18.8 C
Pontevedra
Martes, 8 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO PSOE urxe un plan de rescate "serio e ambicioso" para a...

    O PSOE urxe un plan de rescate “serio e ambicioso” para a hostalaría e cualifica de “insuficientes e pouxo áxiles” as axudas da Xunta

    Leticia Gallego critica a “improvisación constante” do executivo autonómico cando “pon parches, en vez de salvar ao sector”, que “non sabe canto tempo poderá soportar os números vermellos”

    A voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de instar á Xunta a levar a cabo un “plan de rescate serio e ambicioso” para o sector da hostalería, xa que “as axudas son insuficientes, pouco áxiles e carecen dun criterio de reparto xusto e equitativo”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei que será votada mañá.

    “Sete de cada dez empregos perdidos en Galicia durante 2020 estaban en bares, restaurantes ou aloxamentos”, sinalou a socialista, quen destacou que no último ano a caída de persoas traballadoras en alta foi do 1,7%, con máis de 16.500 persoas ocupadas menos, das cales 12.000 correspondían a este sector.

    Así, subliñou, “no último ano, dous de cada dez establecementos de hostalería de Galicia víronse obrigados a baixar a persiana definitivamente”, o que confirma que “a pandemia está destruíndo a maioría dos empregos neste sector” que “non sabe canto tempo poderá soportar os números vermellos” producidos pola pandemia.

    Gallego lamentou as escasas axudas ao sector por parte da Xunta, quen aprobou un primeiro plan de axudas por valor 17 millóns de euros, “cando as transferencias extraordinarias do Estado no 2020 acadaron a contía de 745 millóns de euros”.

    Así, censurou tamén “o segundo plan de axudas, dotado de 12 millóns de euros”, xa que “tampouco responde ás necesidades do sector” e, ademais, a día de hoxe, “aínda non se comezou a pagar”. “A Xunta pon parches, en vez de salvar á hostalería”, sentenciou.

    Esta situación ocorre ao tempo que o goberno de España transferiu á Xunta o pasado ano 735 millóns de euros, dos que 224 foron “a fondo perdido” para as persoas afectadas “pola caída da actividade económica”. “Onde están estes cartos? Por que non se utilizaron para o rescate de sectores como a hostalería?”, preguntou a socialista.

    Ademais, Gallego subliñou que este ano o goberno galego “percibirá outros 441 millóns dos fondos REACT-UE co mesmo obxectivo”, co que “deben utilizarse para rescatar á hostalería”.

    “A Xunta ten que asumir as súas competencias”

    Nesta liña, a voceira socialista instou á Xunta a asumir ás súas competencias. “Ten recursos para facelo e a colaboración do goberno de España, que transferiu millóns de euros para apoiar ás autonomías na reactivación social e económica”, subliñou.

    Finalmente, a responsable socialista pediu ao goberno galego “solucións inmediatas” e “moitos máis recursos” para o sector, xa que “non pode seguir agardando máis”. “A situación actual debuxa un panorama escuro e, polo de agora, non se coñece ningún plan de rescate por parte do goberno galego, a pesar de que a Xunta ten orzamentos” que ascenden a 11.500 millóns de euros, “grazas, en parte, ao goberno central”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.