O Concello de Tomiño vén de adxudicar á empresa Aura Energía, S.L., por un custe de 78.501,65 euros (sen peaxes nin impostos), o subministro eléctrico Lote 2 (subministros en baixa tensión con potencia maior de 10 kW), por ser a empresa que presentou, xunto a outras sete, a oferta máis vantaxosa en termos económicos.
Segundo explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, esta adxudicación permitirá ao Concello aforrar uns 100.000 euros cada dous anos (o contrato é bianual), que poderán dedicarse a medidas de eficiencia enerxética e optimización do sistema de iluminación pública, cuxa auditoría está a piques de iniciarse.
Neste sentido, hai que lembrar que a devandita auditoría incluirá tanto o subministro, coma as instalacións utilizadas; os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública. O proxecto virá a actualizar o anterior e incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións, así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do concello.
Asemade, o subministro eléctrico con potencia inferior ou igual a 10 kW (Lote 1), que tamén saíu a concurso, continuará contratado á mesma empresa comercializadora á que estaba adxudicado, por ser esta a mellor oferta.