18.8 C
Pontevedra
Martes, 8 de Outubro de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán repite o reto para acadar un San Xoán sen lixo

    Nigrán repite o reto para acadar un San Xoán sen lixo

    “Repitamos o reto, o mar non é un vertedoiro”. Baixo esta premisa, o Concello de Nigrán lanza de novo o desafío #SanXoanSenLixo2023 motivado polo éxito desde a súa estrea no 2019. Nesta ocasión os padriños da iniciativa son o campión mundial de surf, Goni Zubizarreta; o adestrador do F.C.Barcelona feminino, Jonatan Giráldez (os dous son naturais de Nigrán); o showman vigués Tony Lomba e o mariñeiro e influencer Rogelio Santos Queiruga apadriñan este ano a iniciativa.

    O obxectivo é que sexa viral outra vez máis e que o areal amenza completamente limpo grazas ao civismo dos participantes. A campaña de concienciación medioambiental foi presentada esta mañá na praia de Panxón coa presencia do alcalde e concelleiros, representantes de entidades culturais, educativas e deportivas, empresas concesionarias como Aqualia e outros particulares. Un ano máis, o Concello fai un chamamente á participación de persoas e colectivos para que suban unha fotografía ou vídeo a cadansúas redes sociais cun cartel que poña #SanXoanSenLixo2023, etiquetando así mesmo a publicación.

    “Esta campaña foi pioneira en Galicia cando a estreamos no 2019, repetimos no 2022 despois da pandemia e o éxito foi absoluto, Nigrán é un exemplo ao respecto. Cremos que a xente, especialmente a mocidade, está cada vez máis comprometida co medio ambiente e sabe que isto inclúe tamén aos océanos, en Nigrán apelamos a esa conciencia e non recurrimos á prohibición. A festa non ten que estar reñida con estes principios, Praia América é un tesouro natural e é responsabilidade de todos preservala”, insiste o alcalde, Juan González, quen incide en que este ano a máxima marea alta será ás 7:45, polo que é especialmente importante depositar o lixo nos contedores instalados para evitar que o mar o leve.

    O Concello de Nigrán editou tamén cartelería ao respecto na que se incide en 5 premisas básicas: Non deixes lixo. Recicla. Respecta a protección do sistema dunar. Evita facer buratos, teñen impacto negativo no ecosistema. Recorda que as cabichas contaminan. Súmate a esta campaña medioambiental difundíndoa e concienciando aos teus. Igualmente, pedíu a colaboración de Protección Civil para que, coma o ano pasado, difundan esta mensaxe por megafonía.

    “Os servizos de limpeza do Concello van acudir coma sempre, pero do que se trata é de que os participantes tomen conciencia, non debemos esperar a que ninguén recolla o lixo por nos”, subliña.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.