O Concello de Baiona e a Biblioteca Municipal festexan a Semana Internacional dos Museos coa presentación do libro de relatos das tres últimas edicións do certame.
Os actos celebraranse hoxe 15 de xuño ás 17.30 h da tarde no Salón de Plenos do Concello de Baiona. O libro recopila os relatos gañadores dos Certames de Relato Curto e Conto Infantil “O enxeño engaiolado” nas súas tres primeiras edicións 2020-2022.
O certame naceu como unha iniciativa realizada polo Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Municipal de Baiona a través de Concellería de Cultura para incentivar, desde o confinamento, a creatividade literaria e celebrar o Día do Libro 2020 que, a causa da crise sanitaria da Covid-19, suspendera todas as actividades habituais previstas.
A presentación do libro do Certame “O enxeño engaiolado” enmárcase entre os eventos previstos na Semana Internacional dos Museos. Os premiados que asistirán ao acto de entrega son María Alonso Velasco, Julio Villarino Espino, Brais Costas Fragueiro, Inés Rey Torres, Ignacio Carreras Ojea, Fátima Míguez Lorenzo, Juan Ferrándiz Avendaño e Soledad García Riveiro.
A entrada ao evento é libre. O libro “O enxeño engaiolado”, publicado polo Concello de Baiona e deseñado polo grupo de fusión de arte Solaina Valmiñor conta cunha exquisita maquetación e unha sorpresa para os premiados.