11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Xunta estende o programa Cultura no Camiño + a preto de...

    A Xunta estende o programa Cultura no Camiño + a preto de 150 municipios, entre eles Arbo e Salceda de Caselas

    A Consellería de Cultura e Turismo publica na web da Agadic a última quenda de adxudicacións das axudas aos concellos para a contratación de espectáculos galegos de música, teatro, danza, novo circo e maxia ao abeiro desta iniciativa

    O circuíto da Xunta Cultura no Camiño + celebra ata o 15 de outubro a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a 149 concellos de toda Galicia no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da Covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.

    Onte publicáronse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a quinta e última adxudicación destas axudas (nas que saíron beneficiados os concellos de Arbo e Salceda de Caselas), que o pasado mes de xullo reformularon as súas bases para abrirse a todos os concellos interesados en acoller esta programación, que en anos anteriores se centraba exclusivamente nos situados no Camiño de Santiago. Con tal fin, incrementouse en máis do triplo a dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto.

    Á falta de que os últimos concellos adheridos configuren as súas respectivas carteleiras, estímase que Cultura no Camiño + ofrecerá arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.

    Dinamización e descentralización cultural

    Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.

    Destaca igualmente a proporcionalidade en canto á distribución provincial desta oitava edición, con 44 concellos na provincia da Coruña, 37 en Pontevedra, 36 en Lugo e 32 en Ourense.

    A programación arrancou xa a mediados do pasado xullo e esta semana cumpre o seu primeiro mes de actividade, durante o que terá desenvolvido un centenar de actuacións en 49 concellos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.