Esta semana, veciños da parroquia de Lougares puideron sentir os ruídos dunha escavadora no barrio do Couto. Baixo a atenta mirada do concelleiro de Mobilidade e Urbanismo, Leopoldo Tato, os operarios avanzaron na apertura dunha nova e necesaria captación de auga, que busca minorar os frecuentes problemas de escaseza de auga durante os meses de verán. Esta actuación, que chega a uns días da sesión plenaria de investidura deste sábado 17 de xuño, está financiada pola Deputación de Pontevedra, a cargo do Plan Concellos 2023, e forma parte do intenso programa de melloras na rede municipal de abastecemento de auga que desenvolveu o Goberno municipal, con Xosé Emilio Barros como alcalde, desde o ano 2019.
En marzo deste ano, malia estar xa no último treito do mandato, o Goberno municipal xa anunciou a súa participación na solicitude conxunta do PERTE de dixitalización do ciclo da auga que liderou a Deputación de Pontevedra. Opta, polo tanto, a uns 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga. Este proxecto foi resultado de traballos previos para analizar a situación, avaliar necesidades e planificar actuacións. Entre os anos 2021 e 2023, ademais, realizouse un plan municipal de abastecemento autónomo, financiado por Augas de Galicia, para que as traídas veciñais tamén puidesen dispoñer de información técnica precisa sobre a situación das infraestruturas de cara a planificar futuras melloras na tradicional rede de abastecemento autónomo, de suma importancia no entorno rural.
Os investimentos na mellora de infraestruturas relacionadas co abastecemento de auga foron constantes durante o último mandato. O Goberno municipal atopouse en 2019 con practicamente a totalidade das captacións e mananciais de auga que abastecen as parroquias de Vilar, Riofrío, Mondariz, Lougares, Toutón e Frades en situación irregular, o cal demostraba o estado de abandono e desleixo político-administrativo durante anos. Procedeu a tramitar a legalización dunha decena de captacións e tamén planificou progresivas melloras substanciais en depósitos de auga como o do muíño de Luís, que abastece boa parte do centro urbano de Mondariz. Entre os anos 2021 e 2022 realizáronse traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros). En 2020, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, tamén se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar. “Deixamos pendente de licitar a renovación do depósito de Riofrío, con cargo ao Plan Concellos 2023”, anuncia Xosé Emilio Barros, alcalde en funcións de Mondariz.