3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda acolle este venres a presentación da nova curta do guardés...

    A Guarda acolle este venres a presentación da nova curta do guardés Nani Matos

    Este venres día 29 de setembro ás 21:30 horas, o guardés Nani Matos presenta en Camposancos a súa nova curta “Antes de que se poña o sol”.

    “Nunha reunión familiar, catro irmáns deben tomar unha decisión e non todos están de acordo”. Así é a sinopse da curta da que pouco máis se pode revelar. A curta fala dos conflitos familiares entre os pais e os fillos adultos. Un drama familiar ambientado no mundo rural que nos achega ao difícil que é aceptar o paso do tempo e respectar as decisións dos demais. 

    Este venres poderemos vela no lugar de “O Palomar” en Camposancos, unha proxección ao aire libre que será, sen dúbida, especial por ser Camposancos o pobo de nacemento do seu director. Nani actualmente reside en Pontevedra pero mantén unha estreita relación coa Guarda e o Baixo Miño. No acto de presentación desta nova curtametraxe tamén contaremos coa música de Bieitosolo.

    “Antes de que se poña o sol” é, como diciamos, unha curtametraxe escrita e dirixida por Nani Matos. Rodouse na parroquia de Rebordáns en Negreira, no mes setembro de 2022 e conta cun elenco formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos onde participa por primeira vez como actor nunha curta na que tamén a dirixe. Poderemos ver ademais o debut no cinema da moza Sabela Rodríguez, unha prometedora actriz da Guarda que o propio Nani descubriu en Camposancos.

    Esta curtametraxe estreouse o 30 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra. No pequeno percorrido que leva xa acadou 5 premios e preto de 20 seleccións en festivais como o Festival Internacional de Cortometrajes de Berriozar, en Navarra; o Festival Internacional de Cine Social de Toledo ou mesmo o Festival Primavera do Cine, en Vigo, onde acadou o Premio á Mellor Curtametraxe. No mes de outubro estrease internacionalmente no Festival de Cine de Hendaia, en Francia.

    A Facultade de Belas Artes de Pontevedra colaborou coa curtametraxe, onde algúns dos alumnos vencellados á aula de audiovisuais, participaron nos distintos departamentos da curta.

    Nani Matos é actor, director e guionista e este traballo supón a súa cuarta curtametraxe. Dirixiu as curtametraxes Dies dei (2009), Flores para Amalia (2013) e Lurna (2016), acadando entre elas máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. Lurna é a súa curta máis premiada e estivo seleccionada en máis de 25 países. Nani Matos desenvolve, actualmente, a súa actividade na escritura de varios proxectos.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.