O Concello de Tui vai levar a cabo a humanización da travesía de San Domingos dende a rúa Antero Rubín, pasando pola travesía de San Francisco e rematando a rúa Bispo Lago. O obxectivo é a posta en valor deste vía coma arteria singular de conexión entre o centro urbano e a igrexa de San Domingos.
O anteproxecto redactado conta cos informes de viabilidade de sectoriais favorables, incluído o de Cultura que está condicionado á realización de catas para a elaboración do proxecto final e inicio das obras. Precisamente o pleno ordinario de onte xoves, 25 de marzo, irá a dotación do crédito preciso para realizar as catas arqueolóxicas, necesarias para poder avanzar co proxecto.
A actuación prevista contempla o acondicionamento e mellora do actual pavimento da travesía, así coma o soterramento dos subministros e renovación da rede de saneamento. Ao tempo mellorarase a recollida superficial de augas pluviais, protexendo os accesos existentes ás vivendas e parcelas.
Tamén se persegue a recuperación patrimonial desta vía coa restauración dos restos da vía romana dos que se ten constancia e dos que poidan aparecer nas catas arqueolóxicas.
Por outra parte a humanización deste percorrido plantexa a mellora da iluminación existente. Instalaranse elementos singulares coa sinalización de puntos de interese coma un panel informativo con iluminación sobre a vía romana e o Camiño de Santiago. Nun fito con luminaria recollerase un esquema da evolución urbanística da cidade. Xerarase unha zona de estar con chapa de aceiro corten emulando a sillería tradicional do muro ao que se encostará, con bancos e sistema guía para enredadeiras. Crearase tamén unha barreira verde visual , con plantas trepadoras sobre chapas perforadas, para vestir elementos en mal estado e crear unha nova zona de estar para peóns. Tamén se prevé a creación dun xardíns vertical e horizontal que ocultará a baixante pegada ao muro de pedra.
Durante estes días, un colector amarelo grandes dimensións está exposto en Ponteareas, actuando de expositor efémero para explicarlle á cidadanía como reciclar adecuadamente no colector amarelo e así superar o reto “Recicla e Supérate”, promovido dende Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración coa entidade sen ánimo de lucro Ecoembes, dedicada á reciclaxe e á economía circular.
Esta acción de impacto na rúa desenvólvese simultaneamente nos 15 concellos galegos convocados nesta segunda edición do reto, que ten como obxectivo último incrementar a conciencia de reciclaxe e seguir afianzando o hábito continuado entre a poboación.
O reto “Recicla, respira e supérate” ten unha premisa sinxela: os concellos participantes que melloren cando menos un 10% a súa achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, comparado co mesmo período do ano anterior, conseguirán un premio de 2.000 euros para dedicar a unha causa social local da súa elección.
Para conseguir que os concellos superen o Reto, están programadas unha serie de accións de comunicación coas que se pretende comprometer aos concellos e á cidadanía na mellora das cifras de reciclado de envases de plástico, latas e briks, nos seus municipios.
Por isto, a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, informa que durante os 3 meses de duración do reto, estanse a desenvolver diferentes actividades comunicativas de impacto, como son a instalación de stands informativos e a planificación de campañas coa finalidade de animar á cidadanía a participar, á vez que se lles explica como reciclar mellor.
En www.uneteaoreto.com atópase toda a información sobre como separar correctamente os residuos e onde se actualizan os quilos recollidos en cada concello durante os tres meses de campaña.
“Non se pode ser profesional sen recursos”. Así se manifestou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na recepción na sede provincial de Vigo ás representantes das xogadoras e dirixentes dos clubs de elite femininos da provincia, o balonmán Atlético Guardés, o Balonmán Porriño e o de fútbol sala Poio Pescamar. No acto, ao que tamén asistiu o deputado de Deportes, Gorka Gómez, participaron as capitanas do Guardés, Lorena Pérez, e do Balonmán Porriño, Sarai Sanmartín, así como a xogadora Lucía Gómez do Poio Pescamar, acompañadas dos presidentes dos clubs.
A institución provincial ven de redobrar este ano o seu apoio aos clubs deportivos femininos de elite coa equiparación económica co deporte masculino. A presidenta provincial foi incluso máis alo ao anunciar que para o vindeiro ano este respaldo irá a máis. “Xa anuncio que para o ano que ven financiaremos un pouco máis os femininos que os masculinos. Non temos capacidade de grandes aumentos pero hai que seguir facendo xestos, e o asumo como un reto propio. Non valen as palabras, dixo, hai que apostar. E como teñen moitas máis dificultades e máis discriminación, pois haberá que facer discriminación positiva, ata cando todos esteamos igualados. Así que para o ano 22 os equipos femininos que estean na elite van recibir máis recursos por unha cuestión de xustiza e obriga das administracións”.
Carmela Silva lembrou que desde o acceso do actual Goberno provincial, tomouse a decisión de aumentar os recursos ao deporte feminino así como as bases para financiar en maior medida aos equipos que o promoven. “Pero faltaba un paso por dar que demandaban os equipos e tiñan razón –explicou-. Pedían que se equipararan os recursos dos equipos de elite masculinos e femininos, e este ano no actual orzamento o temos feito”. A presidenta agradeceu ás e aos representantes dos clubs esa reclamación “por algo que é xusto”. “É importante tomar conciencia –engadiu Silva- e apoiar ás mulleres no mundo do deporte. Sodes un exemplo e a Deputación non fai nada que non teña que facer, é unha obriga. Tedes que ser reivindicativas e esixir que os apoiemos, e quen ten que estar agradecida somos as administracións, aos clubs e a vosoutras, porque este esforzo o facedes dedicándolle moitas horas da vosa vida. E imos apoiarvos máis porque todo é pouco para que se poida seguir avanzando, e somos conscientes”.
As tres deportistas, “mulleres potentísimas, dixo Silva, que xa son referentes para futuras deportistas”, agradeceron á institución provincial o seu respaldo ao deporte feminino. Lorena Pérez, do Guardés, incidiu en que “é importante sentirnos apoiadas porque non é un camiño fácil e ver que as cousas van mellorando e que estades aí e fundamental”. “É o camiño a seguir e deberiamos continuar para que a igualdade sexa un feito e teñamos que deixar de facer comparacións entre o masculino e o feminino e, para que sexamos un referente para os nenos e sobre todo as nenas –agregou-. Ao final, cando tes o apoio e iguais oportunidades sempre é moito máis fácil decidirte a practicar deporte e cumprir un sono, o de chegar a ser deportista profesional con todas as letras”.
Sarai Sanmartín, do Balonmán Porriño, tamén destacou a equiparación co deporte masculino e subliñou que “para o club e para as que formamos parte del vainos axudar nesta temporada e en anos posteriores seguro; ogallá que se sumen moitas máis”. “Nós temos moita ilusión por un bo proxecto e así poñédesnolo moito máis fácil”. Finalmente, Lucía Gómez,do Poio Pescamar, destacou que “estes recursos nos van axudar; necesitamos de institucións, patrocinadores, recursos que nos fagan crecer para, entre todas e todos, facer máis grande o deporte feminino”.
A presidenta da Deputación agradeceu tamén aos dirixentes dos clubs (Jesús López no caso do Guardés, Abel Estévez no Porriño e Juan José García polo Poio Pescamar) o seu enorme esforzo para manter aos seus equipos na elite, máis na actual situación de pandemia “onde caeron os patrocinios privados porque a xente está como está”. Destacou que levan os equipos “a cambio de nada con vontade e fan un enorme esforzo e traballo para que o noso deporte sexa un gran exemplo a nivel nacional e internacional”.
A alcaldesa do Porriño, Eva Garcia de la Torre, deu a coñecer hoxe aos membros da Comisión Especial do Líndano que O Porriño é un dos cinco municipios seleccionados –entre 33.000 ubicacións existentes en Europa afectadas por líndano–, para desenvolver un programa de localización, bioremediación e recuperación dos terreos afectados.
“É un programa piloto da Unión Europea ben dotado economicamente, que tamén pon o acento no aspecto social para evitar a estigmatización de territorios contaminados e recuperar a súa posta en marcha”, apuntou Eva García.
A rexedora explicou que horas antes da reunión da Comisión Especial Municipal, mantivo unha reunión de traballo con técnicos da compañía aragonesa ‘Proxectos Estratéxicos Sarga’ que é unha das concesionarias do financiamento con fondos europeos elixidas pola UE para o desenvolvemento do programa.
Garcia de la Torre sinalou que todos os traballos en marcha “éste con financiamento da Unión Europea é o máis emocionante e ambicioso xa que non só pretende a localización e remediación dos puntos do verquido, tamén propón avanzar na recuperación da terra como solo residencial”.
A alcaldesa participou esta información aos portavoces dos grupos municipais de PP, PSOE, EUSON e BNG que asistiron á Comisión Especial, xunto con representantes da plataforma de afectadas, asociacións veciñais, sindicatos e a organización ‘Ecoloxistas en Acción’ que se incorporou desde onte.
No transcurso da reunión da Comisión, realizada de xeito presencial, o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira informou das calicatas que está facendo ‘Geocysa’ en preto de 80 puntos do término municipal, por encargo da Xunta de Galicia. Tamén informouse dos traballos doutra empresa, ‘Edafotec’ para desenvolver un sistema de biodegradación do líndano.
A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, informou hoxe, no Parlamento de Galicia, que Galicia dispón de técnicas PCR para a determinación indirecta das novas variantes e de capacidade de secuenciación xenómica.
Destacou, tamén, a directora xeral, a actividade realizada no marco do rexistro de viaxeiros da Xunta de Galicia que, en función da incidencia acumulada do pais ou da comunidade de orixe, se realizan distintas abordaxes epidemiolóxicas, incluída a realización de PCR naqueles viaxeiros procedentes de determinados zonas de alta incidencia.
Igualmente, incidiu Carmen Durán, na detección precoz de casos asintomáticos para o seu illamento e posterior estudo e corentena dos contactos. Así, Galicia intensificou os cribados tanto poboacionais como a procura activa de casos, sumando todos os recursos diagnósticos ao seu alcance, e, tamén, sumando aos centros hospitalarios e de atención primaria, ou a detección nas oficinas de farmacia. Así, conseguiu estar entre as comunidades autónomas que maior número de probas realiza.
Tamén sinalou a representante do departamento sanitario galego que estase a traballar nun plan de secuenciación másiva que incremente, a máis do dobre, a capacidade de secuenciación. En conclusión, dixo a directora xeral, Galicia conta cun sistema múltiple para a detección das novas variantes do virus que se basea nos estudos de vixilancia epidemiolóxica a través de PCR específica, nunha importante secuenciación completa xenética do virus, sistemas de detección precoz de casos, e un plan adaptado da evolución desta pandemia no que se contempla o incremento da capacidade de secuenciación.
O alcalde de Gondomar recibiu hoxe á deputada socialista Leticia Gallego que anuncio a presentación dunha iniciativa parlamentaria instando á Xunta a reconfigurar a zona “para resolver os problemas de tráfico e mellorar o espazo urbano de Gondomar”, medida que se adopta xunto a outras no Parlamento galego “tras rexeitar as enmendas aos orzamentos 2021 nas que se pedíase ao goberno autonómico que incluíse a partida para esta demanda histórica do municipio”.
Unha idea na que tamén incidiu o rexedor gondomareño, Paco Ferreira, que lembrou que é responsabilidade da Xunta actuar na zona “ao ser a intersección da PO-331 e a PO-340 ambas de titularidade autonómica e porque estamos a falar dun punto negro no que se rexistran moitos accidentes ao longo do ano, polo que insistimos en que é necesario, urxente e moi importante que se acometa a súa remodelación”.
Paco Ferreira lembrou que son moitas as ocasións nas que se trasladou esta cuestión á Consellería de Infraestruturas e que “seguimos sen resposta”. Explicou que no punto conflúe o tráfico procedente do Baixo Miño, Ramallosa e Vigo desembocando “nunha rotonda inexistente, que non se adapta ás normativas vixentes e na que a non hai sinalización vertical de xiro. Máis que unha rotonda podemos dicir que os coches acceden a un obstáculo”, manifestou Paco Ferreira.
Reiterou, xunto á deputada Leticia Gallego, que a Xunta “non pode delegar a súa responsabilidade e debe atender esta petición coa que só que quere acabar cun punto negro na circulación e garantir unha mobilidade segura”. Nese sentido, Paco Ferreira explicou que “dende o concello de Gondomar reivindicamos pero tamén estamos dispostos a axudar ou formar parte dun convenio de colaboración coa Xunta, na que como titular do vial, comprométase a asumir o investimento necesario”.
Desde o executivo de Paco Ferreira déronse xa pasos á espera de que a Consellería de Infraestruturas responda, e elaborouse un informe que sinala que “o punto se converte nun cruzamento de vías crave para o pobo de Gondomar e para o Val Miñor,en xeral. A súa actual morfoloxía de encontro non permite que exista fluidez nos movementos debido ao reducido diámetro da rotonda, que impide o xiro de vehículos de grandes dimensións; o mínimo espazo do carril de circulación que impide a entrada e circulación de varios coches á vez na rotonda, ou a ausencia de carril de desvío de tráfico en caso de aumento de afluencia”.
Sobre a mesa unha proposta para solucionar este problema que supoñería a actuación sobre unha superficie de 3000 metros cadrados e un investimento aproximado de 725.000 euros que, “a Xunta debería incluír nos seus orzamentos porque se trata de estradas de titularidade autonómica e o único que buscamos e grantir a seguridade das persoas”, concluíu Paco Ferreira.
O persoal que traballa dende a nave municipal de Guillarei, no Concello de Tui, vén de ver mellorado este espazo tras un investimento de máis de 60.200 euros que serviu para realizar un acondicionamento interior e a reforma integral dos vestiarios-aseos. As obras foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, acompañado polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez.
Corrixiuse así unha situación que preocupaba ao Concello toda vez que a empresa que avalía os riscos laborais viña reclamando que se actuara nestas instalacións para optimizar as súas condicións de habitabilidade e uso. Os novos vestiarios e aseos comezarán a utilizarse de inmediato tanto polos traballadores/as do cadro de persoal do Concello, como polo persoal temporal que reforza os servizos de Obras e Limpeza no marco da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación ou os contratados temporais procedentes da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).
Santos Héctor subliñou que estes vestiarios estaban en malas condicións tras décadas de uso intensivo sen un adecuado mantemento, polo que cualificou o investimento como “cartos moi ben investidos”. “A obra quedou espectacular”, engadiu, “e solucionouse un grave problema que preocupaba á Alcaldía”. Santos Héctor apuntou que habilitáronse dous vestiarios que permitirán, en función das circunstancias do servizo, dispoñer dun espazo feminino. Ademais elimináronse barreiras arquitectónicas para adaptar as instalacións ás persoas con diversidade funcional. O deputado provincial rematou facendo fincapé na flexibilidade que proporciona o Plan Concellos para abordar todo tipo de necesidades municipais: “neste caso, os cartos que achega a Deputación serviron para dignificar a vida de traballadoras e traballadores”.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, recalcou o seu compromiso coas condicións laborais do persoal municipal de Obras e Servizos e amosouse feliz de poder dar un paso máis cara á mellora do seu centro de traballo. Lembrou Cabaleiro que durante moitísimos anos os/as operarios/as tiveron que soportar unha forte precariedade, “non só pola relación laboral, que seguimos corrixindo, senón pola situación deste ámbito onde realizan as súas actividades, que era impropio dunha Administración moderna”. O rexedor expresou o seu agradecemento á Deputación “por permitirnos cumprir con este obxectivo de dignidade laboral” e así destacou que a Deputación xa financiou as obras de cambio da cuberta na nave, retirando as vellas láminas con amianto, cun investimento doutros 70.000 euros, e tamén financiou a modernización da antiga caldeira e depósito de gasoil. “O compromiso da Deputación con Tui, non dá lugar a dúbidas”, remarcou.
As obras transformaron algo máis de 70 metros cadrados do semisoto da nave de Guillarei, dándolle unha nova vida tamén a unha zona infrautilizada. A nave dispón agora dun vestiario grande e outro pequeno que serán utilizados, en función das necesidades. Ata o de agora todo o espazo presentaba un progresivo deterioro por mor das humidades nas paredes, solo desgastado, carpintarías rotas, instalacións sanitarias esgotadas e defectos en útiles como espellos, dispensadores de xabón, etcétera. Ademais nesta mesma zona había un pequeno arquivo que foi trasladado ao Centro de Formación para gañar espazo. Os traballos permitiron solucionar todos estes problemas e dotar aos vestiarios de modernas duchas e tamén extractores para mellorar a ventilación. Ademais disto construíuse un falso teito de escaiola, cambiouse a instalación eléctrica e anuláronse unhas escaleiras interiores.
Dende o ano 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,3millóns de euros en Tui, que permitiron decenas de obras, fundamentalmente, ao amparo do Plan Concellos de financiamento regrado aos municipios de menos de 50.000 habitantes. Para reestruturaren o núcleo de Paramos, Tui beneficiouse, ademais, dun proxecto extraordinario, dentro do Plan DepoRemse, de mellora da seguridade nos viarios municipais, cunha asignación de 424.000 euros. O Concello tudense contratou tamén a preto de 115 persoas desempregadas para traballar temporalmente nos servizos municipais con cargo á Liña 3 do Plan Concellos.
Separar en orixe e recoller de maneira diferenciada todas as fraccións do lixo, bonificar o recibo á cidadanía que cumpra coas reglas, e graduar as taxas das actividades económicas en función do volumen de residuos que xeran e da súa capacidade económica. Eses son os tres piares sobre os que a Deputación quere que os concellos da provincia baseen os seus sistemas de xestión do lixo municipal e dean un “salto adiante” tanto no cumprimento da normativa europea, estatal e galega, como no coidado do medio ambiente.
Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen explicou que para chegar a eses obxectivos a Deputación vai aprobar este venres en Pleno unha modificación da Ordenanza de Residuos provincial que terá un alcance “enorme”, xa que vai supoñer deixar atrás a primeira etapa do Revitaliza e entrar nunha nova “non voluntarista”.
Esta nova etapa do Revitaliza vén dada pola apertura dun novo marco de actuación, xa que se adquiriron novos coñecementos, e por cuestións legais, xa que o 2020 –data límite para reutilizar o 50% dos residuos municipais- xa pasou e só algúns concellos Revitaliza achegáronse ás esixencias da UE. “A partir de agora van empezar a vir sanción e temos que actuar”, dixo Mosquera.
O cambio na ordenanza e no sistema de xestión que se quere implantar vai estar fundamentado sobre tres piares. O primeiro piar é que separar en orixe “deberá ser universal”: os municipios que estean adheridos ao Revitaliza e queiran avanzar estarán obrigados a aprobar unha ordenanza propia para separar todas as fraccións dos residuos (papel, vidro, envases, biorresiduos, pilas, aceites, perigosos, roupa…) en orixe e despois entregalos no punto de depósito que corresponda. “É a única maneira de cumprir os obxectivos da lexislación europea, estatal e galega”, insistiu o vicepresidente.
O segundo piar é que deberá haber bonificacións, rebaixas, incentivos ou primas nas taxas para a cidadanía e as empresas e entidades que actúan correctamente separando os seus residuos. Deberá aplicarse un sistema ‘bonus-malus’ para beneficiar ás persoas quen o fagan ben (compostando e reciclando) e cobrar o que custa o servizo realmente a quen o faga mal. “Ata o de agora -lembrou Mosquera- todo fíxose de maneira voluntaria sen repercutir o custe a quen non siga as normas. O sistema bonus-malus está contemplado e recomendado na lexislación vixente, polo que é lóxico que se aplique como xa ocorre cos seguros dos vehículos”.
A terceira base será que os concellos deberán ter en conta á hora de establecer as taxas para todas as actividades económicas non domiciliarias (empresas, negocios, entidades, centros de ensino,…) a súa capacidade económica –ingresos-e o volumen de residuos xerados, diferenciando gradacións ou escalas. “En todas as ordenanzas que hai na provincia -subliñou Mosquera-cóbraselle igual a un negocio traballe moito ou traballe pouco, xere moitos residuos ou xere poucos, o que é profundamente inxusto porque quen xera pouco está a pagar máis do que debera e quen xera moito paga moito menos do que lle corresponde”.
O vicepresidente puxo sobre a mesa un dato que considera esencial, que é que na media dos concellos da provincia os usuarios non domiciliarios –persoas xurídicas- xeran aproximadamente a metade dos residuos municipais. “Hai unhas desigualdades á hora de tratamento, de recollida e de cobro con inxustizas comparativas inxustificables que van en contra do bo funcionamento de todo o sistema”, insistiu.
Para que os concellos poidan cumprir estas tres premisas Mosquera anunciou que a Deputación vai “facer o esforzo” de redactar ordenanzas tipo e poñelas a disposición. Fixo fincapé, de feito, en que aqueles concellos que queiran axudas económicas da Deputación, coñecemento ou outro tipo de recursos, “váiselles pedir a cambio que cambien o seu sistema e que aproben unha nova ordenanza para facer universal a separación, poñer bonificacións a quen o faga ben e discriminar actividades económicas por ingresos e xeración de residuos para que pague segundo produza”. Respecto á autonomía municipal, apuntou que os concellos poden organizarse como prefiran dentro dos piares básicos, augurando un bo resultado xa que “a Deputación ten autoridade e prestixio para achegar esta solución”. “Hai traballo solvente na primeira etapa do Revitaliza, pero hai que iniciar a segunda que agardemos que teña éxito. Ten que telo porque se non imos todos a un fracaso. Igual que a primeira etapa superou obxectivos, esta segunda debe acadar uns resultados de bo facer, economía circular e reciclaxe, de voo… para que a actividade humana contamine o menos posible, recicle e non haxa que contaminar cos nosos residuos. Os tres piares nos que nos baseamos vannos permitir dar o salto e funcionar xa con obxectivos claros e resultados claros e superar os obxectivos fixados legalmente, cumprir co medio ambiente e con nós mesmos”, finalizou.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou hoxe as obras de renovación e reparación integral do firme da estrada autonómica PO-552 en máis de 30 quilómetros do seu percorrido e dun pequeno treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona, cun orzamento de 1,8 M€.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mellora nunha visita a esta vía autonómica no miradoiro de Tío Rincho, no Concello de Oia, na compaña da alcaldesa, Cristina Correa. O representante autonómico explicou que esta actuación “é necesaria, xa que a pavimentación foise deteriorando pola carga de tráfico, o paso do tempo e os efectos da climatoloxía e por iso dende a Xunta imos actuar de inmediato para tentar que estea rematada neste ano”.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de abril para presentar as súas ofertas.
A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo de 30,4 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria e as condicións de condución e circulatorias, beneficiando aos 345.000 veciños dos seis concellos afectados que a empregan de xeito habitual.
Deste modo, proponse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas, e que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que renovarase a súa senda peonil. Polo demais, nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.
Carril-bici entre Baiona e A Guarda
Paralelamente, repoñerase o revestimento rugoso do carril-bici existente con capas de resina sintécticas e pintarase de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal e, ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.
Xa na PO-325, actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viais horizontais e das zonas cebreadas.
Luis López avanzou que a obra, que conta cun prazo de execución de catro meses, comezará este verán tras a correspondente tramitación. Destacou “o elevado grao de compromiso da Xunta de Galicia coas infraestruturas, que están a recibir uns fortes investimentos en toda a provincia para mantelas nas mellores condicións que, no caso do Baixo Miño e Vigo, vanse plasmar nesta conexión entre a cidade e A Guarda ao seu paso pola costa para favorecer a mobilidade entre seis concellos cunha elevada relación e mobilidade”.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de rematar as obras de reforma integral e ampliación de espazos e servizos no centro de saúde de Mondariz-Balneario, que contaron cun investimento de 115.000€ ao abeiro dun convenio entre o Goberno galego e o Concello.
Con motivo da conclusión dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o alcalde de Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo, supervisaron esta actuación, que permitiu gañar case un 50% de espazo destinado a atención sanitaria, xa que a superficie útil do servizo de saúde paso de 80 m2 a case 120 m2.
“Estamos ante unha actuación moi importante para os veciños de Mondariz-Balneario que xurde froito da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello e que permitiu remodelar todas as dependencias sanitarias para incrementar a eficiencia e a comodidade dos usuarios e renovar todas as instalacións dun nobre edificio de pedra con 70 anos de antigüidade que precisaba desta reforma”, indicou Luis López.
O representante autonómico destacou que a Xunta de Galicia xa construiu ou renovou de xeito integral, con esta obra de Mondariz-Balneario, un total de 81 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre 67.800 m2. En total, entre as 81 obras xa rematadas e as 10 que están en marcha, a Xunta xa investiu nestes 12 anos máis de 100 M€ na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia. E os Orzamentos para 2021, os primeiros da lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para Atención Primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros no presente exercicio.
A actuación no punto médico deste concello da bisbarra do Condado consistiu na reforma integral da planta baixa e o aproveitamento da antiga dependencia de Correos para a súa conversión nunha nova sala de consultas médicas e nun baño adaptado e a reutilización de dous pequenos locais que estaban baleiros para contar cun almacén e un vestiario.
Paralelamente, procedeuse á demolición dos antigos aseos e á súa reconstrución, á apertura dunha porta posterior para independizar o acceso do primeiro andar, que está sen uso, e á renovación de todas as instalacións, carpintaría interior, falsos teitos e acabados interiores da planta baixa.
Deste xeito, o remozado centro de saúde de Mondariz-Balneario conta agora cunha consulta médica de grandes dimensións, sala de emerxencias, consulta de enfermería, sala de curas, vestiario, almacén de medicinas e tres cuartos de baño, un deles adaptado para persoas con discapacidade.
Concello de Nigrán e Discamino volveron a aliarse esta tarde para ofrecer, por vez primeira, un paseo en bicicleta adaptada aos maiores do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón. A ducia de usuarios solicitaron participar nesta actividade e, ademais, foron acompañados en cadansúa bicicleta por familiares e alumnado do CEE de Panxón. O roteiro polo paseo marítimo rematou cunha táboa de estiramentos ao regreso ao centro e unha merendola servida polos rapaces.
“Esta imaxe é a esencia do que significa ‘Un Nigrán para todos’ e do que buscamos para o noso municipio”, sintetiza o alcalde, Juan González, quen aposta por estender o uso das cinco bicicletas adaptadas do Concello de Nigrán tamén ás persoas maiores, tal e como é habitual noutros países europeos polos múltiples beneficios que reporta e porque hai máis tradición de empregar este medio de transporte.
Concello e Discamino distribuíron os ciclos adaptados en función das capacidades físicas e mentais de cada quen, así, 6 deles contribuíron ao pedaleo xunto á persoa voluntaria e os outros cinco foron en ciclos que xa non ofrecen esta posibilidade ao ser para grandes dependentes. “A totalidade dos usuarios quixeron participar porque é algo que lles outorga gran sensación de liberdade e de saúde física e mental, máxime tendo en conta o día espectacular que hai hoxe”, explica María Mayán, edil de Maiores.
O Concello dispón dunha bicicleta adaptada con cadeira de rodas, outra igual pero con motor eléctrico, unha cadeira todoterreo mono-roda tipo Joëlette, dous triciclos tándem tipo co- pilot e unha bicicleta adaptada, as cinco con base no Pavillón Municipal de Panxón e empregadas con asiduidade por usuarios do CEE Juan María ou quen o solicite.
Princesa de Asturias
O Concello de Nigrán sumouse á campaña da Xunta para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 pola súa labor solidaria que posibilita que persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago.
O Concello de Nigrán ten a honra de contar desde hai anos coa colaboración de voluntarios de Discamino, e do propio Javier Pitillas, para que persoas con discapacidade poidan gozar de paseos ou roteiros nos vehículos deportivos adaptados adquiridos polo consistorio no 2017. Por esta razón, o goberno de Nigrán dá testemuña do beneficio desta iniciativa para os usuarios e tamén para a propia sociedade: a través do deporte adaptado aporta calidade de vida e retos ilusionantes ás persoas con diversidade, beneficia incriblemente a súa saúde física e mental e subliña a necesidade dunha accesibilidade universal.
Todo un espectáculo visual e musical no que o sector turístico da provincia de Pontevedra foi o verdadeiro protagonista. A Gala Provincial do Turismo da Deputación regresou esta tarde ao Auditorio Mar de Vigo cunha vangardista cerimonia na que se viviron momentos especiais de principio a fin. Os “Momentos Rías Baixas” son o eixo da campaña 2021 da Deputación, e a actriz Celia Freijeiro encargouse de levar ao público por unha viaxe case onírica pola provincia a través de instantes únicos, lugares máxicos e pequenas e grandes experiencias. Os chefs e os seus equipos nos sete restaurantes con estrela Michelin das Rías Baixas foron nomeados embaixadores, Pablo Méndez Performance sorprendeu cun espectáculo no chan e en altura con personaxes de fantasía, e Laura LaMontagne, xunto a Pico Amperio, puxo a banda sonora en vivo coa súa voz e ritmos electrónicos. Todo elo con 150 persoas que puideron vivir a Gala de forma presencial, con todos os protocolos de seguridade, evento que foi televisado e retransmitido por streaming ao través da web e das redes sociais institucionais.
A Gala contou coa asistencia da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como anfitrión, amais de alcaldes, alcaldesas e representacións de Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Lalín, Sanxenxo, Redondela, Cambados, Meis, Baiona.. e así ata de 42 concellos da provincia, e responsables de Mancomunidades como a do Salnés. O turismo estivo representado a través dos representantes sectoriais, entre eles o Clúster de Turismo, as denominacións de orixe, os Festivais Rías Baixas, os Rías Baixas Film Fests, e entidades que representan ás axencias de viaxes, de aloxamento, turismo activo e culturais, xunto coas empresas que participaron na aceleradora TurisTIC, amais de medios especializados. Na Gala, foron homenaxeadas 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED), un dos obxectivos centrais da celebración do evento. Ademais, anunciáronse as gañadoras e gañadores do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas” en redes sociais, no que resultaron premiadas Diana Miaus, Rosa Fernández, Viajero Gastronómico, Betty das Neves e Estefanía Lago. Celia Freijeiro conmemorou o momento cun “selfie” con algúns deles e elas, presentes na sala.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción por poder volver a facer “a gran noite do turismo na provincia”. “Este ano, dixo, a Gala do Turismo era máis necesaria que nunca e debemos estar preparados para cando se poida viaxar. Sodes un sector fundamental, desexámosvos todo o ánimo e fortaleza e traballaremos man con man con vós para que cheguen pronto de novo os bos momentos”. Engadiu Carmela Silva o compromiso coa excelencia: “Apostamos pola calidade, como se manifesta no feito de que somos líderes en distintivos SICTED; e sairemos máis fortes e ben posicionados para fidelizar visitantes, atraer a novas viaxeiras e viaxeiros e consumidores, e abrir mercados”.
O nomeamento dos “Embaixadores Rías Baixas”
Os novos embaixadores e embaixadoras Rías Baixas foron homenaxeados no momento central da Gala cando os e as responsables dos sete restaurantes con Estrela Michelin da provincia foron chamados ao escenario: Javier Olleros e Amaranta Rodríguez (Culler de Pau), Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira, Yayo Daporta, Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña) e Alberto González Prelcic e Goretti Álvarez (Silabario). Carmela Silva resaltou que os restaurantes Michelin “son a proba do éxito e da excelencia da nosa cociña, e están comprometidos co territorio, o produto e a cultura gastronómica das Rías Baixas”.
Viaxe cun gran apoio audiovisual e tecnolóxico
O espectáculo audiovisual e musical tinguiu toda a Gala en distintos formatos a través das actuacións de Pablo Méndez e Laura LaMontagne e da pantalla de 14 metros de ancho na que se proxectaron varios vídeos, un deles previo ao comezo con impresionantes imaxes da costa e o interior da provincia, aos que lle sucedeu o vídeo da campaña 2020 “Sigue o teu instinto” –que vén de ser premiado na categoría de “ecoturismo” no Festival The Golden City Gate de Berliin-; outro no que responsables de empresas contan anécdotas e momentos especiais; os audiovisuais dos artistas, e un peche cun espectacular atardecer na torre de San Sadurniño en Cambados. Celia Freijeiro, que xa fora protagonista de “Sigue o teu instinto”, levou ao público nunha viaxe pola provincia con anécdotas, recordos e experiencias, centrándose na natureza, o patrimonio, a gastronomía, a cultura, festas e festivais e o Camiño de Santiago.
Agasallo: o caderno de viaxe e gastronomía
As representacións dos concellos con empresas distinguidas co SICTED saíron ao longo da cerimonia ao escenario como recoñecemento a estas entidades, e no remate da Gala todo o público recibiu como agasallo un caderno de viaxe e unha mostra de produtos da provincia. “Agora tócalles a vostedes anotar os seus Momentos Rías Baixas, e nada mellor para axudar a inspirarse que un bocadiño da nosa gastronomía”, rematou Celia Freijeiro para poñer o colofón á gran noite do turismo da provincia.
“Este foi un ano moi duro”
A presidenta da Deputación Carmela Silva, que amosou o seu agradecemento pola presenza de representantes de ata 42 concellos da provincia de Pontevedra no auditorio Mar de Vigo, destacou a importancia do sector turístico ao que converteu no verdadeiro protagonista da gala: “Hoxe queríamos facervos un recoñecemento porque este foi un ano moi duro e somos moi conscientes. É o momento de amosarvos todo o noso apoio. Sentímonos moi orgullosas de todas e de todos vós, do voso grande talento e compromiso”. Pero tivo tamén palabras a presidenta para trasladar unha mensaxe de optimismo asegurando que “este territorio é marabilloso pero non sería nada sen a súa xente, sen o seu compromiso e o enorme esforzo que facedes. Temos que ter moita fortaleza, moito ánimo. Moi pronto chegará a normalidade e será o momento de dar o gran pistoletazo de saída a este sector tan potente. Volveremos recuperar a actividade, sairemos máis fortes e mellor posicionadas e posicionados porque a provincia ten moita capacidade para reinventarse, conta con persoas con moitas ideas, que non quedan de brazos cruzados e están ao día para poñer en marcha proxectos brillantes”.
E, mirando cara adiante, a presidenta destacou o modelo turístico da Deputación que aposta pola sustentabilidade, a dixitalización, a internacionalización e a calidade. Ao respecto, Silva amosou o seu orgullo polos 136 distintivos SICTED que acadaron os establecementos da provincia e que seguen a situar á provincia como líder no conxunto do Estado: “hai unha implicación e compromiso total coa calidade e moito traballo diario para ser máis competitivas/os”, destacou. E, neste mesmo ámbito, brillan as estrelas Michelin da provincia que foron nomeadas, durante a Gala, como as novas/novos embaixadoras/es da provincia de Pontevedra: “Eles e elas son a imaxe de excelencia de toda a cadea de valor que forma parte da nosa gastronomía”, asegurou Silva.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o proxecto colectivo da Deputación para lanzar un “destino marabilloso e único, un territorio excepcional”. Subliñou que “somos unha zona de referencia, un lugar extraordinario, que ten algo inigualable: a xente, as mulleres e homes da provincia que nos transforman nun lugar de acollida. Cando alguén vén e nos visita atópase cun territorio fantástico e unha xente única”. Amais de enxalzar o destino, tamén tivo palabras o alcalde para empatizar co sector turístico: “quero darvos un abrazo moi forte porque estades a pasar un momento moi difícil pero hai que ser optimistas: imos ter un verán mellor que o do ano pasado e aquí, en Vigo, no Nadal, conto con millóns e millóns de persoas”.
En representación dos sete restaurantes con Estrella Michelin da provincia, Pepe Vieira e Amaranta Rodríguez, agradeceron á Deputación de Pontevedra “este nomeamento como embaixadoras/es deste pequeno grande paraíso que son as Rías Baixas”. Tamén aproveitaron a ocasión para enxalzar que a gastronomía da provincia “non soamente é produto senón que detrás hai homes e mulleres que fan que a gastronomía sexa o que é, e que a día de hoxe o están a pasar mal”. Neste eido, as novas e novos embaixadoras/os pediron “altura de miras para saír desta situación e que entre todas e todos construamos a hostalaría e o turismo do futuro”.
O Grupo Municipal Popular do Concello de Tui vén de presentar unha moción, para o seu debate plenario, para que Concello tudense, xunto coa Cámara Municipal de Valenca, soliciten ás autoridades competentes, tanto portuguesas como españolas, a redacción dos estudos e proxectos necesarios para a iluminación ornamental da Ponte Internacional sobre o Miño e a mellora e ampliación das pasarelas peonís. Esta iniciativa, sinalan os populares tudenses, facilitaría a mobilidade entre Valença e Tui promovendo a cohesión social e a potencialidade turística da eurocidade.
O PP lembra que a cidade de Tui e o municipio de Valença do Minho están ligadas íntimamente, dende hai séculos e froito desta unión entre ambos municipios foi creada o 10 de Febreiro de 2.012 a Eurocidade Valença-Tui.
Salientan, na súa moción, que sobre ao Río Miño atópase a Vella Ponte Internacional “que a día de hoxe, despois de 135 anos dende a súa inauguración (foi inaugurada oficialmente ao 25 de Marzo do ano 1886) serve para ao tránsito de persoas, vehículos e ferrocarrís. Destacamos nesta moción ao tránsito de persoas debido o feito que esta Ponte Internacional sexa tamén ao acceso a España dende Portugal do Camiño de Santiago Portugués”.
A pesar de ser unha construción tan significativa e importante, –engaden na moción presentada– a día de hoxe non dispón da dotación merecida en canto a iluminación se refire. “Actualmente a iluminación que posúe a Vella Ponte Internacional basease únicamente no alumeado da propia da calzada por onde pasan os vehículos. Trátase dunha iluminación con tecnoloxía fluorescente anticuada e pouco eficiente, non é acorde co respeto polo medio ambiente e a eficiencia enerxética”.
A Vella Ponte, argumentan os populares, “carece dun alumeado ornamental que promova ao ensalzamento tanto da súa estructura metálica como dos seus pilares de pedra” polo que, explican, o que se pretende nesta moción “é a posta en valor da figura da Ponte Internacional, que sexa unha icona referencial dende o punto de vista arquitectónico, patrimonial e turístico”.
De feito a Ponte metálica é tamén o símbolo da unión entre Valença e Tui e da continuidade entre ambas cidades ao ser o elemento que facilita a permeabilidade entre Valença e Tui. Neste sentido, recalca a moción, “cómpre estudar a viabilidade dunha intervención que facilite e mellore a comunicación entre as dúas localidades e deste modo incrementar a súa cohesión social”.
“Cómpre analizar na vella Ponte Internacional unha posible ampliación das pasarelas peonís a ambos lados da ponte para facilitar o paso dun maior número de persoas, tanto peóns como ciclistas, que cruzan esta Ponte Internacional”. A posta en marcha desta ampliación das pasarelas peonís, permitiría o paso de moitos turistas dun país a outro a maiores dos cidadáns da Eurocidade Valença-Tui debido a que esta estrutura “pode ser considerada unha rúa máis desta Eurocidade”. Serían polo tanto, remata o PP de Tui, “unhas pasarelas peonís necesarias para un funcionamento con seguridade do servizo de bicicletas compartidas que vai poñer en marcha a Eurocidade Valença–Tui e que tamén facilitará a comunicación entre as redes de sendeiros peonís a ambos lados do río Miño”.
“Hoxe queremos reivindicar ás grandes mulleres do deporte que temos nesta provincia, que tantas alegrías nos dan e que son unha referencia para todas e todos”, asegurou Carmela Silva no lanzamento do audiovisual ‘A realidade das mulleres deportistas’, unha peza realizada pola Deputación de Pontevedra, enmarcada na programación de actos ao abeiro do 8 de marzo baixo o lema ‘Reivindicando desde o Deporte’, co obxectivo de enxalzar os seus logros e denunciar as discriminacións que, como en todos os eidos, sofren tamén as mulleres. Deportistas, adestradoras, árbitras e dirixentes de clubs como Irene Vilaboa, Elena Casal, Ainhoa Lameiro, Paula Dapena, Lorena Pérez, Judith Rodríguez e Charo Castro participan neste documental, que foi presentado esta mañá na sede provincial en Vigo.
“A realidade das mulleres deportistas” fai fincapé en que o deporte non ten xénero e reivindicar, como subliñou a presidenta Carmela Silva, que “as mulleres chegamos ao deporte para quedar, para seguir crecendo e sen límites”. “Encántame o vídeo – manifestou a presidenta – porque encántanme elas: mulleres fortes, poderosas, que están convencidas de que o que fan é deporte e queren ser valoradas por elo; mulleres que teñen unha posición propia como reclamaban as grandes feministas”. Deste xeito, o audiovisual amosa os avances que se teñen dado en igualdade no deporte, os atrancos cos que as mulleres se atopan na actualidade e a actitude coa que afrontan esta realidade. Para elo preséntanse imaxes das deportistas, reflexiónase sobre a igualdade e sobre como se cuestiona a vocación, fortaleza, compromiso, autoridade ou capacidade de liderado das mulleres que se reivindican na peza audiovisual como profesionais.
“
Carmela Silva: “As mulleres do deporte están sendo capaces de alcanzar grandes cotas que permiten ocupar os espazos públicos, mulleres fortes, poderosas, que están convencidas de que o que fan é deporte e queren ser valoradas por elo”
A presidenta da Deputación subliñou a necesidade de visibilizar ás mulleres e achegar referentes ás mozas porque “as mulleres do deporte están sendo capaces de alcanzar grandes cotas que permiten ocupar os espazos públicos con rostro e logros de muller”. Sen embargo, tamén lamentou que “aínda queda moito por avanzar, xa que o deporte trátase dunha das actividades nas que participan mulleres onde as discriminacións seguen a ser intolerables”. Ao respecto, Silva destacou o dato da UNESCO de que o deporte feminino soamente recibe o 4 % da cobertura nos medios de comunicación, que o 23 % das licencias federativas son de mulleres, que só o 30,5 % das persoas adestradoras son mulleres e que as primas da FIFA supoñen 30 millóns para 24 equipos femininos fronte a 400 millóns para 32 masculinos. “É intolerable, indígname e sorprende moito. Isto é a lousa que levamos. Temos que achegar este vídeo ás nenas e ás mozas, para que vexan a mulleres fortes, poderosas, que chegaron, que fan deporte, pero tamén para que se fagan conscientes das discriminacións que existen”.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para reivindicar que “hai que facer discriminación positiva no deporte para chegar ao 50% e por iso este ano todos os convenios que asinamos co deporte de elite son igualitarios e reciben os mesmos recursos”. Amais engadiu que “as administracións non facemos nin máis nin menos que o que é a nosa obriga porque xestionamos recursos públicos e sería inadmisible que non tivésemos como prioridade á metade do mundo que son as mulleres”. Tamén reclamou Silva “a igualdade salarial, os dereitos propios que teñen que ver coas situacións das mulleres, e a igualdade de trato en canto á publicidade, patrocinio, información e presencia en medios de comunicación”.
Irene Vilaboa, a primeira muller en adestrar un equipo masculino da categoría superior do balonmán español, fixo un chamamento a “loitar para ter as mesmas oportunidades”. A futbolista de primeira nacional Paula Dapena, destacou na mesma liña que “depende de nós cambiar as desigualdades. Hai que seguir avanzando para conseguir os dereitos que son nosos”. Tamén neste sentido se pronunciou Elena Casal, árbitra de fútbol de Primeira División Feminina e de Terceira Masculina, quen asegurou que “a loita non remata aquí, é diaria e estamos conseguindo moito”. Pola súa banda, Charo Castro, presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, fixo fincapé no esforzo das mozas e no apoio “fundamental” de institucións como a Deputación. Agradeceu tamén o apoio Ainhoa Lameiro, do equipo nacional de slalom, e Judith Rodríguez, campioa de España de esgrima, quen animou ás mozas a perseguir os seus soños porque “con loita e sacrificio pódense conseguir as cousas”.
O Concello da Guarda, despois de ter mantido conversas co párroco da vila, deu conta á cidadanía que na Semana Santa de 2021 non se realizarán as tradicionais procesións e actividades ao aire libre coma os Vía Crucis debido á situación sanitaria actual.
“Trátase dun exercicio de responsabilidade para mitificar os efectos da pandemia e evitar novos contaxios entre a poboación nunhas actividades que, pola súa natureza, conlevan aglomeracións de persoas”, sinalou o Concello que preside Antonio Lomba.
Asemade, o Concello sinalou que os actos litúrxicos como as misas ou rosarios, “manteranse sempre coas medidas sanitarias vixentes en cada momento”.
A tosta Mar e Terra de tapería ‘Adechape’, con 590,5 votos, proclamouse gañadora do I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar, unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Comercio e Turismo, que dirixe Rocío Goberna, para promover a dinamización do sector e o consumo na hostalería local ante a difícil situación que vive como consecuencia da pandemia e as continuas restricións ás que se viu sometida.
A tosta gañadora, Mar e Terra, combinaba os produtos da terra cos de tempada mesturando – sobre unha rebanada de pan de centeo–, ventresca, piquillo, noces, parmesano e balsámico de módena. Unha tosta que leva aparellada a entrega da chaquetilla de chef oficial do certame e a posibilidade de encabezar o cartel de promoción da seguinte edición.
O Bocado do Monte da xamonería ‘Catro Camiños’ obtivo un total de 556.5 votos, o que lle otorgou o segundo posto e, finalmente a tosta de Mencía e Figos de ‘Terra, Uva e Cebada’ con 496 papeletas, ocupou o terceiro lugar. Ambos recibiron un diploma acreditativo.
O acto de entrega dos galardóns celebrouse este martes e nel o rexedor, Paco Ferreira, agradeceu o esforzo e gran traballo que está a facer a hostalería de Gondomar “nestes momentos difíciles que nos están tocando vivir a todos e todas” e nos que, asegurou, “o noso goberno estará ao voso lado promovendo axudas e iniciativas que permitan que esta travesía sexa máis fácil para todo o sector”.
Así lembrou que recentemente se aprobou unha partida de 100.000 euros para axudas directas a hostalería e o sector do taxi ás que se suman ideas como este Concurso de Tostas de Outono que “tiña como obxectivo fomentar o consumo nos establecementos de Gondomar que concursaban, xa que os usuarios que votaron entraban nun sorteo no que os gañadores serían premiados con vales de 200 euros, 100 e 50 euros que deberán gastar nos establecementos gañadores”.
No acto de entrega tamén estiveron os clientes premiados que obtiveron 200 euros, 100 e 50 euros en vales que poderán utilizar en concepto de cea, comida e xantar nos tres establecementos que accederon ás mellores puntuacións, isto é os 200 euros corresponden ao primeiro premio, os 100 ao segundo e os 50 ao terceiro.
O alcalde Paco Ferreira destacou a gran acollida que tivo esta primeira edición do Concurso de Tosta de Outono de Gondomar no que participaron preto dunha quincena de establecementos cunha oferta variada e orixinal, e expuxo a súa confianza en que o próximo ano este número de participantes crezca.
Onte pola tarde celebrouse nos exteriores do Multiusos das Pozas a recepción ao piloto de karting, Manuel Sío Pazó, cativo mosense da parroquia de Guizán, que chegou ao acto na súa honra perfectamente equipado coa indumentaria e material de protección de piloto e acompañado do seu inseparable recén estreado kart e os dous últimos trofeos, acadados a finais do pasado ano 2020.
Por suposto, Manuel Sío contou tamén co apoio e a compaña da súa familia, da súa irmá Sabela e dos seus pais Noelia Pazó e Manuel Sío. Na recepción estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde do Concello de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, Turismo, Política Social e de Igualdade, demais membros do goberno local e da Corporación Municipal mosense.
Manuel Sío Pazó, de 7 anos de idade, é Campión Galego Benjamín Karting 2018, Subcampión do Campionato Karting Series Galicia 2018 e 2019, Subcampión Galego Karting 2020 e 3º Clasificado do Campionato de Castela e León 2020.
Empezou a conducir un kart con 3 anos e con tres anos e medio quedou terceiro clasificado na súa primeira competición que disputou en Ponferrada.
A súa nai, Noelia, conta con orgullo a breve pero intensa historia deportiva do seu pequeno: “sempre lle gustaron moito os coches como ao seu pai e ao ver a gran afición que tiña, entre toda a familia, pais, avós e bisavós regalámoslle o seu primeiro kart de gasolina con 3 anos. Onde llo compramos suxeríronnos un circuito en Monforte onde realizou as súas primeiras probas e adestramentos, e con 3 anos e medio chegou a súa primeira carreira en Ponferrada, onde xa quedou terceiro clasificado. Desde entón xa continuou adestrando no ciucuíto de Porriño e con 4 anos comezou a competir no Campionato Galego, quedando Campión Galego da Categoría Benxamín a primeira vez que se presentou”, explica.
Manuel non pertence a ningún equipo polo que a súa familia asume tódolos gastos derivados da práctica e competición neste peculiar deporte para un neno tan pequeno, polo que lles están moi agradecidos á Clínica Dental Doctor Ronald de Vigo e ao Grupo DST por empezar a patrocinalo o ano pasado.
Ante as próximas competicións para este 2021, que serán o Campionato Galego e o de Castela e León, Manuel e a súa familia son optimistas e teñen boas expectativas. Aínda que cambia de categoría pola idade pasando de Benxamín a Alevín, o que implica tamén correr cun novo coche, máis grande e con maior potencia.
Manuel vive o seu deporte e os seus éxitos deportivos con moita normalidade e considera amigos aos seus rivais na pista. A súa nai asegura que é pouco competitivo e ante a pregunta de se non ten medo coa práctica deste deporte comenta que “ao principio dábame máis medo porque era moi pequeno, pero agora ao comprobar o ben que conduce estou máis confiada, ademáis de que vai moi ben preparado, equipado e protexido”, asegura.
Cos Sío Pazó cúmprese o dito de que a familia que fai deporte unida permanece unida, porque o pai de Manuel, de nome Manuel tamén, é o mecánico do pequeno piloto, encárgase da mecánica do seu kart de competición.
Familia consideran eles tamén á que fan no circuito, comenta Noelia, cos familiares, pais e nais, dos demais pilotos. “É un deporte peculiar para cativos pero ao ser un mundo tan diferente representa unha experiencia moi enriquecedora para eles”.
O Concello de Tomiño organiza un novo CURSO DE MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS. Será o xoves, 8 de abril de 2021, no Auditorio de Goián, entre as 17.00 e as 20.00 horas.
A data límite para inscribirse é o vindeiro 5 de abril, sendo as prazas limitadas e tendo un custe de 20 euros. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Tomiño ou chamando ao número de teléfono 986 622 001.
As persoas asistentes ao curso deberán levar con elas o seu DNI e ir provistas de máscara e bolígrafo.
O curso de manipulador de alimentos é o paso previo para conseguir o carné. Este é un documento acreditativo de formación especializada en seguridade alimentaria que serve para fornecer alimentos de forma segura.
Ponteareas vén de estrear escaparate.ponteareas.gal, unha novidosa plataforma escaparate para o comercio local coa que o Concello busca apoiar á veciñanza e ao comercio de proximidade nestes tempos de cambio.
A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, afirmou que “nun momento de auxe da venda en liña por mor da pandemia, Ponteareas aposta por acompañar ao comercio local no salto á dixitalización, e facémolo empregando un modelo diferente, combinando información dos comercios e hostalaría, con fotografías e vídeos dos estabelecementos, xa que son os verdadeiros protagonistas desta iniciativa”.
A web, moi doada de usar e intuitiva, consta de catro grandes bloques: Fai a túa busca; Visualiza o estabelecemento; Contacta co estabelecemento e Bloque de actualidade, que irá cambiando en función das novidades e iniciativas que afecten ao comercio local de Ponteareas.
Este escaparate virtual nace do “Plan Dixitaliza o teu negocio”, que a concellería de Promoción Económica puxo en marcha para o sector durante o confinamento. Por este motivo, actualmente a plataforma conta con 58 estabelecementos adheridos, divididos en catro categorías: comercio, servizos, alimentación e hostalería.
A concelleira nacionalista informou que “dende o Concello continuaremos realizando traballos de dinamización do portal, xa que o obxectivo é que todos os comercios e estabelecementos da vila que estean interesados en participar no proxecto poidan aparecer neste escaparate”
Orientada a darlle unha maior visibilidade aos negocios locais e promover así a compra neles por parte da cidadanía, a plataforma é totalmente gratuíta tanto para persoas usuarias como para comerciantes, estando costeada integramente polo Concello de Ponteareas e Banastra, a Federación de comercio, hostalaría e servizos.
A Concellería de Educación do Concello do Porriño e a OMIX desenvolven un programa de contacontos en inglés dirixidos a nenos e nenas dos colexios porriñeses. A actividade comezou onte martes no CPR Hermanos Quiroga e hoxe continuou no CEIP de Atios ata onde se trasladou Lourdes Moure, concelleira de Educación para comprobar o desenvolvemento da sesión na que participaban 22 alumnos e alumnas de 4º curso de Educación Primaria.
O obxectivo deste programa denominado ‘Contacontos en Inglés no cole’, é ofrecer aos máis pequenos unha actividade en inglés de calidade, pensada por e para os nenos, co fin de impulsar o seu interese e a súa curiosidade cara ao inglés dunha forma lúdica e divertida axudando.
Trátase de impulsar a inmersión lingüística desde cativos e a estimulación precoz, a través de contacontos perfectamente guionizados e teatralizados e desenvolvidos integramente en inglés, en sesións de 30 minutos aproximadamente.
Para realizalos o Concello conta coa colaboración da empresa Kids&Us que conta cunha experiencia de máis de 15 anos. As sesións de contacontos continuarán despois das vacacións de Semana Santa e rematarán o 9 de abril no CEIP Cruz Budiño participando, en total, 157 alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio.
Con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado á creadora, editora, tradutora e mestra Xela Arias, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CDG), en colaboración coa CRTVG, así como empresas, administracións locais e varias editoriais celebrarán un amplo programa con ata medio cento de iniciativas presenciais e en liña que abranguen propostas no eido literario, expositivo, deportivo, promocional, musical e escénico, entre outros. Están dirixidas a todos os públicos de toda Galicia, e terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio en Vigo.
Durante a presentación da programación que tivo lugar no IES Castelao de Vigo, onde estudou a propia Xela Arias, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou o carácter excepcional que terán novamente as celebracións no actual contexto sanitario que demostran que “a cultura volve con forza”. Como engadiu, trátase dunha programación “completa e variada” que fará posible divulgar en Galicia e fóra dela o “enorme legado” de Xela Arias, unha muller, afirmou, “pioneira, moderna, transgresora, comprometida, feminista e precursora”.
O conselleiro salientou o acertado de ter escollido unha figura como Xela Arias, da que, dixo, foi sinónimo de modernidade e transgresión e desenvolveu unha obra poética e literaria fóra dos convencionalismos da época. “Rompeu moldes nas nosas letras cunha linguaxe poética urbana, vangardista e anovadora”. Salientou tamén a súa faceta como creadora, editora, mestra e tradutora, traducindo ao galego algúns dos clásicos da literatura universal.
Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e parte da súa familia como a súa nai, Amparo, e o seu irmán Lois, o seu fillo Darío Gil Arias ou a súa parella Xulio Gil.
Exposicións en distintos puntos de Galicia
Froito dun traballo colaborativo entre as institucións e a familia da autora, a programación prevista como homenaxe a Xela Arias abrangue multitude de iniciativas de participación social e cultural, de fomento da igualdade e a integración, accións musicais e actividades no ensino, nos concellos e tamén haberá actividades para os galegos no exterior.
No eido artístico, a Xunta promove iniciativas como a exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, que fará parada en dez concellos galegos difundindo detalles da vida, obra e o contexto histórico no que viviu a homenaxeada; ou Aquela nena de Sarria, que recalará na Biblioteca de Lugo e repasará as súas orixes e a súa infancia nesta vila lucense. Tamén se promoverá, da man do seu fillo Darío Gil, outra mosta fotográfica con preto de medio cento de pezas titulada Tigres coma cabalos inspirado no poemario da autora. Chegará ás cidades de Vigo e Santiago e irá acompañada dunha reedición do poemario en formato catálogo expositivo. Ademais, a Biblioteca de Galicia celebrará o Día da Letras Galegas cunha exposición na que se dará a coñecer o fondo bibliográfico que custodia da autora e haberá tamén distintas mostras bibliográficas pola rede de bibliotecas públicas.
De maneira virtual, tamén se celebrará a iniciativa Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor. Trátase dunha proposta que se poderá ver no Portal da Lingua Galega, que ofrecerá a partir de abril unha fotogalería con preto de 30 imaxes da poeta de Xulio Gil, autor dalgúns dos retratos máis coñecidos de Xela Arias. Estas imaxes completaranse cunha fotogalería inédita da infancia e adolescencia da autora para que o profesorado e o alumnado dos centros escolares galegos poidan utilizalas.
Propostas no eido educativo
Desde o punto de vista académico, manteranse este ano citas habituais como a Xornada do Día das Letras Galegas, nas que desde a Consellería de Educación se ofrecerá ao profesorado non universitario ferramentas para abordar a figura da artista nas aulas ou o simposio organizado en novembro pola Xunta e a Real Academia Galega (RAG) centrado na súa figura e dirixido fundamentalmente a profesorado de lingua galega e literatura dos distintos niveis educativos.
Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia tamén impulsan iniciativas e elaboran recursos para dar a coñecer a autora homenaxeada, a súa obra e o seu compromiso coa lingua galega. Unidades didácticas, calendarios, marcapáxinas, crebacabezas, presentacións, xincanas, exposicións, festivais, pasapalabras, vídeos, podcast, telexornais, cancións ou videopoemas son algunas das propostas que se van desenvolver en colexios e institutos de toda Galicia.
Neste contexto, dous dos centros de referencia na vida de Xela Arias súmanse á homenaxe de xeito especial. O IES Xelmírez II de Santiago de Compostela, no que a autora exerceu a docencia, prepara unha xornada que celebrará o 18 de maio coa participación de María Xesús Nogueira e de Fernando Abreu. Pola súa banda, o IES Castelao de Vigo ten en axenda oito citas que estenden a celebración neste centro no que estudou a poeta do 16 de abril ao 21 de maio, con lecturas de poemas, actuacións musicais, relatorios e charlas-coloquios arredor de Xela Arias, obradoiros e conferencias, que lle achegarán ao alumnado a figura, vida e obra da poeta, da man de moitas persoas das que mellor a coñeceron.
A programación das Letras Galegas 2021 incluirá tamén certames de relato, de debuxo, de podcast, banda deseñada, fotografía e mesmo o concurso de rap en galego Lingua de Rapear, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude para a dinamización lingüística entre a xente moza. Tamén se apostará por accións de fomento da lectura e o coñecemento da obra de Xela Arias entre os máis novos, dentro e fóra do ámbito educativo.
Máis accións en formato dixital
Un dos aspectos salientables é que haberá unha forte presenza dixital ou audiovisual, tendo en conta o actual contexto sanitario. Como o proxecto Vencerse é cousa de se tratar, que inclúe un espectáculo poético-musical que fai realidade o desexo de Xela Arias de levar ao escenario a súa derradeira obra Intempériome, un proxecto que nunca puido ver cumprido.
A Cidade da Cultura acollerá en maio unha actividade de lectura participativa para difundir nas redes a obra de Xela Arias coa que se realizará unha peza auduovisual para visibilizar nas redes sociais. Tamén destaca a elaboración e difusión dunha trintena de pílulas audiovisuais arredor de Xela Arias con testemuños de familiares, amigos e persoeiros da cultura galega ou un novidoso proxecto de videomapping que proxectará versos e imaxes da autora en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia. Ademais, o Portal das Palabras, o web da RAG, así como o do Consello da Cultura Galega ou da CRTVG incluirán contidos específicos no universo vital e literario de Xela Arias.
Tamén haberá propostas musicais. Entre outras, o 16 de maio terá lugar o tradicional Concerto das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega que unirá textos e música a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne, nunha proposta estética audiovisual innovadora. Co apoio da Xunta, a Banda da Loba lanza un novo EP Hasme Oír, que verá a luz no mes de abril.
Participación social e editoriais
Como cada ano, a programación incluirá tamén iniciativas de participación social e empresariais. Así, ao longo do mes de maio, trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña-Ourense levarán nos repousacabezas a imaxe institucional do Día das Letras Galegas 2021 e nas estacións de tren das cidades e os carteis gañadores do Concurso-exposición das Letras Galegas organizado pola Xunta. Estes carteis tamén se poderán ver, en tamaño reducido, no interior dalgúns vagóns.
Na véspera do Día das Letras Galegas os supermercados Gadis de Galicia agasallarán a súa clientela, por calquera compra, cunha tirada de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel conmemorativas do 17 de maio. Ademais, a Vegalsa-Eroski e a Consellería de Cultura desenvolven un ano máis unha campaña para promover a celebración do 17 de maio nos seus establecementos comerciais a través de carteis e bolsas da compra conmemorativas para homenaxear a Xela Arias.
No eido editorial, incluirase a edición de obras inéditas, como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, así como edicións especiais ou reedicións. Tamén se publicará unha biografía, entre outras.
Propostas no exterior
As conmemoracións estenderanse ao exterior. Así, a Rede de Centros de Estudos Galegos e Lectorados da Xunta de Galicia súmase, desde a programación impulsada polos 36 departamentos universitarios que a integran repartidos por América, Europa e Asia, ao labor de difusión da vida, figura e obra da autora homenaxeada polas Letras Galegas.
Desde Salvador de Baía (Brasil) ata Budapest (Hungría) as actividades especiais arredor do 17 de maio espállanse e adquiren diversidade de formatos para achegarlle ao alumnado universitario conferencias, charlas-coloquios, encontros, proxeccións, exposicións, publicacións sobre Xela Arias. Toda a programación pode consultarse no Portal da Lingua e en cultura.gal.
O Concello de Nigrán e o Cine Club Val Miñor Alice Guy retoman este xoves ás 19:30 horas no Auditorio Municipal a película ‘Las Niñas’, dirixida por Pilar Palomero e recentemente galardoada co Premio Goya á Mellor Película, Mellor dirección Novel, Mellor Guion Orixinal e Mellor Fotografía.
Como é habitual nestas proxeccións, a longametraxe contará cun coloquio posterior moderado por Alfonso Castaño. A entrada é libre ata completar o aforo permitido actualmente.
Ano 1992. Celia, unha nena de 11 anos, vive coa súa nai e estuda nun colexio de monxas en Zaragoza. Brisa, unha nova compañeira recentemente chegada de Barcelona, empúxaa cara a unha nova etapa na súa vida: a adolescencia. Nesta viaxe, na España da Expo e das Olimpíadas do 92, Celia descobre que a vida está feita de moitas verdades e algunhas mentiras.
A Xunta de Galicia prorrogará a vixencia dos libros de texto de 4º e 6º de Primaria e 1º e 3º da ESO co fin de evitar un gasto extraordinario nas familias. Con este obxectivo, a súa renovación farase coincidir coa entrada en vigor dos currículos da nova lei educativa Lomloe a partir do curso 22-23.
Tendo en conta que este ano tocaría renovar os manuais dos devanditos niveis, isto suporía un gasto total de máis de 10M€ para as nais e pais en libros que só servirían para un ou dous anos académicos e non poderían pasar despois nin a outros nenos (irmáns, outros familiares…) nin a un banco de préstamo. O aforro por familia será de entre 105 € e 280 € en función do nivel educativo e da renda familiar.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade toma esta decisión tras propoñerlla e acordala coas asociacións de nais e pais e coa Xunta Autonómica de Directores, así como cos representantes dos libreiros e editores da Comunidade.
Máis fondos e iniciativas para fomentar a lectura
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, reuníronse coa Federación de Libreiros de Galicia para presentarlles as novas liñas de reforzo previstas en bibliotecas escolares, que suporán un incremento de fondos bibliográficos para os centros educativos, cun investimento de 3M€. Ademais, destinaranse 5,5 M€ a reposición de libros deteriorados. En total, a Xunta dedicará este ano 8,5M€ a renovar este material e reforzar os hábitos de lectura no alumnado.
En concreto, o Goberno galego ten previsto lanzar unha nova liña de actuación dirixida a incentivar e apoiar ás bibliotecas escolares nos centros do rural non integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), así como incrementar o orzamento do curso 2021/22 no referido á dotación para adquisición de fondos neste plan.
Por outra banda, prevese o deseño dunha nova acción para a renovación da colección de materiais inclusivos para unha mellor atención á diversidade do alumnado nas bibliotecas escolares, ademais de fomentar a participación de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas actividades das bibliotecas.
Así mesmo, estenderase a convocatoria dos Clubs de Lectura aos centros de educación Primaria -ata agora só presente en Secundaria- e promoveranse as iniciativas de lectura en galego. Na actualidade, 213 centros escolares forman parte desta iniciativa na que participan máis de 10.000 alumnos.
Ponteareas entregou os premios do concurso #TikTokTea, nun acto no que se deron a coñecer as persoas gañadoras de entre as 19 propostas presentadas ao certame.
Na categoría A, para participantes de entre 13 e 16 anos, os membros do xurado decidiron premiar o vídeo presentado por Alba Graciela Cracium e Candela Piñeiro Estévez. Valoraron especialmente o traballo realizado polas mozas que interpretaron a peza musical e recitaron o poema. En canto á categoría B, de maiores de 17 anos, a galardoada foi a proposta de Judith Alonso Alonso, da que destacaron a calidade de planos e o traballo do guión. Ademais os membros do xurado decidiron darlle un accésit á proposta de Pablo Costa Melón, pola súa orixinalidade e polo emprazamento empregado para o vídeo “Vivir nos castros”.
En canto ás votacións realizadas polo público, obtidas a través das reaccións nos perfís das redes sociais de Cultura e Turismo Ponteareas en Facebook e Instagram, recibiron o premio Violeta Serén, na categoría A, e Iria Pérez Rodeiro, na categoría B.
O xurado para a elección do mellor vídeo en cada categoría, estivo formado por Carlos García Vieito (membro da Mesa pola Normalización Lingüística e especialista en Comunicación), Adrián González Fernández (produtor audiovisual en Diaño Films, gañadora do premio do público ao mellor vídeo musical no Festival de Cans 2020) e Mario Brión Toucedo (@olaxonmario, gañador do premio a o mellor youtubeiro do concurso Youtubeir@s 2020), que conduciu o acto de entrega de premios.
Os concelleiros de Lingua, Fernando Groba, e de Mocidade, Miguel Bouzó, agradeceron no transcurso do acto a participación de todas as persoas concursantes, felicitárona pola súa creatividade e animárona a empregar a nosa lingua nas redes sociais coma tiktok, así como en todos os ámbitos no seu día a día.
O Concello de Tomiño vén de adxudicar á empresa Aura Energía, S.L., por un custe de 78.501,65 euros (sen peaxes nin impostos), o subministro eléctrico Lote 2 (subministros en baixa tensión con potencia maior de 10 kW), por ser a empresa que presentou, xunto a outras sete, a oferta máis vantaxosa en termos económicos.
Segundo explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, esta adxudicación permitirá ao Concello aforrar uns 100.000 euros cada dous anos (o contrato é bianual), que poderán dedicarse a medidas de eficiencia enerxética e optimización do sistema de iluminación pública, cuxa auditoría está a piques de iniciarse.
Neste sentido, hai que lembrar que a devandita auditoría incluirá tanto o subministro, coma as instalacións utilizadas; os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública. O proxecto virá a actualizar o anterior e incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións, así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do concello.
Asemade, o subministro eléctrico con potencia inferior ou igual a 10 kW (Lote 1), que tamén saíu a concurso, continuará contratado á mesma empresa comercializadora á que estaba adxudicado, por ser esta a mellor oferta.
O Concello de Nigrán prorrogará desde o 27 de marzo ao 30 de setembro de 2021 o bando de urxencia que regula o aparcamento de caravanas nas zonas de praia do municipio co fin de garantir os dereitos dos caravanistas a aparcar (non acampar) e dos demais visitantes que acuden en turismos. Deste xeito, o Concello renova a vixencia do bando ditado o 24 de xullo e que caducara o 15 de outubro e que consiste en sinalizar 30 prazas de uso exclusivo de caravanas ou vehículos de similares dimensións en cinco zonas de praia (dúas áreas de Praia América, unha en Panxón e outras dúas en Patos).
“O ano pasado iniciamos a regulación na tempada estival e funcionou moi ben. Agora prevemos que coa chegada da Semana Santa e a Primavera o turismo se multiplique en Nigrán, por iso debemos harmonizar a convivencia dos caravanistas coa dos propios veciños e demais visitantes. Consideramos que o turismo de caravanas é beneficioso para a economía local e protexemos os seu dereito a aparcar nas zonas de praia, non a acampar, e o facemos harmonizando usos”, indica o alcalde, Juan González, quen defende que o turismo de caravanas “está en auxe precisamente pola crise do covid-19 e é unha oportunidade máis para Nigrán que non se pode rexeitar”. Neste sentido, remarca que, precisamente, o Camping de Playa América abrirá as súas portas o 26 de marzo e conta con todos os servizos para caravanas.
Tal e como sinala o propio bando do Concello de Nigrán, as bolsas de aparcamento ao carón das praias son moi limitadas en relación ao número de persoas que se desprazan en vehículos ás mesmas, por esta razón, é preciso garantir o dereito a aparcar de todos establecendo zonas exclusivas para os de grandes dimensións e que, ao mesmo tempo, estes non ocupen o resto do espazo non destinado a eles desde as 10:00 ás 21:00 horas. “Trátase de harmonizar e regular polo interese de todos, non de prohibir”, incide González, quen sublilña que “non é o mismo aparcar que acampar, xa que a acampada libre está expresamente prohibida”.
Así, as zonas onde as caravanas ou similares teñen xa a súa zona de aparcamento exclusivo, convintemente sinalizado, son en Praia América na zona de Fonte Seca e a antiga escola de vela; en Panxón no Campo de Redes e en Patos nas escolas de surf e Cansadoura.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.447, deles 934 son da área da Coruña, 182 da de Lugo, 160 da de Ourense, 209 da de Pontevedra, 501 da área de Vigo, 272 da de Santiago e 189 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 39 están en UCI, 198 en unidades de hospitalización e 2.210 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 111.313 persoas curadas, rexistrándose 2.325 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 1.811.822.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 405.527.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara
Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.
Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.
Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.
É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.
Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.
A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a terceira fase do Plan Móvese, dotada con 2,7 millóns de euros para impulsar ata 500 actuacións que van garantir a mobilidade e velocidade segura en tramos de estradas provinciais de 54 concellos da provincia. “Somos a provincia co plan máis ambicioso e potente de toda Galicia. Non hai ningunha outra provincia que teña un proxecto tan potente de actuación nas vías provinciais”, asegurou a presidenta Carmela Silva quen destacou que, cos 2,7 millóns cos que está dotado o plan, “imos dinamizar a economía a través do efecto multiplicador dos recursos públicos”.
A través da terceira fase do plan Movese, que foi presentada pola presidenta xunto ao deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, “non haberá nin unha soa vía provincial analizada con riscos para os peóns que vaia quedar desatendida”. Así, vanse impulsar preto de 500 actuacións en estradas provinciais que transcorren por 54 concellos para “seguir a ser unha referencia a nivel galega e estatal de mobilidade amable”. Dende o 2016 e no marco do Plan Móvese realizáronse 1475 actuacións en 57 concellos da provincia investindo 8,2 millóns de euros para “transformar as vías provinciais a través dun modelo claro” que responde aos obxectivos de mobilidade amable e sostible, conectividade urbana e a accesibilidade universal, aposta por políticas ambientais, redución da pegada de carbono e accidentes, así como protección das persoas máis vulnerables e creación de espazos de coexistencia equitativa entre peóns e vehículos.
Para esta terceira fase do Plan Movese a institución provincial vai realizar “un importante esforzo, ao poñer a disposición cerca de 2,7 millóns de euros, que ata o de agora eran bianuais, nun ano para dinamizar a economía”, asegurou a presidenta. “Cando presentamos os orzamentos deixamos moi claro que no 2021 había que facer un grande esforzo inversor para mobilizar e poñer recursos para manter empresas e empregos” destacou Silva ao explicar as razóns que motivan o carácter anual da terceira fase do Plan neste 2021. Deste xeito, están xa licitados por valor de 2,7 millóns de euros os tres lotes que se corresponden coa zona Norte, Centro e Sur nas que se vai actuar dando resposta ás propias demandas dos concellos, da cidadanía e tamén do estudo realizado pola institución provincial sobre o estado das vías provinciais.
En concreto, na zona Norte (que comprende os concellos da Estrada, Caldas, Catoira, Cerdedo-Cotobade na zona de Cerdedo, Cuntis, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda, Valga e Vila de Cruces) vanse investir 603.312,41 € impulsando 121 actuacións. Na zona Centro (A Lama, Barro, Bueu, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade na zona de Cotobade, Fornelos, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, O Grove, Pazos, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova) os investimentos ascenderán a 928.233,39 € para realizar 166 actuacións. No caso da zona Sur (A Cañiza, Arbo, As Neves, Baiona, Covelo, Crecente, Gondomar, Mondariz, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia, Ponteareas, Porriño, Salceda, Salvaterra, Tooiño, Tui e Vigo) o investimento é de 1.127.319,41 € para impulsar 192 actuacións. “Queda moi claro –asegurou a presidenta- que actuamos en toda a provincia, que cumprimos con todas as vías provinciais”.
O deputado Gregorio Agís, sinalou que o programa “está funcionando e está a minimizar a concentración de accidentes nas estradas provinciais”. Neste eido, Agís deu a coñecer que os últimos estudos realizados poñen de manifesto a “tendencia descendente” dos tramos de accidentes que pasaron de catro no 2017 a cero no 2020. O deputado, que incidiu na importancia do plan para “dar resposta directa a puntos concretos que xeran conflitos e problemas”, detallou algunhas das iniciativas que se impulsan no marco do Movese entre as que se atopan os redutores físicos de velocidade e os pasos peonís sobreelevados, que protexen a visibilidade fronte ao estacionamento, dan continuidade da rasante do paso e da beirarrúa e garanten a iluminación do paso peonil a través de luminarias led e leds dinámicas.
O Comité clínico de expertos que avalía a situación da covid-19 en Galicia, ven de recomendar, logo da xuntanza mantida onte pola tarde, que os concellos de Beade e Maside teñan que cumprir o nivel máximo de restricións.
Ademais, a asemblea de especialistas determinou o establecemento do nivel alto de restricións en sete concellos galegos, concretamente en Vilardevós, Ortigueira, Abegondo, Neda, O Saviñao, Sanxenxo e Baiona.
Así mesmo, quedarán no nivel medio de restricións nos municipios de Boimorto, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Bergondo, Culleredo, Ponteceso, Arteixo, A Coruña, A Laracha, Betanzos, Camariñas, Laxe, Valdoviño, Coles, Soutomaior, Cangas, Sober e Pantón.
Nos resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro venres, 26 de marzo.
Tras o lanzamento do rexistro online dirixido ás persoas da raia minhota afectadas polo peche de fronteiras entre Portugal e España, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño analizou as 200 testemuñas recollidas, de forma voluntaria, entre 2 e 18 de marzo, concluíndo que o perfil maioritario incide sobre o sexo feminino e con posto de traballo no sector industrial.
Un dos datos estatísticos máis relevantes é a diferenza significativa no que respecta ao xénero das persoas rexistradas, xa que 62 % son mulleres e 37 % son homes. No que ao sector económico prevalecente atinxe, a análise efectuada revela que o sector industrial é o que emprega un maior número de persoas (50 %), seguido do sector de servizos, comercio e, finalmente, administración e servizos públicos.
Preguntados sobre o maior prexuízo provocado polo peche de fronteiras, as testemuñas inciden sobre o grave aumento da distancia e tempo no traslado entre a residencia e o local traballo e viceversa, ao estar obrigados a facer grandes desvíos da ruta, así como a agardar nos puntos de control. Amais, un 25,29% dos afectados acusan un incremento notábel no custo dos seus traslados, algo compatíbel coa primeira causa; un 12,94 % das persoas comunican que a actual situación mesmo lles impediu presentarse ao posto de traballo; e 1,76 % das persoas enquisadas alegou un prexuízo puramente económico, derivado da diminución do número de clientes oriundos da outra marxe.
O lanzamento deste rexistro voluntarios online, e a respetiva análise, revelan que o restablecemento da fronteira entre os dous estados ibéricos, acordado a 31 de xaneiro de 2021, preséntase como un retroceso a todos os niveis para o territorio do río Miño transfronteirizo, en particular os impactos sociais e económicos, corroborado que ámbolos dous gobernos descoñecen a real situación que se vive neste territorio común.
O formulário, que segue aberto á participación de interesados e interesadas, está disponible online no na web smartminho.eu, e nel se solicitan datos relativos ao tipo de prexuízo sufrido polas traballadoras e traballadores transfronteirizos, como perdas de tempo, aumento de custos da viaxe ou redución de clientas. O obxectivo desta recollida de datos é que poidan servir de base reivindicativa de compensacións para o territorio, a ser remitida ás entidades nacionais e europeas competentes.
O peche da fronteira entre Portugal e España, decretado a 31 de xaneiro deste ano, continuará en vigor polo menos até día 5 de abril, manténdose unicamente aberto 24 horas o punto autorizado de Valença-Tui e parcialmente os de Monção- Salvaterra, Melgaço-Arbo e Ponte da Barca-Lóbios, con seis horas diarias para persoas con necesidade xustificada para cruzar a raia minhota.
A voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de instar á Xunta a levar a cabo un “plan de rescate serio e ambicioso” para o sector da hostalería, xa que “as axudas son insuficientes, pouco áxiles e carecen dun criterio de reparto xusto e equitativo”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei que será votada mañá.
“Sete de cada dez empregos perdidos en Galicia durante 2020 estaban en bares, restaurantes ou aloxamentos”, sinalou a socialista, quen destacou que no último ano a caída de persoas traballadoras en alta foi do 1,7%, con máis de 16.500 persoas ocupadas menos, das cales 12.000 correspondían a este sector.
Así, subliñou, “no último ano, dous de cada dez establecementos de hostalería de Galicia víronse obrigados a baixar a persiana definitivamente”, o que confirma que “a pandemia está destruíndo a maioría dos empregos neste sector” que “non sabe canto tempo poderá soportar os números vermellos” producidos pola pandemia.
Gallego lamentou as escasas axudas ao sector por parte da Xunta, quen aprobou un primeiro plan de axudas por valor 17 millóns de euros, “cando as transferencias extraordinarias do Estado no 2020 acadaron a contía de 745 millóns de euros”.
Así, censurou tamén “o segundo plan de axudas, dotado de 12 millóns de euros”, xa que “tampouco responde ás necesidades do sector” e, ademais, a día de hoxe, “aínda non se comezou a pagar”. “A Xunta pon parches, en vez de salvar á hostalería”, sentenciou.
Esta situación ocorre ao tempo que o goberno de España transferiu á Xunta o pasado ano 735 millóns de euros, dos que 224 foron “a fondo perdido” para as persoas afectadas “pola caída da actividade económica”. “Onde están estes cartos? Por que non se utilizaron para o rescate de sectores como a hostalería?”, preguntou a socialista.
Ademais, Gallego subliñou que este ano o goberno galego “percibirá outros 441 millóns dos fondos REACT-UE co mesmo obxectivo”, co que “deben utilizarse para rescatar á hostalería”.
“A Xunta ten que asumir as súas competencias”
Nesta liña, a voceira socialista instou á Xunta a asumir ás súas competencias. “Ten recursos para facelo e a colaboración do goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica”, subliñou.
Finalmente, a responsable socialista pediu ao goberno galego “solucións inmediatas” e “moitos máis recursos” para o sector, xa que “non pode seguir agardando máis”. “A situación actual debuxa un panorama escuro e, polo de agora, non se coñece ningún plan de rescate por parte do goberno galego, a pesar de que a Xunta ten orzamentos” que ascenden a 11.500 millóns de euros, “grazas, en parte, ao goberno central”.
Ante a impresionante acollida que están a ter as visitas guiadas ao xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior para poder desfrutar dos históricos exemplares de camelias en flor, a Deputación de Pontevedra decidiu ampliar a realización das mesmas á Semana Santa. En concreto, será o sábado 3 e o domingo 4 de abril cando ás 12 horas comecen estes novos itinerarios, aínda que contan cun aforo limitado e reducido debido ás restricións da pandemia
Este é o terceiro ano consecutivo que a Deputación de Pontevedra pon en marcha este percorrido botánico, que xa ten esgotadas as entradas para esta fin de semana. Este ano o percorrido inclúe como novidade, ao abeiro da programación do 8M da Deputación, a visita ao Xardín de Camelia con nome de muller, o espazo creado no pasado ano 2020 coa plantación da primeira camelia María Vinyals,ecompletado logo coas variedades Rosalía de Castro, Bella OteroeJane Andersen.As visitas tamén teñen unha parada na plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.
Ademais, o Castelo de Soutomaior, distinguido co selo Observer de turismo científico, ofrece unha ampla variedade de posibilidades para pasar unha xornada diferente. Entre elas atópase o xogo Detectives do Castelo,unha proposta para o público familiar na que as persoas participantes deben demostrar as súas habilidades e descubrir as reviravoltas da fortaleza.
As persoas interesadas poden adquirir as entradas a través do sitio web do Castelo, https://castelodesoutomaior.com. As visitas están guiadas por persoal especializado e celébranse sábado e domingo a partir das 12 horas, cunha hora e media de duración. O custe é de 1,5 € no caso da tarifa reducida e de 3 € a tarifa normal.
O salón de sesións da casa do concello conta cun novo sistema de megafonía co que se mellorou a sonorización deste espazo. A adquisición deste novo equipamento, cun investimento de 6.509,80€, IVE incluído, fíxose con cargo á baixa na adxudicación no Plan de Obras e Servizos (Plan Concellos) 2018-2019 da Deputación Provincial de Pontevedra do investimento “Elaboración de Cartografía Six, Ortofoto Dixital e Rede Topográfica do Concello de Tui”. PC 2018-2019/Anualidade 2018″.
O novo sistema, que está xa operativo, vén substituír o anterior equipo con que contaba o salón de sesión dende hai xa moitos. Incrementouse o número de micrófonos dispoñibles até 10 postos. Amais instalouse un equipo con tomas para a conexión de liña. Isto por unha banda redunda no mellor son logrado no salón, tanto para os plenos coma para os distintos eventos que teñen lugar no mesmo, e por outra posibilita a conexión a través dunha toma de liña para por exemplo para os medios de comunicación cando acoden a cubrir un evento poder realizar as gravacións do son, ou nun futuro poder emitir por streaming as sesións plenarias.
Unha persoa precisou ser excarcerada despois de producirse unha colisión entre dous turismos no Polígono A Granxa, no concello pontevedrés do Porriño.
Ao fío das 17:30 horas de onte, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que informaba dunha colisión entre dous coches na parroquia de San Salvador de Budiño, concretamente, á altura da gasolineira do polígono. Así mesmo, o particular informaba que o ocupante dun dos turismos permanecía no interior sen posibilidade de saír.
Inmediatamente, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros do Porriño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, os bombeiros de Vigo foron informados por se fose precisa a súa intervención.
Unha vez excarcerada polos bombeiros, a persoa puido ser atendida polos servizos sanitarios.
Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o próximo 27 de marzo, a Deputación de Pontevedra volve abrir o telón para sacar a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán este venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes. Deste xeito e baixo o lema “A Depo Inspira Teatro”, a Deputación se suma á conmemoración desta xornada co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público. Faino collendo aire e levantando de novo a cortina con dúas representacións a cargo de Galeatro e Inventi Teatro, dirixidas a todos os públicos e que se poderán seguir tanto na rúa como en streaming.
As fachadas do Pazo Provincial e a sede viguesa da Deputación engalanaranse cun enorme telón veneciano en cor vermella que enmarcará ambas representacións, que se desenvolverán co estrito protocolo anti Covid da institución nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo está limitado a cen persoas no exterior do Pazo e a trinta no caso de Vigo. En caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao salón de plenos e á sala Rosalía de Castro, cun aforo de 40 e 30 persoas respectivamente. Debido a estas restricións, para asistir aos espectáculos, as persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico [email protected] (cun máximo catro reservas por persoa).
A primeira función estará a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra “Muiñada”, o venres 26 ás 18 horas en Pontevedra. Trátase dunha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia de “Muiñada” protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as crianzas e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia. Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo e está especializada en público familiar. Compaxina a súa labor como produtora teatral coa formación en centros de ensino e diferentes concellos da provincia da Coruña.
O sábado 27 de marzo en Vigo a compañía Inventi Teatro representará no exterior da sede provincial no Casco Vello, a partir das 12 horas, a obra “A tropa do doutor Milagre”. É un espectáculo de rúa para todos os públicos con música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma unha arriscada decisión: Facerse con un autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venta ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu fiel axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí. A dirección da obra corre a cargo de Inventi Teatro e a protagonizan Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal.
Esta compañía naceu no 2017 en Vigo da man do citado elenco, co obxectivo de crear espectáculos de rúa divertidos, visuais e para toda a familia. “A troupa do doutor Milagre” foi o seu primeiro montaxe, e levan con el máis de 50 actuacións por toda Galicia, amais de participar con esta obra en certames como o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a MIT de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.
O Concello de A Guarda dá un novo paso a prol da calidade urbana e a posta en valor do seu patrimonio coas obras de urbanización da rúa do Calvario, que veñen de rematar despois dun investimento de 122.000 euros da Deputación a través do Plan Concellos. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Antonio Lomba, percorreron hoxe esta vía que une o centro histórico coa capela da Nosa Señora da Guía e valoraron o resultado final. Estiveron acompañados da deputada Raquel Giráldez e os concelleiros Montserrat Magallanes e Miguel Español.
Santos Héctor amosou a súa satisfacción polos resultados desta actuación “feita con criterios de máxima calidade”. “Agora hai un pavimento de pedra en plataforma única, que mesmo conserva algunhas das lousas que estaban en mellores condicións”. Destacou a mellora na accesibilidade nunha vía que pasou a ter prioridade peonil. O deputado remarcou os valores patrimoniais da rúa e do propio centro histórico de A Guarda, polo que animou ao concello a continuar nesta liña. “Todo isto non fai máis que confirmar a flexibilidade do Plan Concellos, que permite a cada Corporación destinalos fondos da Deputación ao que crea que é máis necesario, como o patrimonio histórico, como sucede neste caso, ao natural ou á mellora de calquera dos servizos municipais”.
De esquerda a dereita, Montserrat Magallanes, Santos Héctor, Antonio Lomba e Raquel Giráldez
“
Antonio Lomba: “Ogallá algún día a Xunta de Galicia teña un plan de financiación municipal que ofreza uns fondos comparables ao Plan Concellos, respectando a autonomía municipal para decidir que obras se fan”
Na mesma liña, Antonio Lomba puxo en valor o Plan Concellos, “que permite obras como esta e que achega cartos aos municipios respectando a autonomía municipal; ogallá a Xunta teña algún día un plan de financiación municipal que ofreza uns fondos comparables ao Plan Concellos, respectando a autonomía municipal para decidir que obras se fan, investindo onde se precisa”.
O alcalde explicou que trátase da segunda fase de obras nesta rúa e que queda aínda un último tramo “que xa temos en carteira, porque a veciñanza quedou moi satisfeita”. Antonio Lomba lembrou que a rúa do Calvario estaba asfaltada sobre o un vello pavimento de pedra “porque algún alcalde así o decidiu, para que os coches pasaran máis rápido”. Amosouse, por tanto, feliz de poder “recuperar a nobreza do barrio de Ribadavila”, onde, explicou, faise un Vía Crucis ata a capela. Lomba destacou o acabado do novo empedrado, en plataforma única, e, ao tempo, o acerto de deixar testemuña “coas vellas pedras que se conservaron, do que foi esta rúa con anterioridade, porque baixo o asfalto estaba agochado parte do noso patrimonio”.
As obras abranguen un tramo de máis de 300 metros e consistiron no empedrado do pavimento, eliminando o asfalto anterior e dando así prioridade ás circulacións peonís, mantendo o tráfico só nunha dirección. Deste xeito dáse continuidade ao pavimento pétreo e continúase o tramo xa recuperado na primeira parte da rúa. As obras incluíron, ademais da integración no pavimento dalgunha das vellas lousas recuperadas, a canalización das augas pluviais a través dunha canle central, nova rede de distribución de auga aos domicilios, nova rede de saneamento, acometidas para o alumeado público e, finalmente, instalación de bocas de incendios.
A actuación súmase aos máis de 10 millóns de euros investidos pola Deputación en A Guarda dende o ano 2015. Este ano recibe máis de 800.000 euros con cargo ao Plan Concellos para obras en servizos de competencia municipal. A Guarda tamén obtivo financiamento para un gran proxecto a través do Plan DepoRemse, o que lle permitiu acometer o redeseño das rúas Vigo e Celta, cunha achega de 500.000 euros.
No marco da habitual programación formativa que desenvolve a OMIX de Tomiño, a oficina municipal vén de facer pública a súa oferta de cursos para o mes de abril, no que estarán dispoñibles catro obradoiros sobre distintas temáticas.
Curso online ‘Como elaborar un CV innovador’
Unha cuestión fundamental á hora de atopar traballo é ter unha boa carta de presentación que nos faga destacar, e para isto é importante aproveitar todas as ferramentas que os novos medios nos ofrecen. No curso abordaranse conceptos e eidos coma o portfolio, o blog profesional ou a tarxeta de visita a través de códigos QR, entre outros. Terá unha duración de 20 horas e un prezo de 15 euros. As datas nas que se impartirá irán desde o 13 ao 26 de abril, de luns a venres en horarios de 19:00 a 21:00 horas. Vai dirixido especialmente a persoas desempregadas, estudantes en xeral e a todas as persoas que queiran mellorar as súas posibilidades de atopar traballo.
Obradoiro online ‘Linkedin, a rede social que máis che fará crecer’
As redes sociais poden ser unha forma excelente para atopar emprego e LinkedIn é o mellor exemplo diso. O Curso pretende mostrar as transformacións xeradas polas novas tecnoloxías no ámbito empresarial e laboral e as novas formas de relacionarse e comunicarse neste ámbito en internet, ensinando as bases para comprender o funcionamento da plataforma e as distintas estratexias que existen para acadar o éxito profesional.
O curso será impartido por Raúl Ordóñez, especialista en márketing e estratexia online con máis de 20 anos de experiencia no sector. Director de Sherpa Cultura Digital dende onde guían a empresas e profesionais a adaptarse con éxito ao cambio tecnolóxico e colaborador habitual con diferentes universidades coma a USC, Universidade de Jaén e diferentes escolas de negocios e finanzas.
Impartirase do 12 ao 15 de abril en horario de luns a xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas e está dirixido a todas as persoas interesadas entre os 16 e os 35 anos (se quedan prazas libres poderán facer o curso as maiores de 35). Terá un prezo de 15 euros.
Curso de Aplicacións de Google: GOOGLE DOCS ONLINE
O manexo das aplicacións de procesamento de textos e xestión de documentos tense tornado fundamental nos últimos tempos e desde a OMIX ofrecen agora a oportunidade de introducirse ao manexo de Google Docs Online. O curso será en modalidade ONLINE con clases gravadas en vídeo e dispoñibles nunha web con formato de academia online, con vídeos explicativos, documentos PDF e nalgúns casos enlaces a webs. Haberá titorías de luns a venres por correo electrónico. O horario é libre: cadaquén escolle cando realizar a formación malia que o curso terá unha data de inicio e remate (comezará o 19 de abril e rematará un mes despois). Terá un prezo de 10 euros.
Curso de francés online nivel medio
Os participantes deste curso terán a oportunidade de seguir ampliando os seus coñecementos sobre o idioma e a cultura francesa de xeito ameno e, sobre todo, práctico, da man dunha filóloga nativa.O curso terá 20 horas de duración, comezará o 21 de abril, e terá lugar todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Impartirase de xeito online e terá un prezo de 10 euros.
As persoas interesadas poderán inscribirse a través dos formularios dispoñibles na web municipal. Para máis información pódese contactar coa oficina municipal a través do correo [email protected].
O espectáculo familiar ¡Ciencia que alimenta! de ‘Compañía Rota e Descosida’ dará o pistoletazo inicial á programación teatral de primavera en Gondomar este próximo sábado 27 de marzo ás 18:00 horas da tarde no auditorio Lois Tobío, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro. A ela sumaranse O Mel non caduca de ‘Iboprufeno Teatro’ (03 de abril); Despois das ondas de ‘Butaca Zero’ (10 de abril); Italiano Grand Hotel de ‘Cia La Tal’; Zampalibros de Sarao Animación (24 de abril); e, Pyka de ‘Cinema Sticado’ (01 de maio).
Serán pois un total seis representacións e cuxas entradas poderánse adquirir a partir de hoxe mesmo a través do despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal que Gondomar estrea esta temporada para garantir total seguridade no cumprimento da normativa covid-19 e facilitar o acceso ás entradas. Nesa mesma páxina do despacho de billetes electrónico tamén se poderán consultar o resto de representacións, os seus horarios e adquirir as entradas se así se quere.
Desta maneira facilitarase a adquisición de entradas de forma telemática evitando o uso de papel e empregando un código QR que servirá para acceder ao teatro o día da función. O prezo oscilará entre os 2,5 euros (espectáculos familiares) e os 3,5 euros (teatro para adultos) e poderán retirarse para calquera das seis obras previstas na programación.
“Buscouse unha programación pensada para todos os públicos, para familias e para adultos, nun apoio claro que desde un principio tivo este concello co mundo da cultura e todos os seus integrantes ante as consecuencias xeradas pola covid19 neste sector”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira, quen subliña que “son miles os empregos que xera anualmente e debemos estar ao seu lado, na medida do posible, porque a cultura é segura”.
¡Ciencia que alimenta! con Carlos Godoy e Cecilia Vázquez sobre o escenario, levantará o pano da programación teatral de primavera en Gondomar o próximo sábado. Sobre as táboas do Auditorio Municipal Lois Tobío os artistas demostrarán ao público que a ciencia non entende de xéneros e que está ao alcance todas e todos.
O Concello do Rosal continúa coa súa aposta por acadar a maior eficiencia enerxética nos edificios municipais co obxectivo de reducir os custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Nese camiño, o Concello porá en marcha un proxecto piloto para rehabilitar enerxeticamente as escolas unitarias coas que conta o municipio, “que ademais de constituír un equipamento educativo importante son edificios cun gran valor patrimonial”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que visitou recentemente a escola xunto ao arquitecto encargado do proxecto para o que se contou coa colaboración da dirección e do profesorado da escola unitaria do CRA de Pías. A reforma integral desta escola é o primeiro paso na recuperación destes edificios emblemáticos tras a análise técnica previa da situación na que se atopaban todas as escolas unitarias municipais.
O proxecto incluirá a reforma integral da escola unitaria de Pías para a súa completa transformación en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axuden a reducir ao mínimo o consumo enerxético e que contribúan a mellorar o confort interior tanto do alumnado como do equipo docente. Así, para incidir nesa mellora enerxética, incorporarase illamento térmico con elevados espesores no interior das fachadas, en teito e solo; renovarase toda a carpintería exterior por unha nova máis eficiente e sanearase o chan retirando o existente e colocando unha soleira ventilada.
Por outra banda, para garantir o confort, instalarase chan radiante que funcionará sistema de climatización adaptado tanto ás épocas de frío como de calor, porase un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia para producir a enerxía necesaria para o centro co mínimo gasto, instalarase un sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica con recuperación de calor para garantir a calidade do aire sen gastar enerxía na climatización e renovarase completamente o sistema de alumeado interior empregando luminarias LED de moi baixo consumo.
Aproveitando a reforma da escola unitaria, ademais destas obras procederase á renovación de toda a instalación eléctrica das aulas, mellorarase o seu acondicionamento acústico con novos falsos teitos que absorban o ruído xerado e colocarase un novo chan vinílico de doada limpeza e mantemento e moi confortable para os nenos e nenas. O Concello tamén instalará sistemas de ocultación e control solar, renovará as portas interiores e toda a pintura de teitos e pareces e incorporará auga quente nos lavabos do alumnado.
Este xoves 25 de marzo levarase a pleno (no Centro Social Polivalente, ás 20.30 horas) a modificación de crédito para o inicio da actuación, que implicará un investimento de case 200.000 euros para a rehabilitación das dúas aulas que conforman a edificación orixinal da escola.
O aluvión de persoas interesadas en asistir ás clases da ‘Facultade Ágora’ sobre como mellorar o espazo público vén de obrigar á Deputación a aumentar a 200 o número de prazas disponibles e a prorrogar a preinscrición até este mércores. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen salientou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa entre os concellos e o persoal técnico da provincia e o interese amosado para construir espazos públicos amables e de calidade para a cidadanía.
A preinscrición na ‘Facultade Ágora’ estaba previsto que finalizase hoxe ás doce da noite, mais a primeira hora da mañá xa se superaban as 150 prazas dispoñibles (xa ampliadas dende as iniciais 100). Visto que o número de solicitudes seguía medrando, o departamento de Mobilidade, de acordo coa Rede de Cidades que Camiñan –coordinadora do proxecto- decidiron engadir outras 50 prazas máis e prorrogar ata o mércores o prazo de preinscrición. Este venres 26 darase a coñecer a lista de persoas admitidas para proceder á matrícula definitiva.
A ‘Facultade Ágora’ nace como unha proposta de formación impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación destinada a persoal político e técnico da provincia que toma decisións sobre o espazo público para ampliar os seus coñecementos sobre como recuperalo para crear cidades e vilas amables e aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. Está dirixida a todo o persoal técnico libre (persoas enxeñeiras, arquitectas, enxeñeiras técnicas e arquitectas técnicas, así como de outros perfís) que teña relación con obras de reforma, mellora ou tratamento dos espazos públicos.
O obxectivo da Facultade Ágora é que a formación que dará poida ter unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia e que os proxectos de reforma urbana de vilas e cidade redactados polos futuros ‘técnicos e técnicas Ágora’ –título que se acreditará no curso- cumplan criterios de calidade e de mobilidade natural, poñendo sempre ás persoas no centro de cada deseño.
Inicio do curso
O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro (venres alternos), repartido en 4 módulos e 12 seminarios. Cada sesión contará cunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.
Entre o plantel do profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra están xa figuras de renome internacional como o urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade “a escala humana” e de aplicar as persoas como “unidade de medida” no deseño urbano.
Tamén contará con Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París e director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da Sorbona e un dos maiores expertos en “cidades intelixentes”. Coñecido mundialmente como experto do concepto “cidades vivas” é o máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”. Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio ambiente sobre todo nestes momentos de pandemia.
Tamén participarán como relatoras Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’; María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.