9.7 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasOs cen primeiros días de goberno descobren unha débeda que supera os...

    Os cen primeiros días de goberno descobren unha débeda que supera os 9M de euros

    A alcaldesa de Ponteareas e o actual grupo de goberno compren os primeiros 100 días á fronte do Concello, período no que traballaron arreo para emendar os problemas económicos e sociais herdados do mandato da anterior corporación e sentar as bases para garantir os mellores servizos e calidade de vida aos veciños, e así o manifestaron en rolda de prensa no Salón de Plenos do Consistorio.

    O principal escollo que atopou o actual grupo de goberno refírese á facenda local, ademais dos máis de 9 millóns de euros en débedas, dos que 2,5 millóns se corresponden con facturas impagadas, segundo o correspondente expediente; hai 300.000 euros en múltiples facturas, un total de 350, por supostos traballos realizados sen contrato, e o último exercicio 2022, pechouse cunhas perdas de 1,5 millóns tamén recollido nun expediente municipal. A peor parte do presuposto da anterior coalición de goberno, BNG-PSOE refírese ao alumeado, xa que se incluíu unha partida de 300.000 euros cando o custe real é de un millón máis, ata os 1,3 millóns de euros.

    No que respecta á electricidade e para evitar problemas xerados pola anterior administración que provocaron, entre outros, o corte de luz antes da sesión de investidura, estanse a manter distintos contactos para atopar solucións viables. Xa que a partida orzamentaria era de 300.000 euros cando a realidade é de 1,3 millóns. De feito aproveitarase o pleno extraordinario da Conta Xeral para levar o recoñecemento extraxudicial de preto de 450.000 euros en facturas sen crédito. Tal é a situación que á chegada do actual grupo de goberno ao consistorio o crédito dispoñible para o que quedaba de ano, de 17 de xuño a 31 de decembro era de 97.000 euros.

    Por outra banda, o executivo xa está a tramitar un orzamento para o ano 2024 co obxectivo de subsanar os problemas herdados e facer fronte aos gastos ordinarios mais a recuperación de servicios que non se estaban a prestar así como futuros proxectos.

    O actual grupo destacou que se eliminou o procedemento de rexistro de entrada e recibiuse a todas as persoas que precisen reunirse coa alcaldesa. Así, Nava Castro recibiu a 20 persoas ou colectivos de media por día. O mesmo procedemento é extensible aos concelleiros.

    Vías e obras

    Numerosos veciños levaban meses esixindo que o concello levara a cabo as actuacións necesarias para poder transitar ou acceder ás súas casas como o roce de cunetas, a limpeza dos camiños, o asfaltado e a reparación das vías. “Este é un servizo básico e a pedra angular das tarefas de mantemento dun municipio”, sinala Nava Castro.

    Por este motivo, establecéronse prioridades para atender todos os danos, de forma ordenada. Comezouse pola Freixa para que estivese lista para o verán. A seguinte vía de actuación foi que todas as parroquias tivesen os seus torreiros e zonas públicas limpas e preparadas para as súas festividades. Finalmente, a limpeza de vías de forma continuada en once parroquias que abarcou unha área de 58 km cadrados (o 46,4 % do Concello) e dando servizo a máis de 4.000 persoas.

    O novo executivo admitiu que, neste sentido, existe unha desproporción entre as demandas de limpezas e a capacidade para poder darlles solución. Non obstante, atenderán todas e cada unha delas da forma máis áxil posible. “Estase pasando por todas as parroquias e seguiremos ata o último día de mandato do noso goberno pois Ponteareas somos todos, parroquias e centro”, conclúen.

    Servizos comúns

    Coa chegada de Jesús Cao á concellería de Servizos Comúns atopouse coa totalidade dos contratos vencidos e sen renovar, inclusive algúns en situación de prórroga forzosa por tratarse de servizos básicos. Ademais, o esgotamento do orzamento e a non dispoñibilidade de marxe para poder afrontar os gastos ordinarios imposibilitaba a prestación dos servizos. Coa entrada do novo goberno estase a tramitar a nova licitación  que inclúe múltiples melloras e a adaptación do servizo aos obxectivos da Axenda 2030.

    Similar situación no caso do Servizo de Auga (ETAP e EDAR): licitación vencida e contrato prorrogado, pendente de adaptación aos cambios lexislativos actuais. A vía de traballo é tramitar unha nova licitación máis económica e que contemple o saneamento integral de todas as parroquias do concello, a ampliación da EDAR e o estudo de uso de redes alternativas, así como o apoio loxístico e económico ás traídas de augas veciñais e a ampliación da rede municipal aos núcleos demandantes.

    No referente ás fosas sépticas, contrato vencido en marzo deste ano, cunha opción de prórroga que a propia alcaldía de entón rexeitou o 17 dese mesmo mes. Non se tramitou ningún novo expediente para dar saída á demanda pero a Administración continuou recollendo peticións e inclusive recollendo taxas. A nova corporación asinou un novo contrato o 30 de agosto, e dende entón lévanse atendidos máis de 100 baleirados.

    Tamén os contratos de mantemento e material de alumeado público estaban vencidos, o que se traduciu en múltiples incidencias en parroquias, moitas incluso sen servizo. Entre as medidas urxentes adoptadas polo Concello destaca a substitución de máis de 100 luminarias para poder restablecer o servizo pese a que outras medidas aínda non poden efectuarse ata que exista un novo orzamento.

    Deporte e tráfico

    “A situación que nos atopamos na área de deportes foi moi grave: un orzamento consumido na súa totalidade en menos de seis meses, unha débeda de 60.000 euros e unha subvención non tramitada que impediu aos clubs optar a unha axuda”, en palabras de Francisco Represas. “As entidades deportivas realizan un traballo moi importante e o Concello ten a obriga de instalacións en condicións”. O Concello levou a pleno a aprobación dun plan de axudas ao deporte á vez que se traballa nun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas no deporte.

    O estado das instalacións deportivas era calamitoso, con duchas polas que pasaba a corrente eléctrica no campo de fútbol de San Mateo de Oliveira, auga nos vestiarios de Pardellas e un muro derruído seis meses atrás, ou o teito do Complexo Deportivo Álvaro Pino coas vigas en mal estado, un perigo para a seguridade dos usuarios segundo un informe que non foi atendido.

    No referente ao tráfico, detectáronse innumerables incumprimentos que poñen en perigo a seguridade viaria. Sinais mal colocadas ou en mal estado, ou puntos negros ao redor dos centros educativos. Na actualidade estanse a executar medidas transitorias para paliar a situación, á espera da aprobación dun novo orzamento que dote esta área dos recursos precisos.

    Benestar, Igualdade, saúde e consumo

    No que respecta aos Servizos Sociais, o actual grupo de goberno lamenta a situación herdada: “non se licitaban necesidades permanentes como limpeza, alimentación ou combustibles; detectamos un desaxuste no inventario do transporte municipal, unha carencia no transporte adaptado, déficit de persoal, inexistencia de listas de substitución do persoal, mal estado das instalacións, un protocolo de igualdade caducado, aulas infantís pechadas por incumprimento normativo, e a comunidade de veciños da ludoteca sen pagar dende máis dun ano”, entre outros. Esta última débeda xa foi saldada e estase a buscar un novo emprazamento.

    Tamén se está a traballar na redacción dun novo protocolo de igualdade e en proceso a recollida dos danos da residencia de maiores, que van ser reparados cos fondos existentes e unha nova partida ao ser os primeiros insuficientes. Xa se constituíu a mesa intersectorial da saúde e por último, trabállase tamén para abrir de novo a aula da Escola Infantil, xa que non existía ningún plan para poder arranxar os problemas que presentaba.

    Urbanismo e Medio Ambiente

    Nas áreas de Urbanismo e Medioambiente, “no que atinxe á xestión da EDUSI, puidemos comprobar o que xa prevíamos, que a xestión destes fondos estaba a ser nefasta”, confirma Silvia Fernández.

    No ano 2016 concedeuse unha axuda de 5 millóns de euros de Fondos Europeos á Estratexia DUSI, comprometendo ao Concello cunha aportación de máis de 1,2 millóns de euros, alcanzando así un importe total de máis de 6,2 millóns. “Este vindeiro 31 de decembro remata a prórroga que solicitou o anterior goberno e pese a que os fondos foron concedidos no 2016, ao chegar nós en xuño, aínda restaban liñas estratéxicas por definir, proxectos por iniciar e outros moitos por licitar”, sinala a Fernández Táboas.

    Así, nestes 100 días, o actual executivo conseguiu adxudicar a obra de rehabilitación da nave de Aceros do Tea á empresa PRACE Servicios y obras SL, despois de dous intentos errados do goberno do BNG-PSOE. Así mesmo, tamén se tramitou a Área de Reparto 10 para que a nave pasase a titularidade municipal.

    Así mesmo, rematouse a obra do Centro Empresarial e elaborouse a Ordenanza para a súa xestión, que agora está en trámite de aprobación. En canto á obra do Centro Cívico, ampliouse o seu uso para dotalo de Residencia de Artistas axilizando o máximo posible as fases da obra para cumprir os prazos. Tamén se deseñaron e licitaron novas actuacións, como varios contratos dentro do Obxectivo Temático 2, das Tecnoloxías da Información e da Comunicación así como o Programa de Formación para a Inserción Profesional de Colectivos en Risco.

    En canto ás Solicitudes de Pago a Beneficiarios, dende o Concello sinalan que a situación é moi crítica. Dende o ano 2016 tan só se ingresou unha única partida, o 10 de outubro de 2017, un anticipo que lle foi concedido a tódalas Estratexias DUSI por un importe de 164.500 €, o que supón un 2,63% do gasto total. É dicir, en menos de seis meses o novo executivo terá que executar, certificar e xustificar o 100% dos fondos.

    En materia de terreos para o novo centro sanitario, o anterior goberno, ao non poñerse de acordo, ofertou uns terreos non hábiles para a construción que estaban afectados pola N-120 e polo Regato da Venda. A realidade é que a situación de debate interno viña dunha falta de visión no plan orixinal do PXOM, onde non se prevía ningunha parcela para a localización do novo Centro de Saúde. Ante esta situación, o equipo de goberno de Nava Castro optou por cambiar a localización inicial cara os terreos que están fronte á escola Ramiro Sabel, xa que non requiren obras de acondicionamento da parcela, favorecendo así a posibilidade de pronta edificación.

    No que se refire á contorna residencial de rehabilitación programada na Zona Vella de Ponteareas, o novo goberno atopouse coa parálise das axudas para levar a cabo estes traballos de rehabilitación. Ante esta situación, paralizaron a externalización da creación da Oficina de Rehabilitación para a xestión destes fondos, posto que consideran que a mellor opción é dotar a esta oficina de persoal municipal, e confeccionaron as bases de axudas que publicarán nas vindeiras semanas.

    Así mesmo, solicitouse a transferencia da titularidade do tramo urbano da N120 para que se poidan facer obras que non sexan só de mantemento e conservación nas vivendas da Calle de Abaixo. Tamén se xestionaron obras como a Ponte de Fontenla, o muro do Punto Limpo ou o Portalón do Castelo de Sobroso, que estivo máis dun ano derruído, para o cal o goberno anterior contratou dous proxectos para a súa rehabilitación e que finalmente non executaron ningún.

    O novo executivo elaborou tamén os pregos técnicos e particulares para a contratación do equipo redactor para a realización do Plan Parcial de A Lomba. “Nas vindeiras semanas sairá a licitación para poder comezar cos traballos de redacción. Convocaremos a tódolos axentes afectados e daremos prioridade absoluta ao Plan para conseguir dotar a Ponteareas de Solo Industrial, para que as nosas empresas poidan crecer, e outras novas, instalarse”, sinala Silvia Fernández.

    No que respecta ao río Tea, existía un gran estado de abandono, así como a área recreativa de A Freixa, a Moscadeira ou a praia da Ponte das Partidas. Dende o primeiro momento, retomouse a análise das augas nos puntos de mostraxe existentes e se solicitaron dous puntos máis. Redactouse un proxecto de reparación da senda do Tea, con financiación a cargo dun convenio coa Deputación de Pontevedra por importe de 200.000€.

    Cultura e comercio

    En Cultura, a 17 de xuño o remanente a executar era de 638 euros e con facturas pendentes de pago sen poder cuantificar. Isto, sumado á falta de programación de actividades de verán, a inexistencia dun rexistro das actividades realizadas durante os últimos anos, un déficit de medios técnicos, un Plan Cultura 24 parado dende o ano 2020 e unha biblioteca municipal con material obsoleto e disperso.

    Entre as primeiras e necesarias actuacións neste ámbito está a reorganización do persoal da concellería de Cultura para axilizar as tarefas pendentes; a creación dun plan de actividades para o que resta de ano; a contratación de conserxes para o mantemento en todos os Centros Rurais Agrupados (CRA); o inicio dos trámites para licitar a limpeza dos centros de Oliveira e Guláns; e os contactos co sector hostaleiro en previsión das festas de Outono.

    No comercio local, “non existía ningún plan para potencialo e detectamos postos ilegais no mercado e no que atinxe á Praza de Abastos, existía unha inspección de sanidade da Xunta de Galicia dende o mes de abril no que se indicaban múltiples deficiencias que tiñan que ser resoltas antes de Xuño”, sinala a Ricardo González.

    Como resumo a estes primeiros cen días de goberno en Ponteareas, o actual grupo tivo que poñerse ao día ante a falta de traspaso de temas pendentes, analizar a situación de cada concellería onde se constatou “a deixadez da anterior corporación” polo que a alcaldesa, Nava Castro, agradeceu o “inmenso traballo que está a desenvolver todo o equipo” para acelerar todos os traballos para dotar aos veciños e veciñas de Ponteareas dos servizos máis básicos e comezar a garantirlle as súas necesidades. Un traballo no que se atopan inmersos Jesús Cao, Silvia Fernández, Francisco Represas, Ricardo González e Raquel Plana, os concelleiros, encabezados pola alcaldesa Nava Castro, que deron conta destes primeiros 4 meses á fronte do goberno local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.