesta realidade, Tomiño conmemorou o Día Mundial da Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato á vellez para visibilizar unha problemática cada vez máis habitual entre a sociedade.
Representantes de diferentes institucións e asociacións do municipio realizaron unha marcha colectiva dende o Centro de Día de Tomiño ata a Praza do Seixo para rematar coa lectura dun manifesto co que concienciar sobre este problema de saúde pública e de violación de dereitos humanos.
Nesta lectura participaron persoas usuarias do Centro de Día, da Asociación Vontade, de San Xerome Emiliani, do programa de maiores do Concello de Tomiño ‘Reactívate’, da Garda Civil, profesorado do IES Antón Alonso Ríos, representantes dos Servizos Sociais do municipio e a alcaldesa, Sandra González.
Durante o acto os tomiñeses e tomiñesas levantaron a voz contra un maltrato silenciado e normalizado, xa que se dá en círculos de confianza, de medo a represalias, de illamento social, de falta de conciencia, de dependencia ou de deterioro cognitivo da persoa que o padece. Só no ano 2022 rexistráronse en España máis de 700 casos de abusos a persoas maiores, un maltrato que vai máis alá de golpes ou insultos, xa que o tipo de abusos máis rexistrados foron a neglixencia por abandono, falta de coidados de hixiene ou de alimentación correcta, entre outros.