Todo un espectáculo visual e musical no que o sector turístico da provincia de Pontevedra foi o verdadeiro protagonista. A Gala Provincial do Turismo da Deputación regresou esta tarde ao Auditorio Mar de Vigo cunha vangardista cerimonia na que se viviron momentos especiais de principio a fin. Os “Momentos Rías Baixas” son o eixo da campaña 2021 da Deputación, e a actriz Celia Freijeiro encargouse de levar ao público por unha viaxe case onírica pola provincia a través de instantes únicos, lugares máxicos e pequenas e grandes experiencias. Os chefs e os seus equipos nos sete restaurantes con estrela Michelin das Rías Baixas foron nomeados embaixadores, Pablo Méndez Performance sorprendeu cun espectáculo no chan e en altura con personaxes de fantasía, e Laura LaMontagne, xunto a Pico Amperio, puxo a banda sonora en vivo coa súa voz e ritmos electrónicos. Todo elo con 150 persoas que puideron vivir a Gala de forma presencial, con todos os protocolos de seguridade, evento que foi televisado e retransmitido por streaming ao través da web e das redes sociais institucionais.
A Gala contou coa asistencia da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como anfitrión, amais de alcaldes, alcaldesas e representacións de Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Lalín, Sanxenxo, Redondela, Cambados, Meis, Baiona.. e así ata de 42 concellos da provincia, e responsables de Mancomunidades como a do Salnés. O turismo estivo representado a través dos representantes sectoriais, entre eles o Clúster de Turismo, as denominacións de orixe, os Festivais Rías Baixas, os Rías Baixas Film Fests, e entidades que representan ás axencias de viaxes, de aloxamento, turismo activo e culturais, xunto coas empresas que participaron na aceleradora TurisTIC, amais de medios especializados. Na Gala, foron homenaxeadas 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED), un dos obxectivos centrais da celebración do evento. Ademais, anunciáronse as gañadoras e gañadores do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas” en redes sociais, no que resultaron premiadas Diana Miaus, Rosa Fernández, Viajero Gastronómico, Betty das Neves e Estefanía Lago. Celia Freijeiro conmemorou o momento cun “selfie” con algúns deles e elas, presentes na sala.
Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción por poder volver a facer “a gran noite do turismo na provincia”. “Este ano, dixo, a Gala do Turismo era máis necesaria que nunca e debemos estar preparados para cando se poida viaxar. Sodes un sector fundamental, desexámosvos todo o ánimo e fortaleza e traballaremos man con man con vós para que cheguen pronto de novo os bos momentos”. Engadiu Carmela Silva o compromiso coa excelencia: “Apostamos pola calidade, como se manifesta no feito de que somos líderes en distintivos SICTED; e sairemos máis fortes e ben posicionados para fidelizar visitantes, atraer a novas viaxeiras e viaxeiros e consumidores, e abrir mercados”.
O nomeamento dos “Embaixadores Rías Baixas”
Os novos embaixadores e embaixadoras Rías Baixas foron homenaxeados no momento central da Gala cando os e as responsables dos sete restaurantes con Estrela Michelin da provincia foron chamados ao escenario: Javier Olleros e Amaranta Rodríguez (Culler de Pau), Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira, Yayo Daporta, Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña) e Alberto González Prelcic e Goretti Álvarez (Silabario). Carmela Silva resaltou que os restaurantes Michelin “son a proba do éxito e da excelencia da nosa cociña, e están comprometidos co territorio, o produto e a cultura gastronómica das Rías Baixas”.
Viaxe cun gran apoio audiovisual e tecnolóxico
O espectáculo audiovisual e musical tinguiu toda a Gala en distintos formatos a través das actuacións de Pablo Méndez e Laura LaMontagne e da pantalla de 14 metros de ancho na que se proxectaron varios vídeos, un deles previo ao comezo con impresionantes imaxes da costa e o interior da provincia, aos que lle sucedeu o vídeo da campaña 2020 “Sigue o teu instinto” –que vén de ser premiado na categoría de “ecoturismo” no Festival The Golden City Gate de Berliin-; outro no que responsables de empresas contan anécdotas e momentos especiais; os audiovisuais dos artistas, e un peche cun espectacular atardecer na torre de San Sadurniño en Cambados. Celia Freijeiro, que xa fora protagonista de “Sigue o teu instinto”, levou ao público nunha viaxe pola provincia con anécdotas, recordos e experiencias, centrándose na natureza, o patrimonio, a gastronomía, a cultura, festas e festivais e o Camiño de Santiago.
Agasallo: o caderno de viaxe e gastronomía
As representacións dos concellos con empresas distinguidas co SICTED saíron ao longo da cerimonia ao escenario como recoñecemento a estas entidades, e no remate da Gala todo o público recibiu como agasallo un caderno de viaxe e unha mostra de produtos da provincia. “Agora tócalles a vostedes anotar os seus Momentos Rías Baixas, e nada mellor para axudar a inspirarse que un bocadiño da nosa gastronomía”, rematou Celia Freijeiro para poñer o colofón á gran noite do turismo da provincia.
“Este foi un ano moi duro”
A presidenta da Deputación Carmela Silva, que amosou o seu agradecemento pola presenza de representantes de ata 42 concellos da provincia de Pontevedra no auditorio Mar de Vigo, destacou a importancia do sector turístico ao que converteu no verdadeiro protagonista da gala: “Hoxe queríamos facervos un recoñecemento porque este foi un ano moi duro e somos moi conscientes. É o momento de amosarvos todo o noso apoio. Sentímonos moi orgullosas de todas e de todos vós, do voso grande talento e compromiso”. Pero tivo tamén palabras a presidenta para trasladar unha mensaxe de optimismo asegurando que “este territorio é marabilloso pero non sería nada sen a súa xente, sen o seu compromiso e o enorme esforzo que facedes. Temos que ter moita fortaleza, moito ánimo. Moi pronto chegará a normalidade e será o momento de dar o gran pistoletazo de saída a este sector tan potente. Volveremos recuperar a actividade, sairemos máis fortes e mellor posicionadas e posicionados porque a provincia ten moita capacidade para reinventarse, conta con persoas con moitas ideas, que non quedan de brazos cruzados e están ao día para poñer en marcha proxectos brillantes”.
E, mirando cara adiante, a presidenta destacou o modelo turístico da Deputación que aposta pola sustentabilidade, a dixitalización, a internacionalización e a calidade. Ao respecto, Silva amosou o seu orgullo polos 136 distintivos SICTED que acadaron os establecementos da provincia e que seguen a situar á provincia como líder no conxunto do Estado: “hai unha implicación e compromiso total coa calidade e moito traballo diario para ser máis competitivas/os”, destacou. E, neste mesmo ámbito, brillan as estrelas Michelin da provincia que foron nomeadas, durante a Gala, como as novas/novos embaixadoras/es da provincia de Pontevedra: “Eles e elas son a imaxe de excelencia de toda a cadea de valor que forma parte da nosa gastronomía”, asegurou Silva.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o proxecto colectivo da Deputación para lanzar un “destino marabilloso e único, un territorio excepcional”. Subliñou que “somos unha zona de referencia, un lugar extraordinario, que ten algo inigualable: a xente, as mulleres e homes da provincia que nos transforman nun lugar de acollida. Cando alguén vén e nos visita atópase cun territorio fantástico e unha xente única”. Amais de enxalzar o destino, tamén tivo palabras o alcalde para empatizar co sector turístico: “quero darvos un abrazo moi forte porque estades a pasar un momento moi difícil pero hai que ser optimistas: imos ter un verán mellor que o do ano pasado e aquí, en Vigo, no Nadal, conto con millóns e millóns de persoas”.
En representación dos sete restaurantes con Estrella Michelin da provincia, Pepe Vieira e Amaranta Rodríguez, agradeceron á Deputación de Pontevedra “este nomeamento como embaixadoras/es deste pequeno grande paraíso que son as Rías Baixas”. Tamén aproveitaron a ocasión para enxalzar que a gastronomía da provincia “non soamente é produto senón que detrás hai homes e mulleres que fan que a gastronomía sexa o que é, e que a día de hoxe o están a pasar mal”. Neste eido, as novas e novos embaixadoras/os pediron “altura de miras para saír desta situación e que entre todas e todos construamos a hostalaría e o turismo do futuro”.