Sábado, 22 Marzo de 2025

Manifesto Miñor lamenta o acordo entre Ministerio de Facenda e FEMP “para sustraer aos concellos o remanente municipal”

Manifesto Miñor cualificou onte de “novo despropósito” a medida impulsada pola FEMP –presidida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero– e o Goberno Central, que ao entender da formación asemblearia “requisan” os remanentes e os excentes orzamentares dos municipios e adíase o seu cobro íntegro até 2040 e “que xa veremos se se cumpre en función da conxuntura”. Considera Manifesto “unha burla que se venda que os concellos entran no reparto do condicionado fundo de restruturación da UE, xa que como administracións públicas temos  pleno direito ao igual có Estado e cás CC.AA.”.

Para Manifesto Miñor “a política de estabilidade orzamentar e control do gasto público é un fracaso ademais de absurda ao impedir aos concellos gastar á vontade o seu proprio aforro (superavit), máxime nunha crise sistémica sen precedentes onde cómpre un investimento público ben orientado e activar os estabilizadores automáticos da economía. Trátase de escoller entre as persoas e o futuro dos nosos territorios ou os intereses da banca e das elites”.

“O Goberno e FEMP negocian en clave partidaria e non con sentido de defensa do ben común”. asegira MM que engade que tan só así enténdese “que PP e PSOE sigan xogando coas facendas locais e sen o sentido de estado do que tanto se gaban”. O resultado é “un esperpento para paliar outro”: os concellos entregarán “voluntariamente” –iso ou non podelo gastar– o remanente ao Estado, que se “compromete” a devolvelo entre 2023 e 2040, iso si condicionado a determinados usos e ampliando o Goberno central unilateralmente o prazo desde 2033 a 2040. Por outras palabras, se o Concello ingresa 100 e a regra de gasto só lle permite gastar 70 o Estado confiscalle 30 até 2023-2040 e así cada ano.

Até 2023, o Estado compromete 5000 millóns de euros dos 14.000 que se prevén “requisar” (apenas 1/3) e sen determinar se eses fondos son a maiores dos europeos ou se son 0 ao tirar a parte do financiamento comunitario que lle correspondería aos concellos, que xa se van ver afectados pola mingua nos fundos do primeiro piar da PAC desde 2021.

Para Manifesto Miñor os concellos, unha vez máis, “non só non melloran a eiva crónica do seu finanzamento, senón que para maior escarnio se lles confisca boa parte do orzamento anual para paliar os problemas de liquidez de Estado e CCAA, ao tempo que se sobrecargan con co-financiamentos para competencias improprias (centro de día, SAF, escolas infantís, colexios de primaria etc.)”.

Así as cousas, para a maioría dos concellos galegos, agás as cidades, “a FEMP e a FEGAMP son instrumentos inserbíbeis e pexados pola miopía das grandes maquinarias partidistas. Novamente os grandes prexudicados somos os concellos pequenos e medianos, así como os  do interior de Galiza: seguen financiándonos por habitantes  sen atender a superficie (quilómetros de pistas por exemplo), dispersión (número de núcleos de poboación), etc”.

Manifesto Miñor entende que o que procede “é reformar a lei para que a totalidade dos fundos municipais, cuxo financiamento é xa extremadamente deficiente e inxusto, estean ao servizo dos entes locais e da viciñanza para poder acometer gasto social e investimentos reais, imprescindíbeis perante a crise da COVID19 e as súas consecuencias sociais e económicas, que aínda se verán con extrema crudeza a partir de 2021”.