12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui constrúe novos vestiarios na nave municipal de Guillarei co apoio da...

    Tui constrúe novos vestiarios na nave municipal de Guillarei co apoio da Deputación para mellorar as condicións laborais dos traballadores

    Santos Héctor: “Son 60.200 euros moi ben investidos; as obras quedaron espectaculares e serviron para dignificar a vida dos/as traballadores e traballadoras”

    O persoal que traballa dende a nave municipal de Guillarei, no Concello de Tui, vén de ver mellorado este espazo tras un investimento de máis de 60.200 euros que serviu para realizar un acondicionamento interior e a reforma integral dos vestiarios-aseos. As obras foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, acompañado polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez.

    Corrixiuse así unha situación que preocupaba ao Concello toda vez que a empresa que avalía os riscos laborais viña reclamando que se actuara nestas instalacións para optimizar as súas condicións de habitabilidade e uso. Os novos vestiarios e aseos comezarán a utilizarse de inmediato tanto polos traballadores/as do cadro de persoal do Concello, como polo persoal temporal que reforza os servizos de Obras e Limpeza no marco da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación ou os contratados temporais procedentes da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).

    Santos Héctor subliñou que estes vestiarios estaban en malas condicións tras décadas de uso intensivo sen un adecuado mantemento, polo que cualificou o investimento como “cartos moi ben investidos”. “A obra quedou espectacular”, engadiu, “e solucionouse un grave  problema que preocupaba á Alcaldía”. Santos Héctor apuntou que habilitáronse dous vestiarios que permitirán, en función das circunstancias do servizo, dispoñer dun espazo feminino. Ademais elimináronse barreiras arquitectónicas para adaptar as instalacións ás persoas con diversidade funcional. O deputado provincial rematou facendo fincapé na flexibilidade que proporciona o Plan Concellos para abordar todo tipo de necesidades municipais: “neste caso, os cartos que achega a Deputación serviron para dignificar a vida de traballadoras e traballadores”.

    O alcalde, Enrique Cabaleiro, recalcou o seu compromiso coas condicións laborais do persoal municipal de Obras e Servizos e amosouse feliz de poder dar un paso máis cara á mellora do seu centro de traballo. Lembrou Cabaleiro que durante moitísimos anos os/as operarios/as tiveron que soportar unha forte precariedade, “non só pola relación laboral, que seguimos corrixindo, senón pola situación deste ámbito onde realizan as súas actividades, que era impropio dunha Administración moderna”. O rexedor expresou o seu agradecemento á Deputación “por permitirnos cumprir con este obxectivo de dignidade laboral” e así destacou que a Deputación xa financiou as obras  de cambio da cuberta na nave, retirando as vellas láminas con amianto, cun investimento doutros 70.000 euros, e tamén financiou a modernización da antiga caldeira e depósito de gasoil. “O compromiso da Deputación con Tui, non dá lugar a dúbidas”, remarcou.

    As obras transformaron algo máis de 70 metros cadrados do semisoto da nave de Guillarei, dándolle unha nova vida tamén a unha zona infrautilizada. A nave dispón agora dun vestiario grande e outro pequeno que serán utilizados, en función das necesidades. Ata o de agora todo o espazo presentaba un progresivo deterioro por mor das humidades nas paredes, solo desgastado, carpintarías rotas, instalacións sanitarias esgotadas e defectos en útiles como espellos, dispensadores de xabón, etcétera. Ademais nesta mesma zona había un pequeno arquivo que foi trasladado ao Centro de Formación para gañar espazo. Os traballos permitiron solucionar todos estes problemas e dotar aos vestiarios de modernas duchas e tamén extractores para mellorar a ventilación. Ademais disto construíuse un falso teito de escaiola, cambiouse a instalación eléctrica e anuláronse unhas escaleiras interiores.

    Dende o ano 2015, a Deputación de Pontevedra leva investidos máis de 9,3millóns de euros en Tui, que permitiron decenas de obras, fundamentalmente, ao amparo do Plan Concellos de financiamento regrado aos municipios de menos de 50.000 habitantes. Para reestruturaren o núcleo de Paramos, Tui beneficiouse, ademais, dun proxecto extraordinario, dentro do Plan DepoRemse, de mellora da seguridade nos viarios municipais, cunha asignación de 424.000 euros. O Concello tudense contratou tamén a preto de 115 persoas desempregadas para traballar temporalmente nos servizos municipais con cargo á Liña 3 do Plan Concellos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.