Luns, 7 Xullo de 2025

Areeiro recomenda vixiar a botrite nas viñas polas condicións meteorolóxicas de humidade que se prevén para os vindeiros días

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda ás persoas viticultoras vixiar a botrite e outras podres da uvas, debido as condicións climatolóxicas de humidade que se prevén para os vindeiros días e ao incremento de azucres na uva que son favorables á aparición desta enfermidade. Deste xeito, o persoal especialista de Areeeiro suxire controlar moi ben os acios con feridas e/ou variedades sensibles, que ata este momento estiveron libres de infeccións pola seca.

Amais, Areeeiro subliña que de cumprirse as previsións de choiva para os vindeiros días será máis frecuente atopar acios afectados nas viñas máis sensibles, co que será preciso manter un elevado nivel de alerta e mesmo pode ser necesario aplicar un tratamento. Neste senso, o persoal da Estación sinala que dependerá do momento da vendima o funxicida a utilizar nestes casos, xa que no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen produtos con prazos de seguridade de 1 e 3 días que son produtos de orixe natural, ou tamén de 14 días. No caso das adegas que limitasen a data de último tratamento, poden consultar aos técnicos a necesidade dalgún tratamento potencial no caso de que teñan feridas nos grans.

O persoal especialista de Areeiro indicou que na revisión das viñas desta semana, comprobouse que segue a bo ritmo o grado de maduración da uva, de xeito que os viticultores vinculados á maioría das grandes adegas xa están fóra do período no que poden facer intervencións químicas. Para aqueles que non o están, lembra que se hai que dar un último tratamento deben elixirse sustancias o máis naturais posible por carecer de prazo de seguridade (ou ser este moi curto) e, naquelas zonas/variedades máis tardías, produtos co prazo de seguridade máis reducido ca data estimada de vendima.

O aviso fitosanitario refírese tamén a outras enfermidades da viña, como o mildio. Co cambio meteorolóxico desta semana, coa diminución de temperaturas diúrnas e o incremento da humidade, observáronse na meirande parte das viñas manchas nalgúns dos novos crecementos e tamén zonas de avance en manchas antigas en número maior cas observadas a semana anterior. Con todo, Areeiro considera que a aparición destes síntomas non fará perigar a adecuada maduración da uva porque tras este período sen choivas hai vexetación sa en abundancia, pero dependerá tamén de como evolucione a climatoloxía e por este motivo recomenda seguir mantendo a vixilancia.

Amais de eliminar os brotes afectados nas viñas de reducidas dimensións, o persoal da Estación lembra que no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura hai produtos autorizados cun prazo de seguridade de 1 e de 14 e 15 días que aínda se poderían aplicar naqueles predios nos que aínda quede un período maior para a vendima.

No que respecta ao oídio, Areeiro sinala que quedan restos nas viñas que xa tiñan presenza da enfermidade, onde tamén xa hai varios grans rachados, e é probable que se incrementen a raíz das choivas. Tamén na revisión desta semana detectouse unha maior abundancia de rebuscos afectados e trazas de oídio en follas, tanto en plantas sometidas a tratamento coma nas testemuñas. Aínda que algúns modelos climáticos seguen a indicar risco elevado de infección a día de hoxe, debido a que o fungo xa non pode infectar aos acios na fase na que están, de aquí á vendima non se precisará ningunha intervención máis. Non obstante, o persoal especialista recomenda eliminar os acios máis afectados para impedir que a podre se instale sobre eles de empezar a rexistrarse períodos de precipitacións.

No que atinxe ao black-rot, destaca que xa non hai risco de danos aos acios, mentres que no caso das avelaíñas do acio, tampouco se atoparon postas e apenas perforacións larvarias, e case non houbo capturas de adultos nas trampas, polo que non son de esperar danos directos polas avelaíñas ata a vendima, aínda que hai que vixiar os indirectos (botrite).

Primeira femia Scaphoideus titanus da campaña

Areeiro destacou tamén que esta semana recolleuse o primeiro adulto do cicadelido Scaphoideus titanus da campaña, nun predio do Rosal. Porén, hai que falar dun reducido número de capturas de adultos doutros cicadelidos nas trampas (aínda que nunha das viñas da rede da Estación si se incrementaron) e tamén de moi baixo número de ninfas nos recontos ás follas.

Doutra banda, observáronse de novo síntomas de trips nalgunhas viñas da comarca do Salnés, pero o número de gromos afectados e a presenza de individuos neles, polo menos nos visitados, non xustifican un tratamento, segundo Areeiro. Ademais, co cambio na climatoloxía é de supoñer que as poboacións e os síntomas se reducirán. E no caso dos ácaros, volvéronse atopar novos síntomas de acariose no Condado, pero neste caso nun predio abandonado. Tamén de erinose estival vense cada vez máis síntomas nos gromos, que nalgún predio chegan mesmo a deformar completamente as follas tenras.

Amais, o aviso fitosanitario refírese tamén a incidencias noutras plantas e cultivos. No caso da bolboreta do buxo, recomenda incrementar a vixilancia, porque aínda que de momento non se atopan síntomas novos, sen dúbida irán aparecendo. Deste xeito, esta semana non se capturaron adultos nas trampas, pero viuse un adulto e se atoparon na finca de Areeiro máis eirugas L1 e L2, e unha case en L3.

No caso das hortícolas, o persoal especialista da Estación alerta sobre varias pragas que empregan o abrigo que lle proporcionan os restos vexetais das plantas das que se recollen os froitos (pataca, tomateira, etc.) para pasar o inverno e así poder afectar aos cultivos cando se repoñan. Co fin de limitar o risco, sinala que é necesario abandonar a práctica habitual de deixar os restos a carón do invernadoiro ou horta e eliminalos.

O PSOE de Salceda reclama á Xunta que “consensúe o protocolo” para o inicio do próximo curso escolar

O PSdeG-PSOE de Salceda solicitará á Xunta consensue un protocolo de actuación contra o COVID19 e asuma os seus custes, presentando unha moción no próximo Pleno, sumándose así á iniciativa do PSdeG-PSOE a nivel Galicia. O PSOE local, a través da súa portavoz Verónica Tourón pide á Xunta “que asuma as súas competencias en educación” e subliña que para cumprir o protocolo que a propia Xunta estableceu, “é necesario máis persoal, máis docentes e instalacións axeitadas á nova normalidade”.

“É necesario un novo protocolo que poña por diante a saúde do alumnado e do profesorado, este non responde as necesidades, e priman criterios económicos por encima da protección a saúde”, sinalan as e os socialistas de Salceda ao mesmo tempo que explican que fan este requirimento porque consideran que o protocolo elaborado pola Consellería de Educación “suscitou rexeitamento polos docentes e familias” polo que, insiste o Grupo Municipal Socialista de Salceda, “é necesario reconducir a situación de maneira urxente”.

O certo é que o desenvolvemento do curso 2020-2021 é imprevisible dado o descoñecemento que aínda se ten sobre a posible evolución da pandemia do Covid-19. En consecuencia, “resulta difícil prever os escenarios aos que imos ter adaptarnos dependendo das circunstancias sanitarias que poidan darse”, afirma o PSOE que entende que “a previsión debe plasmarse nun protocolo para os centros, real e posible, que regule o desenvolvemento da súa actividade, tanto lectiva como dos servizos complementarios, como poden ser o transporte, a aula madruga ou comedor”.

O grupo municipal que encabeza Verónica Tourón pídelle á Xunta “que se reúna cos concellos, cos representantes do profesorado e das familias” ao obxecto de acadar un protocolo de inicio de curso “consensuado” e “coas máximas garantías posibles” para afrontar o período lectivo “adecuando os centros de ensino de Salceda á nova situación e garantindo as medidas de protección necesarias fronte á COVID-19”.

Tamén lembran as e os socialistas de Salceda que as instalacións de primaria e secundaria son insuficientes “e que así o levan reivindicando á Xunta durante moitos anos, situación que agora complica aínda máis a solución para a volta ao cole”.

No eido económico, a moción formulada polo PSdeG demanda á Xunta que habilite “os fondos extraordinarios necesarios” para que os incrementos de custes que teñen que asumir centros, ANPAS e concellos como consecuencia das medidas deste protocolo sexan asumidos pola administración autonómica, garantindo ademais o transporte e o comedor.

Música e aforo controlado para celebrar as festas de Mondariz

0

A crise sanitaria pola COVID-19 obrigou a suspender a celebración tradicional das festas patronais na maioría das localidades. O Concello de Mondariz tamén optou pola prudencia para minimizar os riscos epidemiolóxicos. Unha vez descartado o programa habitual de verbenas nocturnas, a Concellería de Educación e Cultura púxose a traballar nunha programación cultural alternativa para o fin de semana do 15 e do 16 de agosto de 2020, datas das Festas Patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque, que permitise un control do aforo e das medidas de prevención recomendadas. Podes descargar o programa completo nesta ligazón.

“Inspirados polo movemento social e cultural #quedanacasa, organizamos unha serie de concertos de grupos de música folk tradicional e contemporánea formados en Mondariz, coa intención de pór en valor a riqueza musical que existe na vila”, explica Anxos Carballo, responsable das concellerías de Educación e Cultura e de Igualdade e Mocidade no Concello de Mondariz.

Estes concertos, enmarcados no festival “TODO QUEDA NA CASA 2020”, arrancaron o 8 de agosto, coa actuación do grupo de música folk tradicional “O Son do Río” na Praza de Mondariz, e continúan este fin de semana de festas patronais (15 de agosto) coa actuación do grupo “Pédëpôtè” e o vindeiro sábado, 22 de agosto, coas agrupacións “Ghaveta” e “Lagarteiras”.

Para este fin de semana de festas patronais, ademais do concerto de “Pédëpôtè”, programáronse outras actividades culturais na Praza de Mondariz, como unha sesión-vermú da Banda de Música Cultural de Mondariz, un espectáculo de circo e actuacións musicais das formacións “Festicultores Troupe” e “Broken Peach”.

Para un maior control do aforo e do cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias de protección fronte á COVID-19, o Concello de Mondariz solicitou a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea.

Con este cambio obrigado na programación cultural para a celebración das Festas Patronais da Virxe de Peña de Francia e San Roque, a Comisión de Festas deixou de recibir os 15.000 euros programados no orzamento municipal vixente. “Durante o debate sobre a proposta orzamentaria do goberno para o exercicio 2020 que houbo na última sesión plenaria da Corporación Municipal, Alternativa por Mondariz recriminoulle ao goberno que recortase a partida destinada a colectivos sociais, sen ter en conta que a crise sanitaria pola COVID-19 obrigou a suspender ou modificar actividades sociais e culturais que tiñan axuda financieira do Concello, como as propias festas, e que a partida destinada a emerxencia social pasaba de 18.000 a 36.000 euros no plan orzamentario do goberno, que acabou sendo tombado por AporM e PP”, apunta o alcalde, Xosé Emilio Barros, en relación ao contexto político actual.

Por coincidencia con festivo local, o 16 de agosto non haberá feira dominical en Mondariz.

Fin de semana de Natureza cos ‘Bosques terapéuticos’ da man da Deputación

A Deputación de Pontevedra levará esta fin de semana ata Oia e Fornelos de Montes dúas actividades que combinan sendeirismo e contacto co medio natural. Así, os “baños de bosque” serán protagonistas da ruta do programa medioambiental “Bosques terapéuticos”, cun percorrido mañá sábado, 15 de agosto, pola costa de Oia e a Serra da Groba. O domingo, pola súa banda, terá lugar un percorrido a través da zona de Freaza, no concello de Fornelos de Montes. Ámbalas dúas actividades teñen todas as prazas esgotadas e contarán con todos os protocolos e as medidas de seguridade vixentes para minimizar os riscos de contaxio da covid-19.

O “baño de bosque” pola costa de Oia e a Serra da Groba permitirá afondar na natureza, no bosque autóctono galego a través de diferentes exercicios que servirán para establecer un contacto directo co entorno. A actividade, na que participará a deputada provincial Raquel Giráldez xunto a outras 15 persoas, desenvolverase nun tramo de 1.000 metros a través do cal os inscritos gozarán desta formación declarada Espazo Privado de Interese Natural en xaneiro do ano 2011 pola Consellería de Medio Rural que se trata dunha das escasas masas de sobreiras en rexións con clima oceánico que se coñecen en Galicia.

[su_image_carousel source=”media: 19058,19060″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Por outra banda, a ruta que o programa “Bosques terapéuticos” ten programada o domingo no bosque de Freaza, en Fornelos de Montes, discorrerá a través de 1.400 metros arredor da conca do río Barragán, que se caracteriza pola presenza dunha mata de bosque autóctono con recunchos de gran beleza natural. Ademais, a abundancia de patrimonio etnográfico coma muíños, pontes ou levadas (canles que conducían a auga ata os muíños) achégalle un interese turístico que fará deste carreiro unha experiencia inesquecible tanto para os 15 participantes como para a deputada Victoria Alonso, que tamén participará na iniciativa provincial.

Deste modo, estas dúas rutas súmanse ás que se levaron a cabo o xoves e venres desta mesma semana. A primeira delas foi en Camposancos (A Guarda), mentres que a segunda tivo como escenario o espazo natural de Cabo Udra, no concello de Bueu. Todas estas actividades elabóranse para poder sentir profundamente a experiencia dos baños de bosque, nos que todas aquelas persoas que participen serán quen de desconectar os móbiles, observar a luz solar, percibir os sons e aromas, camiñar e respirar con calma e en silencio para abrir a mente e, sobre todo, gozar do momento.

O Concello do Rosal dá luz verde ao inicio das obras no aparcadoiro do núcleo urbano

0

Esta semana foi adxudicado o contrato para a urbanización do acceso ao aparcamento Xulio Sexto, situado no núcleo urbano do Rosal, estando previsto o inicio das mesmas para a próxima semana. Este aparcamento foi creado no pasado mandato para desconxestionar o volume de coches que habitualmente aparcan na Praza do Calvario. Debido a cuestión técnicas no acondicionamento inicial do aparcamento, pavimentado con saburra, este non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen que iso xerase un prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao mesmo.

Fronte a esta situación e debido a ausencia dun proxecto previo que paliase a problemática, o Concello do Rosal elaborou un proxecto desde a área de urbanismo para corrixir estas deficiencias técnicas e permitir que poida ser empregado de xeito normalizado. A actuación consistirá na pavimentación dun acceso rodado e outro peonil, xunto coa execución das canalizacións de augas pluviais e as conducións eléctricas necesarias para dotar de iluminación ao proxecto.

O citado proxecto foi enviado a comezos de ano para optar á ser financiado mediante o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Dada a situación de parón administrativo derivada da pandemia da Covid-19, a resolución favorable do orzamento por parte da administración provincial foi remitida ao concello en recentes datas por importe de 34.363,21 euros. Ademais, o proxecto  conta coa autorización da sectorial de Estradas de Galicia polo que se poderá dar inicio ás obras do aparcamento. Para o concello este acondicionamento é importante para dotar as inmediacións da Praza do Calvario de maior espazo para o estacionamento de vehículos.

A Xunta estende o programa Cultura no Camiño + a preto de 150 municipios, entre eles Arbo e Salceda de Caselas

O circuíto da Xunta Cultura no Camiño + celebra ata o 15 de outubro a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a 149 concellos de toda Galicia no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da Covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.

Onte publicáronse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a quinta e última adxudicación destas axudas (nas que saíron beneficiados os concellos de Arbo e Salceda de Caselas), que o pasado mes de xullo reformularon as súas bases para abrirse a todos os concellos interesados en acoller esta programación, que en anos anteriores se centraba exclusivamente nos situados no Camiño de Santiago. Con tal fin, incrementouse en máis do triplo a dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto.

Á falta de que os últimos concellos adheridos configuren as súas respectivas carteleiras, estímase que Cultura no Camiño + ofrecerá arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.

Dinamización e descentralización cultural

Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.

Destaca igualmente a proporcionalidade en canto á distribución provincial desta oitava edición, con 44 concellos na provincia da Coruña, 37 en Pontevedra, 36 en Lugo e 32 en Ourense.

A programación arrancou xa a mediados do pasado xullo e esta semana cumpre o seu primeiro mes de actividade, durante o que terá desenvolvido un centenar de actuacións en 49 concellos.

Adxudicadas as obras de mellora no Parque Empresarial

0

Co fin de colaborar no desenrolo económico e social de Arbo e facilitar unha ubicación ordenada das actividades económicas,  proxéctase a creación dun Parque Empresarial no municipio. Para o desarrolo desta iniciativa, o I.G.V.S e o Concello de Arbo asinaban un convenio de colaboración no ano 1999.

Na primeira fase é preciso realizar unha serie de melloras das infraestruturas existentes, para evitar a súa absolencia, co obxetivo de conseguir a mellora competitiva do solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local.

Actualmente as beirarúas atópanse en mal estado, polo que é preciso a súa reparación. Realizarase o saneo nas zonas máis deterioradas, a demolición dos tramos en asfalto, e extendido dunha solera de formigon nas zonas nas que se carece da mesma e o extendido dunha capa de slurry coloreado. 

O orzamento das obras ascenden a 27.687,20€. Para acometer estas obras o Concello de Arbo, recibe unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria – Dirección Xeral de Enerxía e Minas  con data 2 de xullo de 2020 ao abeiro da orde do 26 de decembro de 2019 – pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á  habilitación e mellora de infraestruturas dos parques Empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tomiño participa nun proxecto europeo para promover a formación en valores, a través da música

0

Play2 Grow!” é o nome que agrupa aos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño, e ás respectivas Escola de Rock e Escola de Música de Goián, coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), nun proxecto Erasmus que pretende xerar un conxunto de actividades formativas, que permitan a mozos e mozas adquirir unha serie de valores e habilidades a través da música

O proxecto, iniciado a finais de 2019, desenvolverá unha serie de recursos de formación innovadores dirixidos a traballadores xuvenís e  formadores de escolas de música, para que poidan mellorar a provisión de habilidades e valores chave como o respecto, a creatividade, a comunicación ou o traballo en equipo nas súas respectivas aulas.

O desenvolvemento da iniciativa, previsto ata o verán de 2021, irá proporcionando achegas en canto a metodoloxía e formación curricular, e unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe dinámica e a interacción en habilidades chave a través da música: Play2 Grow HUB.

Toda a información está dispoñible en: https://play2grow.eu e as canles do proxecto en Youtube, Facebook e Instagram. En https://play2grow.eu/project-outputs están xa publicadas algunhas das boas prácticas identificada ata agora, entre as que se inclúen os campamentos e concertos didácticos da Escola de Música de Goián e a súa práctica solidaria de intercambio de instrumentos musicais.

Antecedentes

En decembro de 2019, celebrouse en Paredes de Coura a primeira xuntanza dos socios. Foi unha reunión moi produtiva na cal as 5 entidades representadas no proxecto, tiveron a ocasión para coñecerse e compartir as súas ideas do proxecto.

Ademais, tiveron a oportunidade de visitar Escola de Rock de Paredes de Coura (unha residencia curta que tiña lugar aquela semana), e coñecer os aspectos principais desta interesante iniciativa con mozos e mozas, a cal de feito foi a semente do proxecto.

O Goberno redondelán iniciará os traballos de mellora e ensanche do camiño Casal do Monte en Saxamonde

0

O Concello de Redondela iniciará, en videiras datas, as obras de mellora e ensanche do camiño Casal do Monte, na parroquia de Saxamonde, actuación subvencionada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que foi adxudicada por importe de 103.608 euros. A actuación estenderase nun treito de aproximadamente 400 metros partindo do entronque co camiño da Vía Vella, e permitirá o ensanchado do camiño ata un ancho mínimo de plataforma de 5,5 metros que, posteriormente será asfaltado cunha capa de 6 centímetros.

Dada a existencia de elementos de drenaxe como son cunetas e canos, as obras inclúen tamén á súa limpeza con medios mecánicos ou manuais, segundo as necesidades, e o revestimento da cuneta en formigón así como a limpeza dos canos que se atopan obstruídos e execución de novos canos en puntos estreitos da vía de xeito que se dea continuidade ao drenaxe lonxitudinal.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou tamén o feito que no proxecto “de cara minorar a afección de parcelas privadas, executaranse muros de contención cunha altura máxima de 4 metros e situados a 4 metros do eixo da vía”.

En canto as redes de abastecemento e saneamento, o proxecto sinala que se atopan “en bo estado e non se verán afectadas polas obras” o que no acontece coas redes aéreas nas que se prevé a afección dalgún poste o seu traslado por parte da compañía correspondente.

Para dar conta desta actuación e doutras que afectan á parroquia, o Goberno local convocou unha reunión veciñal o vindeiro mércores, 19 de agosto ás 19 horas na ‘Escuelita’. Segundo adiantou Digna Rivas, amais de explicar o proxecto das obras do camiño Casal do Monte, “a reunión servirá tamén para poñer sobre a mesa outros temas de interese para a parroquia como a sinalización de cruces, reparacións de calzada, rozados, limpeza de cunetas, reparación de marquesinas das paradas de autobuses” e outras actuacións que foron solicitadas, vía rexistro do Concello, pola asociación de veciños ‘Fonte de San Román’ de Saxamonde.

Esta reunión, apunta Digna Rivas, responde á intención “clara e rotunda” do Goberno local de que “veciñas e veciñas saiban, con detalle, as actuacións que se van desenvolver nas súas parroquias e que poidan ser partícipes das mesmas”.

O Concello de Nigrán ofrece hoxe, na Carrasca, a actuación do Rey Midas e Teatro do Ar

0

Concello de Nigrán ofrece mañá venres na Praza da Carrasca unha actuación do Mago Rey Midas ás 20:00 horas na que realizará moitos dos números que fixo nas videochamadas aos nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento e aos que o Concello agasallou deste xeito. Posteriormente, ás 21:00 horas, Teatro do Ar ofrece a comedia de acción ‘Alimentacións Nocivas’, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar e feita coas ideas que esta compañía de Nigrán foi recollendo durante o confinamento.

Por outra banda, o festival para miudos ‘Parrulas Fest’ continúa hoxe na Foz co catalán Pau Segalés, que dará vida en ‘Abre os ollos’ ao seu número de maxia, humor, misterio, interaccións e ilusións con obxectos e o concerto punk infantil de Peter Punk e Brais das Hortas. Xa mañá venres, Brais das Hortas con ‘Zona en obras’ transmitirá o seu ritmo musical e Cirkompacto dará vida aos dous pobres diaños de ‘Hell Brothers’. O sábado 15 o ‘Parrulas Fest’ chegará ao final coa maxia e diversión do Mago Paco no seu show ‘Hocus Pocus’ e o espectáculo de clown e escapismo de Pajarito con ‘A vida tola’.

Manifesto Miñor lamenta o acordo entre Ministerio de Facenda e FEMP “para sustraer aos concellos o remanente municipal”

0

Manifesto Miñor cualificou onte de “novo despropósito” a medida impulsada pola FEMP –presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero– e o Goberno Central, que ao entender da formación asemblearia “requisan” os remanentes e os excentes orzamentares dos municipios e adíase o seu cobro íntegro até 2040 e “que xa veremos se se cumpre en función da conxuntura”. Considera Manifesto “unha burla que se venda que os concellos entran no reparto do condicionado fundo de restruturación da UE, xa que como administracións públicas temos  pleno direito ao igual có Estado e cás CC.AA.”.

Para Manifesto Miñor “a política de estabilidade orzamentar e control do gasto público é un fracaso ademais de absurda ao impedir aos concellos gastar á vontade o seu proprio aforro (superavit), máxime nunha crise sistémica sen precedentes onde cómpre un investimento público ben orientado e activar os estabilizadores automáticos da economía. Trátase de escoller entre as persoas e o futuro dos nosos territorios ou os intereses da banca e das elites”.

“O Goberno e FEMP negocian en clave partidaria e non con sentido de defensa do ben común”. asegira MM que engade que tan só así enténdese “que PP e PSOE sigan xogando coas facendas locais e sen o sentido de estado do que tanto se gaban”. O resultado é “un esperpento para paliar outro”: os concellos entregarán “voluntariamente” –iso ou non podelo gastar– o remanente ao Estado, que se “compromete” a devolvelo entre 2023 e 2040, iso si condicionado a determinados usos e ampliando o Goberno central unilateralmente o prazo desde 2033 a 2040. Por outras palabras, se o Concello ingresa 100 e a regra de gasto só lle permite gastar 70 o Estado confiscalle 30 até 2023-2040 e así cada ano.

Até 2023, o Estado compromete 5000 millóns de euros dos 14.000 que se prevén “requisar” (apenas 1/3) e sen determinar se eses fondos son a maiores dos europeos ou se son 0 ao tirar a parte do financiamento comunitario que lle correspondería aos concellos, que xa se van ver afectados pola mingua nos fundos do primeiro piar da PAC desde 2021.

Para Manifesto Miñor os concellos, unha vez máis, “non só non melloran a eiva crónica do seu finanzamento, senón que para maior escarnio se lles confisca boa parte do orzamento anual para paliar os problemas de liquidez de Estado e CCAA, ao tempo que se sobrecargan con co-financiamentos para competencias improprias (centro de día, SAF, escolas infantís, colexios de primaria etc.)”.

Así as cousas, para a maioría dos concellos galegos, agás as cidades, “a FEMP e a FEGAMP son instrumentos inserbíbeis e pexados pola miopía das grandes maquinarias partidistas. Novamente os grandes prexudicados somos os concellos pequenos e medianos, así como os  do interior de Galiza: seguen financiándonos por habitantes  sen atender a superficie (quilómetros de pistas por exemplo), dispersión (número de núcleos de poboación), etc”.

Manifesto Miñor entende que o que procede “é reformar a lei para que a totalidade dos fundos municipais, cuxo financiamento é xa extremadamente deficiente e inxusto, estean ao servizo dos entes locais e da viciñanza para poder acometer gasto social e investimentos reais, imprescindíbeis perante a crise da COVID19 e as súas consecuencias sociais e económicas, que aínda se verán con extrema crudeza a partir de 2021”.

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia estrutúrase “para traballar por Galicia” la lexislatura de reconstrución fronte á COVID-19

O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia estrutura as súas portavocías para “traballar por Galicia” na que ten que ser a lexislatura da reconstrución económica e social por mor da crise derivada da pandemia. Así, Gonzalo Caballero exercerá como voceiro, acompañado por Pablo Arangüena; Paloma Castro e Luis Álvarez como voceiros adxuntos na Cámara galega.

Así, o líder dos socialistas galegos intervirá nas sesións de control ao presidente da Xunta, participará nos debates do estado da autonomía e combinará a súa labor parlamentaria con visitas ao territorio e xuntanzas cos distintos colectivos: “estaremos coa xente para impulsar a saída desta crise”.

No marco dunha tarefa de oposición “leal con Galicia e contundente na defensa do benestar dos galegos para que ninguén quede atrás”, o PSdeG prestará especial atención aos eidos social, económico e sanitario e repartirá as áreas atendendo ao perfil de cada deputado ou deputada.

Reparto de áreas

Deste xeito, de Política Social farase cargo Marina Ortega, psicóloga de profesión e quen foi concelleira de servizos sociais no Carballiño, que actualmente exerce como vicesecretaria da Mesa do Parlamento e secretaria de Política Social do PSdeG.

Pola súa banda, o verinense Juan Carlos Francisco Rivera asumirá a área de Economía, Consumo e Facenda, xunto á de Vivenda e Ordenación do Territorio; e o arousán Julio Torrado repetirá á fronte da portavocía de Sanidade, levando tamén as cuestións relativas a marisqueo na comisión de pesca.

Compartirán espazos de traballo coa avogada laboralista Carmen Rodríguez Dacosta, que se encargará de Emprego; co enxeñeiro industrial Martín Seco, á fronte de Industria; con Paloma Castro, voceira de I+D; Leticia Gallego, responsable de Comercio e Turismo; e Patricia Otero, con Infraestruturas e Transportes.

En paralelo, o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, farase cargo de Medio Ambiente e do relativo á Administración autonómica e á Política Exterior, mentres a avogada Paloma Castro, secretaria de Xustiza do PSdeG, asumirá Interior, Xustiza, Cooperación e Mocidade. Luis Álvarez, secretario de Educación na executiva socialista e docente de profesión, levará así mesmo a portavocía de Educación máis a de Función Pública.

O ámbito de Igualdade recae na compostelá Noa Díaz, xornalista, que tamén traballará en Cultura, Lingua e Universidade; e a viguesa Isaura Abelairas farase cargo de LGTB, Voluntariado, Cooperación e Emigración. Pola súa banda, Begoña Rodríguez Rumbo, economista, levará os Orzamentos e a área de Administración local.

Os sectores primarios terán como cabezas visibles a Martín Seco, que será voceiro de Agricultura e Forestal; a Carmen Rodríguez Dacosta, con Gandería; e á mariñá Patricia Otero á fronte de Pesca.

Mos homenaxea á U.D. Mos Feminino polo seu ascenso a Primeira Nacional

0

Os exteriores do Pazo de Mos foron escenario, na tarde de hoxe, da recepción ás xogadoras do U.D. Mos Femenino polo seu ascenso a Primeira Nacional. No mesmo acto fíxoselle entrega tamén do diploma por parte da Federación Galega de Fútbol ao equipo Infantil da U.D. Mos polo seu ascenso a Primeira Galicia.

No acto estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Rafael Louzán, presidente da RFGF; Fernando Iglesias, vicepresidente da RFGF en Vigo; Delfín Alonso, delegado de Vigo da RFGF; Pablo Alonso Serodio, presidente da U.D. Mos; Begoña Toucedo, concelleira de Deportes; a Capitana do U.D. Mos Feminino, Yolanda Lago; Telmo González, adestrador do U.D. Mos Feminino; Mario Alonso, capitán do equipo da U.D. Mos Infantil que ascendeu a Primeira Galicia; Borja Campo, capitán equipo da U.D. Mos Infantil; José Antonio Ucha, adestrador equipo U.D. Mos Infantil; José Ángel Cortegoso, 2º adestrador equipo U.D. Mos Infantil, demais membros da Corporación Municipal, demais membros da Federación Galega de Fútbol e da directiva e equipo técnico da Unión Deportiva Mos, e as xogadoras do U.D. Mos Femenino.

Cristian Taibo, coordinador deportivo da U.D. Mos, fixo de mestre de ceremonias conducindo o acto e narrando a historia do ascenso a Primeira do U.D. Mos Femenino e o que supón para o clube este grandísimo logro.

[su_image_carousel source=”media: 19011,19014,19015,19016,19017,19019,19012″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Pola súa banda, tamén fixeron unha emotiva intervención a Capitana do U.D. Mos Feminino, Yolanda Lago, e Vanesa Rodríguez. Ambas son as xogadoras máis veteranas do equipo e que, ademais, precisamente retíranse esta tempada, polo que as súas palabras foron cargadas de gran emoción e sentimento.

Tras elas chegaron as verbas do presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

Todos os presentes concluíron en destacar a valía destas mulleres e o meteórico da súa traxectoria deportiva, sendo un auténtico exemplo de traballo duro, esforzo, superación e deportividade para toda a cidadanía mosense e un verdadeiro orgullo para o Concello de Mos.

Positivo por COVID-19 dunha usuaria do Centro de Día das Neves

0

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) vėn de confirmar ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Mendez, o positivo por COVID-19 dunha usuaria do Centro de Día da vila. Logo de ter coñecemento do mesmo deuse aviso, de inmediato, ao resto das usuarias do centro, 8 (3 das Neves, 4 de Salvaterra e 1 de Arbo) e ao persoal do mesmo, 14 traballadoras, que xa están illadas nas súas casas.

Todas elas someteránse ás probas PCR mañá venres, día 14 e as repetirán o día 21. O Centro de Día permanece pechado por un periodo inicial de 15 días.

Desinfección

O Goberno Municipal levará a cabo este mesmo xoves pola tarde unha desinfección dos principais centros de concurrencia de cidadáns.

Brigadas do Concello traballarán no Centro de Día (incluindo o propio edificio, accesos e arredores); contorna de comercios; farmacias; gasoliñeiras; antigo XES; a Casa do Concello e o Mercado Municipal, antes de feira deste venres. Do mesmo xeito, dende o sábado, día 15, tamén se realizarán labores de desenfección en todas as parroquias.

ADENCO solicita ao Concello de Ponteareas a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente

O Grupo Ecoloxista ADENCO vén de solicitarlle ao Concello de Ponteareas a creación dun Consello Municipal de Medio Ambiente, un órgano do que farían parte entidades sociais e persoas a título individual do concello e que analizaría diferentes cuestións ambientais, con decisións e propostas vinculantes para o Goberno de turno.

ADENCO lembra que a situación que vivimos a raíz da pandemia provocada pola COVID-19 “obrigou a mudar moitas das nosas costumes, obrigounos a mudar a nosa relación coa nosa cidadanía e, pensamos, logo dunha fonda reflexión dentro do colectivo, que tamén debe obrigar a mudar, dunha vez por todas, a nosa relación co Medio”. Neste proceso de mudanza considera o colectivo ecoloxista que non se debe esquecer “que é fundamental contar coa cidadanía e colectivos sociais, un tecido social que leva anos comprometido nos diferentes eidos nos que desenvolve o seu traballo”.

O grupo ecoloxista propón, polo tanto, a creación “urxente” dun Consello Municipal do Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, un órgano que se deberá dotar dun regulamento no que estipule o seu modo de funcionamento, os seus integrantes e “o carácter vinculante das súas decisións” algo indispensable para traballar correctamente. “De nada serviría reunirse, traballar, debater, chegar a acordos e crear sinerxias –apunta ADENCO– se logo a administración non obedece os acordos alcanzados cando, evidentemente, a propia entidade local formaría parte do propio Consello”.

Desde o Grupo Ecoloxista ADENCO consideran “que estamos no momento de pór sobre a mesa a creación deste órgano, que nun concello da entidade de Ponteareas xa debería existir” xa que promovería a participación activa de colectivos e persoas a título individual na xestión da res pública, algo fundamental nas democracias modernas. “Debemos pasar do dereito a votar e chegar ao dereito a participar e decidir”, afirma o colectivo.

“Estamos, tamén, segundo a nosa modestísima opinión, no momento oportuno para arrincar os trámites precisos para a creación deste órgano. Existen outros modelos noutros concellos que poden ser exemplo, estamos nun momento no que o comezo do curso 2020/2021 pode ser propicio para que a cidadanía se sume a accións como estas”, conclúe ADENCO.

O punto limpo da Guarda recibe unha traspaleta ao abeiro do Proxecto Estraee

0

Na xornada deste mércores día 13 de agosto o Punto Limpo da Guarda recibiu unha traspaleta ao abeiro do o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do ‘lixo electrónico’ promovido pola Deputación. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, asistiron ao acto de entrega, no Parque de Maquinaria, das nove transpaletas que prestarán servizo nos nove puntos limpos, nos que, xunto ao da Guarda, tamén participan Meaño, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña), maquinarias, valoradas nun total de 80.912,7 euros.

As transpaletas son eléctricas, en sintonía co proxecto sostible e de coidado co medio ambiente, teñen unha capacidade de carga de ata dous mil quilos e unha velocidade máxima de 10 quilómetros hora. Ademais, estas máquinas permitirán transportar e mover dunha maneira cómoda e segura os aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema. A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

A fanfarria feminina ‘Brassica Rapa’ chega este venres á Praza do Seixo de Tomiño

0

A fanfarria galega totalmente feminina ‘Brassica Rapa’ chega a Tomiño para ofrecer este venres un concerto ás 22:30 horas na Praza do Seixo. Trátase dunha brass band nada a finais de 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga. Formado integramente por mulleres, tocan instrumentos de vento metal e percusión e crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, con a que a festa está asegurada.

Trompeta, trompa, dous trombóns, un saxo alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen a súa formación, que pretende reivindicar a presenza da muller neste tipo de agrupacións a través da festa.

Brassica Rapa ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal con multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos de o pop a a música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Buscan sobre todo influencias das brass bands neoyorkinas, pero tamén das big bands ou das charangas tradicionais. As compoñentes veñen de distintos percorridos dentro do mundo da música, e de agrupacións como Liska!, Banda Xangai, Timparrantela ou Biribirlocke.

Ficha artística

  • Andrea Mallou: Saxofón
  • Maria Prado: Trompeta
  • Paula López: Trombón
  • Xiana Naval: Trombón
  • Raquel Huete: Tuba
  • Julia Sánchez-Biezma: Caixa
  • Ainara Geada: Bombo

O urbanismo de Nigrán avanza 30 anos tras a entrada en vigor hoxe da ansiada modificación das normas subsidiaria

0

O urbanismo de Nigrán avanza 30 anos tras a publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) da modificación puntual número 25 das normas subsidiarias de planeamento urbanístico, o que significa que esta entra xa definitivamente en vigor. Con anterioridade, o 1 de xuño, o DOGA informaba desta aprobación demandada por todos os sectores sociais de Nigrán ante o obsoleto, complexo e ineficaz que resultaba o antigo regulamento de 1991, xa que incluso entraba en contradición coa actual normativa estatal ou autonómica. Ao mesmo tempo, desde o goberno de Nigrán inciden en que continúan coa tramitación do Plan Xeral de Ordenación Urbanística de cara a obter a súa aprobación definitiva.

“Nigrán pasa do urbanismo do século XX ao urbanismo do século XXI grazas a un traballo detrás que nos levou anos; paralelamente seguimos avanzando no PXOM”, subliña o alcalde, quen agradece especialmente “a gran labor, tenacidade e esforzo” do edil de Urbanismo, Diego Moreira.             “Agardamos desde este momento centos de peticións de licencias de obras, especialmente de xente do rural que, por vivir nun Nigrán cunha normativa de 1991, nin sequera podía ata agora rehabilitar ou ampliar a súa vivenda. Moita xente estaba agardando o día de hoxe”, destaca.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo da Lei do Solo de Galicia, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Así, esta modificación rebaixa as restricións en aspectos como rehabilitacións e ampliacións mesmo en vivendas anteriores a 1975 en núcleos rurais, moderniza as condicións estéticas nos acabados exteriores de locais comerciais, reduce os retranqueos nalgúns casos ou noutros dá maior flexibilidade na mellora e ampliación de camiños por onde non poden acceder actualmente nin os vehículos de emerxencia sanitaria (incluso nos muros tradicionais).    

            Pola contra, non introduce cambios no modelo urbanístico das NNSS nin tampouco varía a calificación do solo ou a intensidade edificatoria, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, o que fai é resolver contradiccións coa normativa autonómica e estatal en vigor que prexudicaban claramente aos veciños de Nigrán fronte aos de outros municipios cun regulamento sí actualizado.

Acordo aprobado no 2019

O Concello de Nigrán, a través dunha moción do goberno que nun primeiro intento foi rexeitada pola oposición, deu luz verde posteriormente por unanimidade no pleno ordinario do 30 de setembro de 2019 á modificación das normas subsidiarias tras décadas sen actualizar (estaban vixentes desde 1991). Este cambio, demandado incluso polas entidades veciñais de Nigrán, facilita a tramitación urbanística e pon fin a moitas incorrecións entre a norma escrita e a realidade.

Para o goberno local sempre se tratou dun asunto de “máximo interese” para a veciñanza, xa que abre un novo hourizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 (consecuentemente sen licencia de ocupación) que desexan rehabilitala e que sen este cambio non podían, motivo polo que incluso asociacións veciñais como ‘A Irmandade de Priegue’, ‘Monteferro de Panxón’, ‘A Camoesa’ de Camos, ‘A Unión de San Pedro’ ou ‘O Castro’ de Chandebrito incidisen no seu momento na importancia da modificación mediante escritos aos partidos da oposición xa que estos, inicialmente, non se amosaran favorables.

Mos deseña a súa folla de ruta para a actividade municipal a partir de setembro

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o seu equipo de concelleiros e concelleiras de goberno celebraron esta mañá no salón de actos da Axencia de Colocación a Xunta de Goberno Local na que o tema principal da orde do día foi a planificación da actividade municipal a partir de setembro. Na reunión estivo presente a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais, Tatiana Iglesias, (que ademais exerce estes días como Secretaria accidental municipal), para dar asesoramento técnico á hora de deseñar esta nova folla de ruta adaptada ás circunstancias da nova realidade derivada da COVID-19.

A folla de ruta de planificación e organización da actividade municipal incluirá todos os diferentes ámbitos da mesma, desde o persoal do Concello, ata as dependencias municipais tanto de administración como sociais, instalacións culturais e deportivas… etc.; a planificación de posibles actos, a coordinación coas asociacións mosenses, a organización de cursos, obradoiros… e un logo etcétera de iniciativas municipais que se viron interrompidas e/ou limitadas durante os últimos meses e que agora se estuda como, cando e con que condicións reanudalas.

Desde xeito a rexedora local mosense anunciou a este respecto que “se irá informando puntual e progresivamente á veciñanza mosense de todas e cada unha das medidas e decisións adoitadas en cada un dos ámbitos da vida municipal, para que todos os colectivos interesados estean perfectamente ao tanto de cada asunto en concreto”.

“Se ben, primaremos sempre a seguridade e a saúde da cidadanía sendo moi cautos, prudentes e escrupulosos no cumprimento dos protocolos sanitarios, das medidas, recomendacións e normas establecidas neste senso”, sentenciou Arévalo.

A partires do día 1 de setembro celebraranse reunións con cada colectivo: culturais, deportivos, ANPAs… etc.

Gran recollida de plásticos o 30 de agosto na costa da Guarda

0

O vindeiro domingo día 30 de agosto a Agrupación Guardesa de Pescadores, Mariñeiros e Mariscadores non profesionais “O Buxeiro” organiza, en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, unha gran recollida de plásticos na costa da Guarda.

Esta actividade, que conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, realizarase por diferentes puntos da costa guardesa, tentando eliminar aqueles restos de plásticos que se atopen pola costa.

O punto de reunión será a Alameda da Guarda ás 8:00h da mañá, onde se repartirán guantes e bolsas e se explicará como será o funcionamento desta actividade, para a que non é preciso inscrición previa. Faremos grupos pequenos para recoller en distintos puntos da costa: dende as Illas Orelludas, en Oia, até O Puntal na Guarda. Para iso, xa na propia alameda irémonos agrupando en grupos de 10 por orde de chegada de cara a respectar as normas de distanciamento social. Podes descargar o cartel nesta ligazón.

Esta actividade, que xa se fixo outros anos, ten como obxectivo principal concienciar á veciñanza guardesa en materia de residuos, xa que, moito do lixo que hai no mar pode chegar a el de forma directa tirándoo nel ou de forma indirecta a través das canles dos ríos ou por outras vías (aérea, etc.).

O Concello de Ponteareas reparte 96 premios en vales de 20 e 50€ para gastar no comercio local

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, Eva Gil, deu conta do resultado  do concurso/sorteo “Eu Creo Na Casa” desenvolvido durante o confinamento, consistente na entrega dun total de 96 premios para consumir no comercio e hostalería local. Os agasallos están divididos en dúas categorías: 22 vales de compra de 50 euros, 2 en cada unha das  categorías de participación que máis ‘Gústame’ obtiveron durante o concurso; e 74 agasallos de 20 € de compra  para as persoas gañadoras dos sorteos realizados por participar en cada unha das categorías.

A concelleira de Promoción Económica lanzou durante o confinamento o citado concurso, co fin de descubrir a potencialidade creativa realizada nas vivendas de todas e todos os pontearáns durante o estado de alarma por mor do Covid19, premiando as súas  creacións e sorteando vales de compra para gastar no comercio e hostalería locais. A campaña desenvolveuse baixo o hashtag #FaiPonteConNós, que tamén ten como obxectivo axudar ao tecido económico do concello que está a sufrir os efectos da pandemia.

No concurso puideron participar todas as persoas residentes en Ponteareas interesadas. Igualmente, todos os establecementos comerciais puideron adherirse á campaña de apoio ao comercio local e facilitar que as persoas gañadoras podan utilizar os vales nos seus establecementos.

As persoas agasalladas, xa poden pasar a recoller os seus vales de compra polo Punto de Información Turístico de Ponteareas, sito no edificio do Museo e Biblioteca Municipal, na Perillana, 9-11, en horario de 9 a 14 horas. As persoas agraciadas  contarán cun prazo de 15 días para recoller os seus vales.

[su_image_carousel source=”media: 18972,18974″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Consello da Infancia de Tomiño celebra a súa segunda reunión cunha vintena de novos integrantes

0

O Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, celebrou o pasado luns a súa segunda xuntanza despois do confinamento, cunha vintena de novos e novas integrantes.

A reunión tivo lugar ao aire libre, tal coma estaba previsto, na zona de Grixó (entre Barrantes e Tebra), cunha vintena de integrantes, procedentes dos colexios de Primaria e do IES Antón Alonso Ríos.

O tema principal de traballo foi a lectura e análise dos estatutos da entidade, tras o cal decidiuse modificalos para que as persoas maiores de 18 anos que formaban parte do Consello dende a súa fundación, puideran continuar participando, con voz pero sen voto. Deste xeito, os máis novos e novas poderán aproveitar a experiencia e o coñecemento dos maiores, que estiveron varios anos ao fronte do Consello, dende a súa fundación.

Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, debateron sobre as responsabilidade dos membros e da designación e funcións dos cargos. A concelleira aproveitou a oportunidade para informarlles sobre a nova Aula de Estudo da Casa da Cultura que se abrirá en breve, con equipamento de internet, ordenadores, impresoras, etc.

Falaron tamén da instalación dunha placa que se vai colocar no Concello para sinalizar que Tomiño é Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia.

Entre os temas que se tratarán na vindeira xuntanza, fixada para o luns 7 de setembro en Goián, quedaron a xestión do Instagram e outras cuestións do funcionamento.

Ponteareas convoca a segunda edición do premio ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’

As Concellarías de Lingua e Promoción Económica do Concello de Ponteareas, que dirixen Fernando Groba e Eva Gil, respectivamente, convocan a II edición do Premio ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ co obxectivo de recoñecer as empresas que usan a lingua galega na actividade económica. Segundo Fernando Groba, este premio ten como finalidade “promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ponteareas, estender o seu uso nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector”.

Poderán ser destinatarios deste premio as empresas, autónomos, profesionais, ou outro tipo de negocio, así como as persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica, e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas.

O Premio ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ materializarase nunha figura exclusiva realizada polo escultor ponteareán Silverio Rivas.

Ademais, calquera persoa ou entidade poderá presentar proposta de candidatura a favor de empresas, autónomos, profesionais, outros negocios ou persoas que destacasen ou destaquen polo uso do galego na actividade económica e que teñan a súa sede social ou un centro de actividade económica no concello de Ponteareas.

O concelleiro de Lingua e a concelleira de Promoción Económica animan a persoas, empresas, etc a que presenten a proposta de candidaturas de negocios que cren que son merecedoras deste premio polo uso da lingua galega, ben ao longo de décadas, polo uso continuado no tempo e aquelas de recente incorporación que usen a lingua galega nas súas actividades económicas.

As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web do concello de ponteareas www.ponteareas.gal ou nesta ligazón.

Mos anuncia a dispoñibilidade de composteiros tras ter entregado xa todas as solicitudes rexistradas

0

Desde a Concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, que dirixe o edil Leo Costas, infórmase de que xa non hai lista de espera de demandantes de composteiros no municipio mosense, xa que todas as solicitudes existentes foron concedidas e xa entregadas a domicilio.

Sen embargo, aínda queda no Concello unha importante cantidade de unidades de composteiros dispoñibles para os veciños e veciñas que estean interesados en contar con un nos seus domicilios. As persoas que queiran solicitalos deberán facelo a través do Rexistro municipal, ben presencial ou ben telemáticamente a través da Sede Electrónica do Concello.

Estes composteiros sonlle concedidos ao Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuito. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.

Costas declarou neste sentido que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que xa está bastante arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra”.

O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos. É crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.

Hoxe xoves chega ao Rosal o espectáculo do Circo Chosco ‘Riscando o ceo’

0

Este xoves 13 de agosto a veciñanza do Rosal terá a oportunidade de desfrutar da actuación do Circo Chosco, un espectáculo circense pensado para todos os públicos pero que sen dúbida fará as delicias dos máis cativos e cativas. A actuación está encadrada dentro da programación cultural do Concello do Rosal para o verán e terá lugar ás 20.00 horas no torreiro de San Xián. A entrada será de balde ata completar o aforo e terá unha duración de 45 minutos.

Nesta ocasión o Circo Chosco interpretará a función ‘Riscando o ceo’, un espectáculo que nos leva a un mundo cheo de humor, maxia, risco, malabares, acrobacias e equilibrios imposibles, cun ton absurdo e reflexivo que procura que nos cuestionemos o fondo das cousas. Inspirado pola mundialmente coñecida obra de Antoine de Saint-Exupery, Riscando o ceo é un espectáculo moi visual que mergulla ao espectador nunha viaxe que vai dende a risa ao perigo.

Ao remate da actuación do Circo Chosco, ás 21.00 horas, comezará no propio torreiro de San Xián o segundo dos concertos de ‘O Rosal Cámara Fest’, protagonizado polo ensemble de saxos ‘Emilio Rodríguez’.

O Concello de Redondela traslada á Xunta a preocupación de familias e ANPAS polo protocolo para o inicio do curso escolar

0

Trasladar a enorme preocupación tanto das familias de Redondela coma das ANPAS ante o inicio dun curso escolar cun protocolo que presenta serias dúbidas, foi un dos obxectivos da reunión que no día de onte mantiveron, en Pontevedra, a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

A Xunta, segundo despréndese da xuntanza mantida co responsable provincial de Ensino, “non prevé ningún tipo de flexibilización sobre as medidas xa anunciadas que son postas en entredito por toda a comunidade escolar”, apunto a alcaldesa Digna Rivas.

Así, tal e como se lles explicou, a Consellería optar por facer “burbullas de 25 nenos e nenas que só teñan contacto entre eles pero con ninguén máis do centro escolar e sempre tentando manter a distancia de seguridade”, explica a concelleira Olga García.

A mesma medida de non ‘mesturar’ alumnos de diversos grupos, tamén sería aplicable ao comedor escolar e zonas comúns. No que ás actividades extraescolares fai referencia, “realizaranse aquelas actividade de grupo na que non haxa contacto directo entre o alumnado e priorizando as realizadas de modo telemático”.

Considera a Xunta de Galicia que as medidas a tomar son esas aínda que si contempla, como lle adiantou López Ares ás representantes municipais “partidas específicas para os centros escolares destinadas a afrontar a COVID-19”.

En cambio, non se considera en ningún caso unha liña de axudas para os concellos que veranse obrigados a realizar tres desinfeccións diarias nos centros escolares cando, antes da pandemia, facíase unha. Esta medida, explica a alcaldesa Digna Rivas, “supón un enorme sobreesforzo económico xa que o custo anual de limpeza de centros escolares triplícase”.

En todo caso, o Concello de Redondela solicitou unha reunión “urxente” coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, para tratar estes temas “que espertan unha enorme preocupación entre a veciñanza porque se está a falar da saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas”.

Inícianse os traballos de optimización enerxética en Baiona coa renovación do alumeado da rúa Elduayen

0

En vindeiras datas comezarán en Baiona os traballos de substitución do actual alumeado da rúa Elduayen por luminarias led, actuación que se enmarca dentro dun plan global para acadar a optimización enerxética do municipio coas vantaxes que iso supón dende o plano medioambiental e económico.

Os traballos, que se desenvolverán ao longo de toda a fachada litoral de Baiona dende a rúa Alférez Barreiro ata o remate da rúa Elduayen, permitirán substituír as actuais lámpadas das ‘farolas fernandinas’ por outras baseadas na tecnoloxía led. A actuación non só redundará nunha mellora no alumeado, cos conseguintes beneficios para veciñas e veciños, senón tamén unha importante redución das emisións de CO2 e un aforro considerable na factura eléctrica.

Do investimento global xestionado pola Deputación de Pontevedra, un 80 % correrá a cargo do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), un 10 % corresponderá á Deputación e o 10 % restante será a achega do Concello de Baiona.

Esta actuación da rúa Elduayen, apunta o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, “é un primeiro paso dun ambicioso proxecto de optimización enerxética do municipio”. Así, nunha próxima actuación, traballarase nesa liña na Casa do Concello e, finalmente, optimizarase o alumeado público de todas e cada unha das parroquias.

Os traballos, afirma o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, “amosan o compromiso deste Goberno coa loita pola optimización enerxética do municipio que, amais dun compromiso claro coa mellora dos servizos que se lle prestan á cidadanía, reafirma a nosa postura na loita contra o cambio climático e a prol do medioambiente”.

De feito, explica o rexedor baionés, “a substitución do alumeado tradicional de vapor de sodio por lámpadas led, permite reducir a coñecida como ‘contaminación lumínica’ ao permitir focalizalo nas zonas que o necesitan”. Do mesmo xeito, engade Carlos Gómez, “o seu consumo é moi inferior e non só se traduce nun aforro no presuposto enerxético, senón que a maior vida útil do led tradúcese evitar o gasto que supón o cambio das lámpadas e o tempo do persoal dedicado a estes traballos”.

O PSOE de Ponteareas valora positivamente o funcionamento dunha nova ambulancia 24 horas para o municipio e comarca

As veciñas e veciños de Ponteareas e da comarca do Condado e A Paradanta terán a partir do vindeiro día 16 de agosto unha nova ambulancia 24 h que se unirá a xa existente. Esta mellora foi valorada positivamente polo PSOE ponteareán que agradece á empresa adxudicataria “que contemplara esta ampliación como unha mellora a propoñer para o servizo que se presta no noso concello e que o PP retirou hai uns anos”.

Dende O PSdeG de Ponteareas consideran “lamentable” que dende a Xunta de Galicia, gobernada polo PP, non se esixise que este tipo de melloras no servizo “fosen imprescindible para a renovación da concesión, quedando así este tipo de actuacións a consideración das empresas adxudicatarias”.

Por último, os Socialistas de Ponteareas esperan que este servizo, “que debería ser público”, se manteña no tempo “e non sufra os recortes os cales nos ten, desgraciadamente, moi acostumados o PP en materia de servizos sanitarios”.

Roberto Mera, “as detencións da fin de semana reflicten a eficacia da Policía Local diante de feitos illados, esporádicos e excepcionais”

O goberno local saíu ao paso das críticas da oposición e defendeu o labor da Policía Local, a súa eficacia e o nivel de seguridade cidadá en Ponteareas. O concelleiro de Bo Goberno e de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, lembrou que na pasada fin de semana a Policía Local detivo a dúas persoas que agrediran a un veciño nunha terraza do Paseo Matutino. “Malia a atitude extremadamente violenta dos dous individuos a Policía Local logrou reducilos e detelos para poñelos a disposición xudicial. Por iso non se entende que a oposición fale de inseguridade cidadá. Non é a primeira vez que se producen pelexas ou agresións en Ponteareas, como en calquera outro lugar, pero son excepcionais. O importante é que a seguridade cidadá está garantida por unha Policía que actua con eficacia, coma nese caso”.

Mera pedíu que non se xenere alarma social inxustificada porque “en calquera intervención na que a policía debe reducir a persoas agresivas se producen contusións e golpes e, neste caso, os axentes que interviron con grande profesionalidade afortunadamente non sofreron lesións de importancia e prestaron de novo servizo ao día seguinte con total normalidade”.

O edil nacionalista informou que na noite do sábado cinco axentes realizaron inspeccións de locais, control de horarios de terrazas, do uso de máscaras e de alcohol e drogas, con varios positivos. Nun dos controis, un condutor deuse a fuga e tras unha persecución foi interceptado na rúa dos Ferreiros. Trala correspondente proba comprobouse que o condutor triplicaba a tasa de alcohol permitida polo que se instruiron dilixencias penais por un delicto contra a seguridade vial. Mera tamén lembrou a recente actuación exitosa de catro axentes nun incendio nun hotel da localidade nun sabado de madrugada.

Diante da petición do grupo municipal ACIP, a alcaldesa accidental Cristina Fernández convocou a Xunta de Voceiros para este venres a fin de dar toda a información que os grupos municipais soliciten sobre o incidente do pasado venres e o funcionamento da Policía Local.

A antiga canteira de Vilafría, no Porriño, escenario do festival ‘Sons da canteira’

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, deu a coñecer que o sábado, 29 de agosto, terá lugar o festival de música ‘Sons da Canteira’ que terá como escenario o espazo en restauración que ocupou a canteira de Vilafría.

“Este festival de música galega nace con vontade de continuidade e supon que a modernidade da música galega entre nunha canteira en restauración no Porriño”, explicou a concelleira de Cultura, Cami Moreira.

Neste primeiro ‘Sons da Canteira’ haberá catro actuacións. Abrirá o DJ e o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo ‘Baiuca’, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Todos eles empregarán (videomapping) proxeccións en vídeo contra a muralla de pedra que servirá de anfiteatro natural. Tamén colaborarán no festival catro componentes da Asociación ‘Os Penediños’ de Atios.

Estableceronse estritos protocolos anticovid para garantir a seguridade de público e participantes. Deste xeito o aforo está restrinxido, a tan só 500 persoas, con espazos reservados para cadeiras e mesas pois poderáse comer namentres se miran as actuacións xa que haberá duas ‘food trucks’.

As localidades están á venda na páxina web www.woutick.es. Co prezo da entrada incluese o autobús que traslada aos espectadores dende a Avenida de Galicia, no Porriño, ata a canteira de Vilafría. O Festival está programado para comezar ás 18 horas.

A Xunta prohibirá dende mañá fumar nas terrazas e rúas se non se pode manter a distancia de seguridade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe aos galegos e galegas das decisións acordadas pola Xunta, tras escoitar ao comité clínico de expertos sanitarios, ante a actual situación epidemiolóxica. Estas medidas, precisou, entrarán en vigor mañá despois da súa publicación esta tarde no DOG.

Unha das cuestións abordadas foi a prohibición, en toda Galicia, de fumar nas rúas e terrazas cando non se poida manter a distancia de seguridade. Na súa intervención, o mandatario galego volveu insistir na necesidade dunha reforma legal que permita ás CCAA ter autoridade e adoptar medidas con respaldo legal no ámbito da Lei orgánica de saúde pública. Unha reclamación que xa fora trasladada en todas as conferencias de presidente e que hoxe, sinalou, “é un clamor”.

Feijóo explicou que aínda que a situación epidemiolóxica é boa en Galicia –cunha taxa de incidencia acumulada nos últimos 14 días catro veces inferior á de España– houbo un empeoramento coa apertura de fronteiras. Primeiro na zona da Mariña, que actualmente está en fase de resolución; e despois na área da Coruña, onde a situación é especialmente preocupante.

Por este motivo, dixo, nesta área manteranse as restricións implantadas nos últimos días en relación á prohibición do ocio nocturno; limitación das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; redución do aforo ata o 50 % nos comercios e hostalería; restrición das visitas e saídas de usuarios de residencias; e peche dos centros de día.

Como novidades, o titular da Xunta avanzou que se intensificará o rastrexo dos casos, cun aumento das PCR e a posibilidade de levar a cabo un cribado aleatorio entre os sectores da poboación máis afectados. A este respecto, cabería a posibilidade de incrementar ata as 1.200 as probas PCR que se realizan na área de Coruña.

Do mesmo xeito, Feijóo sinalou que se solicitará aos concellos e a Delegación do Goberno que, a través das súas policías locais e Forzas de Seguridade do Estado, estean vixiantes e proactivos ante a necesidade de reforzar as medidas de control.

Ademais de todo o anterior, o presidente do Goberno galego trasladou outras dúas medidas que se están a analizar nestes momentos: a posibilidade de restrinxir o número de acompañantes aos enfermos hospitalizados na área sanitaria da Coruña e a posibilidade de ampliar a restrición do ocio nocturno a máis zonas de Galicia.

Por outra banda, Feijóo adiantou que, polo momento, non se prevé establecer medidas de control xeral da mobilidade, sen prexuízo de que isto poida variar nos vindeiros días: “O comité clínico volverá reunirse dentro dunha semana para decidir se se manteñen, suavizan ou incrementar as medidas”, aseverou.

A maiores, o comité clínico tamén analizou un protocolo de actuación relativo aos traballadores temporeiros, con medidas de prevención e control que cobran especial relevancia coa recolección de froitos e a vendima no próximo mes.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención agradecendo aos profesionais da sanidade pública o seu labor profesional e compromiso e facendo un chamamento á responsabilidade individual, especialmente aos máis novos: “O virus non colle vacacións. Non podemos baixar a garda”.

O PP de Ponteareas denuncia o mal estado da Freixa e a súa praia fluvial

O PP de Ponteareas denunciou hoxe o “mal estado e abandono” no que, ao seu entender atópase a Freixa e “comparte o malestar que denuncian os veciños pola suciedade da auga na propia praia fluvial derivada da acumulación de restos de follas e polvo que se producen pola colocación dunha ‘corchera’ ano tras ano”.

O PP lamenta o estado de deterioración no que se atopa A Freixa. “É unha pena que unha praia fluvial como a que temos en Ponteareas e que é unha alternativa fantástica ás praias de Vigo, atópese nese estado de abandono total por parte do Goberno local”, explicou a portavoz popular Belén Villar.

Villar que asegura que a situación é a mesma que en anteriores anos sinala que “son moitos os usuarios que se queixan da falta de mantemento, presentando escritos no Concello que non son contestados”.

A situación actual do río coa acumulación de follas, os restos orgánicos, a pouca corrente existente, a calor e a propia barreira de boias, non deixa circular a auga e leva á putrefacción en superficie, “o que imposibilita o baño e co risco sanitario que supón”, afirman os populares.

Belén Villar urxe ao Goberno local a que poña remedio a esta situación. “É inexplicable que A Freixa atópese neste estado de abandono. Un lugar que debería ser pontenciado para o ben do noso turismo e para o propio lecer dos nosos veciños”.

Baiona benefíciase das obras da avenida de Sabarís baixo o modelo de mobilidade segura promovido pola Deputación

0

As obras realizadas na avenida urbana de Sabarís, en Baiona, unha das zonas de maior tránsito do centro da vila, para adaptalas ao modelo de mobilidade segura da Deputación, no que prima a accesibilidade peonil, foron cualificadas como un acerto polo deputado provincial Santos Héctor durante a visita que realizou, acompañado polo alcalde, Carlos Gómez. A actuación fixo posible a humanización integral do espazo urbano no que se sitúan puntos de encontro como o Centro de Día, a Escola de Educación Infantil O Areal, o parque infantil e a praia da Ladeira. Agora, tralo investimento de 242.000 euros con cargo ao Plan DepoRemse, a convivencia entre peóns e vehículos resulta máis acaída e acorde coa imaxe dunha Baiona amable e moderna.

A reforma, xa en servizo, incluíu a rehabilitación do firme, substitución do pavimento das beirarrúas e a completa renovación da iluminación, cambiando as lámpadas existentes no viario por outras con tecnoloxía LED. Así mesmo, instaláronse cinco novas marquesiñas e báculos e novos farois nos pasos de peóns sobreelevados. Amais, adaptáronse os pasos peonís ás normativas de accesibilidade e recomendacións das guías técnicas e se incorporou un novo paso. Por último, as obras incluíron tamén a mellora da sinalización.

Estes traballos enmárcanse, como destacou o deputado provincial Santos Héctor, no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de viarios e espazos públicos para as persoas. “Temos un modelo co que estamos a cambiar o noso territorio –subliñou–, co que estamos a investir en toda a provincia, para acadar unhas estradas e uns espazos públicos do século XXI no que o máis importante son as persoas”.

Un modelo no que amais prima a filosofía de “equidade, criterios obxectivos e apoio á autonomía local”, tal e como amosa a institución provincial en todos os seus programas, tanto o Plan Concellos como nos planes extraordinarios como o citado DepoRemse, que se adxudican en base a puntuacións obxectivas e criterios técnicos. En concreto, este plan financia un total de 31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos. A pandemia de Covid-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada no 31 de maio, 11 meses máis que o orixinal.

Santos fixo balance das actuacións da Deputación en Baiona desde o 2015 e destacou neste senso que o concello ten recibido un investimento de 8.089.250 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 648.449,07 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 27 obras; financiar 7 actividades socioculturais propias e contratar a 129 traballadores con cargo ao Plan Concellos. A maiores, Baiona beneficiouse desta mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.

Arbo adopta medidas preventivas fronte á COVID-19 contratando os servizos dun camión atomizador

0

A Concello de Arbo, vén de adxudicar o contrato de ‘Servizo de desinfección mediante pulverización con camión como medida de prevención da COVID-19’ á empresa que leva realizando a desinfección con camión atomizador nos últimos meses. A empresa adxudicataría conta con toda a maquinaria e os medios persoais para seguir realizando estes traballos por todas as parroquias. O custe dos produtos desinfectantes correrán a cargo do concello de Arbo e as desinfeccións serán semanais cun importe total de 15.000,00 €.

Tendo en conta a situación de pandemia actual, e co fin de evitar posibles rebrotes, o Concello considera importante que se preste “especial atención a desinfección das zonas de maior afluencia da poboación, como é o caso de Prazas, rúas e víais municipais”.

Segundo os informes sanitarios, considérase que a forma de transmisión do virus entre humanos ocorre por un determinado tipo de pingas que se emiten ao tusir, falar ou respirar por parte dunha persoa infectada, e que polo seu tamaño e peso, están presentes en aerosois a distancias curtas e medias –de aí a distancia mínima de un metro e medio que recomenda a OMS– e que tenden a depositarse sobre as supercies próximas, polo que ás principais vías de transmisión do virus son a vía aérea e a vía de contacto. Por este motivo, as aglomeracións que poden darse nos viais púbicos poden significar factores de risco engadido para o contaxio.

[su_image_carousel source=”media: 18922,18921,18920,18919,18918″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Horacio Gil, alcalde do Concello de Arbo, manifestou o seu “agradecemento e orgullo” pola axuda que “durante ós difíciles momentos ofreceron as persoas voluntarias e as adegas que puxeron a disposición do Concello os seus traballadores e a maquinaria precisa para poder desinfectar e limpar as rúas, as prazas, os parques…”, iso, lembra o rexedor local,”permitiu chegar ao máximo de núcleos de poboación, un traballo complicado, tendo en conta que Arbo é un concello rural con máis de 370 quilómetros de rede viaria e núcleos moi dispersos”.

Nestes momentos, engade o alcalde de Arbo “e tendo en conta que moitos de eses voluntarios e viluntarias traballan en adegas ou dedícanse a viticultura, non poden seguir cumprindo con esta labor dado que esta é a época de máis traballo”, polo que é preciso contratar os medios precisos para garantir a saúde da veciñanza.

Durante toda a crise sanitaria e dende antes de decretarse o Estado de Alarma polo Goberno de España, o Concello de Arbo cumpriu con todo o establecido para controlar o COVI-19, seguindo as medidas de prevención precisas coa finalidade de conter a propagación do virus e tratar de minimizar as afeccións no noso municipio, conseguíndoo cos nosos recursos e axudas doutros organismos, e anticipándonos sempre a que a COVID-19 non afectase a Arbo, tal e como sucedeu.

Co todo o acontecido e como medida de prevención, dende un primeiro momento o Concello de Arbo, adoptou un protocolo de desinfección de rúas, beirarrúas, prazas e vías. Neste intres o Goberno de España e a Xunta de Galicia, nos seus decretos e ordes, asignan as responsabilidade de previr e adoptar as medidas necesarias fronte a crise sanitaria aos concellos.

A época do ano na que nos atopamos fai que o desfrute das zonas de lecer, espazos públicos e que o tránsito polos viais municipais sexa de máis afluencia “polo que é necesario que se adopten polo Concello medidas de prevención que minimicen o risco de transmisión do SARS-CoV-2, de maneira que se poida facer un uso máis seguro dos lugares públicos pola poboación de Arbo e visitantes a noso pobo”, explica o alcalde Horacio Gil.

Co servizo de desinfección “pretendese cumprir cos protocolos establecidos polo Goberno de España e a Xunta de Galicia, para a limpeza e desinfección de rúas, víais municipais e lugares onde se concentra maior aglomeración”, remata o rexedor local.

O Castelo de Soutomaior, escenario de ‘Te con Kant’ dentro do programa da Deputación ‘Re-Acción nos Castelos!’

É posible un mundo e sociedade mellores baixo os ditames da razón ilustrada ou esta é ad infinitum unha condena ó fracaso? Esta é a pregunta fundamental que a compañía Inversa Teatro pretende responder no espectáculo ‘Té con Kant’, que terá como escenario o patio de armas do Castelo de Soutomaior e será o xoves 13 de agosto ás 19.30 horas. O evento, organizado pola Deputación, atópase enmarcado dentro do programa de dinamización cultural ‘Re-acción nos castelos!’ e está dirixido a un público adulto.

A través do humor e a ironía, este proxecto experimental escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por María Roja e a propia Marta conxugará o ensaio filosófico e a creación escénica para obter unha peza de teatro próxima ó formato de teatro-didáctico. A cita terá unha duración aproximada de 90 minutos e conta con protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento ante a crise sanitaria xerada pola pandemia de covid-19, polo que os asistentes deberán asistir con máscara de xeito obrigatorio e os accesos e a capacidade serán controlados de xeito exhaustivo.

Inversa Teatro, a compañía produtora do espectáculo, foi fundada no ano 2009. Actualmente, ten en cartel cinco producións teatrais: Expostas, Kamouraska, Paper Dolls, Té con Kant e Fémina Sapiens. Dous dos puntos clave para Inversa Teatro son a súa intención feminista e a súa aposta filosófica, polo que non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade e sexan críticas coas estruturas sociais e políticas do sistema.

‘Re-acción nos castelos!’, o programa no que se atopa inserida esta cita, ten como pretensión principal reactivar a programación cultural tras o estado de alarma e confinamento. Para isto, a Deputación de Pontevedra organiza manifestacións artísticas que levarán a todos os públicos a sentir estes espazos cheos de maxia e memoria dende todos os sentidos. O ciclo recolle artes escénicas e música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica para todos os públicos. Así, este programa está inserido no plan de reactivación da cultura ‘Re-Acción cultural’ que o ente provincial puxo en marcha cun orzamento de 2,5 millóns de euros para recuperar a cultura en vivo.

Nigrán homenaxea ás súas comisións de festas a través da gravación do musical da TVG ‘100 anos de verbena galega’ a cargo de ‘La Ocaband’

0

O Concello de Nigrán acollerá este xoves de 22:00 h a 00:30 horas no campo de Lourido a gravación do musical da TVG ‘100 anos de verbena galega’, a cargo de ‘La Ocaband’ e ao que se sumarán artistas convidados pertencentes ás mellores orquestras do país. O público, limitado e previamente acreditado por razóns sanitarias, estará formado por representantes das diferentes comisións de festas do municipio e entidades culturais.

“Desde o Concello queremos aproveitar esta ocasión para render homenaxe aos que traballan todo o ano no municipio co obxectivo de organizar verbenas e festas, xa que precisamente neste 2020 viron truncados os seus esforzos por mor do Covid-19. Este é o motivo polo que pensamos neles como público ao que se lle ofrece o espectáculo”, sinala o alcalde, Juan González, quen aclara que por protocolo de seguridade realízase con aforo moi limitado e mediante invitación numerada.

O espectáculo, que será emitido ao longo do verán, estará protagonizado polo gran show da orquestra ‘La Ocaband’, que contará para a ocasión coa súa formación de 10 músicos e 4 técnicos e coa presenza de artistas convidados como Sito Sedes (Los Satélites), Lito (Panorama), Blas (París de Noia), Miguel Torres (Orquesta Compostela), Luis Queima, Tita Lijo (Los Players), Carlos Mariano (Suavecito), Fátima Pego (Panorama) e Marcos Rodríguez (excantante de Amistades Peligrosas).

Presentado por Sara Rodríguez, disporá dun escenario de 24 metros, pantallas de 4×3 para visuais, unidade móbil de 7 cámaras e un equipo técnico composto por 18 profesionais.

Mondariz estrea actividade ao aire libre

0

O Departamento de Cultura e Xuventude do Concelllo de Mondariz informa que xa está aberto o prazo para inscribirse na RUTA ETNOGRÁFICA: A CADA PASO POLA BEIRA DO RÍO XABRIÑA, que se vai a realizar o venres 21 de agosto ás 18.30h.

Esta actividade é gratuíta e, polas súas características, está recomendada para persoas a partir de 8 anos. Ademáis de ser unha boa actividade física, esta ruta permite descubrir parte do patrimonio natural e cultural do concello de Mondariz.

Terán preferencia as persoas empadroadas en Mondariz. As doutros concellos, poderán anotarse e quedarán nunha lista de agarda e, se quedan prazas vacantes cando remate o prazo de inscrición, as persoas serán contactadas por teléfono por orde de entrada da solicitude.

Se estás interesado/a en anotarte nesta actividade podes contactar coa OMIX Mondariz nos teléfonos 986 664 306 / 680 964 461 (de luns a venres de 9 a 14h) ou seu correo electrónico: [email protected]. O prazo de inscrición remata o mércores 19 de agosto ás 14h.

A Deputación entrega nove transpaletas aos nove puntos limpos da provincia ao abeiro do proxecto europeo ‘Estraee’

O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, xunto ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, o concelleiro de medio ambiente de Moaña en representación da Mancomunidade do Morrazo, Odilo Barreiro, e o concelleiro de medio ambiente de Vilagarcía, Lino Mouriño, asistiron ao acto de entrega, no Parque de Maquinaria, das nove transpaletas que prestarán servizo nos nove puntos limpos nos que está a actuar o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do “lixo electrónico” promovido pola Deputación. En concreto, Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña) reciben esta maquinaria, valorada nun total de 80.912,7 euros.

As transpaletas son eléctricas, en sintonía co proxecto sostible e de coidado co medio ambiente, teñen unha capacidade de carga de ata dous mil quilos e unha velocidade máxima de 10 quilómetros hora. Ademais, estas máquinas permitirán transportar e mover dunha maneira cómoda e segura os aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema. A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

En menos de 10 minutos esgotáronse as entradas para o autocine de Tui deste venres

0

En menos de 10 minutos esgotáronse as 110 prazas dispoñibles para asistir á proxección de “Joker” este venres en autocine no aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica. Coma aconteceu xa tamén coa primeira proxección de autocine de “Grease” as entradas esgotáronse rapidamente. Precisamente o autocine é unha das novidades da programación cultural do verán “Volvemos á rúa” en Tui este ano.

Este mediodía abriuse a reserva de entradas para os catro espectáculos previstos esta semana a través da plataforma enterticket.es. Debido á pandemia da covid 19 hai establecido un protocolo con aforo limitado en cada evento, polo que é preciso realizar previamente a reserva de forma gratuíta e facilitar os datos de contacto.

Si quedan entradas dispoñibles para os outros tres espectáculos previstos.

O mércores ás 21 h na praza de San Fernando ofrecerá un concerto a sección de metal da Banda de Música Popular de Tui. Neste caso poderán asistir 120 persoas. Este é o terceiro dos concertos que banda tudense ofrece este verán na programación organizada polo Concello de Tui.

Xa o xoves, tamén ás 21 h, no Paseo da Corredoira actuará a compañía Ghazafelhos con “Acuario”. Este espectáculo está baseado no libro homónimo de poemas de María Canosa. O seu obxectivo é que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Todo dun xeito ameno e divertido con vistosos monicreques, e co humor e dinamismo dos actores Pepablo Patiño, Marisa Canosa e Montse Piñón.

Mentres o domingo ás 22 h á música chega á rúa Compostela co concerto “Son Galego, son Cubano”  que ofrecerá Roi Casal.  Este evento chega a Tui ao abeiro do programa Musical da Deputación de Pontevedra.

O Instituto Cubano da Música propuxo a Roi Casal un gran espectáculo entre Cuba e Galicia, tras recibir o artista galego o Premio Internacional Cubadisco 2014 na illa caribeña. Roi Casal traballou conxuntamente co escritor Neira Vilas, na concepción e elaboración deste proxecto internacional. No disco, gravado na Habana en Marzo de 2016, participaron os algúns dos mellores músicos cubanos como Pablo Milanés, Laritza Bacallao, Miguel Núñez, Osmani Sánchez, Jorge Jorge Leliebre, César López… e da parte galega, figuras destacadas como Nando Casal (Milladoiro) ou Carlos Calviño.   Este domingo chega a Tui dentro da programación Volvemos á Rúa. A capacidade está limitada a 290 persoas sentadas.

Amais dentro de Música na Rúa haberá pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos o sábado ás 21 h e do Grupo O Mosteiro de Pexegueiro o domingo ás 21 h.

Salceda úrxelle á Xunta a renovación dos baños do colexio Altamira

O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitarlle á Xunta de Galicia que acometa a renovación dos aseos do CEP Altamira, unhas instalacións con máis de 40 anos de antigüidade que coa situación de pandemia que se está a vivir resultan un posible foco de infección para os 600 nenos e nenas escolarizados no centro, un dos máis numerosos de Galicia. Tamén o Consello Escolar, con representación do profesorado, pais/nais e o propio Concello, aprobou unha solicitude no mesmo senso, que lle foi trasladada xa á Xunta de Galicia. Se xa viña sendo unha necesidade urxente, esta situación vese agravada pola pandemia da COVID.

A concelleira Gela Ledo lembrou que un ensino de calidade “ten moito que ver tamén coas súas instalacións” polo que reafirmase no compromiso de “seguir a traballar para que as nenas e os nenos de Salceda teñan unhas instalacións como se merecen, e non do século pasado”

Cómpre salientar que o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, comprometeuse xa fai máis de dous anos a que, unha vez se rematase a ampliación do CEP Altamira (realizada no 2018), se procedería á renovación dos aseos, tal como lle trasladou á directora do centro daquel momento, e tal como foi exposto entón no Consello Escolar. A día de hoxe os aseos seguen sen reformar polo que o Concello ven de remitir unha nova solicitude con un orzamento da obra precisa, facilitado por un construtor local, no que as obras ascenden a 32.350 € máis IVE no edificio principal, e 31.740 € máis IVE no edificio do ximnasio. As mencionadas obras deberían ser levadas a cabo canto antes pola Xunta de Galicia, para que o colexio estivese listo para ser empregado en setembro sen problemas de salubridade para os nenos e nenas.

Lembran dende o equipo de goberno que entre o ano 2019 e o 2020 son cinco as citas solicitadas coa Consellería de educación (tres co xefe territorial e dúas coa exconselleira), sen que se dese resposta a ningunha delas, no que dende o Concello se considera unha mostra de deslealdade institucional e falta de compromiso coa veciñanza, polo que a única fórmula dispoñible para este tipo de solicitudes pasa a ser a da comunicación escrita, agardando que deste xeito sexa atendida, en aras a garantir a seguridade dos nenos e nenas salcedenses.

Nese sentido, a acaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, lembra que dende o Concello se están a acometer “as obras de mantemento e mellora precisas que nos corresponden para garantir un correcto inicio do curso escolar” polo que agarda que a Xunta de Galicia, “da cal dependen as competencias educativas, asuma as súas obrigas e responsabilidades e dea resposta a esta necesidade urxente canto antes”.