Separar en orixe e recoller de maneira diferenciada todas as fraccións do lixo, bonificar o recibo á cidadanía que cumpra coas reglas, e graduar as taxas das actividades económicas en función do volumen de residuos que xeran e da súa capacidade económica. Eses son os tres piares sobre os que a Deputación quere que os concellos da provincia baseen os seus sistemas de xestión do lixo municipal e dean un “salto adiante” tanto no cumprimento da normativa europea, estatal e galega, como no coidado do medio ambiente.
Así o manifestou hoxe o vicepresidente César Mosquera, quen explicou que para chegar a eses obxectivos a Deputación vai aprobar este venres en Pleno unha modificación da Ordenanza de Residuos provincial que terá un alcance “enorme”, xa que vai supoñer deixar atrás a primeira etapa do Revitaliza e entrar nunha nova “non voluntarista”.
Esta nova etapa do Revitaliza vén dada pola apertura dun novo marco de actuación, xa que se adquiriron novos coñecementos, e por cuestións legais, xa que o 2020 –data límite para reutilizar o 50% dos residuos municipais- xa pasou e só algúns concellos Revitaliza achegáronse ás esixencias da UE. “A partir de agora van empezar a vir sanción e temos que actuar”, dixo Mosquera.
O cambio na ordenanza e no sistema de xestión que se quere implantar vai estar fundamentado sobre tres piares. O primeiro piar é que separar en orixe “deberá ser universal”: os municipios que estean adheridos ao Revitaliza e queiran avanzar estarán obrigados a aprobar unha ordenanza propia para separar todas as fraccións dos residuos (papel, vidro, envases, biorresiduos, pilas, aceites, perigosos, roupa…) en orixe e despois entregalos no punto de depósito que corresponda. “É a única maneira de cumprir os obxectivos da lexislación europea, estatal e galega”, insistiu o vicepresidente.
O segundo piar é que deberá haber bonificacións, rebaixas, incentivos ou primas nas taxas para a cidadanía e as empresas e entidades que actúan correctamente separando os seus residuos. Deberá aplicarse un sistema ‘bonus-malus’ para beneficiar ás persoas quen o fagan ben (compostando e reciclando) e cobrar o que custa o servizo realmente a quen o faga mal. “Ata o de agora -lembrou Mosquera- todo fíxose de maneira voluntaria sen repercutir o custe a quen non siga as normas. O sistema bonus-malus está contemplado e recomendado na lexislación vixente, polo que é lóxico que se aplique como xa ocorre cos seguros dos vehículos”.
A terceira base será que os concellos deberán ter en conta á hora de establecer as taxas para todas as actividades económicas non domiciliarias (empresas, negocios, entidades, centros de ensino,…) a súa capacidade económica –ingresos-e o volumen de residuos xerados, diferenciando gradacións ou escalas. “En todas as ordenanzas que hai na provincia -subliñou Mosquera-cóbraselle igual a un negocio traballe moito ou traballe pouco, xere moitos residuos ou xere poucos, o que é profundamente inxusto porque quen xera pouco está a pagar máis do que debera e quen xera moito paga moito menos do que lle corresponde”.
O vicepresidente puxo sobre a mesa un dato que considera esencial, que é que na media dos concellos da provincia os usuarios non domiciliarios –persoas xurídicas- xeran aproximadamente a metade dos residuos municipais. “Hai unhas desigualdades á hora de tratamento, de recollida e de cobro con inxustizas comparativas inxustificables que van en contra do bo funcionamento de todo o sistema”, insistiu.
Para que os concellos poidan cumprir estas tres premisas Mosquera anunciou que a Deputación vai “facer o esforzo” de redactar ordenanzas tipo e poñelas a disposición. Fixo fincapé, de feito, en que aqueles concellos que queiran axudas económicas da Deputación, coñecemento ou outro tipo de recursos, “váiselles pedir a cambio que cambien o seu sistema e que aproben unha nova ordenanza para facer universal a separación, poñer bonificacións a quen o faga ben e discriminar actividades económicas por ingresos e xeración de residuos para que pague segundo produza”. Respecto á autonomía municipal, apuntou que os concellos poden organizarse como prefiran dentro dos piares básicos, augurando un bo resultado xa que “a Deputación ten autoridade e prestixio para achegar esta solución”. “Hai traballo solvente na primeira etapa do Revitaliza, pero hai que iniciar a segunda que agardemos que teña éxito. Ten que telo porque se non imos todos a un fracaso. Igual que a primeira etapa superou obxectivos, esta segunda debe acadar uns resultados de bo facer, economía circular e reciclaxe, de voo… para que a actividade humana contamine o menos posible, recicle e non haxa que contaminar cos nosos residuos. Os tres piares nos que nos baseamos vannos permitir dar o salto e funcionar xa con obxectivos claros e resultados claros e superar os obxectivos fixados legalmente, cumprir co medio ambiente e con nós mesmos”, finalizou.