15.5 C
Pontevedra
Sábado, 4 de Maio de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloO Plan de Igualdade de Covelo axudará a 6 mulleres a obter...

    O Plan de Igualdade de Covelo axudará a 6 mulleres a obter o carné B, C e CAP

    A Concellería de Igualdade do Concello de Covelo, que dirixe María José Valiñas, en colaboración coa concellería de Emprego e Formación, que dirixe Lourdes Enes, reiteran a súa aposta de apoio á inserción laboral das mulleres e informan que está aberto o prazo para preinscribirse no curso para a obtención dos carnés de conducir B, C e CAP.

    No marco do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Covelo ofertarase por primeira vez esta formación que abre o prazo para inscribirse ata o día 2 de outubro e do que se poderán beneficiar as mulleres maiores de 29 anos empadroadas e que residan no Concello de Covelo con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023  no concello. “O obxecto deste proxecto é favorecer a inserción e a conciliación da vida persoal e familiar, a través da obtención do carné de conducir, clase B, Clase C máis CAP para mulleres empadroadas en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades”, explica M.ª José Valiñas.

    Logo de ter realizado un estudo comparativo entre mulleres e homes no municipio, o Concello de Covelo pon en marcha distintas actuacións co fin de paliar as desigualdades existentes  e conseguir unha maior igualdade entre os sexos. Unha das accións é o curso do carné B, C e CAP que abrirá unha nova vía laboral ás mulleres, fomentará a súa emancipación e liberdade de movementos e a posibilidade de mellorar o seu curriculum.

    O Concello de Covelo investirá 6.567€ nesta formación dirixida a 6 mulleres con 4 cursos de carné de conducir B e 2 cursos de carné de conducir C + CAP. “Esta iniciativa ao igual que o resto das accións recollidas no Plan de Igualdade perseguen un cambio de valores, fomentar  a eliminación dos roles e estereotipos sexistas e promover o principio de igualdade de oportunidades na formación, o emprego e na conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes do Concello de Covelo”, explica a concelleira María José Valiñas.

    Para reducir os desprazamentos a parte teórica do carné B impartirase en Covelo. A concelleira adianta que na páxina web do Concello poderase obter toda a información así como nas oficinas municipais.

    Pola súa banda, o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, anima a toda a cidadanía seguir formándose, “calquera idade é boa para seguir aprendendo, dende o Concello intentamos ofrecer unha formación continua a través dos convenios coa Universidade de Vigo e con distintas administracións públicas para beneficiar a nosa veciñanza de cursos cos que manterse actualizados e, sobre todo, manterse activos”.

    Impartir unha formación especializada ás mulleres desempregadas da localidade, especialmente a aquelas que se atopan en situación de especial vulnerabilidade social e que supoña facilitar o seu acceso ao mercado laboral son as premisas deste curso que se desenvolve en colaboración con outras administracións públicas como a Deputación de Pontevedra que o cofinancia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.