Martes, 11 Febreiro de 2025

Muller e con emprego na industria, perfil maioritario das persoas traballadoras transfronteirizas afectadas polo peche de fronteiras

Tras o lanzamento do rexistro online dirixido ás persoas da raia minhota afectadas polo peche de fronteiras entre Portugal e España, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño analizou as 200 testemuñas recollidas, de forma voluntaria, entre 2 e 18 de marzo, concluíndo que o perfil maioritario incide sobre o sexo feminino e con posto de traballo no sector industrial.

Un dos datos estatísticos máis relevantes é a diferenza significativa no que respecta ao xénero das persoas rexistradas, xa que 62 % son mulleres e 37 % son homes. No que ao sector económico prevalecente atinxe, a análise efectuada revela que o sector industrial é o que emprega un maior número de persoas (50 %), seguido do sector de servizos, comercio e, finalmente, administración e servizos públicos.

Preguntados sobre o maior prexuízo provocado polo peche de fronteiras, as testemuñas inciden sobre o grave aumento da distancia e tempo no traslado entre a residencia e o local traballo e viceversa, ao estar obrigados a facer grandes desvíos da ruta, así como a agardar nos puntos de control. Amais, un 25,29% dos afectados acusan un incremento notábel no custo dos seus traslados, algo compatíbel coa primeira causa; un 12,94 % das persoas comunican que a actual situación mesmo lles impediu presentarse ao posto de traballo; e 1,76 % das persoas enquisadas alegou un prexuízo puramente económico, derivado da diminución do número de clientes oriundos da outra marxe.

O lanzamento deste rexistro voluntarios online, e a respetiva análise, revelan que o restablecemento da fronteira entre os dous estados ibéricos, acordado a 31 de xaneiro de 2021, preséntase como un retroceso a todos os niveis para o territorio do río Miño transfronteirizo, en particular os impactos sociais e económicos, corroborado que ámbolos dous gobernos descoñecen a real situación que se vive neste territorio común.

O formulário, que segue aberto á participación de interesados e interesadas, está disponible online no na web smartminho.eu, e nel se solicitan datos relativos ao tipo de prexuízo sufrido polas traballadoras e traballadores transfronteirizos, como perdas de tempo, aumento de custos da viaxe ou redución de clientas. O obxectivo desta recollida de datos é que poidan servir de base reivindicativa de compensacións para o territorio, a ser remitida ás entidades nacionais e europeas competentes.

O peche da fronteira entre Portugal e España, decretado a 31 de xaneiro deste ano, continuará en vigor polo menos até día 5 de abril, manténdose unicamente aberto 24 horas o punto autorizado de Valença-Tui e parcialmente os de Monção- Salvaterra, Melgaço-Arbo e Ponte da Barca-Lóbios, con seis horas diarias para persoas con necesidade xustificada para cruzar a raia minhota.