Domingo, 8 Xuño de 2025

‘Galegas dixitais’ forma a 25 mulleres en Tomiño

0

Grande éxito de acollida en Tomiño do curso ‘Galegas Dixitais’. Un total de 25 tomiñesas participan neste programa de formación gratuíto que ten por obxectivo a dixitalización das mulleres na procura de emprego e que este mércores arrancaba co acto de presentación no salón de plenos do Concello.

A alcaldesa, Sandra González, quixo dar a benvida a todas as participantes e animalas a “aproveitar esta oportunidade formativa que favorece a empregabilidade e pode axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento do noso rural, ademais de permitirnos seguir traballando para reducir a fenda de xénero”.

Do 4 de outubro ao 16 de novembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, as alumnas inscritas participarán nunha formación de 120 horas sobre competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento con sesións impartidas por Beproject Consultores e Ara Formación na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián.

Coa clausura do curso, as mulleres participantes recibirán un diploma acreditativo de todo o aprendido durante a formación e un ordenador portátil como material para axudalas a seguir avanzando nas súas competencias dixitais.

Tras o grande interese que o curso suscitou entre a veciñanza, o Concello estuda realizar outra formación do programa ‘Galegas Dixitais’ a comezos do vindeiro ano.

Actividades para todas a idades en ‘Outubro mes da Biblioteca’

0

Ao longo do mes de outubro celebrarase en Tui un amplo programa baixo o título de “Outubro mes da biblioteca”. Está organizado pola Biblioteca Municipal tudense co obxectivo de achegar á lectura á sociedade tudense con actividades tanto para público infantil coma adultos, e exposicións.

A primeira proposta chegará o próximo martes, 3 de outubro, ás 17.30 h con La Compañía Espectacular o contacontos con música en vivo “Os nunkis e obradoiro creativo” dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos.  Nesta mesma xornada ás 19.30 h inaugurarase na Sala Municipal a exposición fotográfica “Cuentos, relatos y narraciones” de Manuel Martínez Tobaruela.

O martes 10, ás 17.30 h, realizarase un obradoiro de robótica educativa no que nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán deseñar e programación diferentes robots con material e Lego Educación.

O sábado 14, ás 12.30 h na Sala Félix Rodríguez presentarase o libro “Ribadelouro: terra e auga é vida” de Manuel Vázquez de la Cruz, nun acto no que amais do autor participarán María Teresa Vázquez de la Cruz e Marga do Val.

Unha mesa redonda analizará o luns 16 ás 20 h a vida e obra de escritora tudense María Tydeska coincidindo coa conmemoración do Día das Escritoras.

A nenos e nenas de 3 a 6 anos vai dirixido o espectáculo “CantaContos Kairos” que Tania Justo presentará o martes 17 ás 17.30 h.  E por último pechando este programa o martes 24, Día da Biblioteca, ás 17.30  h Charo Pita presenta “Porco, porquiño, ensíname o Camiño” no que bebés de 0 a 3 gozarán con contos, brincadeiras, rimas e cancións.

Este ano o lema do Día da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro, é “Tecendo Comunidades”. Co mesmo preténdese destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. O cartel conmemorativo a nivel nacional foi realizado pola ilustradora Nuria Riaza. Como sinala a convocatoria deste “Día das Bibliotecas”, unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as bibliotecas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, destaca que esta programación pretende achegar ao centro bibliotecario tudense á sociedade proporcionando a través das actividades programadas ferramentas para o crecemento, tanto individual como social, mediante a transmisión dos valores que agocha a lectura. Este mesmo impulso está presente no funcionamento do Club de Lectura da propia Biblioteca que reúne a 20 persoas interesadas no intercambio de ideas, de experiencias suscitadas pola lectura dunha obra. Cada lectura, cada conversación, achega o seu fío único a este “Tecendo comunidades” que celebramos neste ano 2023.

Programa ‘Outubro mes da Biblioteca’

Martes 3 ás 17.30  h

“Os nunkis e obradoiro creativo” por La Compañía Espectacular

Contacontos para nenos e nenas de 6 a 12 anos acompañado de música en vivo. O protagonista é un neno, amigo dos Nunkis. Un neno que cre na maxia e no seu poder persoal.

Martes 3 ás 19.30 h

Inauguración da exposición “Cuentos, relatos y narraciones” fotografías de Manuel Martínez Tobaruela (ata 28 de outubro)

Sala Municipal de Exposicións – Edificio “Francisco Sánchez”

Martes 10 ás 17.30 h

“Obradoiro de robótica educativa. Creatividade inspiradora” por A Nube de Artear

Obradoiro de robótica educativa no que os participantes desenvolverán a súa creatividade deseñando, programando e dando vida a diferentes robots co material de lego educación. Actividade que busca fomentar a aprendizaxe mediante o xogo mentres constrúen os seus modelos con pezas, motores e sensores.

Indicado para idade de 6 a 12 anos – compre inscrición en [email protected]

Sábado 12 ás 12.30 h

Presentación do libro de Manuel Vázquez de la Cruz: “Ribadelouro: terra e auga é vida”

Sala Félix Rodríguez González (Edificio “Francisco Sánchez”).

Coa participación de María Teresa Vázquez de la Cruz, Marga do Val e o propio autor.

Luns 16 ás 20.00 h.

Día Das Escritoras: María Tydeska

Edificio “Francisco Sánchez”

A celebración desta xornada estará centrada na escritora tudense “María Tydeska” (María Gloria Pereira) cunha interesante obra poética tanto en galego como en español. Unha mesa redonda analizará a vida e obra desta descoñecida escritora tudense.

Martes 17 ás 17.30 h

“CantaContos Kairos” con Tania Justo

Contos Cantados de Tania, que inmiscuirá ós máis pequenos nas diferentes historias e melodías, buscando a participación de nenos e nenas entre 3 a 6 anos.

Martes 24 ás 17.30 h “Día da biblioteca”

“Porco porquiño, ensíname o camiño” por Charo Pita

Contos, brincadeiras, rimas e cancións porcas, porquísimas para pasalo en grande cos máis peques da familia. Indicado para bebés de 0 a 3 anos

Décimo aniversario da proba 15K do Atlántico

0

O Monte Santa Tegra, segundo lugar máis visitado de Galicia, tras a Catedral de Santiago, era este mediodía o escenario da presentación da 15K do Atlántico Banco Mediolanum.

Tanto o día, como as espectaculares vistas, convidaban a prepararse para a carreira que se vai a celebrar este domingo 1 de outubro.

Abría o acto o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, que se estreaba na proba como recentemente elixido rexedor da vila mariñeira, dando “a benvida ao Monte Santa Tegra, este lugar idílico de Galicia, no que o Océano Atlántico, acariña as nosas augas ”. Estamos, dicía, “sumamente implicados neste evento que cumpre 10 anos, e que superará os 1.000 participantes”.

Tras el, o director da carreira, Serafín Martínez, da empresa NOKO 360, explicaba todas as novidades desta edición que chega xa á decena. Así, empezaba falando, do “aumento de participación, case un 30 % máis, alcanzando os mil, entre as dúas distancias e a andaina”. “Estamos a envorcarnos aínda máis por cumprir os 10 anos”, e mostrábase “supersatisfecho da acollida por parte dos atletas da carreira curta, de 7,5 km, demandada xa outros anos, aínda que non estou seguro que poida volver a habela nun futuro”.

A camiseta conmemorativa, “está a ser un éxito”, tendo que ampliar os pedidos debido “á gran demanda”.
Refiréndose ao padriño da proba, Álvaro Piñeiro, aseguraba que “temos a honra de contar cunha persoa moi especial para min como é Álvaro”. Lembremos que o ponteareán fora o seu director no club ciclista Xacobeo Galicia.

Para finalizar, convidaba a “todos os novos membros das corporacións dos Concellos do Rosal, e A Guarda a coñecer a carreira desde dentro, que vexan o ambiente que hai ese día, porque é un evento que temos que coidar, tentando cada ano, gañar, xa non en cantidade, senón sobre todo en calidade”.

A carreira como sempre terá a súa saída en Oia, e iso mencionaba a súa alcaldesa, Cristina Correa, que lembraba “o escenario único, como é o Monasteiro de Oia, con esa igrexa recentemente rehabilitada”, facendo unha ano máis, “unha aposta por Serafín, porque todos os anos ten un gran éxito”. En Oia, “segue crecendo a afección de runners, pero tamén doutro tipo de deportes”.

Outro dos que se estreaba no cargo era o concelleiro de deportes do Rosal, Jose Carlos Martínez Crespo, que se “comprometía a participar, polo menos na andaina”, ademais, engadía “dáse a circunstancia de que son rosaleiro, a miña casa materna está en Oia e eu traballo na Guarda”.

Se a 15K do Atlántico pode chegar á súa décima edición é, en gran medida, pola aposta do seu patrocinador privado, o Banco Mediolanum, representado por Ángeles Franco, Family Bancker, que lembraba o nacemento desta 15K “ tras unha carreira en Vigo, díxenlle a Sera que tiñamos que facer algo así na nosa zona porque el é do Rosal e eu da Guarda”.
Facía mención Ángeles, do carácter solidario da 15K a través do programa Mediolanum Aproxima, “ coñecemos Ong e o que fan, estando nesta ocasión dirixida á Asociación Española contra o Cancro”; “é un reto persoal, no que queremos recadar fondos para un proxecto dirixido a nenos en fase avanzada ou terminal cun diagnóstico de cancro”. En Mediolanum compramos camisetas da proba para regalar a doantes, 1 € de cada un dos participates da andaina doarase, tentando chegar aos 5.000 € de recadación, que van ser dobrados con outros 5.000 por parte do Banco Mediolanum”.

Finalmente, convidaba a todos a entrar en “O meu gran de Aréa 15K”, e realizar unha achega tan necesaria.

María Gómez, responsable de sustentabilidade en Vigo da Asociación Española contra o Cancro, afirmaba que “ grazas a iniciativaos como as do Banco Mediolanum, podemos seguir axudando a familias do Baixo Miño, e de toda a provincia, cos nosos servizos gratuítos, así como seguir investindo en investigación”
“O obxectivo a nivel nacional, é o de conseguir no 2030 un 70% de supervivencia. Estamos agora nun 50%. Lembraba que no primeiro semestre de 2023 levaban “ máis de 300 intervencións no Baixo Miño, polo que estamos moi contentas e comprometidas”.

Pechaba a xornada, o flamante padriño desta 10ª edición, o exciclista Álvaro Piñeiro, noutra época director deportivo de Sarafín Martínez, co desaparecido Xacobeo Galicia. Dicía o pontareano que lle “facía moita ilusión a chamada porque normalmente teño moitas invitacións, pero a eventos ciclistas, non a carreiras a pié”. Afirmaba ser “ bo coñecedor da zona “xa que paso moitas veces en bicicleta por este camiño da costa que ten cada vez máis xente”.
“Farei a andaiana, xa a que a miña idade non estou para correr”, finalizaba o Campión da Volta ciclista a España nos 80.

Antes das fotos de familia finais, as representantes do Banco Mediolanum fixeron entrega dun agasallo ao propio Álvaro Piñeiro en agradecemento á súa participación.
Lembramos que as inscricións finalizarán ás 23.59 horas de mañá miérrcores, podendo anotarse ata ese momento en https://www.deporticket.com/web-evento/8730-15k-do-atlantico-banco-mediolanum.

O Concello de Redondela pon en marcha as Aulas Municipais de Teatro

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Cultura, organiza para o curso 2023/24 as Aulas Municipais de Teatro, unha actividade dirixida ao público a partires dos 13 anos de idade. A concelleira responsable desta área, Rita Pérez, explica que se establecerán dous grupos “un para adolescentes de 13 a 16 anos de idade, e outro para mozos e adultos de 17 anos en diante”.

As clases comezarán o próximo mes de outubro. As persoas interesadas deberán formalizar a súa solicitude, o prazo está aberto até o 3 de outubro na Casa do Concello de Redondela. As clases serán no Miultiusos da Xunqueira os mércores ás 17:00 a 18:30 horas para adultos e de 19.00 a 20.30 horas para adolescentes.

Os participantes poderán gozarán co teatro, divertiranse e, sobre todo, aprenderán as técnicas desta modalidade artística, co obxectivo de preparar algunha representación sobre as táboas ao longo do ano. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas , anima a toda a veciñanza que teña interese ou curiosidade polo mundo do teatro a se inscribiren nas Aulas Municipais “xa que ademais de formar aos nosos mozos e adultos nas artes escénicas tamén mellorarán as súas habilidades sociais, a comunicación e aumentarán os niveis de empatía”.

A participación nesta actividade ten un custo de 79,50 euros para todo o curso, desde outubro de 2023 ata maio de 2024. O obxectivo do Concello é “ofrecer unha actividade cultural de calidade que sea accesible para toda a veciñanza, xa que o prezo non chega aos 10 euros mensuais”, sinala a concelleira Pérez Táboas.

Na ficha de inscrición os interesados deberán seleccionar o grupo de participación. As prazas asignaranse por rigorosa orde de inscrición, e se o grupo se completa o resto solicitantes pasarán a a quedar nunha listaxe de reserva.

O Plan de Igualdade de Covelo axudará a 6 mulleres a obter o carné B, C e CAP

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Covelo, que dirixe María José Valiñas, en colaboración coa concellería de Emprego e Formación, que dirixe Lourdes Enes, reiteran a súa aposta de apoio á inserción laboral das mulleres e informan que está aberto o prazo para preinscribirse no curso para a obtención dos carnés de conducir B, C e CAP.

No marco do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Covelo ofertarase por primeira vez esta formación que abre o prazo para inscribirse ata o día 2 de outubro e do que se poderán beneficiar as mulleres maiores de 29 anos empadroadas e que residan no Concello de Covelo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023  no concello. “O obxecto deste proxecto é favorecer a inserción e a conciliación da vida persoal e familiar, a través da obtención do carné de conducir, clase B, Clase C máis CAP para mulleres empadroadas en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades”, explica M.ª José Valiñas.

Logo de ter realizado un estudo comparativo entre mulleres e homes no municipio, o Concello de Covelo pon en marcha distintas actuacións co fin de paliar as desigualdades existentes  e conseguir unha maior igualdade entre os sexos. Unha das accións é o curso do carné B, C e CAP que abrirá unha nova vía laboral ás mulleres, fomentará a súa emancipación e liberdade de movementos e a posibilidade de mellorar o seu curriculum.

O Concello de Covelo investirá 6.567€ nesta formación dirixida a 6 mulleres con 4 cursos de carné de conducir B e 2 cursos de carné de conducir C + CAP. “Esta iniciativa ao igual que o resto das accións recollidas no Plan de Igualdade perseguen un cambio de valores, fomentar  a eliminación dos roles e estereotipos sexistas e promover o principio de igualdade de oportunidades na formación, o emprego e na conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes do Concello de Covelo”, explica a concelleira María José Valiñas.

Para reducir os desprazamentos a parte teórica do carné B impartirase en Covelo. A concelleira adianta que na páxina web do Concello poderase obter toda a información así como nas oficinas municipais.

Pola súa banda, o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, anima a toda a cidadanía seguir formándose, “calquera idade é boa para seguir aprendendo, dende o Concello intentamos ofrecer unha formación continua a través dos convenios coa Universidade de Vigo e con distintas administracións públicas para beneficiar a nosa veciñanza de cursos cos que manterse actualizados e, sobre todo, manterse activos”.

Impartir unha formación especializada ás mulleres desempregadas da localidade, especialmente a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade social e que supoña facilitar o seu acceso ao mercado laboral son as premisas deste curso que se desenvolve en colaboración con outras administracións públicas como a Deputación de Pontevedra que o cofinancia.

O programa “Galegas Dixitais” regresa a Mos

0

A concelleira de Emprego e Participación Cidadá, Julia Loureiro, informa da posta en marcha de dúas accións formativas na Axencia de Colocación do Concello de Mos enmarcadas no  programa “Galegas Dixitais”. Este programa vai dirixido a mulleres preferentemente desempregadas ou que estean en situación de demanda de mellora de emprego.

Ademais do título oficial, as participantes conseguirán un computador portátil CHROMEBOOK gratuíto, para poñer en práctica todo o aprendido. Os cursos están financiados pola Unión Europea a través do Ministerio de Traballo e promovidos pola Xunta de Galicia a través da Oficina Emprego Galicia.

Os obxectivos que se pretenden alcanzar coa impartición destas formacións pasan pola mellora das capacidades dixitais de mulleres residentes en zonas rurais, o incremento do seu nivel de empregabilidade, o impulso do emprendemento e o desenvolvemento rural e por último a redución da brecha de xénero. No mes,  de outubro están previstos 2 cursos de 135 horas cada un, nos cales se impartirán os seguintes módulos:

  • Competencias dixitais básicas
  • Competencias dixitais avanzadas
  • Iniciación en competencias dixitais básicas para o emprendemento

Datos dos cursos ( ambos teñen as mesmas datas) :

  • Inicio: 16/10/2023
  • Finalización: 27/11/2023
  • Horario de mañá: 09:00 a 14:00 horas
  • Horario de tarde: 16:00 a 21:00 horas

As interesadas en participar poden inscribirse previamente de varios xeitos:

O vindeiro día 10 de outubro, ás 12:00 horas, celebrarase unha reunión informativa  á que poden acudir todas as persoas interesadas na acción formativa ou que teñan algunha dúbida sobre a mesma.

O Concello de Baiona executa traballos de mellora no Edificio da Escola Municipal de Música

0

O Concello de Baiona levou a cabo obras de mellora no edificio da Escola Municipal de Música, situado en cálea  Alférez Barreiro, 21. 

Os traballos coordinados pola Concellería de Cultura en colaboración coa Medio Ambiente, Vías e Obras e Tecnoloxías, execútanse co obxectivo de mellorar a imaxe e as prestacións do inmoble de fronte ao comezo do próximo curso 2023-2024.

As actuacións supoñen unha serie de melloras entre as que se abarca a mellora a conectividade dotando ao ao edificio da wifi de alta velocidade e capacidade. O centro non estaba preparado para a alta densidade de tráfico e concentración de usuarios. O despregamento da rede wifi de alta velocidade e capacidade realizouse polo persoal municipal da concellería de tecnoloxías.  O sistema ofrece acceso inalámbrico fiable e de alta calidade nunha contorna de alta densidade e demanda sobre a rede, o que permitirá aumentar exponencialmente o rendemento a rede, ofrecen wifi de alta velocidade a un maior número de usuarios.

Tamén se dotou á escola musical de novos equipos informáticos para as aulas de linguaxe musical e materias colectivas co fin de ampliar e mellorar o uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) no centro.

O novo material, que se incorpora ás instalacións con fondos propios do Concello de Baiona, constitúe tres equipos informáticos  xeración que serán utilizados nas aulas de linguaxe musical e de clases colectivas do centro coas que se poderán mellorar o uso dos recursos TIC, unha vella demanda realizada desde hai tempo polo profesorado municipal que imparte clases para actualizar e favorecer a aprendizaxe da linguaxe musical e dinamizar as clases. Así este novo curso 2023-2024 a Escola Municipal de Música dará un salto de calidade na impartición da Linguaxe Musical a través dun método no que se combinan o mellor do sistema tradicional coa introdución das novas tecnoloxías, que ten unha gran aceptación entre o alumnado e uns excelentes resultados no campo pedagóxico. Así mesmo, investiuse na compra de tres televisores de sesenta polgadas cun soporte movible para que poidan ser utilizadas nas distintas aulas.

Ademais, procedeuse á retirada dunhas placas de pladur nunha das aulas adaptando o espazo á superficie e forma, o que axudou a optimizar o espazo ampliando a sala.

Tamén se realizou a limpeza e arranxos no xardín da entrada do edificio. Dotouse ao espazo axardinado dunha nova rega automática, procedeuse ao cambio da malla antihierba e renovouse toda a ornamentación e as plantas da zona axardinada.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, sinala que “se tratan de vellas demandas realizadas desde hai tempo tanto polo profesorado municipal que imparte clases como polo alumnado. Con todas estas melloras a Escola Municipal de Baiona adáptase ás novas tecnoloxías e actualízase para  favorecer a aprendizaxe da linguaxe musical e dinamizar as clases, producíndose así un importante salto cualitativo na aprendizaxe do alumnado así como nas instalacións municipais”.

O auditorio de Mondariz énchese de teatro coa obra Loló e Mamá

0

O sábado 30 de setembro hai unha cita coa obra de teatro Loló e Mamá de De Ste Xeito Producións no Auditorio Municipal de Mondariz. A obra terá lugar este sábado no auditorio da vila e dará comezo ás 21:00 horas. A entrada será de balde ata completar aforo.

Loló e Mamá é a primeira produción de De Ste Xeito Producións. Esta peza conta como protagonistas Stephanie Llaryora, no papel de Loló, e María Josefa Barreiro como nai. Tanto a dirección como a dramaturxia desta peza é de Esther F. Carrodeguas.

«Loló e Mamá» é unha danza teatral que grazas a un humor fino e ácido consegue facernos ver que as cousas case nunca son o que parecen. As relacións familiares case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e sobre todo, que o amor é unha ferramenta de dobre fío: canto máis se ama, máis desbasten as cousas, antes de curar.

Sinopse de Loló e Mamá

Margot, nai de Loló, queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla. Pero o que parecía unha idea xenial que axudaría a xuntar a unha familia desestructurada desde sempre, enseguida transfórmase en desastre. Como recibe unha filla a volta da súa nai?

Quen é a nai e quen a filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar ata que esta bomba de reloxería estale definitivamente? Loló e Mamá fainos ver que as cousas case nunca son máis difíciles do que nos gustaría e sobre todo, que o amor é unha arma de dobre fío: canto máis se ama, máis se sofre.

A Xunta e Covelo humanizarán a contorna da praza da Ermida

0

A Xunta de Galicia e o Concello de Covelo destinan máis de 152.000 euros á humanización da contorna da praza da Ermida, segundo o convenio de colaboración asinado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Pablo Castillo.

Esta actuación ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e humanizar a praza e o camiño da Ermida, na parroquia de Santiago de Covelo, e consistirá no redeseño da rede viaria, así como na instalación dunha varanda para separar a praza da estrada. A maiores, tamén se levarán a cabo actuacións mínimas na topografía para mellorar os accesos rodados, suavizar pendentes peonís e procurar percorridos adaptados.

Tamén se renovará a pavimentación da praza e do camiño ao Pazo da Cruz, instalarase novo mobiliario -banco, papeleira, fonte e xardineiras-, drenarase a auga de choiva e corrixiranse impactos paisaxísticos.

Esta actuación acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, que, como lembrou Ángeles Vázquez, é un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, a Xunta financiará o 70 % da obra e o concello asumirá o 30 % restante.

Nesa liña, cómpre subliñar que, grazas aos acordos de cooperación asinados no marco do Plan hurbe, desde o ano 2010 se mobilizaron ao redor de 165 millóns de euros para financiar máis de 415 intervencións urbanísticas. De feito, o concello de Covelo xa levou a cabo a mellora do parque público da Maceira ao abeiro desta liña de financiamento.

A Guarda participa o 1 de outubro no proxecto “Libera” de limpeza de praias

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, participa un ano máis no proxecto “Libera, unidos contra la basuraleza”, que consistirá nunha limpeza de praias na zona da desembocadura do Río Miño, un proxecto no que tamén colaboran SEOBirdLife e Ecoembes.

O punto de encontro asignado será o Parque do Puntal en Camposancos, onde se repartirá o material preciso(luvas, bolsas…) para realizar a limpeza e se realizará unha pequena charla explicando como será a actividade, que se desenrolará dende O Puntal ata a zona do Codesal, pasando polas praias do Muíño, a Lamiña, a Armona e O Codesal.

A duración aproximada da actividade é de 2 horas, abrindo a participación a todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.

Dende o Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nesta actividade, a limpeza e mantemento do entorno é cousa de todos.

O alcalde traslada o apoio do Concello do Porriño aos traballadores de Faurecia

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, trasladou ao Comité de empresa de Madera Fiber Technologies (antiga Faurecia Interior Systems) o respaldo da corporación local do Porriño ás súas reivindicacións ante o desmantelamento que está a sufrir a empresa. A multinacional atravesa unha situación crítica e vén de presentar un concurso de acreedores que vai deixar a máis de 100 familias sen sustento.

O rexedor ofeceulles tamén o apoio xurídico que precisen, o Concello do Porriño o poñerá á súa disposición, e ofreceuse a xestionar as xuntanzas precisas coas distintas administracións que poidan mediar neste conflicto.

“Falamos de máis dun cento de persoas que vén perigar o seu medio de vida e o das súas familias, traballadores cunha media de idade de 50 anos que de pronto se ven na rúa. Deben tomarse medidas para garantizar a viabilidade da empresa e destes postos de emprego”, concluíu Lorenzo.  

Reunión do alcalde de Nigrán coa Federación Galega de Baloncesto e o Club Baloncesto Nigrán

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo onte un encontro a tres bandas no Concello co presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; a vicepresidenta e secretaria da Federación de Deporte Adaptado, Susana García; e a presidenta do Club Baloncesto Nigrán, Nuria Domínguez. Ao mesmo, asistiron tamén tres concelleiras do goberno local. O obxectivo desta reunión foi o de establecer liñas de colaboración entre todas as partes que permitan que o clube nigranés, con sede no Pavillón Municipal de Panxón e actualmente con 11 equipos federados, siga medrando.

“Somos conscientes de que as instalacións se quedan pequenas e, precisamente, este un dos motivos polos que desde o goberno local esteamos a traballar para poder facer realidade un segundo pavillón deportivo en Porto do Molle que, ao mesmo tempo, dea servizo a centros educativos e outras actividades deportivas”, explicoulles o alcalde, Juan González, quen destaca especialmente o proxecto educativo do Club Baloncesto Nigrán, “cunha especial sensibilidade e atención á diversidade e gran defensor e promotor da igualdade de xénero”.

Este clube, nacido no ano 1988, vivíu un parón de anos para reaparecer na escea deportiva nigranesa hai unha década con dous equipos que hoxe en día xa suman 11 desde Baby a Senior Masculino, o que representa 150 baloncestistas federados (ao marxe das crianzas que acuden a actividades extraescolares impartidas nos diferentes colexios a través do clube).

“Os nenos e nenas que entraron no clube con 7 anos son xa case maiores de idade e precisan de máis espazo para adestrar, esa é a inquedanza que transmitimos hoxe e, coma sempre, obtivemos a absoluta disposición do Concello a solventalo e, a súa vez, ofrecemos a nosa colaboración”, explica Nuria Domínguez, presidenta do Club Baloncesto Nigrán.

Dedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar a educación tomiñesa

0

Dedicación, compromiso e moitas horas de traballo para ofrecer ás familias e á mocidade tomiñesas os máximos recursos e servizos posibles. Ese é o obxectivo da ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos, que arrancaba este inicio de curso cunha importante tarefa: a entrega ao alumnado de case un milleiro de volumes do banco de libros, co que o Concello de Tomiño colabora cada ano.

O obxectivo é facilitar a todas as familias asociadas os libros obrigatorios e de apoio necesarios cada curso a un custo mínimo ou de balde. “Non só alivia a carga económica das familias e garante que todo o estudantado teña acceso aos materiais necesarios, senón que permite construír unha contorna educativa inclusiva e equitativa”, explica a presidenta da ANPA Solleiro, Elena Cerezales. Este ano beneficiáronse desta iniciativa 509 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato, o 88% das e dos matriculados no centro, unha cifra que vai crecendo ano a ano.

Recentemente renovada, a asociación está liderada por sete mulleres, sete nais que destinan moito tempo a un traballo altruísta co que mellorar as oportunidades da mocidade tomiñesa. Por iso o seu labor vai moito máis alá do banco de libros. Así, a ANPA Solleiro organiza e xestiona o ‘Xantar dos luns’, “un espazo adaptado e con monitor para que a rapazada poida comer de friameira no instituto o día que teñen clase pola tarde, xa que a moitos nenos e nenas non lle da tempo ou non poden ir a casa”. Cun aforo de 40 persoas, neste servizo dáse prioridade ao alumnado que vive máis lonxe do centro.

A asociación ademais organiza, xestiona e cofinancia as clases de inglés tanto de reforzo como para preparar o B1 e o B2 de aqueles rapaces e rapazas que o soliciten. Estas dúas iniciativas contan tamén coa colaboración do Concello de Tomiño a través de diferentes subvencións municipais sociais e culturais.

As excursións escolares son outro dos apoios que prestan dende a ANPA, xa que se encargan de planificar, xestionar e mediar incluso na venda de produtos para a recadación de cartos de nenos e nenas para financiar as principais excursións do IES, a de fin de curso anual e a da Semana Branca, e colaboran economicamente na medida das súas posibilidades co resto de saídas.

Para a ANPA o inicio deste novo curso é unha oportunidade para implementar novas iniciativas “que conecten directamente coa rapazada do centro, tendo en conta a súa opinión”. “Queremos fomentar a participación do alumnado con enquisas para saber que temas lles interesan e poder poñer en marcha en colaboración co equipo directivo e docente do centro charlas e talleres relacionados tamén con temas que preocupan moito ás familias, como a saúde mental, o bo uso das redes sociais ou a orientación académica e laboral”, salienta Cerezales. Dende o Concello agradécese o traballo, esforzo e compromiso da ANPA Solleiros, que conta coa participación xunto a Cerezales de Lorena González, María Xosé Vázquez, Valeria Tesé, Imelda Núñez, Fabiola Galindo e Eva Pereira. Un agradecemento que se estende a todas as asociacións de nais e pais dos centros educativos de Tomiño, un piar fundamental para enriquecer a experiencia educativa de cativada e mocidade

A oficina de turismo de Tui atendeu na fin de semana peregrinos de 24 nacionalidades

0

 O dinamismo e internacionalización que está a vivir o Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui queda reflectido nos datos rexistrados esta fin de semana pola Oficina Municipal de Turismo tudense.  Dende o venres até o domingo 167 peregrinos e peregrinas se achegaron até este punto de información turística. O 80 % eran persoas estranxeiras de até 24 nacionalidades.  Estes datos son unha mostra do importante número de persoas que estes días transitan por Tui camiño de Compostela e cuxa presenza é habitual e numerosa nas rúas da cidade e tamén nos distintos establecementos de hostalería e restauración. Os datos rexistrados superan as expectativas existentes e dan conta do extraordinario nivel de afluencia que o Camiño Portugués está a vivir.

Así o persoal da Oficina Municipal de Turismo atendeu na fin de semana a 132 peregrinos e peregrinas internacionais e a 35 nacionais.

Houbo así 45 consultas de persoas de EEUU que están a realizar o Camiño Portugués, 17 de Alemaña, 7 do Reino Unido, e 6 de Arxentina pero tamén doutros países coma Bélxica (5), Brasil (5), Canadá (4), Italia (4), Porto Rico (4), Portugal (4), República Checa (4), Croacia (3), Irlanda (3), Países Baixos (3), Polonia (3), Xapón (3),  Austria (2), Ecuador (2), Singapur (2), Suíza (2), Perú (1), Taiwan (2),e Turquía (1).

Mentres os 35 españois que estaban a realizar o Camiño e se achegaron até a Oficina Municipal de Turismo procedían de Barcelona (5), Granada (5), Madrid (5), Baleares (4), Huesca (4), Alacante (2), Burgos (2), Las Palmas (2), Tenerife (2).

A concelleira de Turismo, Ana Nuñez Álvarez, destaca que estes extraordinarios datos expresan o dinamismo dos Camiños Portugueses, tanto o chamado Camiño Central como o da Costa, que conflúen nos seus trazados oficiais en Valença e Tui.  Engade que hai que ter en conta que os datos da Oficina Municipal de Turismo son indicativos desta dinámica, xa que só unha pequena parte dos peregrinos e peregrinas que pasan por Tui se achegan ata este punto de información turística.  Ana Núñez sinala que “o Camiño Portugués conforma na actualidade un dos principais elementos dinamizadores do sector turístico tudense”. Reclama a edil por parte de todos os axentes implicados “un compromiso pola calidade e mesmo a excelencia na súa atención para manter esta dinámica de crecemento na que nos atopamos”.

O Balneario de Mondariz acolle a primeira cena temática cun xogo de rol en vivo

O Balneario de Mondariz acolle a primeira cea temática a partir dun xogo de rol en vivo ambientada na historia da vila termal. Unha idea de Manu Sánchez e Realidade Alternativa que desenvolveron previamente “A Poxa”, unha actividade nos xardíns do Gran Hotel ambientada nos anos 20 e nas festas da alta sociedade no establecemento. A época dourada de Mondariz, cando o balneario erixiuse en centro social e cultural de primeira orde internacional. Personalidades internacionais como o arcebispo de Westminster ou o sultán Muley Haffid, nobres como a infanta Isabel de Borbón, políticos como Cánovas del Castillo, científicos como Isaac Peral ou artistas da talla de Emilia Pardo Bazán deron vida a un dos lugares máis emblemáticos nos albores do século XX. Un proxecto que se inclúe na celebración dos 150 anos do Balneario de Mondariz.

A partir desa posta en escena, #ante o éxito de oito convocatorias que converteron este novo lecer nunha actividade de moda este verán, chega agora “A Gran Poxa” que se celebrará o 21 de outubro. Un evento que por primeira ver (vez) contará cunha cea no Salón Infanta Isabel cun menú especial para a ocasión e tamén unha opción vegana. O prezo da actividade é de 69,95 € por persoa e inclúe vestiario, cea, música en directo e o xogo, en total unhas dúas horas e media de duración.

“A Gran Poxa” convida igualmente a revisitar os anos 20, meterse na pel dun personaxe (artista, empresario, nobre, ladrón de luva branca… ) e vivir unha historia xunto a decenas doutros participantes. Desde a organización proporcionan vestiario de época, así como un transfondo e obxectivos dentro da trama do xogo.

Dita trama de intriga e misterio que se desenvolve nos salóns do Balneario de Mondariz que convidará a todos a unha viaxe ao pasado.

A reserva das prazas xa está aberta e pode realizarse na páxina web de Realidad Alternativa: https://realidadalternativa.com/la-gran-subasta.

A débeda da anterior corporación de Ponteareas provoca cortes de luz en diversos centros municipais

A xestión económica do anterior corporación municipal en Ponteareas, continúa a ter consecuencias para os veciños preto de catro meses despois da perda da alcaldía por parte do bipartito BNG-PSOE.

Na actualidade, varios centros de titularidade municipal están xa a sufrir cortes no subministro eléctrico debido ao impago da débeda contraída, como é o caso do Mercado de Abastos ou o Centro Social, entre outros, como xa ocorrera ao final da anterior lexislatura.

Un dos principais buratos económicos que deixou en herdanza o anterior bipartito é o do alumeado público que como ben indicou a actual alcaldesa, Nava Castro, na rolda de prensa do seu balance dos primeiros cen días de goberno celebrada onte, mostrou un desfase entre a partida dedicada a tal efecto e a realidade preto de un millón de euros. Por este motivo o equipo de goberno convocará un pleno extraordinario urxente para realizar o recoñecemento extraxudicial das cantidades adeudadas pendentes de abonar en canto se teña resposta favorable da proposta efectuada á compañía subministradora por parte do concello e xerar unha partida orzamentaria a tal fin, presumiblemente a través dun préstamo.

A partida orzamentaria de 300.000 euros para to un ano destinada ao pago da luz era claramente insuficiente cando o servizo está valorado 1,3 millóns de euros. Se ben é certo que os fondos poderían obterse de outras partidas non executadas, non foi así e ao momento de chegar á alcaldía, o actual grupo de goberno atopouse con só 97.000 euros de liquidez entre o 17 de xuño e o vindeiro 31 de decembro. Unha liquidez que non resultou ser tal xa que existen 2,5 millón de euros en facturas impagadas e 9 millóns de débeda.

O grupo de goberno leva semanas negociando para reverter e emendar esta situación á maior brevidade posible e restablecer a normalidade en todos os centros, dos que os considerados servizos de primeira necesidade como os centros educativos ou residencias teñen o subministro garantizado.

A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsan a reserva de billetes

A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsarán a reserva anticipada de billetes e a mellora da información aos usuarios ante unha demanda que está a medrar nun 18 % polas deficiencias do ferrocarril e os incentivos económicos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa secretaria xeral técnica, Pilar Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes das catro federacións de transporte de viaxeiros por estrada, ANETRA, TRANSGACAR, FEGABUS e FEGATRAVI, para analizar a situación dos servizos neste momento, coincidindo coa volta ás aulas no setembro.

Vázquez Mourelle enmarcou esta reunión na liña do diálogo permanente que a Xunta mantén co sector e apuntou o obxectivo de analizar hoxe as vías para mellorar a atención á demanda, rexistra un incremento sostido longo de todo este ano,  xeneralizado en todas as liñas.

A conselleira puxo o acento en que nas dúas últimas semanas, con motivo do reinicio da actividade lectiva, se está a consolidar esa tendencia á alza, rexistrándose tensións, especialmente, nos venres de regreso dos estudantes desde as estacións intermodais.

Remarcou que no primeiro venres do inicio do curso escolar se bateron as marcas de demanda desde que se teñen rexistros no transporte público autonómico, con máis de 157.000 viaxes. Estas cifras, concretou a conselleira, superan nun 18% as rexistradas de media nos venres do curso anterior.

A Xunta e as empresas de transporte coinciden en que este aumento da demanda vén motivado por tres factores clave: a superación da pandemia; os incentivos económicos ao transporte público; e, de forma moi destacada, as deficiencias dos servizos ferroviarios na Comunidade.

Ethel Vázquez referiuse á ausencia de conexións ferroviarias, que directamente non existen ou que son coma se non existisen, como o caso de Santiago-Lugo ou Ferrol-A Coruña; vías cortadas como a de Lugo-Ourense; material rodante obsoleto e unha flagrante insuficiencia de prazas nos trens.

O resultado, tal e como explicou a conselleira, supón unha gran transferencia de usuarios do ferrocarril ao autobús, moitas veces con escasa anticipación, porque os viaxeiros do tren que quedan en terra buscan alternativas de viaxe no momento desde as propias estacións intermodais.

A este respecto, lembrou que a semana pasada a Xunta se dirixiu a Renfe para que adopte as medidas necesarias para acabar coas molestias permanentes aos usuarios do tren e este dano ao transporte público.

Ethel Vázquez contrapuxo a situación dos servizos ferroviarios coa do transporte público autonómico, onde a Xunta traballou desde o primeiro momento co sector para anticiparse a eses picos de demanda e atender as necesidades dos cidadáns que apostan polo transporte público para desprazarse.

A conselleira valorou o traballo que está a realizar o sector e a boa disposición ás solicitudes da Xunta de reforzo e axustes diarios en zonas como O Morrazo, Fisterra ou Tui, para atender aos estudantes do ensino non obrigatorio e universitarios.

Tamén resaltou o esforzo que supuxo mobilizar ata 200 expedicións extraordinarias nese primeiro venres do curso, especialmente ante as dificultades que atravesan as empresas nestes momentos,  de escaseza de man de obra e de complicacións, tamén, para a adquisición de vehículos.

Tal e como adiantou a conselleira, no obxectivo común da Xunta e dos concesionarios de prestar un bo servizo de transporte público aos cidadáns, seguirase a traballar para axilizar a posta á disposición dos datos de demanda de forma que sexa posible anticipar as respostas e as os reforzos necesarios; tamén na mellora nas canles de información e atención ao usuario; e na extensión dos medios de reserva telemática dos billetes coas vantaxes das tarxetas TMG e Xente Nova.

Derradeira conferencia sobre Francisco Sánchez a cargo de Laureano Alonso

0

Mañá mércores, 27 de setembro, ás 20 h terá lugar a derradeira das conferencias sobre Francisco Sánchez, organizadas polo Concello de Tui dentro do programa ‘Setembro Xudeu en Tui’ para conmemorar o IV centenario do seu falecemento na cidade francesa de Toulouse.

Esta charla  titulada “Francisco Sánchez, un tudense universal” estará a cargo de Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín e grego no IES San Paio de Tui e que ten traballado na tradución completa ao galego da principal obra do médico e filósofo tudense, “Quod nihil scitur”, unha obra referencial no pensamento europeo do Renacemento.

Nesta conferencia o profesor Alonso Álvarez realizará un achegamento tanto a esta publicación, editada por vez primeira en Lyon no ano 1581, como ao pensamento sancheciano e, especialmente, á transcendencia da obra de Francisco Sánchez e a súa achega ao pensamento universal.

Con esta charla finaliza este ciclo de conferencias organizado polo Concello de Tui para  divulgar a vida e obra deste singular pensador tudense.

Dende a pasada semana a veciñanza e visitantes poden achegarse á Francisco Sánchez a través dunha sinxela exposición instalada no Paseo da Corredoira tudense, onde a través de oito paneis se realiza un breve percorrido pola traxectoria vital e as obras coñecidas de Francisco Sánchez.

Nos meses de outubro e novembro haberá novas actividades para conmemorar o cuarto centenario do falecemento de Francisco Sánchez.

Asinado o convenio para remodelar a praza Manuel Alonso de Gondomar

0

Concello de Gondomar e Deputación de Pontevedra veñen de asinar o convenio que da luz verde á remodelación integral da Praza Manuel Alonso.

A intervención ten como obxectivo a recuperación da comúnmente denomidada “Alameda” e a súa contorna, para o uso fundamentalmente peonil. A idea principal deste proxecto é devolver o espazo público ao peón, cumprindo cos criterios da Rede Ágora.

Disporase dunha superficie continua en toda a praza, eliminando a dobre altura existente, e por tanto mellorando enormemente a súa accesibilidade, e perimitindo ademáis unha comunicación transversal entre todos os espazos, así como mellorando a conexión coa Igrexa de San Bieito.

Ademaís da humanización da praza, esta actuación permitirá o cambio das conduccións de auga, a separación da rede de abastecemento e pluviais e a mellora da eficiencia enerxética coa sustitución das lámpadas existentes por led, o que permitirá un importante aforro no consumo enerxético.

Coa humanización desta praza, a contorna pasará a gañar máis de 1000 m2 de zona peonil,  quedando unha zona mixta para circulación de vehículos e peóns integrada na mesma de 400 m2 con preferencia para peóns, pero manténdose o tráfico rodado ascendente pola rúa Manuel Losada e descendente pola rúa San Bieito dacordo ao proxecto aprobado polo Pleno da Corporación do 21 de abril.

O convenio de 1 millón de euros asinado por concello e Deputación, forma parte do proxecto Reapcon posto en marcha polo anterior goberno provincial dentro do modelo Ágora que transformou  a provincia, devolvendolle o espazo aos cidadáns.

O Concello licitou xa as obras e proporá ao Pleno do mes de outubro a adxudicación a Civis Global por un valor de 1.168.394 euros cun prazo de execución material de 7 meses.

O alcalde Paco Ferreira destacou que “con esta actuación o goberno municipal pecha un proxecto de remodelación integral do casco urbano onde a cidadanía pode desfurtar de áreas de lecer pensadas para toda a familia, con accesibilidade e eliminando ruidos e contaminación do centro da vila, un dos obxectivos da axenda 2030 e que segue o modelo Ágora da Deputacion que xa se aplicou entre outros na Praza Rosalia de Castro”.

Aberto o prazo de inscrición para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo

0

Ata o 1 de decembro estará aberto o prazo para solicitar as axudas á natalidade do Concello de Covelo, así o informa o alcalde, Pablo Castillo, “este é o noso agasallo de benvida para as novas crianzas do noso concello ás que tentaremos seguir apoiando ao longo da súa infancia coas axudas para material en educación infantil, ofrecendo servizos que faciliten a conciliación familiar e laboral como a aula matinal en colaboración coa ANPA do colexio Antonio Blanco ou os campamentos de verán; servizos como o de Atención Temperá para aqueles/as que precisen un seguemento específico ou actividades de lecer e obradoiros nos que promover a súa creatividade e todo o que estea nas nosas mans”.

Co obxectivo último de fomentar a natalidade e co inmediato de dar unha axuda ás familias de Covelo que teñan fillos por nacemento ou adopción ponse en marcha unha nova convocatoria da que se poderán beneficiar as familias empadroadas no concello con pero que ademais teñan a súa residencia efectiva, polo que tanto as persoas beneficiarias como as súas fillas e fillos deberán vivir habitualmente en calquera das parroquias do concello de Covelo.

Para estas axudas, que tamén perseguen fixar poboación no rural, o Concello destina unha partida de 5.500€ correspondendo un total de 500€ a cada neno ou nena nado ou adoptado entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023. “Unha medida de apoio que atopa o seu fundamento na lóxica necesidade de que, sendo a natalidade un beneficio para todas as persoas, é lexítimo axudar as nais e pais a soportar as indubidables cargas materiais que se ocasionan sobre todo nos primeiros meses de vida dunha nena ou un neno”, engade o alcalde.

Redondela reclama o uso do galego por parte dos organismos europeos

0

O Concello de Redondela vén de presentar unha queixa ante a Área de Relacións Institucionais, Axenda 2030, Internacional e Cooperación da FEMP por mor da exclusión da lingua galega.

A orixe desta queixa está na enquisa que o Consejo de Municipios y Regiones de Europa (CMRE), vén de difundir entre os concellos que manteñen actividades de irmandade con outros municipios. Redondela, como é sabido, leva uns anos traballando con Monçao nesta liña de cooperación e encontro entre ambos municipios. 

Esta enquisa presenta distitnas opcións lingüísticas, incluídas o castelán, o vasco e o catalán. Asemade tamén se ofrece en linguas cunha cantidade inferior ao número de falantes do galego: galés, irlandés, islandés, hebreo… Pero a lingua galega non aparece por ningures. 

Por esta razón, dende o Servizo de Normalización Lingüística remitiuse unha queixa á FEMP para que traslade a urxencia de incluír o galego para esta enquisa pero tamén para todas as vindeiras actividades ligadas a este organismo. O galego non pode ser unha lingua nin de segunda nin de exclusión permanente. Galicia ten un idioma propio que debe facer valer. E dende o Concello de Redondela así o expresamos e reclamamos.

Pola súa parte, a alcaldesa Digna Rivas, que asina a solicitude enviada á FEMP, insiste na necesidade de normalizar o idioma galego nas institucións públicas. “Agora que se pode usar o galego nas Cortes españolas, resulta incomprensible como neste organismo se exclúa o galego. Dende Redondela levantamos a voz na defensa dos dereitos lingüísticos e da pluralidade”.

Os cen primeiros días de goberno descobren unha débeda que supera os 9M de euros

A alcaldesa de Ponteareas e o actual grupo de goberno compren os primeiros 100 días á fronte do Concello, período no que traballaron arreo para emendar os problemas económicos e sociais herdados do mandato da anterior corporación e sentar as bases para garantir os mellores servizos e calidade de vida aos veciños, e así o manifestaron en rolda de prensa no Salón de Plenos do Consistorio.

O principal escollo que atopou o actual grupo de goberno refírese á facenda local, ademais dos máis de 9 millóns de euros en débedas, dos que 2,5 millóns se corresponden con facturas impagadas, segundo o correspondente expediente; hai 300.000 euros en múltiples facturas, un total de 350, por supostos traballos realizados sen contrato, e o último exercicio 2022, pechouse cunhas perdas de 1,5 millóns tamén recollido nun expediente municipal. A peor parte do presuposto da anterior coalición de goberno, BNG-PSOE refírese ao alumeado, xa que se incluíu unha partida de 300.000 euros cando o custe real é de un millón máis, ata os 1,3 millóns de euros.

No que respecta á electricidade e para evitar problemas xerados pola anterior administración que provocaron, entre outros, o corte de luz antes da sesión de investidura, estanse a manter distintos contactos para atopar solucións viables. Xa que a partida orzamentaria era de 300.000 euros cando a realidade é de 1,3 millóns. De feito aproveitarase o pleno extraordinario da Conta Xeral para levar o recoñecemento extraxudicial de preto de 450.000 euros en facturas sen crédito. Tal é a situación que á chegada do actual grupo de goberno ao consistorio o crédito dispoñible para o que quedaba de ano, de 17 de xuño a 31 de decembro era de 97.000 euros.

Por outra banda, o executivo xa está a tramitar un orzamento para o ano 2024 co obxectivo de subsanar os problemas herdados e facer fronte aos gastos ordinarios mais a recuperación de servicios que non se estaban a prestar así como futuros proxectos.

O actual grupo destacou que se eliminou o procedemento de rexistro de entrada e recibiuse a todas as persoas que precisen reunirse coa alcaldesa. Así, Nava Castro recibiu a 20 persoas ou colectivos de media por día. O mesmo procedemento é extensible aos concelleiros.

Vías e obras

Numerosos veciños levaban meses esixindo que o concello levara a cabo as actuacións necesarias para poder transitar ou acceder ás súas casas como o roce de cunetas, a limpeza dos camiños, o asfaltado e a reparación das vías. “Este é un servizo básico e a pedra angular das tarefas de mantemento dun municipio”, sinala Nava Castro.

Por este motivo, establecéronse prioridades para atender todos os danos, de forma ordenada. Comezouse pola Freixa para que estivese lista para o verán. A seguinte vía de actuación foi que todas as parroquias tivesen os seus torreiros e zonas públicas limpas e preparadas para as súas festividades. Finalmente, a limpeza de vías de forma continuada en once parroquias que abarcou unha área de 58 km cadrados (o 46,4 % do Concello) e dando servizo a máis de 4.000 persoas.

O novo executivo admitiu que, neste sentido, existe unha desproporción entre as demandas de limpezas e a capacidade para poder darlles solución. Non obstante, atenderán todas e cada unha delas da forma máis áxil posible. “Estase pasando por todas as parroquias e seguiremos ata o último día de mandato do noso goberno pois Ponteareas somos todos, parroquias e centro”, conclúen.

Servizos comúns

Coa chegada de Jesús Cao á concellería de Servizos Comúns atopouse coa totalidade dos contratos vencidos e sen renovar, inclusive algúns en situación de prórroga forzosa por tratarse de servizos básicos. Ademais, o esgotamento do orzamento e a non dispoñibilidade de marxe para poder afrontar os gastos ordinarios imposibilitaba a prestación dos servizos. Coa entrada do novo goberno estase a tramitar a nova licitación  que inclúe múltiples melloras e a adaptación do servizo aos obxectivos da Axenda 2030.

Similar situación no caso do Servizo de Auga (ETAP e EDAR): licitación vencida e contrato prorrogado, pendente de adaptación aos cambios lexislativos actuais. A vía de traballo é tramitar unha nova licitación máis económica e que contemple o saneamento integral de todas as parroquias do concello, a ampliación da EDAR e o estudo de uso de redes alternativas, así como o apoio loxístico e económico ás traídas de augas veciñais e a ampliación da rede municipal aos núcleos demandantes.

No referente ás fosas sépticas, contrato vencido en marzo deste ano, cunha opción de prórroga que a propia alcaldía de entón rexeitou o 17 dese mesmo mes. Non se tramitou ningún novo expediente para dar saída á demanda pero a Administración continuou recollendo peticións e inclusive recollendo taxas. A nova corporación asinou un novo contrato o 30 de agosto, e dende entón lévanse atendidos máis de 100 baleirados.

Tamén os contratos de mantemento e material de alumeado público estaban vencidos, o que se traduciu en múltiples incidencias en parroquias, moitas incluso sen servizo. Entre as medidas urxentes adoptadas polo Concello destaca a substitución de máis de 100 luminarias para poder restablecer o servizo pese a que outras medidas aínda non poden efectuarse ata que exista un novo orzamento.

Deporte e tráfico

“A situación que nos atopamos na área de deportes foi moi grave: un orzamento consumido na súa totalidade en menos de seis meses, unha débeda de 60.000 euros e unha subvención non tramitada que impediu aos clubs optar a unha axuda”, en palabras de Francisco Represas. “As entidades deportivas realizan un traballo moi importante e o Concello ten a obriga de instalacións en condicións”. O Concello levou a pleno a aprobación dun plan de axudas ao deporte á vez que se traballa nun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas no deporte.

O estado das instalacións deportivas era calamitoso, con duchas polas que pasaba a corrente eléctrica no campo de fútbol de San Mateo de Oliveira, auga nos vestiarios de Pardellas e un muro derruído seis meses atrás, ou o teito do Complexo Deportivo Álvaro Pino coas vigas en mal estado, un perigo para a seguridade dos usuarios segundo un informe que non foi atendido.

No referente ao tráfico, detectáronse innumerables incumprimentos que poñen en perigo a seguridade viaria. Sinais mal colocadas ou en mal estado, ou puntos negros ao redor dos centros educativos. Na actualidade estanse a executar medidas transitorias para paliar a situación, á espera da aprobación dun novo orzamento que dote esta área dos recursos precisos.

Benestar, Igualdade, saúde e consumo

No que respecta aos Servizos Sociais, o actual grupo de goberno lamenta a situación herdada: “non se licitaban necesidades permanentes como limpeza, alimentación ou combustibles; detectamos un desaxuste no inventario do transporte municipal, unha carencia no transporte adaptado, déficit de persoal, inexistencia de listas de substitución do persoal, mal estado das instalacións, un protocolo de igualdade caducado, aulas infantís pechadas por incumprimento normativo, e a comunidade de veciños da ludoteca sen pagar dende máis dun ano”, entre outros. Esta última débeda xa foi saldada e estase a buscar un novo emprazamento.

Tamén se está a traballar na redacción dun novo protocolo de igualdade e en proceso a recollida dos danos da residencia de maiores, que van ser reparados cos fondos existentes e unha nova partida ao ser os primeiros insuficientes. Xa se constituíu a mesa intersectorial da saúde e por último, trabállase tamén para abrir de novo a aula da Escola Infantil, xa que non existía ningún plan para poder arranxar os problemas que presentaba.

Urbanismo e Medio Ambiente

Nas áreas de Urbanismo e Medioambiente, “no que atinxe á xestión da EDUSI, puidemos comprobar o que xa prevíamos, que a xestión destes fondos estaba a ser nefasta”, confirma Silvia Fernández.

No ano 2016 concedeuse unha axuda de 5 millóns de euros de Fondos Europeos á Estratexia DUSI, comprometendo ao Concello cunha aportación de máis de 1,2 millóns de euros, alcanzando así un importe total de máis de 6,2 millóns. “Este vindeiro 31 de decembro remata a prórroga que solicitou o anterior goberno e pese a que os fondos foron concedidos no 2016, ao chegar nós en xuño, aínda restaban liñas estratéxicas por definir, proxectos por iniciar e outros moitos por licitar”, sinala a Fernández Táboas.

Así, nestes 100 días, o actual executivo conseguiu adxudicar a obra de rehabilitación da nave de Aceros do Tea á empresa PRACE Servicios y obras SL, despois de dous intentos errados do goberno do BNG-PSOE. Así mesmo, tamén se tramitou a Área de Reparto 10 para que a nave pasase a titularidade municipal.

Así mesmo, rematouse a obra do Centro Empresarial e elaborouse a Ordenanza para a súa xestión, que agora está en trámite de aprobación. En canto á obra do Centro Cívico, ampliouse o seu uso para dotalo de Residencia de Artistas axilizando o máximo posible as fases da obra para cumprir os prazos. Tamén se deseñaron e licitaron novas actuacións, como varios contratos dentro do Obxectivo Temático 2, das Tecnoloxías da Información e da Comunicación así como o Programa de Formación para a Inserción Profesional de Colectivos en Risco.

En canto ás Solicitudes de Pago a Beneficiarios, dende o Concello sinalan que a situación é moi crítica. Dende o ano 2016 tan só se ingresou unha única partida, o 10 de outubro de 2017, un anticipo que lle foi concedido a tódalas Estratexias DUSI por un importe de 164.500 €, o que supón un 2,63% do gasto total. É dicir, en menos de seis meses o novo executivo terá que executar, certificar e xustificar o 100% dos fondos.

En materia de terreos para o novo centro sanitario, o anterior goberno, ao non poñerse de acordo, ofertou uns terreos non hábiles para a construción que estaban afectados pola N-120 e polo Regato da Venda. A realidade é que a situación de debate interno viña dunha falta de visión no plan orixinal do PXOM, onde non se prevía ningunha parcela para a localización do novo Centro de Saúde. Ante esta situación, o equipo de goberno de Nava Castro optou por cambiar a localización inicial cara os terreos que están fronte á escola Ramiro Sabel, xa que non requiren obras de acondicionamento da parcela, favorecendo así a posibilidade de pronta edificación.

No que se refire á contorna residencial de rehabilitación programada na Zona Vella de Ponteareas, o novo goberno atopouse coa parálise das axudas para levar a cabo estes traballos de rehabilitación. Ante esta situación, paralizaron a externalización da creación da Oficina de Rehabilitación para a xestión destes fondos, posto que consideran que a mellor opción é dotar a esta oficina de persoal municipal, e confeccionaron as bases de axudas que publicarán nas vindeiras semanas.

Así mesmo, solicitouse a transferencia da titularidade do tramo urbano da N120 para que se poidan facer obras que non sexan só de mantemento e conservación nas vivendas da Calle de Abaixo. Tamén se xestionaron obras como a Ponte de Fontenla, o muro do Punto Limpo ou o Portalón do Castelo de Sobroso, que estivo máis dun ano derruído, para o cal o goberno anterior contratou dous proxectos para a súa rehabilitación e que finalmente non executaron ningún.

O novo executivo elaborou tamén os pregos técnicos e particulares para a contratación do equipo redactor para a realización do Plan Parcial de A Lomba. “Nas vindeiras semanas sairá a licitación para poder comezar cos traballos de redacción. Convocaremos a tódolos axentes afectados e daremos prioridade absoluta ao Plan para conseguir dotar a Ponteareas de Solo Industrial, para que as nosas empresas poidan crecer, e outras novas, instalarse”, sinala Silvia Fernández.

No que respecta ao río Tea, existía un gran estado de abandono, así como a área recreativa de A Freixa, a Moscadeira ou a praia da Ponte das Partidas. Dende o primeiro momento, retomouse a análise das augas nos puntos de mostraxe existentes e se solicitaron dous puntos máis. Redactouse un proxecto de reparación da senda do Tea, con financiación a cargo dun convenio coa Deputación de Pontevedra por importe de 200.000€.

Cultura e comercio

En Cultura, a 17 de xuño o remanente a executar era de 638 euros e con facturas pendentes de pago sen poder cuantificar. Isto, sumado á falta de programación de actividades de verán, a inexistencia dun rexistro das actividades realizadas durante os últimos anos, un déficit de medios técnicos, un Plan Cultura 24 parado dende o ano 2020 e unha biblioteca municipal con material obsoleto e disperso.

Entre as primeiras e necesarias actuacións neste ámbito está a reorganización do persoal da concellería de Cultura para axilizar as tarefas pendentes; a creación dun plan de actividades para o que resta de ano; a contratación de conserxes para o mantemento en todos os Centros Rurais Agrupados (CRA); o inicio dos trámites para licitar a limpeza dos centros de Oliveira e Guláns; e os contactos co sector hostaleiro en previsión das festas de Outono.

No comercio local, “non existía ningún plan para potencialo e detectamos postos ilegais no mercado e no que atinxe á Praza de Abastos, existía unha inspección de sanidade da Xunta de Galicia dende o mes de abril no que se indicaban múltiples deficiencias que tiñan que ser resoltas antes de Xuño”, sinala a Ricardo González.

Como resumo a estes primeiros cen días de goberno en Ponteareas, o actual grupo tivo que poñerse ao día ante a falta de traspaso de temas pendentes, analizar a situación de cada concellería onde se constatou “a deixadez da anterior corporación” polo que a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o “inmenso traballo que está a desenvolver todo o equipo” para acelerar todos os traballos para dotar aos veciños e veciñas de Ponteareas dos servizos máis básicos e comezar a garantirlle as súas necesidades. Un traballo no que se atopan inmersos Jesús Cao, Silvia Fernández, Francisco Represas, Ricardo González e Raquel Plana, os concelleiros, encabezados pola alcaldesa Nava Castro, que deron conta destes primeiros 4 meses á fronte do goberno local.

Clausura do obradoiro Rehabilita Salceda

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, animou este luns ao alumnado do obradoiro Rehabilita Salceda a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. Así o trasladou a representante autonómica tras confirmar que o Goberno galego financiará con 531.000 euros outro taller de emprego no municipio. 

“Contades agora cunha ventá ao mercado de traballo e tanto Salceda como o resto da área de Vigo e de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

Ana Ortiz salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na área de Vigo. O obradoiro Rehabilita Salceda, organizado polo Concello de Salceda de Caselas, contou cunha subvención de 503.987 euros por parte da Xunta para ofertar as especialidades de Albanelería e Op. Auxiliares.

Ademais, a delegada territorial confirmou que xa está aprobada outra achega de 531.046,20 euros para o curso Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023, concedidos a través do Concello de Salceda, que permitirá que 10 personas sen emprego melloren a súa cualificación en carpintería de madera.

A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos. Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

O Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona ofrece catro contacontos

0

A Concellería de Cultura, a través do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, ofrece catro contacontos infantís a través do programa de dinamización da lectura “Ler conta Moito” con motivo da celebración ao longo do mes de outubro do mes da Biblioteca Pública que se celebra o próximo 24 de outubro.

Así, o primeiro deles terá lugar este mércores 27 de setembro, ás 18:00 h, e será “Lúa quere viaxar a… Marte!”: A pesar de todos os atrancos e dificultades, Luna non está disposta a renunciar ao seu soño de ser astronauta. A actividade está dirixida a nenos desde os 3 anos, acompañados dunha persoa adulta. Ao longo do mes de outubro terán lugar os outros tres contacontos dos que proximamente se informará.

Para participar é imprescindible a inscrición previa para cada un deles no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona ou no 986 35 59 43.

Horario invierno

Desde o pasado día 15 de setembro o Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona retomou o horario de inverno de luns a venres de 09:00 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os sábados o servizo estará aberto 09:30 a 13:30 horas.

O Concello do Rosal instala dúas novas caldeiras de biomasa

0

O Rosal camiña con paso firme cara a mellora da eficiencia enerxéticas das instalacións municipais co obxectivo de “mellorar a eficiencia enerxética no noso municipio, comezando pola renovación daquelas infraestruturas máis obsoletas, reducindo as emisións de CO2 e redundando nun aforro económico e enerxético”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello vén de sacar a licitación a instalación das caldeiras de biomasa no pavillón municipal e no campo de fútbol da Mata, unha renovación que permitirá substituír as caldeiras de gasóleo destas instalacións deportivas por dúas de pellets con combustible de biomasa para a produción de calefacción para estes edificios e de auga quente para as duchas dos seus correspondentes vestiarios.

Trátase dunha modernización das instalacións municipais adaptándoas ao uso das enerxías menos contaminantes e renovando equipos obsoletos, nos que tamén se mellorará o seu illamento e regulación, permitindo un control total do sistema con termostatos de ambiente e telexestión.

As obras saen a licitación por un orzamento base de case 95.000 euros financiados ao abeiro do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. Fernández Callis resaltou que este proxecto “é un paso importante no noso compromiso coa eficiencia enerxética e a sostibilidade, reducindo a nosa pegada de carbono ao tempo que melloramos o confort de usuarias e usuarios e logramos un aforro económico importante. O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”.

As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 10 de outubro ás 23.59 horas.

A Xunta e o Concello de Oia humanizarán a contorna do mercado de abastos

0

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, avaliaron o proxecto municipal para humanizar a contorna do mercado de abastos da localidade nunha reunión que mantiveron recentemente.

Durante o encontro, a rexedora trasladoulle á representante autonómica que o proxecto municipal ten como obxectivo acadar unha mellor integración urbana do edificio no que está previsto a creación dun centro multiusos, a través da creación dunha praza, da renovación de mobiliario urbano e da instalación dunha horta urbana, entre outras actuacións.

Ángeles Vázquez informou á alcaldesa da posibilidade de que esta iniciativa municipal, que está previsto desenvolver ao longo de dúas anualidades, se poida acoller ao chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de iniciativas que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Así, de ratificarse a colaboración, a Xunta financiaría o 70 % da obra e o concello asumiría o 30 % restante.

De feito, este municipio pontevedrés xa levou a cabo ao abeiro desta liña de financiamento o acondicionamento da contorna da Casa do Concello, que supuxo un investimento de preto de 60.000 euros.

Galicia comeza a inmunización dos bebés contra o Virus Respiratorio Sincitial

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o Hospital Materno Infantil da Coruña con motivo do inicio da campaña de inmunización pediátrica contra o virus respiratorio sincitial (VRS).

A Xunta comezará desde hoxe a inmunizar a todos os nenos que nazan nos hospitais da comunidade, converténdose en pioneira na protección contra este virus. O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) é o causante da bronquiolite, unha enfermidade que provoca ata un milleiro de hospitalizacións en Galicia. “Somos a primeira comunidade do mundo en administrar o anticorpo contra o VRS”, remarcou o titular de Sanidade, ao tempo que apuntou a adquisición de 15.500 doses por parte da Xunta.

Xunto cos recén nados, tamén desde a xornada de hoxe as áreas sanitarias convocarán aos nenos prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021), e aos nenos de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc) con menos de 24 meses. Ademais, entre os días 2 e 15 de outubro Sanidade citará a aqueles nenos que naceran desde o pasado 1 de abril de 2023.

Na compaña do delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e do xerente da área sanitaria de Coruña-Cee, Luis Verde; o responsable de Sanidade destacou a importancia que ten a prevención “como ferramenta para evitar enfermidades”, e remarcando o Calendario de inmunización ao longo da vida co que conta Galicia.

“Temos claro o noso compromiso coa saúde dos galegos e galegas, e traballamos nunha  estratexia pola prevención primaria”, remarcou o conselleiro, “o que nos levou a ir mellorando, cada ano, nun calendario vacinal que hoxe é dos mellores do mundo”.

Comezo da vacinación fronte á gripe e da Covid-19

Na xornada de hoxe, tamén comeza a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid-19 nas residencias sociosanitarias e centros de discapacidade. Así, a Xunta ten previsto vacinar aos preto de 30.000 usuarios deste centros. Neste sentido, e tras completar a vacinación nas residencias, o vindeiro 16 de outubro está previsto estender a campaña ao resto da poboación, coa apertura dos grandes recintos de vacinación. Así, Sanidade citará á poboación diana -vía SMS- con 4 ou 5 días de antelación.

Inaugurada a senda peonil do Foxo Vello en Mos

0

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de inaugurar este luns a nova senda peonil do Foxo Vello, no municipio de Mos. Un proxecto no que a institución provincial achegou preto de 410.000 euros. “Esta obra é froito desa colaboración institucional que este goberno quere potenciar neste mandato”, dixo o presidente logo de completar o itinerario acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, membros da corporación e da dirección da obra.

Os traballos comezaron no pasado mes de novembro e consistiron na mellora da seguridade viaria mediante a construción dunha senda peonil desde a igrexa da parroquia de Pereiras ata Atín, na contorna da estrada autonómica PO-331 e do colexio desta localidade. Un proxecto que, como adiantou Luis López, terá continuidade nos próximos meses con novas actuacións nesta contorna.

Na súa intervención, o presidente da Deputación destacou que se trata dun proxecto que ten como obxectivo avanzar en materia de seguridade viaria, pero que tamén contribúe ao fomento de hábitos de vida saudable e á redución das emisións de gases contaminantes ao favorecer os desprazamentos a pé ou en bicicleta fronte ao uso de vehículos a motor.

© Rafa Estévez

A inauguración da senda peonil do Foxo Vello é unha mostra dos froitos que pode dar a colaboración entre institucións. “Os investimentos nos concellos grandes, medianos e pequenos van ser o faro que guíe a nosa acción de goberno”, subliñou o dirixente provincial, quen recordou que ten a man tendida a reunirse cos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia para abordar temas de interese mutuo e reforzar a cooperación entre as administracións, como deixou claro na carta enviada a semana pasada aos 61 concellos pontevedreses.

Trátase ademais da primeira obra que Luis López inaugura desde a súa toma de posesión como presidente da Deputación e, ademais de poñer en valor o traballo realizado polo equipo de goberno, deu tamén os parabéns aos propietarios dos terreos polos que transcorre estes 700 metros de senda pola cesión desinteresada das súas propiedades. “Veciñas e veciños de Pereiras, noraboa porque o que fixestes non é algo común”, agradeceu no seu discurso o mandatario destacando tamén a xestión da comunidade de montes.

“Este goberno vai estar ao carón dos concellos durante, polo menos, os próximos catro anos”, remarcou o presidente despois de poñer ao Concello de Mos como exemplo de “bo funcionamento” e “de relacións baseadas nun espírito de lealdade institucional, cooperación e comunicación fluída para traballar sempre no beneficio da veciñanza”, concluíu o dirixente provincial.

Unha vintena de alumnos do Instituto Arxentino-Gallego Santiago Apóstol visitan Baiona

0

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu no Concello a un grupo de vinte estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Buenos Aires.

O rexedor deu a benvida aos mozos resaltando “a importancia destes proxectos internacionais, xa que á parte de servir para que se coñeza Baiona no exterior, neste caso en Arxentina, serven para afianzar os lazos entre ambos os lugares, moi unidos debido á gran cantidade de galegos, entre eles moitos baioneses, que emigraron a este país”.

Na recepción levada a cabo no Salón de Plenos municipal tamén participaron varios concelleiros do equipo de goberno.

O alumnado recibido no consistorio son estudantes do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo, o único centro que está financiado pola Xunta de Galicia fóra das fronteiras da nosa comunidade. O estudantado, na súa gran maioría descendentes de galegos, reciben clases de lingua galega así como tamén materias de cultura galega, historia de Gaicia, xeografía…

Os mozos atópanse no seu último curso de estudos antes de iniciar a universidade realizan a viaxe a Galicia como excursión de fin de curso.

Chegaron á nosa comunidade hai uns días e durante 15 días percorrerán diferentes zonas de Galicia. Xa estiveron en Santiago de Compostela e na Coruña, e prevén percorrer as catro provincias.

Despois da recepción na casa do concello de Baiona, os mozos fixeron un interesante percorrido pola Casa da Navegación da Villa, guiados polas instalacións pola directora da Casa. Así mesmo, fixeron unha visita ao museo flotante da Carabela Pinta.

Esta semana comezan os obradoiros de “Depo en marcha” para xubilados

Un total de 115 xubilados de 6 entidades doutros tantos concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.

Desta maneira, o martes 26 de setembro comezan dous cursos novos. 16 persoas da Asociación Cultural Irmáns Barcia de Ponteareas comezará un taller de pilates e outras 20 da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior) un curso de restauración de mobles e tapicería. O xoves, día 28, será a quenda de 15 membros da Asociación de Veciños Raigame de Caldas de Reis, que participarán nun taller de habilidades dixitais para o uso cotiá.

Por último, o venres 29 darán o tiro de saída tres novos cursos: 25 persoas da Asociación da sétima lista Robaleira de Bueu comezarán o curso de ioga, 17 do Centro Cultural Deportivo e Social O Coto de Salceda de Caselas e 22 da Asociación de Veciños Santa Cristina un sobre plantas mediciñais.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.

O MUMI saca músculo e consolídase como o espazo de internacionalización das nosas músicas

A 4ª edición do MUMI remata coa certeza de ter colocado novos e importantes chanzos no seu obxectivo de tender unha ponte entre as músicas de Galicia e Portugal abrindo o camiño da internacionalización para ambos territorios. O mercado da lusofonía e a conexión con outros territorios do Estado a través da colaboración iniciada este ano coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa debuxan un horizonte ilusionante para artistas e programadores que atopan na feira oportunidades e contactos para vender as súas propostas.

Máis de 60 programadores participaron nas roldas de speedmeetings que se sucederon ao longo do venres e o sábado na ZONA PRO instalada na Escola superior de Ciencias Empresariais de Valença. Aínda é cedo para calcular o volumen de negocio das transaccións e sinerxías creadas durante esta edición, pero a sensación xeral dos axentes musicais é moi positiva. Ánxela Vila, da organización do MUMI en Galicia explica que “as bandas e artistas conseguiron captar o interese de moitas programadoras e programadores que se achegaron a pedir contactos e axendar reunións tralos showcases. Hai concertos pechados e cremos que nos próximos meses se van pechar moitos máis; ademais vemos que se está creando unha rede de traballo, uns vínculos entre os sector dentro de Galicia e con Portugal que antes non existían e que se van fortalecendo en cada edición”.

O MUMI presentou nesta edición unha selección de 20 bandas e artistas onde estiveron representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios. Dentro da sección de showcases presentaron os seus directos a Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura, Xurxo Fernándes, Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar, Virgem Suta. Ao programa de showcases, sumáranse as propostas do concerto de apertura cos brasileiros Destino do Clã , o coro galego Encaixe e desde Portugal O Gajo coas Sanfonas da Ponte Velha; e no peche do domingo ao mediodía, os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze presentaron as súas propostas nunha sesión de música aberta ao público xeral dentro da Fortaleça de Valença. O ESPAZO OFF acolleu ademais as sesión de Dj Gaiteirinho e Dj Ábrete de Orellas.

A banda galega Caldo presentará o seu disco na Fira Mediterrània de Manresa en outubro. O acordo de colaboración iniciado este ano coa Fira Mediterrània de Manresa, e que trouxo ao MUMI proposta catalá de Alba Careta & Henrio, levará agora á banda galega Caldo a presentar o seu novo disco neste importante mercado no que se darán cita en outubro programadores de todo o mundo, e que é un referente para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Froito da conexión das axencias galegas con Cataluña, este ano a Fira Mediterrània de Manresa vai acoller tamén a outras bandas galegas como Caamaño & Ameixeiras, dentro do Focus Galiza-Portugal que o mercado catalán ten programado neste edición, grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Os temas que preocupan ao sector

 Nas sesións de faladoiros, os asuntos que espertaron mais interese entre as empresas e profesionais da industria da música foron a comercialización dixital da música, as claves para a contratación artística transfronteiriza, e como conseguir audiencias para músicas non maioritarias, un problema ao que se enfrontan a maioria das bandas e artistas e que precisa dunha estratexia de nicho que fidelice unha comunidade, dun investimento forte em material promocional que non sempre é asumible para proxectos pequenos, e tamén ou a través de colaboracións con artistas mainstream que podem axudar a alcanzar novos públicos e mais visibilidade.

O Espazo Loja, outra das novidades desta edición, conseguiu abrir unha nova liña de traballo dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa. Nesta primeira edición acolleu os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora. Onde se presentou a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worm e a escritora galega Teresa Moure, editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom.

Horizontes comúns

A organización do MUMI, un proxecto que viñan madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, expresou de maneira especial o seu agradecemento aos concellos da Eurocidade, Tui e Valença, pola aposta que fixeron desde o primeiro momento. Ambos concellos amosáronse sempre convencidos de que a Eurocidade Tui-Valença, un dos poucos espazos transfronteirizos en Europa de carácter urbano, pola súa necesidade de horizontes comúns, era o territorio acaído para un proxecto como o MUMI. As dúas institucións entenden que as implicacións sociais e económicas da actividade cultural e, máis concretamente, da música, están xerando benestar e progreso no territorio, e que o MUMI pode ser a mellor marca cultural da Eurocidade. Desde a organización do MUMI 2022, o balance da edición resúmese na capacidade que está demostrando o encontro para “crear oportunidades par as nosas industrias musicais, para os nosos artistas e os nosos territorios”, e a confirmación de que a feira se está a converter unha cita de referencia e unha ferramenta importante para a circulación de músicas entre Galiza e Portugal.
 
O MUMI está apoiado pola Eurocidade Tui-Valença, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Fundação GDA e Bodegas Martín Códax.

As visitas de samaín volven en outubro ao Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer este luns á venda as entradas para asistir ás visitas teatralizadas de Samaín que organiza o Castelo de Soutomaior durante o próximo mes de outubro. A institución provincial celebrará dúas modalidades distintas, unha delas nocturna e destinada ao público adulto e outra para un público infantil e familiar. Ambas as dúas actividades están a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal.

As visitas para público infantil celebraranse todos os sábados e domingos do mes (os días 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de outubro) en dobre sesión, ás 11:30 e ás 16:30 horas, e nelas o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28 de outubro) en horario de 20:00 horas, e nelas os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece.

As entradas das visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior están dispoñibles na plataforma de venda en liña (entradas.castelodesoutomaior.com), a un prezo único de 8 € e incluíndo a entrada ao Castelo, valorada en 5 €. As quendas organízanse para grupos de 30 persoas, polo que a razón de 30 pases (16 das visitas familiares e 8 das de público adulto) a Deputación de Pontevedra pon á disposición do público un total de 720 entradas para esta actividade.

Nigrán apsta por crear a primeira banda de música do municipio

0

O Concello de Nigrán dá este ano o primeiro paso de cara a crear a primeira banda de música do municipio. Isto será posible grazas a recén creada ‘Agrupación Musical Santiago de Parada’, que arranca xa como unha escola de música que formará desde a infancia unha canteira de instrumentistas locais que nutrirán esta futura banda. O proxecto cultural xurdíu da iniciativa do Centro Cultural ‘Parada o Miñor’ e de Daniel González Troncoso, director dos diferentes conxuntos do Ateneo Musical de Bembrive, e o Concello lle outorga o respaldo económico necesario cunha achega de 20.000 € para adaptar as instalacións desta entidade e outros 20.000 € para a adquisición de instrumentos e os diferentes recursos que precisan para iniciar esta escola.

“Como Concello estamos moi orgullosos de apoiar este proxecto que nace na parroquia de Parada e que nos outorgará a primeira banda de música do municipio. En canto nolo presentaron non dubidamos en darlle o respaldo económico imprescindible para que a banda se fixese realidade”, referíu o alcalde, Juan González, na presentación desta iniciativa o venres no colexio Carlos Casares de Vilariño (aquí acuden as crianzas da parroquia de Parada que, coma todas as do municipio, xa se poden inscribir). “No Concello contamos cunha escola de música municipal aberta a toda a veciñanza e agora sumamos este outro proxecto aberto tamén a toda a cidadanía e tamén con prezos populares porque o que nos interesa e que calquera rapaz ou rapaza de Nigrán teña acceso a un instrumento se o que lle gusta é a música”, conclúe.

O prazo de matrícula para esta nova escola dirixida a todas as idades a partir de 4 anos xa está aberto e, para comezar, ofrece as posibilidades de ‘Música e Movemento’ para crianzas de 4 a 6 anos, ‘Linguaxe Musical’ para infancia e para adultos e ‘Instrumento’ (vento-metal con trompeta, trompa, trombón, tuba e bombardino; vento-madeira con clarinete, saxo e frauta traveseira; e percursión sinfónica). Os prezos oscilan entre os 18 € mensuais de ‘Música e Movemento’ e 30 € de ‘Instrumento’ cun minimo de dous días á semana.

“Ocurríusenos este proxecto porque Nigrán é o único municipio do Val Miñor que non dispón de banda de música e, sen embargo, hai potencial para facelo”, explica Daniel González, quen engade que se trata dun proxecto “a longo prazo” porque para conseguir a banda “primeiro hai que formar durante anos aos futuros instrumentistas”. “O noso obxectivo agora é captar alumnado colaborando coas escolas de Nigrán e presentándonos á cidadanía, queremos formar parte da oferta cultural do municipio e avanzar xuntos de cara a este soño de formar unha banda”, admite o futuro director.

Tomiño consolida o seu innovador programa Encaixa-T

0

Tomiño segue traballando para ser un referente en políticas de infancia e adolescencia. O Concello vén de aprobar en pleno a renovación do convenio con Aldeas Infantís SOS de Galicia para consolidar o programa Encaixa-T, un innovador proxecto posto en marcha o curso pasado para atender á infancia dun xeito integral recollendo as necesidades de apoio escolar e psicosocial, de atención psicolóxica e de apoio ás e aos familiares de referencia para que nenos e nenas poidan vivir de forma integrada e feliz na súa contorna.

Tras o bo funcionamento do primeiro ano, o Concello segue a apostar por esta iniciativa que converte a Tomiño nun centro de proximidade grazas á colaboración do Servizo de Educación e Apoio á Familia (SEAF) municipal e os Grupos de Atención de Proximidade (GAP) de Aldeas Infantís. Rapaces e rapazas de 6 a 17 anos poden participar neste programa que emprega unha metodoloxía innovadora, con actividades socioeducativas que se desenvolven na Aula Estudo e con sesións psicoterapéuticas que se realizan nas instalacións dos Servizos Sociais municipais.

O equipo está integrado por una educadora social, una psicóloga e pola coordinadora dos GAP, que traballan en estreita colaboración coa técnica responsable do SEAF do concello. “Apostamos por atender á nosa infancia e adolescencia dun xeito integral, coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo moi necesario”, explica a alcaldesa, Sandra González, que salientou a importancia de crear este espazo socio-comunitario no que atender ás necesidades da rapazada e das súas familias achegando recursos sen que teñan que desprazarse e facilitando a superación daquelas situacións que supoñen una brecha na igualdade de oportunidades.

O concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salienta ademais a relevancia de contar cun programa como o Encaixa-T nun momento no que a atención psicolóxica pública segue a ser deficiente, xa que permite “poñer remedio a problemas que se poden facer crónicos e que desta maneira se atallan nunha idade temperá, permitindo que nenos e nenas acaden unha integración plena e unha oportunidade para vivir nunha contorna mellor, máis segura e feliz”.

Seis novas accións formativas esta semana a cargo de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta na semana do 25 ao 28 de setembro seis novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Centraranse en ciberseguridade, emprendemento, posicionamento SEO, manexo de Chat GPT e Stable Diffusion e  uso de WhatsApp Business para alugueiro vacacional.

O luns 25 ás 10 horas terá lugar o obradoiro “Ciberseguridade, que é o malware”. O obxectivo é dar a coñecer que é un malware e os diferentes tipos que existen, así como aprender a detectar se o equipo está infectado. O taller correrá a cargo de Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.

O martes 26 ás 12 horas dará comezo o taller “A iniciativa emprendedora” para dar a coñecer as razóns para crear unha empresa, os requisitos que debe reunir a persoa emprendedora e as recomendacións para iniciar o proxecto empresarial. Paz Ares, licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo será a encargada de impartir a formación.

O mércores 27 ás 12 horas iniciarase “SEO para e-commerce: Posiciona a túa tenda en liña en Google”. Este obradoiro de SEO está especializado nas tendas online e céntrase en ensinar ás persoas participantes a optimizar a web e a mellorar o posicionamento en Internet. A docente será Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

Na mesma xornada do mércores, ás 17 horas, comezará o taller complementario “Redacta os textos da túa web ou tenda online para posicionarte en Google” que ofrecerá as claves para acadar bos resultados nas procuras a través da redacción, tendo en conta as estratexias de contidos e empregando ferramentas para escoller as palabras clave. O taller será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relaciones Públicas con experiencia como asesora de comunicación e marketing dixital.

O xoves 28 realizaranse outros dous obradoiros telemáticos. O primeiro será de mañá, ás 12 horas,  e dá continuidade ao novo itinerario formativo dedicado á intelixencia artificial con “Chat GPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento II”, para coñecer o manexo das ferramentas. O taller será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire. O segundo, na quenda de tarde, dará comezo ás 17 horas co título “WhatsApp Business para alugueiro vacacional”. O obxectivo deste obradoiro, impartido por Sonia Torres, é ensinar a empregar WhatsApp Business como ferramenta de marketing no sector turístico.

Redondela solicita á Xunta que asuma o transporte escolar dos alumnos de Bacharelato e FP

0

O Concello de Redondela denuncia que o comezo do curso escolar puxo de manifesto unha vez máis as carencias no sistema do transporte escolar. Alumnado dos IES Pedro Floriani e Mendiño, especialmente os das parroquias de Reboreda, Portocabeiro, Vilar de Infesta, Cesantes, Quintela e Cedeira, non contan con prazas suficientes nos autobuses para poder facer o percorrido entre os seus domicilios e o instituto que lle corresponde. O alumnado de Bacharelato e Ciclos de FP non ten dereito ao transporte escolar, segundo recolle a normativa da Consellería de Educación, agás que existan prazas libres no autobús, e o incremento da matrícula nalgúns cursos complicou aínda máis a situación. O Concello de Redondela denuncia que a rapazada de entre 14 e 17 anos ten que trasladarse desde as diferentes parroquias en vehículo privado ou camiñando, xa que tampouco existen liñas de transporte público ordinario.

Esta situación levou ao goberno local a reunirse coas ANPAS dos centros afectados para buscar unha solución. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que “o ensino público e de calidade é un dereito de todos e todas”, polo que denuncia que a Xunta de Galicia non estea a respectar a igualdade de oportunidades da mocidade de Redondela “ao discriminar ao alumnado que vive nas parroquias e que tampouco conta cun transporte público alternativo para desprazarse ao instituto”. Tal e como acordaron coas familias o goberno local non descarta convocar mobilizacións de protesta se a Xunta de Galicia non resolve estas deficiencias. Rivas denuncia que hai dúas semanas solicitaron unha reunión urxente coa Consellería de Educación para tratar este asunto “e aínda non temos resposta”.

Levarase a pleno da próxima semana unha moción consensuada coas ANPAS solicitando ao goberno galego “que se garantan os dereitos dos nenos e nenas á educación, considerando como esencial o servizo de transporte escolar, tanto para Bacharelato como para os ciclos de FP e Educación Infantil”. Na sesión plenaria deste mes buscarán o apoio do resto dos grupos para instar á Xunta de Galicia a que modifique a normativa actual “habilitando o transporte escolar e universal para todo o alumnado de 3 a 18 anos, sen restricción por distancia”. Por outra banda demandan á Xunta que “con carácter urxente modifique o horario do transporte regular adaptándoo ao horario escolar e aumentado o servizo se é necesario”.

A rexedora local comprometeuse coas familias a que mentres a Xunta de Galicia non asuma este transporte o Concello de Redondela “mediará coa empresa concesionaria do servizo para tentar aumentar a capacidade dos autobuses e así garantir que os mozos e mozas de Bacharelato e Ciclos de FP poidan acudir puntualmente aos seus centros e regresar aos seus domicilios aínda que vivan no rural de Redondela”.

A moción debatirase no pleno da corporación municipal que se celebrará o próximo xoves, día 28 de setembro, no auditorio da Xunqueira.

Comezan as actividades formativas do programa “Conectadas”

Un total de 350 mulleres de asociacións de 14 concellos da provincia comezan a próxima semana 20 novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.

O luns 25 darán comezo catro accións. Doce mulleres da Asociación de Veciños San Mamede de Torroso en Mos iniciarán un curso de poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade; 18 mulleres da Asociación Cultural Deportiva Saliceta de Salceda de Caselas un de ximnasia hipopresiva; 20 integrantes da Asociacón de Mulleres Rurais “Mar e Agro” de Bueu outro de teatro; e 25 mulleres da Asociación de Mulleres Féminas en Acción de Vilanova de Arousa outro de pilates.

O martes 19 será a quenda de dez novos obradoiros. Neste caso, 23 mulleres da Asociación Española Contra el Cáncer de Bueu comezarán o curso “Coidar coidándonos”; 16 persoas da Asociación de veciños de Corrigatos de Moraña e outras 16 da Asociación de Veciños de Santa Cristina de Cobres o de “Alfabetización dixital”; 25 integrantes da Asociación de veciños Nosa Terra de Pereiras de Mos iniciarán unha actividade de “Ximnasia hipopresiva”; 22 mulleres da Asociación Española Contra el Cáncer de Mos comezarán o curso de Risoterapia; 20 persoas da Asociación Cultural Candelas de Portas o de “Taichi”; 16 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Matalobos na Estrada e outras 12 da Casa Santa María de la Esperanza Esclavas de la Virgen Dolorosa o de “Pilates”; e 14 persoas da Asociación de veciños Barrio de Saramagoso de Redondela iniciarán unha acción formativa sobre pintura. 

O mércores 14 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais “Castro Valente” da Estrada comezarán un curso de ioga e outras 12 da Sociedade Cultural do Viso en Redondela unha acción formativa de artesanía en coiro. Pola súa banda o xoves comezarán o seu curso de pintura 15 mulleres da Asociación Santa Isabel de Silleda.

Finalmente, o sábado 30 de setembro comezarán as súas accións formativas tres asociacións da provincia. Quince mulleres da Asociación O Abeiro de Marín e outras 24 da AAVV Cultural e Deportiva de Lourido, en Poio, iniciaranse no sendeirismo. Ademais, outras 14 mulleres da Asociación Amas de Casa Témporas de Agolada comezarán un curso para aprender a realizar artesanía en coiro.

Este ano participan en “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

Retomadas as obras da Rúa Carabela Pinta de Baiona

0

O Concello de Baiona retomou este luns, 18 de setembro, as obras de humanización na Rúa Carabela Pinta.

Despois da tempada de verán retómanse as obras no tramo correspondente ao Canellón de Hortas Reais, restituirase o pavimento de lousa por pedra, dando continuidade á rúa Carabela Pinta. Prevese que os traballos teñan unha duración de contorna a catro semanas.

O tráfico rodado mantense, unicamente verase afectado o tránsito peonil da marxe esquerda da Rúa Carabela Pinta.

Desde o Concello de Baiona lembramos que a parte alta desta  céntrica rúa baionesa é “de convivencia” onde , os peóns teñen prioridade e os vehículos deben circular a unha velocidade moi reducida, de 10km/hora.

Desde o Concello de Baiona facemos un chamamento á colaboración da veciñanza para que os traballos desenvólvanse da mellor forma posible e pídense desculpas ás persoas afectadas polas molestias que poidan ocasionar os traballos aos veciños do municipio.

Os horarios dos autobuses de Tui a Vigo cambiarán desde o xoves ante a aumento dos usuarios

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade modificará desde o vindeiro xoves, día 28 de setembro, horarios nos servizos de autobús entre Tui e Vigo para atender axeitadamente o aumento de usuarios rexistrados.

Concretamente, adiantarase o horario de saída da liña A Guarda-Tabagón-Goián-Tomiño-Taborda-Tui-Porriño-Vigo estación intermodal.

Este servizo, que sae actualmente ás 08,00 horas da Guarda e pasa por Tui ás 08,45 horas, adiantarase ás 07,10 horas, pasando por Tui ás 07,55 horas e con chegada á estación intermodal de Vigo ás 08,55 horas.

Esta viaxe contará coas seguintes paradas intermedias entre Tui e a estación de autobuses intermodal de Vigo: Tui (magnolia), Rebordáns, Guillarei (cruce), Guillarei (casa oficios), Empalme de Guillarei, Cerquido (bar Antoxo), Cerquido, Empalme Cerquido, Empalme de Casal (Budiño), Rocha (Atios), Porriño (A Guia), Porriño (Instalauto), Porriño (Xulgado), Ponte Galo (Avda.de Galicia), Puxeiros, Meixoeiro (instituto), Meixoeiro (hospital), Vigo (Avd.Madrid), Vigo estación intermodal. As paradas intermedias permiten ampliar as alternativas de viaxe dos estudantes que se desprazan cara a Vigo.

Co adianto de 50 minutos trátase de dar resposta ao incremento da demanda na conexión entre Tui e Vigo derivada do inicio do curso escolar, atendendo ao tempo a cuestións organizativas dos servizos de transporte público interurbano de competencia autonómica. A Xunta destaca a disposición e colaboración da empresa operadora para dar resposta ás necesidades globais de mobilidade da cidadanía.

A información relativa aos novos horarios polas respectivas paradas, así como tamén aos servizos dispoñibles pódese consultar na páxina web www.bus.gal.

Mañá abre a inscrición na penúltima ruta de “Voando nas Rías Baixas”

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 25 de setembro, o prazo de inscrición para a penúltima das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 8 de outubro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Esteiro do Río Miño no concello de A Guarda. Ofértanse 25 prazas para esta actividade guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

O Esteiro do Río Miño é un espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, concretamente no concello de A Guarda, lindando con Portugal e protexido pola Rede Natura 2000. A desembocadura do río Miño forma un esteiro intermareal con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves. No inverno e nos pasos migratorios pódese desfrutar de aves acuáticas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados. Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

A  andaina estará conducida por dúas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo terreo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo, recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

A última visita desta sexta edición de “Voando nas Rías Baixas” terá lugar pola Enseada de San Simón, (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), o 26 de novembro e as inscricións estarán abertas dende o 13 de novembro.