3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsan a reserva de...

    A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsan a reserva de billetes

    A Xunta e as concesionarias do autobús autonómico impulsarán a reserva anticipada de billetes e a mellora da información aos usuarios ante unha demanda que está a medrar nun 18 % polas deficiencias do ferrocarril e os incentivos económicos.

    A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa secretaria xeral técnica, Pilar Arias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes das catro federacións de transporte de viaxeiros por estrada, ANETRA, TRANSGACAR, FEGABUS e FEGATRAVI, para analizar a situación dos servizos neste momento, coincidindo coa volta ás aulas no setembro.

    Vázquez Mourelle enmarcou esta reunión na liña do diálogo permanente que a Xunta mantén co sector e apuntou o obxectivo de analizar hoxe as vías para mellorar a atención á demanda, rexistra un incremento sostido longo de todo este ano,  xeneralizado en todas as liñas.

    A conselleira puxo o acento en que nas dúas últimas semanas, con motivo do reinicio da actividade lectiva, se está a consolidar esa tendencia á alza, rexistrándose tensións, especialmente, nos venres de regreso dos estudantes desde as estacións intermodais.

    Remarcou que no primeiro venres do inicio do curso escolar se bateron as marcas de demanda desde que se teñen rexistros no transporte público autonómico, con máis de 157.000 viaxes. Estas cifras, concretou a conselleira, superan nun 18% as rexistradas de media nos venres do curso anterior.

    A Xunta e as empresas de transporte coinciden en que este aumento da demanda vén motivado por tres factores clave: a superación da pandemia; os incentivos económicos ao transporte público; e, de forma moi destacada, as deficiencias dos servizos ferroviarios na Comunidade.

    Ethel Vázquez referiuse á ausencia de conexións ferroviarias, que directamente non existen ou que son coma se non existisen, como o caso de Santiago-Lugo ou Ferrol-A Coruña; vías cortadas como a de Lugo-Ourense; material rodante obsoleto e unha flagrante insuficiencia de prazas nos trens.

    O resultado, tal e como explicou a conselleira, supón unha gran transferencia de usuarios do ferrocarril ao autobús, moitas veces con escasa anticipación, porque os viaxeiros do tren que quedan en terra buscan alternativas de viaxe no momento desde as propias estacións intermodais.

    A este respecto, lembrou que a semana pasada a Xunta se dirixiu a Renfe para que adopte as medidas necesarias para acabar coas molestias permanentes aos usuarios do tren e este dano ao transporte público.

    Ethel Vázquez contrapuxo a situación dos servizos ferroviarios coa do transporte público autonómico, onde a Xunta traballou desde o primeiro momento co sector para anticiparse a eses picos de demanda e atender as necesidades dos cidadáns que apostan polo transporte público para desprazarse.

    A conselleira valorou o traballo que está a realizar o sector e a boa disposición ás solicitudes da Xunta de reforzo e axustes diarios en zonas como O Morrazo, Fisterra ou Tui, para atender aos estudantes do ensino non obrigatorio e universitarios.

    Tamén resaltou o esforzo que supuxo mobilizar ata 200 expedicións extraordinarias nese primeiro venres do curso, especialmente ante as dificultades que atravesan as empresas nestes momentos,  de escaseza de man de obra e de complicacións, tamén, para a adquisición de vehículos.

    Tal e como adiantou a conselleira, no obxectivo común da Xunta e dos concesionarios de prestar un bo servizo de transporte público aos cidadáns, seguirase a traballar para axilizar a posta á disposición dos datos de demanda de forma que sexa posible anticipar as respostas e as os reforzos necesarios; tamén na mellora nas canles de información e atención ao usuario; e na extensión dos medios de reserva telemática dos billetes coas vantaxes das tarxetas TMG e Xente Nova.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.