18.3 C
Pontevedra
Mércores, 16 de Outubro de 2024
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaO MUMI saca músculo e consolídase como o espazo de internacionalización das...

    O MUMI saca músculo e consolídase como o espazo de internacionalización das nosas músicas

    A 4ª edición do MUMI remata coa certeza de ter colocado novos e importantes chanzos no seu obxectivo de tender unha ponte entre as músicas de Galicia e Portugal abrindo o camiño da internacionalización para ambos territorios. O mercado da lusofonía e a conexión con outros territorios do Estado a través da colaboración iniciada este ano coa prestixiosa Fira Mediterrània de Manresa debuxan un horizonte ilusionante para artistas e programadores que atopan na feira oportunidades e contactos para vender as súas propostas.

    Máis de 60 programadores participaron nas roldas de speedmeetings que se sucederon ao longo do venres e o sábado na ZONA PRO instalada na Escola superior de Ciencias Empresariais de Valença. Aínda é cedo para calcular o volumen de negocio das transaccións e sinerxías creadas durante esta edición, pero a sensación xeral dos axentes musicais é moi positiva. Ánxela Vila, da organización do MUMI en Galicia explica que “as bandas e artistas conseguiron captar o interese de moitas programadoras e programadores que se achegaron a pedir contactos e axendar reunións tralos showcases. Hai concertos pechados e cremos que nos próximos meses se van pechar moitos máis; ademais vemos que se está creando unha rede de traballo, uns vínculos entre os sector dentro de Galicia e con Portugal que antes non existían e que se van fortalecendo en cada edición”.

    O MUMI presentou nesta edición unha selección de 20 bandas e artistas onde estiveron representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios. Dentro da sección de showcases presentaron os seus directos a Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura, Xurxo Fernándes, Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar, Virgem Suta. Ao programa de showcases, sumáranse as propostas do concerto de apertura cos brasileiros Destino do Clã , o coro galego Encaixe e desde Portugal O Gajo coas Sanfonas da Ponte Velha; e no peche do domingo ao mediodía, os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze presentaron as súas propostas nunha sesión de música aberta ao público xeral dentro da Fortaleça de Valença. O ESPAZO OFF acolleu ademais as sesión de Dj Gaiteirinho e Dj Ábrete de Orellas.

    A banda galega Caldo presentará o seu disco na Fira Mediterrània de Manresa en outubro. O acordo de colaboración iniciado este ano coa Fira Mediterrània de Manresa, e que trouxo ao MUMI proposta catalá de Alba Careta & Henrio, levará agora á banda galega Caldo a presentar o seu novo disco neste importante mercado no que se darán cita en outubro programadores de todo o mundo, e que é un referente para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Froito da conexión das axencias galegas con Cataluña, este ano a Fira Mediterrània de Manresa vai acoller tamén a outras bandas galegas como Caamaño & Ameixeiras, dentro do Focus Galiza-Portugal que o mercado catalán ten programado neste edición, grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.

    Os temas que preocupan ao sector

     Nas sesións de faladoiros, os asuntos que espertaron mais interese entre as empresas e profesionais da industria da música foron a comercialización dixital da música, as claves para a contratación artística transfronteiriza, e como conseguir audiencias para músicas non maioritarias, un problema ao que se enfrontan a maioria das bandas e artistas e que precisa dunha estratexia de nicho que fidelice unha comunidade, dun investimento forte em material promocional que non sempre é asumible para proxectos pequenos, e tamén ou a través de colaboracións con artistas mainstream que podem axudar a alcanzar novos públicos e mais visibilidade.

    O Espazo Loja, outra das novidades desta edición, conseguiu abrir unha nova liña de traballo dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa. Nesta primeira edición acolleu os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora. Onde se presentou a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worm e a escritora galega Teresa Moure, editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom.

    Horizontes comúns

    A organización do MUMI, un proxecto que viñan madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, expresou de maneira especial o seu agradecemento aos concellos da Eurocidade, Tui e Valença, pola aposta que fixeron desde o primeiro momento. Ambos concellos amosáronse sempre convencidos de que a Eurocidade Tui-Valença, un dos poucos espazos transfronteirizos en Europa de carácter urbano, pola súa necesidade de horizontes comúns, era o territorio acaído para un proxecto como o MUMI. As dúas institucións entenden que as implicacións sociais e económicas da actividade cultural e, máis concretamente, da música, están xerando benestar e progreso no territorio, e que o MUMI pode ser a mellor marca cultural da Eurocidade. Desde a organización do MUMI 2022, o balance da edición resúmese na capacidade que está demostrando o encontro para “crear oportunidades par as nosas industrias musicais, para os nosos artistas e os nosos territorios”, e a confirmación de que a feira se está a converter unha cita de referencia e unha ferramenta importante para a circulación de músicas entre Galiza e Portugal.
     
    O MUMI está apoiado pola Eurocidade Tui-Valença, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a Fundação GDA e Bodegas Martín Códax.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.