Concello de Nigrán ofrece mañá venres na Praza da Carrasca unha actuación do Mago Rey Midas ás 20:00 horas na que realizará moitos dos números que fixo nas videochamadas aos nenos que estiveron de aniversario durante o confinamento e aos que o Concello agasallou deste xeito. Posteriormente, ás 21:00 horas, Teatro do Ar ofrece a comedia de acción ‘Alimentacións Nocivas’, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar e feita coas ideas que esta compañía de Nigrán foi recollendo durante o confinamento.
Por outra banda, o festival para miudos ‘Parrulas Fest’ continúa hoxe na Foz co catalán Pau Segalés, que dará vida en ‘Abre os ollos’ ao seu número de maxia, humor, misterio, interaccións e ilusións con obxectos e o concerto punk infantil de Peter Punk e Brais das Hortas. Xa mañá venres, Brais das Hortas con ‘Zona en obras’ transmitirá o seu ritmo musical e Cirkompacto dará vida aos dous pobres diaños de ‘Hell Brothers’. O sábado 15 o ‘Parrulas Fest’ chegará ao final coa maxia e diversión do Mago Paco no seu show ‘Hocus Pocus’ e o espectáculo de clown e escapismo de Pajarito con ‘A vida tola’.