Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Inícianse os traballos de optimización enerxética en Baiona coa renovación do alumeado da rúa Elduayen

As actuais lámpadas das 'farolas fernandinas' serán substituídas por led que melloran o alumeado, reducen os niveis de CO2 e supoñen un considerable aforro na factura eléctrica

En vindeiras datas comezarán en Baiona os traballos de substitución do actual alumeado da rúa Elduayen por luminarias led, actuación que se enmarca dentro dun plan global para acadar a optimización enerxética do municipio coas vantaxes que iso supón dende o plano medioambiental e económico.

Os traballos, que se desenvolverán ao longo de toda a fachada litoral de Baiona dende a rúa Alférez Barreiro ata o remate da rúa Elduayen, permitirán substituír as actuais lámpadas das ‘farolas fernandinas’ por outras baseadas na tecnoloxía led. A actuación non só redundará nunha mellora no alumeado, cos conseguintes beneficios para veciñas e veciños, senón tamén unha importante redución das emisións de CO2 e un aforro considerable na factura eléctrica.

Do investimento global xestionado pola Deputación de Pontevedra, un 80 % correrá a cargo do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), un 10 % corresponderá á Deputación e o 10 % restante será a achega do Concello de Baiona.

Esta actuación da rúa Elduayen, apunta o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, “é un primeiro paso dun ambicioso proxecto de optimización enerxética do municipio”. Así, nunha próxima actuación, traballarase nesa liña na Casa do Concello e, finalmente, optimizarase o alumeado público de todas e cada unha das parroquias.

Os traballos, afirma o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, “amosan o compromiso deste Goberno coa loita pola optimización enerxética do municipio que, amais dun compromiso claro coa mellora dos servizos que se lle prestan á cidadanía, reafirma a nosa postura na loita contra o cambio climático e a prol do medioambiente”.

De feito, explica o rexedor baionés, “a substitución do alumeado tradicional de vapor de sodio por lámpadas led, permite reducir a coñecida como ‘contaminación lumínica’ ao permitir focalizalo nas zonas que o necesitan”. Do mesmo xeito, engade Carlos Gómez, “o seu consumo é moi inferior e non só se traduce nun aforro no presuposto enerxético, senón que a maior vida útil do led tradúcese evitar o gasto que supón o cambio das lámpadas e o tempo do persoal dedicado a estes traballos”.