3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeLouriñaMosInaugurada a senda peonil do Foxo Vello en Mos

    Inaugurada a senda peonil do Foxo Vello en Mos

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de inaugurar este luns a nova senda peonil do Foxo Vello, no municipio de Mos. Un proxecto no que a institución provincial achegou preto de 410.000 euros. “Esta obra é froito desa colaboración institucional que este goberno quere potenciar neste mandato”, dixo o presidente logo de completar o itinerario acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, membros da corporación e da dirección da obra.

    Os traballos comezaron no pasado mes de novembro e consistiron na mellora da seguridade viaria mediante a construción dunha senda peonil desde a igrexa da parroquia de Pereiras ata Atín, na contorna da estrada autonómica PO-331 e do colexio desta localidade. Un proxecto que, como adiantou Luis López, terá continuidade nos próximos meses con novas actuacións nesta contorna.

    Na súa intervención, o presidente da Deputación destacou que se trata dun proxecto que ten como obxectivo avanzar en materia de seguridade viaria, pero que tamén contribúe ao fomento de hábitos de vida saudable e á redución das emisións de gases contaminantes ao favorecer os desprazamentos a pé ou en bicicleta fronte ao uso de vehículos a motor.

    © Rafa Estévez

    A inauguración da senda peonil do Foxo Vello é unha mostra dos froitos que pode dar a colaboración entre institucións. “Os investimentos nos concellos grandes, medianos e pequenos van ser o faro que guíe a nosa acción de goberno”, subliñou o dirixente provincial, quen recordou que ten a man tendida a reunirse cos alcaldes e alcaldesas de toda a provincia para abordar temas de interese mutuo e reforzar a cooperación entre as administracións, como deixou claro na carta enviada a semana pasada aos 61 concellos pontevedreses.

    Trátase ademais da primeira obra que Luis López inaugura desde a súa toma de posesión como presidente da Deputación e, ademais de poñer en valor o traballo realizado polo equipo de goberno, deu tamén os parabéns aos propietarios dos terreos polos que transcorre estes 700 metros de senda pola cesión desinteresada das súas propiedades. “Veciñas e veciños de Pereiras, noraboa porque o que fixestes non é algo común”, agradeceu no seu discurso o mandatario destacando tamén a xestión da comunidade de montes.

    “Este goberno vai estar ao carón dos concellos durante, polo menos, os próximos catro anos”, remarcou o presidente despois de poñer ao Concello de Mos como exemplo de “bo funcionamento” e “de relacións baseadas nun espírito de lealdade institucional, cooperación e comunicación fluída para traballar sempre no beneficio da veciñanza”, concluíu o dirixente provincial.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.