Luns, 24 Marzo de 2025

A antiga canteira de Vilafría, no Porriño, escenario do festival ‘Sons da canteira’

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, deu a coñecer que o sábado, 29 de agosto, terá lugar o festival de música ‘Sons da Canteira’ que terá como escenario o espazo en restauración que ocupou a canteira de Vilafría.

“Este festival de música galega nace con vontade de continuidade e supon que a modernidade da música galega entre nunha canteira en restauración no Porriño”, explicou a concelleira de Cultura, Cami Moreira.

Neste primeiro ‘Sons da Canteira’ haberá catro actuacións. Abrirá o DJ e o artista multimedia Juanma LoDo. Polo escenario seguirán o grupo ‘Baiuca’, Mercedes Peón e o dúo Laura Lamontagne e PicoAmperio. Todos eles empregarán (videomapping) proxeccións en vídeo contra a muralla de pedra que servirá de anfiteatro natural. Tamén colaborarán no festival catro componentes da Asociación ‘Os Penediños’ de Atios.

Estableceronse estritos protocolos anticovid para garantir a seguridade de público e participantes. Deste xeito o aforo está restrinxido, a tan só 500 persoas, con espazos reservados para cadeiras e mesas pois poderáse comer namentres se miran as actuacións xa que haberá duas ‘food trucks’.

As localidades están á venda na páxina web www.woutick.es. Co prezo da entrada incluese o autobús que traslada aos espectadores dende a Avenida de Galicia, no Porriño, ata a canteira de Vilafría. O Festival está programado para comezar ás 18 horas.