8.7 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoDedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar...

    Dedicación e compromiso da ANPA do IES Antón Alonso Ríos para transformar a educación tomiñesa

    Dedicación, compromiso e moitas horas de traballo para ofrecer ás familias e á mocidade tomiñesas os máximos recursos e servizos posibles. Ese é o obxectivo da ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos, que arrancaba este inicio de curso cunha importante tarefa: a entrega ao alumnado de case un milleiro de volumes do banco de libros, co que o Concello de Tomiño colabora cada ano.

    O obxectivo é facilitar a todas as familias asociadas os libros obrigatorios e de apoio necesarios cada curso a un custo mínimo ou de balde. “Non só alivia a carga económica das familias e garante que todo o estudantado teña acceso aos materiais necesarios, senón que permite construír unha contorna educativa inclusiva e equitativa”, explica a presidenta da ANPA Solleiro, Elena Cerezales. Este ano beneficiáronse desta iniciativa 509 alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato, o 88% das e dos matriculados no centro, unha cifra que vai crecendo ano a ano.

    Recentemente renovada, a asociación está liderada por sete mulleres, sete nais que destinan moito tempo a un traballo altruísta co que mellorar as oportunidades da mocidade tomiñesa. Por iso o seu labor vai moito máis alá do banco de libros. Así, a ANPA Solleiro organiza e xestiona o ‘Xantar dos luns’, “un espazo adaptado e con monitor para que a rapazada poida comer de friameira no instituto o día que teñen clase pola tarde, xa que a moitos nenos e nenas non lle da tempo ou non poden ir a casa”. Cun aforo de 40 persoas, neste servizo dáse prioridade ao alumnado que vive máis lonxe do centro.

    A asociación ademais organiza, xestiona e cofinancia as clases de inglés tanto de reforzo como para preparar o B1 e o B2 de aqueles rapaces e rapazas que o soliciten. Estas dúas iniciativas contan tamén coa colaboración do Concello de Tomiño a través de diferentes subvencións municipais sociais e culturais.

    As excursións escolares son outro dos apoios que prestan dende a ANPA, xa que se encargan de planificar, xestionar e mediar incluso na venda de produtos para a recadación de cartos de nenos e nenas para financiar as principais excursións do IES, a de fin de curso anual e a da Semana Branca, e colaboran economicamente na medida das súas posibilidades co resto de saídas.

    Para a ANPA o inicio deste novo curso é unha oportunidade para implementar novas iniciativas “que conecten directamente coa rapazada do centro, tendo en conta a súa opinión”. “Queremos fomentar a participación do alumnado con enquisas para saber que temas lles interesan e poder poñer en marcha en colaboración co equipo directivo e docente do centro charlas e talleres relacionados tamén con temas que preocupan moito ás familias, como a saúde mental, o bo uso das redes sociais ou a orientación académica e laboral”, salienta Cerezales. Dende o Concello agradécese o traballo, esforzo e compromiso da ANPA Solleiros, que conta coa participación xunto a Cerezales de Lorena González, María Xosé Vázquez, Valeria Tesé, Imelda Núñez, Fabiola Galindo e Eva Pereira. Un agradecemento que se estende a todas as asociacións de nais e pais dos centros educativos de Tomiño, un piar fundamental para enriquecer a experiencia educativa de cativada e mocidade

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.