Domingo, 25 Maio de 2025

As socialistas de Salceda elevan ao Parlamento de Galicia o abandono da Xunta en materia de emprego

A deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, visitou Salceda de Caselas para, acompañada pola portavoz e tenente de alcaldesa, Verónica Tourón, coñecer sobre o terreo a situación dos desempregados e desempregadas do municipio. No decurso da visita, Verónica Tourón informou a Paloma Castro que a Xunta de Galicia “rexeitou a solicitude dun novo Programa Integrado de Emprego que daría posibilidades de inserción laboral e mellora da empregabilidade a 100 veciñas e veciños de Salceda”.

A portavoz socialista subliñaba que a Consellería de Emprego financiaba a posta en marcha destes programas en colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro. “Nun sorprendente cambio de criterio respecto a anos anteriores –engade Verónica Tourón– a consellería concede só 7 Programas Integrados de Emprego a concellos para toda Galicia, concedendo só ao concello de Mos na provincia de Pontevedra, e incluso deixando as provincias de Lugo e Ourense sen ningún programa”.

Verónica Tourón lembra que no caso concreto de Salceda “no programa integrado desenvolvido no CDL O Torrón polo Concello en 2019-2020 acadouse unha inserción do 58 %, superando amplamente o compromiso de inserción inicial do 40 %, ao que hai que engadir que ata 73 persoas desempregadas traballaron en algún momento ao longo do programa”.

Pola súa banda, Paloma Castro salientou que dende o grupo parlamentario esíxenlle ao Goberno galego “que explique as razón polas que a Consellería de Emprego rebaixa de 20 a 7 programas integrados aos concellos en Galicia e que se faga públicas a relación de solicitudes rexeitadas”.

“As e os socialistas non compartimos o criterio de abandonar aos concellos nun contexto de crise económica, sanitaria e de emprego como a que estamos a vivir e a través desta iniciativa parlamentaria esiximos que se volva ao modelo anterior”, sinalou.

O criterio seguido pola xunta, segundo o Grupo Parlamentario Socialista “deixa sen ferramentas ás entidades locais, a administración máis próxima ás persoas desempregadas”. Ademais, a falta destes programas e políticas activas de emprego “tamén afecta ás empresas da zona que realizan convenios de colaboración co concello, sen unha fonte de selección de persoal preparado explicitamente para cubrir as necesidades do mercado laboral do municipio e da súa contorna”.

Tomiño reformará o parque infantil da praza da Mina

0

Hoxe tivo lugar no Concello de Tomiño a mesa de contratación para adxudicar o proxecto de reforma do parque infantil da praza da Mina, ubicada no núcleo do Seixo. A intervención vén motivada pola necesidade de renovar o actual pavimento do parque, bastante desgastado polo elevado uso soportado desde a súa instalación fai xa máis de 10 anos, ao ser un dos mais concorridos do núcleo do Seixo e situado nas proximidades dun xardín de infancia e escola infantil.

A actuación suporá a retirada dos antigos xogos e parte do valado de formigón, levantando parte do pavimento existente e substituíndoo por un novo, mellorando tamén deste xeito a seguridade dos nenos e nenas. A reforma pretende supoñer unha renovación completa de todo o parque, dotándoo dunha nova imaxe, coa instalación de novos xogos infantís accesibles e inclusivos para todas as franxas de idade. No recinto instalaranse un bambán inclusivo e adaptado tanto para o xogo individual como o grupal, unha casiña con estética moderna que convide ao uso da imaxinación dos máis pequenos, un tobogán de aceiro inoxidable integrado na nova topografía do recinto e un tubo a modo de túnel que permita esconderse e cruzar dun lado ao outro do terreo.

Neste sentido, a diferencia do parque infantil actual de Tomiño, os novos xogos que se instalarán procurarán manter unha ligazón entre os mesmos, creando un espazo integrado e coherente. A topografía do chan converterase nun elemento principal no concepto do xogo, creando elevacións de distinta altura que conformarán unha paisaxe na que os nenos e nenas suban, baixen e escalen dando ás á súa imaxinación e deixando de ser unha simple base para a instalación de diversos elementos sen ligazón. Facilitarase desta maneira a creación dun entorno no que os nenos e nenas poidan xogar e socializar con seguridade.

O proxecto de reforma ten un orzamento base de licitación de 52.498,35 euros, e agárdase que as obras dean comezo a finais de maio.

Sanidade lembra a importancia da detección precoz no Día Mundial contra o Cancro de Colon

Con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Colon, que se celebra hoxe, a Consellería de Sanidade quere lembrar a importancia da detección precoz desta enfermidade, e fai un chamamento a poboación para que participe nos cribados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal. A iniciativa diríxese a homes e mulleres de 50 a 69 anos e o obxectivo é detectar precozmente esta enfermidade.

Historia do Programa

O programa comezou a funcionar no ano 2013 e participaron nel un total de 449.672 persoas. Durante este tempo e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 1.046.823 invitacións e participaron no programa o 44,39% das persoas invitadas, sete puntos superior en mulleres (47,7%), que en homes (40,8%). Ao analizar a participación, pódese observar que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo nun 91,6%.

Dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019, realizáronse colonoscopias a un total de 26.647 persoas. Grazas a estas probar puidéronse identificar 1.436  cancros invasivos, dos que o 67% estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor (49% en estadio I e 18% en estadio II). Se comparamos estes resultados cos do cancro de colon detectados fora do cribado de Sanidade, tan só o 14% son diagnosticados en estadio I. Ademais dos cancros tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de risco alto, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.

Cómpre subliñar que a Consellería de Sanidade completou a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro de colon en 2019, cinco anos antes do que establece a Carteira básica común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).  Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar os chamamentos do cribado dende marzo do ano pasado, o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes en canto se recuperou a actividade no mes de maio.

Funcionamento do programa

A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.

Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta co resultado e se lles invitará no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria. Alí explicaráselles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.

A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -se procede- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica. O programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.

Tumor máis frecuente na poboación

O cancro colorrectal é o tumor maligno máis frecuente na poboación. Nas mulleres é o segundo en incidencia por detrás do de mama; e nos homes é o terceiro tras o cancro de pulmón e o de próstata. En relación á mortalidade, é a segunda causa de morte por cancro e a quinta causa de mortalidade en Galicia.

Este tipo de cancro non produce síntomas ata que xa está moi avanzado, polo que a maior parte diagnostícanse en estadios avanzados, o que afecta á supervivencia dos pacientes xa que, aos cinco anos do diagnóstico, é do 75-90% se o cancro é detectado en fases iniciais (fase I-II) e de tan só do 15% cando é detectado en fases máis avanzadas (fase IV). A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%.

A Rede Europea ‘Polis’ cualifica o proxecto Ágora da Deputación como unha “boa práctica inspiradora”

‘Polis’, a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, vén de cualificar o proxecto Ágora para recuperar espazo público na provincia de Pontevedra como “unha boa práctica inspiradora” e convidou á Deputación a expoñer o seu proxecto ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea. Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, participou como relator nunha comisión telemática de traballo sobre seguranza viaria -na que tamén amosaron o seu modelo representantes de Flandes- e asistiron delgados das urbes de Oslo, Londres ou Jerusalén, entre outras.

Segundo explicou o xerente senior de Políticas e Proxectos e coordinador Gobernanza e Integración e tamén de Seguridade de ‘Polis’, Pedro Homem de Gouveia, “a experiencia de Pontevedra é moi inspiradora e aínda é máis inspirador saber que a Deputación busca difundir estas boas prácticas pola provincia a través da rede Ágora”. “Co voso traballo na área de seguridade viaria, Pontevedra é un magnífico exemplo cara ao resto das cidades europeas e axudaraas”, subliñou.

Homem de Gouveia indicou que “na nosa opinión, o que está a suceder en Europa é o seguinte: se analizásemos os problemas de seguridade viaria como un virus, dariamonos conta de que a vacina xa está inventada e que o reto non é inventar outros remedios, senón distribuír a vacina e convencer ás persoas que non cren nela”. Poñendo como modelo innovador á provincia de Pontevedra destacou que “difundir boas prácticas non é sinxelo. É necesario amosar bos exemplos, si, pero é necesario que os responsables asuman que hai un problema, descubran que hai solucións ao seu alcance, aprendan a aplicar estas solucións e se animen a facer todo isto a través do recoñecemento público”, subliñou ante a presentación de Benitez.

Plan Ágora

O deputado de Mobilidade, pola súa parte, explicou que o proxecto Ágora é rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 “de forma concreta e plasmable en números” coa seguranza viaria como un dos seus eixos.

Explicou que existe un decálogo Ágora baseado nos seguintes principios: O espazo público é un dereito da cidadanía; debe haber un cambio de prioridade e poñer ás persoas primeiro; é preciso apostar pola mobilidade inclusiva; pola mobilidade sustentable e a acción contra o clima; polas mobilidades alternativas; polo hábitat saudable; pola autonomía infantil; pola actividade económica de proximidade; e por espazos amables e de calidade.

En canto aos espazos seguros, Benítez destacou que a seguranza viaria debe ser unha prioridade incentivando políticas de calmado de tráfico. Concretou mencionando a importancia da colocación de pasos peonís sobreelevados e reductores físicos de velocidade, potenciando que todos os viarios municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais teñan velocidades máximas de 30 qm/h e que nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados teñan unha velocidade máxima de 10 qm/h.

Política europea de mobilidade

Ademais da participación na xornada sobre modelos innovadores sobre seguranza viaria no espazo público do proxecto Ágora, e segundo confirmou De Gouveira, a rede ‘Polis’ pretende colaborar coa Deputación e incorporar a súa filosofía nos seus traballos sobre política Europea no ámbito da Seguridade Viaria.

De feito, ‘Polis’ contribúe ás iniciativas lexislativas e políticas da UE no campo do transporte e da mobilidade que poden ter un impacto a nivel local e rexional, desenvolve documentos de posición e discusión sobre temas de actualidade, presenta emendas aos documentos lexislativos e perspectivas financeiras da UE e organiza eventos de alto nivel con sede en Bruxelas sobre os principais retos políticos relacionados coa mobilidade urbana.

A rede europea tamén é membro do Consello Consultivo Europeo de Investigación en Transporte por Estrada (ERTRAC) e lidera o Grupo de Traballo de Mobilidade Urbana da plataforma, que asesora á Comisión Europea sobre temas de mobilidade urbana que deberían ser priorizados para o financiamento da UE nos programas marco de investigación e innovación. Nestes momentos forman parte de ‘Polis’ cidades como Amsterdam, Berlín, Barcelona, Bolonia, Bilbao, Bruxas, Bruselas, Budapest, Eindhoven, Jerusaleb, Lille, Kisboa, Manchester, Moscú, París, Perugia, Ravenna, Roma, Rotterdam, Toulouse, Estocolmo, Tallinn, Sophía, Southampton ou provincias como Noord Brabant, Noord Holland, Utrech, Vlaam Brabant, South Hollando u rexións como Sturgar ou Twente, entre outras.

A Xunta adxudica a construción da nova senda peonil e ciclista en Parderrubias, en Salceda de Caselas

A Xunta vén de adxudicar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, por un importe de máis de 710.000 euros.

Esta intervención, adxudicada á empresa Obras, Reformas y Saneamientos S.L, comezará entre finais do mes de abril e principios de maio e terá un prazo de 6 meses, polo que estará rematada este ano

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.

A Xunta rehabilitará a Catedral de Tui de cara ao do Xacobeo 2027

0

O novo Plan Catedrais que prepara a Xunta de Galicia blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027 para dar continuidade ao esforzo inversor dos últimos anos coa intención de seguir preservando o patrimonio, entre eles a Catedral de Tui. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita á Catedral de Mondoñedo onde anunciou un primer investimento de máis de 300.000 euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e nave central.

Como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, este Plan será unha “útil ferramenta” que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos. Román Rodríguez sinalou como punto de partida a Catedral de Santiago onde, grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, “reestreouse” este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea.

“Seguirémola coidando -afirmou Román Rodríguez-, pero agora queremos centrar tamén as nosas actuacións no resto de catedrais galegas poñendo outro horizonte temporal, o Ano Santo 2027 para seguir recuperando o noso patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago”.

O Plan Catedrais da Xunta está neste momento en elaboración de cara ao Xacobeo 2027, en diálogo coas distintas dioceses, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente á Catedral de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de “protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional”. Trátase dunha actuación que beneficiará ás catro provincias e que actuará en bens que suman máis de 4.500 anos de historia, todas elas está vinculadas ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.

Máis de 1M€ no Camiño do Norte

Unha das catedrais incluídas neste plan é a de Mondoñedo que o conselleiro visitou hoxe e onde anunciou a licitación da restauración das pinturas murais, por máis de 300.000 euros. Trátase dunhas actuacións para “seguir revalorizando un dos máis destacados Ben de Interese Cultural de Galicia e unha das xoias do Camiño do Norte”.

Un templo, ademais, no que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,1M€ para a restauración da súa cuberta e da Casa dos Coengos, actuacións ás que os actuais traballos darán continuidade, resolvendo as importantes patoloxías nas pinturas debido ás humidades. O proxecto, cofinanciado con fondos FEDER, permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior.

Por iso, faranse traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía, reintegración e limpeza cromática, entre outras. Para poder desenvolver os traballos asinouse un convenio de colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.

O Concello de Mos bonifica o 95% do IBI a 5 asociacións

0

Na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo celebrada onte luns día 29 no Pazo de Mos a Corporación Municipal mosense aprobou unánimemente – coa totalidade dos votos a favor- bonificar o IBI a 5 asociacións do Concello. Medida que entrou en vigor o ano pasado, xusto nun duro momento da nova crise sanitaria da COVID-19 que comezaba, e que se mantén no presente exercizo para colaborar e apoiar ás asociacións do municipio que tamén están a sufrir as consecuencias da pandemia.

Para poder poñer en marcha esta medida o Concello de Mos aprobou en Pleno en decembro de 2018 a modificación da Ordenaza Fiscal Reguladora.

Deste xeito púidose levar a cabo xa o pasado 2020 a bonificación do 95% no pago do IBI (Imposto de Bens Inmobles) a asociacións mosenses que así o solicitaron.

Neste caso as asociacións que terán bonificado o pago do IBI 2021 dos seus locais sociais son a Asociación Veciñal e Cultural Ledicia, a Asociación de Veciños Santa Baia-Mos a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, Centro Cultural e Social de Herville e Asociación Veciñal Cultural e Ceportiva Celado.

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o edil de Facenda, Alberto Méndez, e a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, explicaron que ata a entrada en vigor desta medida o Concello concedíalle a estas asociacións unha axuda económica para compensar o desembolso que anualmente tiñan que facer para facerlle fronte ó pago do IBI dos seus respectivos locais sociais. En 2020 as entidades que o solicitaron xa contaron coa bonificación do 95% do pago do devandito imposto, ao igual que sucederá no presente ano 2021.

Grazas á modificación da ordenanza fiscal segundo permite a da Lei de Facendas Locais, que dá a posibilidade de que os concellos poidan regular unha bonificación de ata o 95 por cento da cota íntegra do imposto a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración, pódense aplicar ás das mencionadas agrupacións mosenses. Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros. Trátanse de medidas tributarias dirixidas ao impulso da actividade económica.

Nigrán emprende as obras de ampliación de abastecemento de auga en Camos

0

O Concello de Nigrán cubrirá neste ano as necesidades de abastecemento de auga en Camos mediante a  ampliación que se está a realizar nos barrios de O Xuncido, Balinfra, Rial e A Cruz e a próxima contratación para cubrir O Carballal e A Tarela (Camos e Nigrán, respectivamente). Con este último propósito o goberno local levará ao pleno ordinario do luns 5 de abril destinar 205.000 € do Remanente de Tesourería a materializar o proxecto, cuxo expediente está xa listo para ser licitado.

“Con estas obras que estamos emprendendo, as que ímos contratar con cargo ao Remanente e ás axudas ás comunidade de augas, cubrimos practicamente todo Camos, unha parroquia que ata 2017 non tiña servizo público algún, como Parada, que xa está completada”, incide o alcalde, Juan González quen subliña que o Concello colaborou neste ano con 55.000 € para regularizar a situación das comunidades de augas de Camos e Chandebrito que así o solicitaron e que representan a máis de 200 familias.

Actualmente, operarios municipais están a rematar as obras de abastecemento de auga en Camos para que o servizo público chegue a  máis de 60 fogares de O Xuncido, Balinfra, Rial e A Cruz, barrio este último que nin sequera dispuña do recurso das traídas comunais. Os veciños poden xa solicitar a súa conexión  oficina da concesionaria Aqualia en Nigrán (Avda. Val Miñor, nº 2 baixo, de luns a venres de 9:00 a 13:00); ou ben solicitalo por correo electrónico a [email protected] facilitando nome, DNI, dirección e teléfono.

“O ano pasado reunímonos coas entidades veciñais e de augas da parroquia e optaron por priorizar o funcionamento das comunidades de augas fronte ao abastecemento público, polo que nestas ampliacións estamos actuando nas zonas onde practicamente non chegan as traídas e, polo tanto, onde os veciños dependen de pozos particulares”, explica González.

Ampliación da rede de abastecemento

Baixo este criterio, o Concello investirá 205.000 € do remanente de Tesourería para ampliar a rede de abastecemento de auga inicialmente a 90 vivendas de Camos e A Tarela a través da súa conexión coa tubaxe xeral na rúa dos Pazos (os puntos xa quedaran previstos cando se realizou esta primeira obra no 2017). Concretamente, beneficiaranse nun primeiro termo as vivendas situadas na contorna de Camiño da Rega, Tarela e Grilo (Nigrán) e rúa do Seixo, Carballal, Do Río, Das Viñas e Avoa Carmela (Camos) sumando máis de 2.782 km, a maiores esta obra permitirá dar servizo a posteriori a zonas máis amplas ao instalarse unha tubaxe a tal efecto. As obras, que deberán estar rematadas antes do 31 de decembro de 2020, inclúen apertura de gabias, colocación da tubaxe, execución de arquetas e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento.

Así, na parroquia de Camos o subministro público chegou por vez primeira no 2017 a través da rúa dos Pazos (ata o Centro Cultural) e no 2019 desde aí medrou ata a rúa San Roque, e xa neste ano e grazas, precisamente, á nova rede de abastecemento municipal na parroquia veciña de Parada, chega en Camos aos barrios de Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos.

Arbo distribuirá 50 trampas contra a avespa velutina

0

O Concello de Arbo emprende novamente unha campaña de loita e erradicación da avespa velutina para intentar frear a expansión da avespa asiática. Para este fin poñerá a disposición dos veciños e veciñas de Arbo, de maneira gratuíta, 50 trampas e 100 botes de cebo financiados con cargos aos fondos propios do Concello.

Os interesados e interesadas que queiran instalar algún destes sistemas de captura en zonas donde se asente esta especie invasora, deberán presentar a correspondente solicitude nas oficinas municipais do Concello de Arbo, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas

Esta xa non é a primeira campaña que realiza o Concello de Arbo contra a avespa velutina, xa que en anos anteriores entregouse á veciñanza trampas e cebos, sinala o alcalde Horacio Gil. O rexedor local lembra que esta é a época para a colocación destas trampas “para evitar a formación de niños” e adianta que “dende o Goberno estamos a disposición dos veciños e veciñas de Arbo para, coa súa colaboración, erradicar a proliferación desta especie”.

A Escola de Billar de Ponteareas celebra o seu XIV aniversario organizando o Open de billar

A Escola do Billar Centro Artístico Sportivo de Ponteareas celebra entre hoxe mércores 31 de marzo, venres 2 e sábado 3 de abril, o Open de billar como conmemoración do seu catorce aniversario, un campionato no que participarán un total de 53 xogadores. Neste campionato disputarase o Open Absoluto de billar, e o Open de 3º e 4º categoría. Da boa acollida da iniciativa fala o feito de que houbera que crear unha lista de agarda para aquelas persoas interesadas en participar e que quedaron fora ao completarse o aforo da sala.

Este Open celebrásese nun momento especial tanto para o club de Ponteareas como para os seus organizadores, dadas as circunstancias xeradas pola pandemia motivo polo que, sinalan os responsables da Escola de Billar “aplicarase estritamente o protocolo aprobado pola Federación Galega de Billar e pola dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia”.

Pese a ausencia de público e a súa celebración ‘con moito sentidiño, o evento será sen dúbida toda unha festa do billar. As partidas celebranse nas instalacións de Centro Artístico Sportivo, xogandose simultaneamente nas catro mesas existentes e seguindo os cuadrantes que tras o sorteo serán dados a coñecer pola organización.

A entrega de premios, se o tempo o permite, celebrárase no escenario ao aire libre das instalacións do centro, dando un enfoque amplo para os participantes e organizadores.

Os medios de extinción traballaron toda a noite sobre incendio que afectou á nave de peixe en Ponteareas

Despois de toda unha noite de traballo, os medios de extinción, desprazados ata o incendio da nave de peixe en Ponteareas, conseguiron sufocar a totalidade do lume.

Foi arredor das dúas da tarde de onte, cando o 112 Galicia comezou a recibir chamadas de varios particulares que alertaban de que estaba a arder unha nave de tratamento de peixe. Moitas outras persoas, tamén daban o aviso desde a estrada PO-402 e mesmo desde a autovía A-52, ao ver unha gran fumareda negra cara a zona do Calvario, na parroquia de Cumiar, en Ponteareas.

Desde ese momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos Bombeiros de Ponteareas, do Baixo Miño, de Vigo e do Morrazo, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Ponteareas, da Mancomunidade Oitavén-Tea e de Mos. Todos os medios traballaron ao longo da noite para acabar de sufocar un lume que, pese a estar controlado a media tarde e non ter risco de propagación, contaba con varios focos na totalidade da fábrica.

A primeiras horas da madrugada, os Bombeiros do Baixo Miño e do Morrazo confirmaron ao 112 Galicia que o incendio non chegou a consumir a totalidade da nave, en Ponteareas, pero sí que se viron afectadas varias oficinas, maquinaria e diverso material do centro. Con todo, grazas á pronta intervención dos medios, a fábrica non colapsou por completo, ao quedar aínda operativas varias zonas de procesado do peixe.

Mos ofrece á mocidade cinco días ininterrompidos de cultura urbana online

0

O Concello de Mos poñerá en marcha, durante esta Semana Santa, un programa online de actividades de cultura urbana que baixo o título ‘Semana da Cultura Urbana nas redes’ estará cargada de contidos para aprender e practicar Hip Hop, break, graffiti, Turntablism, Skateboard, Roller Skate, BeatBox ou Rap.

As actividades están complementadas con vídeos, documentais, apps, campionatos e series que lle dan un maior atractivo, co obxectivo aproximar e dar a coñecer a cultura urbana ás mozas e mozos mosenses, (con idades comprendidas entre os 12 e 35 anos) e tamén a xuventude de fóra do noso municipio, para que se poidan iniciar nestas actividades, así como para aquelas persoas que xa teñen nocións, para que poidan perfeccionarse e ampliar os coñecementos.

Está actividade pretende chegar a toda a poboación moza por igual, con actividades impartidas por profesionais da ámbolos dous sexos, co obxectivo de fomentar a desaparición de estereotipos de xénero. Nesta actividade, a poboación moza coñecerá tanto a homes como mulleres que practican actividades e deportes que son considerados só para o xénero masculino, como o graffiti ou o skate, ou xéneros musicais como o Rap.

‘A Semana da Cultura Urbana nas redes’ é unha iniciativa que foi cualificada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e polo concelleiro de Mocidade, Leo Costas como “moi positiva para loitar contra os estereotipos de xénero”, xa que fomenta a participación por igual de toda a poboación, “non diferenciando polo xénero que movemento ou actividade pode facer cada quen”.

Arévalo e Costas declararon a este respecto que consideran a Semana Santa “como un momento idóneo para facelo, debido ao momento vacacional no que se atopan os rapaces, dándolle un abano de actividades cheas de dinamismo e cargadas de contidos interesantes”.

Os obxectivos deste novo programa son promover e dinamizar actividades urbanas moi demandadas entre a nosa xuventude, a través das redes sociais, xa que por motivos da crise sanitaria COVID-19 non se poden realizar neste momento dunha maneira presencial, ofertar actividades de ocio e lecer a mocidade en tempada vacacional e fomentar a desaparición de estereotipos de xénero a través da realización de actividades de ocio.

A programación comezou onte luns 29 de marzo e prolongarase ata o domingo 4 de abril. As 3 actividades de onte versaron sobre a Lectura Recomendada “Hip Hop Family Tree”, do debuxante de cómics estadounidense Ed Piskor, unha serie recomendada con Trailers de Get Down (proxección do tráiler da película e recomendación de onde poder descagalo) e un obradoiro de Hip Hop.

As actividades de hoxe son un tutorial de Break para coñecer a disciplina do Breaking e aprender as técnicas básicas, un obradoiro para facer un Break, e charla sobre os Campionatos Red Bull de Breaking.

Hoxe mércores 31 de marzo a primeira actividade será sobre muralismo, a segunda sobre a App Sketch AR para debuxar e a terceira sobre Graffiti.

O xoves 1 de abril a primeira das actividades será sobre a disciplina do Turntablism, a segunda sobre o documental SCRATCH e a terceira sobre as técnicas do “Beat Juggling”, ou o “Scratch” incluídas na disciplina musical do Turntablism.

O venres día 2 de abril abordarase o deporte urbán do Roller ou rollerskate, a disciplina do Parkour e o debut do skate como deporte olímpico nos Xogos de Tokio.

O sábado 3 de abril as tres iniciativas a desenvolver serán sobre a disciplina do Beatbox e un obradoiro para desenvolver as súas técnicas básicas, así como material videográfico sobre descubrimos a loopstation, ou looper.

Por último o domingo 4 de abril falarase sobre a película Straight Outt a Compton, abordarase o uso da App Groovepad para crear música e farase un obradoiro de Rap.

O Rosal xa notificou 320 limpezas de fincas nos últimos nove meses

0

O Concello do Rosal notificou dende mediados do pasado ano un total de 320 limpezas de fincas. Só nos últimos seis meses de 2020 foron notificadas 215 limpezas ás persoas propietarias dos terreos.

Estes labores son de obrigado cumprimento segundo a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. De todas as notificacións realizadas, 145 xa están limpas, mentres que 38 están pendentes de recibir algún permiso para poder levar a cabo a limpeza e outras 32 están pendentes de proceder á limpadura.

Importancia da limpeza

“A limpeza das nosas fincas é fundamental para minimizar o risco de incendios forestais. O control das limpezas das fincas é delegado pola Xunta nos municipios. No Concello do Rosal estamos decididos a adoptar unha política activa de prevención para defender non só os nosos montes e terreos forestais, senón tamén ás persoas e aos bens que poden afectar os lumes. Achégase a época máis crítica do ano e todos debemos ser corresponsables para evitar danos irreversibles”, salienta a alcaldesa.

Así, no que vai de ano, o Rosal xa notificou 105 novas limpezas de fincas, das que o 9,5% xa están limpas, o 19% están pendentes dalgún permiso e o 71,5% pendentes aínda de limpar. “No Rosal tomámonos moi en serio este reto colectivo e agradecemos o labor de todos os veciños e veciñas que colaboran limpando os seus terreos”, explica a rexedora, Ánxela Fernández Callís.

Os terreos en núcleo rural, urbano e na faixa secundaria de 50 metros deben limparse por lei todos os anos antes do 31 de maio. En caso de non facelo o Concello vese na obriga de facer a correspondente notificación, competencia que no caso de terreos fóra destas zonas pasará a outras administracións.

“Cada propietario e propietaria é responsable do seu propio terreo, non debemos esperar a recibir unha notificación para proceder a unha limpeza que é obrigatoria dende o ano 2007 e que queda recollida na nova ordenanza de xestión de biomasa do Concello do Rosal”, asegura a alcaldesa, quen resalta a” importancia de ter limpos todas aquelas parcelas con vexetación situados no municipio para previr os incendios forestais, evitar a perda de espazos naturais e protexer aquelas zonas próximas a vivendas ou estradas”. A normativa establece como deben facerse estás limpezas dependendo do tipo de especies que hai en cada parcela.

Préstamo de biotrituradoras

Nestes intres Medio Rural ten prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares debido ás condicións meteorolóxicas. Para eliminar os restos vexetais o Concello do Rosal dispón dun servizo gratuíto de préstamo de biotrituradoras eléctricas co que desfacerse dos restos leñosos de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras, restos de viña, árbores ornamentais, restos de xardinería…

Pode solicitarse xa a través da páxina web de medio ambiente do Concello do Rosal ou no propio Concello. Só é necesario darse de alta no servizo, seleccionar día e hora e recollela nas instalacións municipais. Os préstamos serán por unha semana e as datas ou horarios solicitados poden ser modificados polo departamento de Medio Ambiente en función da dispoñibilidade das biotrituradoras.

‘Descúbre-As’ arranca o seu programa de mentoring para lanzar a carreira musical de oito mozas da provincia

Para seguir a sortear as barreiras invisibles ás que teñen que enfrontarse as mulleres que queren dedicarse á música, a Deputación de Pontevedra pon en marcha a través da Plataforma “Descúbre-as” o programa de mentoría para o que serán seleccionadas oito mozas da provincia que cumpran cos requisitos reflectidos nas bases que xa foron publicadas no BOPPO. As aspirantes a conseguir un destes postos deberán ter entre 16 e 26 anos e inquietudes musicais, xa que poderán adquirir coñecementos da man de profesionais da industria para a proxección das súas carreiras.

As rapazas seleccionadas participarán nun proceso de mentoría titorizado por persoal especializado de Descúbre-as que terá unha duración aproximada de dous meses. O programa conta con bolsas, dun valor estimado de mil euros cada unha, coas que as mozas terán acceso a un itinerario individualizado no que se lles realizará un seguimento pormenorizado. Este percorrido culminará coa gravación dunha canción propia en estudio así como coa gravación e realización dun vídeo-clip. As rapazas interesadas poden xa tramitar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Deputación.

Descúbre-as é o programa da Deputación de Pontevedra que ten como obxectivo visibilizar a todas as mulleres da industria musical. Representantes, produtoras ou artistas son algunhas das profesionais que forman parte de deste proxecto musical, didáctico, social e de igualdade, pioneiro en todo o estado. Con “Descúbre-as” o ente provincial incide na participación e promoción das mulleres na escena musical en colaboración con profesionais do sector, escolas e produtoras.

Galicia rexistra un total de 2.307 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.307, deles 816 son da área da Coruña, 168 da de Lugo, 131 da de Ourense, 218 da de Pontevedra, 589 da área de Vigo, 255 da de Santiago e 130 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 26 están en UCI, 181 en unidades de hospitalización e 2.100 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 112.233 persoas curadas, rexistrándose 2.336 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.846.384. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 462.095.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

O Ministerio de Hacienda envía 15.500 notificacións de Catastro á veciñanza de Salceda

O Concello de Salceda de Caselas segue a atender á veciñanza afectada polo procedemento iniciado de oficio polo Ministerio de Hacienda a través do Catastro nos concellos de Mos, O Porriño, Bueu e Salceda. A oficina habilitada con catro persoas leva atendido xa máis de 600 notificacións nestas dúas semanas, que fundamentalmente responden a erros de titularidade e/ou medicións. A próxima semana a oficina funcionará tamén polas tardes, para poder deste xeito atender a un maior número de persoas. Dende o Concello agradecen a comprensión e paciencia da veciñanza, pois tendo en conta que dende o catastro se enviaron 15.500 notificacións, non sempre está a resultar doado conseguir cita tan rápido como sería desexable.

A petición do Concello, Catastro confirmoulle que ampliará o prazo de alegacións dun mes proposto inicialmente, polo que a veciñanza poderá ser atendida no Concello ainda que o prazo de espera supere os 30 días.

O Partido Popular presentou tamén unha solicitude de pleno extraordinario, con propostas de facilidades de pagamento dos recibos, unha vez que coinciden en que o proceso é inevitable para a veciñanza. O equipo de Goberno está en contacto dende o inicio do procedemento tanto con catastro como coa ORAL, na busca precisamente de facilidades para aquelas persoas que precisen acollerse a formas de fraccionamento ou aprazamento dos recibos. Unha vez a ORAL plantexe as diferentes alternativas que se poidan ofrecer, darase traslado das mesmas á veciñanza para que cada quen se acolla á posibilidade que máis lle beneficie segundo as súas circunstancias.

Tamén dende o Concello se ten iniciado xa o proceso de modificación da ordenanza reguladora do IBI, coa solicitude de informes a intervención e servizos sociais sobre a viabilidade de establecer unha rebaixa no tipo impositivo ou a opción de realizar bonificacións fiscais aos colectivos máis desfavorecidos. En todo caso, esta posible modificación non estaría vixente ata o ano 2022.

Un dos problemas no caso do Concello de Salceda de Caselas é a vixencia dunhas normas subsidiarias aprobadas no 1997, nas que os núcleos rurais son demasiado extensos e inclúen como urbanizables parcelas que na práctica non o son, por non ter a superficie mínima, por estar á beira de ríos e regatos, etc., e que con esta revisión pasan a tributar como fincas urbanas. O PXOM proposto polo goberno no 2016 solucionaría a práctica totalidade destes casos.

A Guarda reafirma o seu compromiso coa compostaxe iniciando o reparto de máis de 200 composteiros individuais

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, continúa traballando na mellora da compostaxe na vila, neste caso co reparto de máis de 200 composteiros individuais, que xa se están a repartir entre os veciños que realizaron a súa socilitude. Estes kits de compostaxe constan dun composteiro individual, aireadores e termómetros, mercados pola Concellería de Medio Ambiente a través dunha subvención do Servizo de Residuos da Xunta de Galicia.

Realizaranse un total de 5 charlas informativas no Centro Cultural entre o luns 29, martes 30 e mércores 31 de marzo, nas que a técnica de Medio Ambiente municipal é a encargada de ensinar aos veciños da vila como é o seu funcionamento, cunha breve formación e explicación da montaxe do composteiro. As persoas que se atopan en lista de espera serán chamadas para asistir a estas sesións formativas, que se realizan cun aforo limitado debido ás medidas sanitarias vixentes pola Covid-19.

As persoas que aínda non solicitaron o seu composteiro COIN, poden solicitar un de balde chamando 986 61 00 00 (Medio Ambiente) ou no enderezo electrónico [email protected]

Antonio Lomba, alcalde da vila, califica esta iniciativa como moi boa, posto que axuda a reducir de xeito importante a cantidade de lixo orgánico que remataría doutra forma nos contedores, a maiores de que os seus usuarios poden empregar o compost que se xere para aboar as súas fincas ou cultivos.

[su_image_carousel source=”media: 33522,33521,33520,33519″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Montserrat Magallanes, concelleira de Medio Ambiente, aproveitou a ocasión para animar a todos os veciños que aínda non fixeron a súa solicitude a que se inicien na compostaxe e que soliciten un composteiro individual para as súas vivendas, axudando deste xeito ao medio ambiente.

A adquisición destes composteiros realízase ao abeiro das axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 durante os anos 2020 e 2021.

Controlado o incendio que afectou a unha nave de tratamento de bacallau en Ponteareas

Os servizos de emerxencia que traballan na extinción dun incendio que está a afectar a unha nave de tratamento de bacallau en Ponteareas teñen o lume controlado, segundo informaron ao 112 Galicia os bombeiros de Ponteareas desprazados ata a zona do sinistro. O lume afectou a boa parte das instalacións aínda que, por fortuna, non se rexistraron danos persoais.

Ao redor das 14:00 horas o 112 Galicia recibía chamadas de particulares que alertaban dun incendio nunha nave industrial situada no punto quilométrico 17 da PO-402, concretamente na parroquia de Cumiar.

Os bombeiros ponteareáns constataron que o lume afectaba ao primeiro andar da nave existindo tamén múltiples focos na segunda planta. Nestes intres a situación está controlada e os efectivos centran as súas forzas na completa extinción das lapas.

Amais dos bombeiros de Ponteareas, do Baixo Miño, de Vigo e do Morrazo, participaron nas tarefas de acordoamento da zona axentes da Policía Local e da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Ponteareas, da Mancomunidade de Oitavén-Tea e do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia alertouse como medida preventiva a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tomiño instalará contedores de recollida de roupa de Cáritas

0

O Concello de Tomiño vén de asinar un convenio coa empresa de inserción laboral de Cáritas, Servicios Comerciales de Inserción Laboral, para a instalación de contedores para a recollida de roupa.

En base ao acordo, o Concello comprométese a conceder un espazo para a colocación dos contedores de roupa de Cáritas de forma gratuíta, mentres que a empresa, ten como finalidade a creación de postos de traballo de inserción sociolaboral a través da xestión do residuo téxtil, será a encargada da recollida da roupa, que será reciclada e destinada a fornecer ás persoas sen recursos da vestimenta necesaria.

Está previsto que sexan instalados catro contedores en varios puntos do municipio, entre os que se atopan os seguintes:

  • Instalación no torreiro de festas do barrio do Hospital.
  • A zona deportiva de Sobrada (Torrón), instalación ao carón do colexio.
  • A parroquia de Barrantes, instalación ao carón do CEIP de Barrantes.
  • O núcleo urbano do Seixo, colocación na rúa Tui.

A duración do convenio será de dous anos e a instalación dos contedores está prevista para a vindeira semana.

Proceso da roupa usada

O proceso que se realiza na actualidade pasa pola recollida e almacenamento da roupa, e polo seu posterior envío. Esta roupa recíbese nunha planta situada en Munguía, con persoal do programa de inserción laboral de Cáritas.

Este emprego é por un prazo de ata tres anos, xa que o obxectivo é a reinserción no mercado laboral. Depois, esta roupa lévase ás tendas de Cáritas para a súa posterior venta.

O diñeiro que se consegue, tanto coas tendas como coa venda de roupa, a plantas de reciclaxe reinvístese na súa totalidade no programa de reinserción laboral.

O proxecto téxtil é unha iniciativa que xa está a funcionar plenamente en máis de 26 diocesis españolas, que forman parte da rede de Cáritas.

Técnicos do equipo de La Vuelta 21 visitan o alto de Herville

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co ciclista mosense, Óscar Pereiro, único galego gañador dun Tour de Francia, técnicos do equipo de La Vuelta Ciclista a España, representantes da Comunidade de Montes de Herville e da Policía Local de Mos, o concelleiro da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, e o novo concelleiro de Deportes do Concello de Mos, José Areal, visitaron o alto de Herville para supervisar o enclave no que se instalará a meta da etapa 20 de La Vuelta 21 o vindeiro 4 de setembro.

Comezan así os preparativos previos a este gran día do ciclismo mosense que ven precedido da saída doutra etapa de La Vuelta o ano pasado desde o Pazo de Mos. Esta nova cita de La Vuelta en Mos convirte ao municipio nunha localidade referente para o mundo do ciclismo e marca un fito histórico para o Concello de Mos.

Durante a visita técnica do equipo de La Vuelta 21 ao alto de Herville, Óscar Pereiro declarábase “orgulloso porque esta é a primeira vez que podo deseñar unha etapa ao 100%, ademáis na miña terra, nas estradas nas que adestrei tantos e tantos quilómetros. E é unha etapa diferente, xa que La Vuelta Ciclista a España non está acostumada a rematar nunha etapa como a que imos ver aquí e que será unha etapa rompe pernas, unha etapa durísima”.

Unha etapa na que Pereiro aposta na meta por un corredor “do perfil de Alejandro Valverde, que ten que subir moi ben, ser rápido, ser clasicómano, aguantar a distancia xa que é unha etapa con moita montaña na que prácticamente os ciclistas non teñen metros de recuperación. Tamén pode ser un corredor tipo Alaphilippe, Primož Roglič, ou Tadej Pogačar. Aquí vai gañar un corredor importante”.

Etapa 20, penúltima etapa de La Vuelta

E é que a etapa 20, Sanxenxo-Mos (173.6 km), está íntegramente deseñada por el e constituirá unha emboscada, un verdadeiro reto para os ciclistas, e un auténtico espectáculo para o público.

Visita ao alto de Herrville

O alto de Herville, no que se atopa o Castro de Herville, na parroquia de Cela, será o lugar no que reamatará a penúltima etapa da edición deste ano de La Vuelta 21 Ciclista a España. O seu deseñador, artífice e autor, Óscar Pereiro, explica que a etapa 20, Sanxenxo – Mos, Castro de Herville (Cela) “percorrerá 7 das 10 parroquias mosenses (cun tramo de 2 km ao 11,8% de desnivel) é trátase dunha etapa que deseñei con moito cariño e dándolle moitas voltas á cabeza para que fose especialmente bonita”.

Oscar Pereiro ‘firma’, deste xeito, o deseño do seu primeiro percorrido completo de La Vuelta, xa que o ano pasado interviu no deseño da etapa que partiu de Mos pero sen asumir a autoría da etapa completa.

É moi importante, atopándonos en tempos de crise sanitaria da COVID-19, o aspecto do sinxelo acceso á etapa para os afeccionados que poderían fácilmente mirar a carreira a pé de estrada en tres puntos na mesma etapa.

Esta penúltima etapa de La Vuelta terá lugar o vindeiro 4 de setembro e nela decidirase o campión de La Vuelta Ciclista a España a falla da contra reloxo en Santiago. Será unha etapa de 173,6 km con subidas e baixadas constantes e cinco portos curtos pero duros entre a Serra da Groba e a do Galiñeiro. Todos os ascensos coñecidos polos cicloturistas da zona e descoñecidos para a gran competición. Terá un final en alto e nos últimos 50 km non contará con nin un só quilómetro en chan, será un continuo subir e baixar.

O mosense Embaixador de La Vuelta salienta “a continuidade dos 5 portos, sen prácticamente terreo chan entre eles e máis de 3.000 metros de desnivel en 90 km; e o percorrido por estradas interiores”. “A maioría dos ascensos son subidas estreitas con pendentes duras. Unha emboscada. Unha etapa deseñada para facer dano os últimos 40 ou 50 km”, comenta, sobre a que foi unha ruta habitual de adestramento nos seus tempos de ciclista profesional. “A base de facer 400.000 km na miña vida por esas estradas e pasar 50.000 veces por ahí coñecín en profundidade esta zona pola que é difícil que alguén pase, se non o fai en bicicleta”.

Óscar Pereiro trouxo o pasado novembro ao director de La Vuelta, Javier Guillén, a ver o percorrido e o propio Óscar declara que quedou, literalmente “flipado”. O de Mos asegura que Guillén non será o único e “o trazado sorprenderá, especialmente as dúas subidas finais porque hai que coñecelas”.

Será a última etapa competitiva en liña da edición deste ano, sendo Concello protagonista da emblemática competición ciclista por segunda vez consecutiva. A última batalla corpo a corpo de La Vuelta 21 rematará en Mos, sendo a chegada mosense a penúltima etapa da competición, pero a última etapa competitiva en liña, polo que o vencedor decidirase en Mos case con total seguridade.

Pola súa banda a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destaca que “desde o Concello de Mos lle estamos inmensamente agradecidos a Óscar Pereiro por ser o primeiro e principal valedor do noso pobo, de Mos, nesta hazaña deportiva que volve a situar a Mos no mapa e a convertilo xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo”. E declarouse “satisfeita e enormemente orgullosa de que La Vuelta volte a elixir a Mos dentro do seu percorrido e ademáis por segundo ano consecutivo. Facendo a Mos protagonista en dúas edicións consecutivas de La Vuelta, saída de etapa o ano pasado e chegada da penúltima etapa este ano”.

Arévalo agradécelle enormemente a Pereiro “que apostase por Mos e deseñase unha etapa que demostra o profundo cariño e un gran coñecemento do seu pobo”.

O PP de Nigrán denuncia as irregularidades respecto á nova biblioteca

0

O PP de Nigrán mostra a súa indignación pola recente aprobación dun decreto por parte do goberno local onde concede unha prórroga de execución ao proxecto de construción da nova biblioteca, máis aló mesmo dos 5 meses marcados no proxecto.

Segundo os prazos acordados, a empresa que está a levar a cabo a nova biblioteca tiña que terminar as obras o 24 de febreiro, das que certificou menos 39% a data 28 de febreiro.

O rexedor, en contra dos departamentos de contratación e intervención, asinou un decreto para que ampliar o prazo de execución e que continúe a mesma empresa, tendo en conta que a actual gañou o concurso, en boa parte por ofrecer un período de execución máis curto, 3 meses, no canto dos 5 marcados no proxecto.

Incumprir este período de execución, sen unha xustificación adecuada, como parece que é o caso, fai que as demais empresas que participaron poidan impugnar o acordo, xa que este prazo implicaría que esta empresa pasaría da 1ª posición á 5ª, polo que a adxudicación correspondería a outra das empresas licitantes. Todo isto podería provocar unha lea legal con incertas consecuencias.

O voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas retoma as actividades cunha limpeza na contorna

Este mércores 31, o voluntariado ambiental xuvenil de Ponteareas retoma as súas actividades convocando a veciñanza da vila a participar nunha nova limpeza nas beiras do río Tea. Neste caso, o punto de encontro será ás 17 horas na Ponte das Partidas, na parroquia de Moreira, dende onde se procederá á limpeza de residuos que se atopen na zona de praia e nos seus accesos.

A Concellaría de Mocidade e Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, informa que para participar nesta actividade é preciso inscribirse no correo electrónico [email protected], ou no teléfono 687764516, que tamén está a disposición das persoas que queiran recibir máis información. A actividade desenvolverase de xeito seguro e seguindo os protocolos que require a actual situación sanitaria.

Concienciar á mocidade da importancia de conservar o noso medio natural, por en valor o patrimonio medioambiental e traballar en equipo para acadar unha vila máis sostíbel son algúns dos obxectivos das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.

A alcaldesa visita Soutoxuste, na parroquia do Viso, para atender as demandas veciñais

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada dos concelleiros Vicente Lamas e Alberto Álvarez, visitou esta pasada semana o barrio de Soutoxuste, na parroquia do Viso, para atender as demandas veciñais e darlles solución a maior brevidade posible.

De feito, tal e como apunta a rexedora redondelá, “tan só unha semana despois fomos quen de desenvolver algunhas das peticións realizadas polos veciños e veciñas”. Entre as actuacións executadas están o bacheado dos camiños de cara a mellorar a súa seguridade, tanto peonil como rodada. Asi mesmo a concellería de Vías e Obras procedeu a realizar traballos de roza e limpeza dos viarios da zona.

Doutra banda, Digna Rivas, atendeu as demandas veciñais en canto á creación dun espazo no que desenvolver cursos e actividades socioculturais, “unha petición que será estudada detidamente polo Goberno local”.

Nestas vindeiras datas a alcaldesa redondelá continuará realizando visitas ás parroquias e mantendo encontros puntuais coa veciñanza á espera que a evolución da pandemia da Covid-19 permita realizar encontros co conxunto da veciñanza algo que, agora e por mor das medidas de seguridade sanitaria, non é posible.

A intención do Goberno e “retomar as reunións coa veciñanza nuns encontros que amosáronse como moi produtivos tanto no que atinxe a coñecer e atender as demandas de veciños e veciñas como de explicar os proxectos e iniciativas que o Goberno local ten pensado desenvolver en cada unha das parroquias”, conclúe a rexedora local.

A Festa do Requeixo e o Mel aposta por un formato ‘virtual’ e actividade continuadas ao longo de todo o 2021

0

O Concello das Neves que preside Xosé Manuel Rodríguez Méndez vén de adiantar que este ano, a ‘Feira do Requeixo e do Mel’, festa de referencia do municipio, “non será presencial”. Ainda que os datos da evolución da pandemia sinalan una satisfactoria evolución no concello, no que non hai casos activos dende hai máis dun mes, o Goberno municipal tomou a decisión de non colocar os tradicionais postos na Praza Maior e apostar por unha edición ‘on line’, que terá máis duración no tempo.

Deste xeito, dase inicio a unha serie de accións e actividades arredor do requeixo que se desenvolverán durante o 2021, así ao longo do mes de abril realizarase un ‘Concurso virtual’ de receitas do Requeixo das Neves para Bloggers de España e norte de Portugal.

O concurso presentarase o venres de Semana Santa, que é o día habitual da Feira e estará aberto á participación ata final de mes. O xurado estará composto por catro persoas do ámbito profesional da gastronomía.

Para a promoción da Feira, e a festa do requeixo e o mel e das Neves , realizaranse vídeos con sete chefs galegos: Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da leña; Marco Varela, de Casal de Arman; Miguel Mosteiro de Gastrolab; Ángel Martínez e Víctor Otero de A Xanela Gastronómica; Óscar Vidal de O Pazo; Adrián Albino de Niño Corvo e Begoña Vázquez de O Souto das Candeas.

Entre outras cousas, tamén ao longo deste ano dende o Concello se promoverá a creación dun book fotográfico de requeixo no que participarán chefs que formaron parte das actividades da Feira do Requeixo e Mel nos últimos anos (pregóns, showcookings, etc.).

Mos inicia o proxecto da senda peonil Porselo-Brea que alongará a de Torroso para convertela nunha ruta circular de preto de 3 quilómetros

0

O Pleno do Concello de Mos aprobou onte o inicio do expediente de expropiación da nova senda peonil Porselo-Brea, que enlazará coa xa existente senda peonil de Torroso (que vai desde o Multiusos das Pozas ata ASODIFISI) formando unha senda circular de preto de 3 quilómetros de lonxitude.

Deste xeito, tal e como declararon a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e a concelleira da parroquia de Dornelas, Sara Cebreiro “transformaremos o traxecto Porselo-Brea nunha vía de circulación máis cómoda que inclúa tamén unha senda peonil que enlace coa senda de Torroso creando un itinerario circular. Somos coñecedores da necesidade de mellorar o tipo de firme na nova senda respecto do empregado en Torroso e así o faremos, aproveitando para cambiar tamén do de Torroso, que non deu os resultados satisfactorios esperados”.

A actual senda peonil de Torroso ten unha lonxitude de 1.370 metros que, sumada aos 1.551 metros da futura senda Porselo-Brea, dará unha senda circular cun percorrido total de 2.921 metros.

Por acordo do Goberno Local do Concello de Mos, deuse orde de levar a cabo a redacción do proxecto de construción dunha senda peonil en Dornelas, desde o I.E.S. de Mos ata ASODIFISI, nas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso. O proxecto nace co obxectivo de completar, en forma de anel, a senda xa construída desde o Edificio Multiusos ata ASODIFISI, dando ao viario sobre o que se actuará, unha maior seguridade para os peóns, que na actualidade mesturan os seus itinerarios cos vehículos a motor.

Este proxecto desenvolve unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, ampliando a capa de rodadura e construíndo unha senda específica para os peóns. Acadarase un ancho máximo de 8,00 metros que dá a esta zona unha mellora substancial para o fluxo do tráfico e de persoas.

Preténdese desenvolver unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, nas parroquias de petelos, Dornelas e Torroso, que a día de hoxe encóntranse cunhas limitacións físicas á hora de acoller o tráfico de vehículos e peonil que por elas transita. Conseguirase deste xeito dar continuidade a estas rúas cunha sección axeitada cara a resolver e minorar os problemas circulatorios, agravados en momentos puntuais pola entrada e saída de alumnos nos equipamentos educativos emprazados nas Pozas. Estes son os motivos da necesidade de ocupar e executar a maior brevidade posible a infraestrutura proxectada (que permitirá unha mellora salientable do tráfico nun dos principais viarios do municipio). 

A delimitación do ámbito de expropiación comprende un total de 3.352,56 m² repartidos entre 126 predios segundo a realidade catastral identificada sobre o terreo, establecéndose a través dos seguintes lindeiros: ao norte, con rúa Brea e rúa Costiña, ao leste, en Seixabre coa estrada do Adrovello, ao sur, nace nas Pozas, na rotonda da estrada das Pozas; e ao oeste, camiño de Pedreira e camiño de Bouzos.

Lidl abrirá en Nigrán este outono, se a súa primeira tenda no Val Miñor

0

Lidl abrirá este outono unha tenda en Nigrán na rúa As Pontes, xunto ao Centro de Negocios e a gasolineira, suporá a primeira incursión da cadea na comarca do Val Miñor.

A previsión é que este establecemento, no que traballarán unha vintena de persoas, comece a funcionar durante o outono de 2021 e, deste modo, poida dar resposta á demanda de localidades como Baiona ou Gondomar, ademais do propio Concello de Nigrán.

A nova tenda Lidl, que abrirá en Nigrán este outono, situarase nunha parcela de 4.790 metros cadrados, dos que a superficie de vendas ocupará uns 1.400 metros cadrados, con dúas plantas e unha altura total de sete metros. En total, a cadea mobilizou unha inversión de 4,7 millóns de euros para a construción e o equipamento, actuacións que adxudicaron a empresas galegas como a construtora pontevedresa CHS ou a enxeñaría coruñesa COTECNO.

Neste sentido, a firma continúa a súa estratexia habitual tanto de apoio a provedores de proximidade como de compromiso medioambiental, xa que este punto de venda contará con plataforma fotovoltaica e iluminación LED, o que a converterá nunha tenda ecosostible grazas tamén aos paneis solares instalados ao longo dunha extensión de 1.000 metros cadrados.

O establecemento estará aberto de luns a sábado de 9 a 21.30 horas e contará con 80 prazas de estacionamento. Con esta apertura, a marca elevará a 34 as súas tendas en Galicia, onde sobresae a provincia pontevedresa, xa que concentra practicamente a metade delas. De feito, os últimas tres investimentos de grande envergadura da marca focalizáronse no suroeste da comunidade, tras destinar 2,1 millóns de euros a modernizar a súa tenda da Guarda; tras a
apertura do supermercado máis grande da marca en Jacinto Benavente (Vigo), á que destinou 4,6 millóns de euros; e, agora, esta intervención no polígono de Porto do Molle.

Visita a obras

O xerente de vendas de Lidl en Galicia, Borja Franco, detallou durante unha visita ás obras realizada onte pola mañá que “esta actuación en Nigrán nos permite, unha vez máis, que os nosos feitos e os nosos compromisos falen pola marca”. Así, Franco lembrou que o novo establecemento será o destino dun de cada seis empregos que a empresa prevé crear este 2021, ao tempo que destacou que o apoio de Lidl ao desenvolvemento económico e á dinamización tanto do sector primario como do mercado laboral galego é “unha realidade incuestionable”. “Os máis de 1.000 millóns de euros destinados a produtores de Galicia nos últimos catro anos ou os 2.800 postos que xeramos só na provincia de Pontevedra entre
emprego directo, indirecto e inducido son un termómetro perfecto da nosa alianza coa comunidade”, indicou este responsable de vendas da cadea.

Pola súa parte, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou “a aposta polo emprego cunha vintena de novos postos de traballo” nesta empresa que se instala en Porto do Molle, un parque do Consorcio “que é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible e onde xa hai máis de 120 empresas instaladas”. Lembrou David Regades que Zona Franca ten en marcha “unha nova inversión de 6,3 millóns
de euros na construción de 14 novas naves para empresas” en Porto do Molle.

Mentres, o alcalde de Nigrán, Juan González, sinalou que “o proxecto de Lidl afianzará Porto do Molle como o gran parque empresarial de toda a área metropolitana, porque estamos a falar dunha firma de referencia no sector. A súa presenza non só leva aparellado xerar postos de traballo, senón que xerará máis recursos económicos para o Concello de Nigrán, que segue a contar con este Polígono Terciario como o seu grande activo”.

A Xunta destaca en Salceda de Caselas a implicación de Afaga na atención a persoas con Alzhéimer e as súas familias

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou onte o novo centro de día que a Asociación de Familias de Persoas con Alzheimer de Galicia (Afaga) inaugurou en Salceda de Caselas.

Fernando González Ameijón (á dereita) conversa coa alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e co presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez

González Abeijón, que estaba acompañado pola alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira e pola tenente de alcalde, Verónica Tourón, destacou a implicación que esta entidade amosa día a día na atención das persoas con esta demencia e as súas familias.

O director xeral lembrou que a Xunta oferta máis de 300 prazas públicas nos centros de día que xestionan as asociacións que forman parte desta federación, cun investimento de preto de 2,5 millóns de euros anuais. Así mesmo, tamén se financian programas de formación de persoas coidadoras, e servizos e actividades que desenvolve a entidade.

Salvaterra inicia as obras da rede de saneamento en Ermitas e Couto, na parroquia de Salvaterra e Toucedo, na parroquia de Alxén

O Concello de Salvaterra de Miño segue coas obras de ampliación da rede de saneamento municipal, e nesa liña ven de iniciar as obras nos barrios de Ermitas e Couto, na parroquia de Salvaterra, e no barrio de Toucedo na parroquia de Alxén, con cargo o Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

As actuacións que se están realizando consisten na limpeza, corte e demolición de firme, complementando a rede de servizos existentes mediante a execución da rede de saneamento na zona e a reposición das gabias. As tres actuacións executadas nos Barrios de Salvaterra e Alxén teñen como fin último dotar de saneamento ás vivendas que non posúen dito servizo, para que se poidan conducir as augas residuais ao colector xeral para o seu posterior tratamento. A obra consiste na canalización de tuberías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as actuacións complementarias: escavacións, pozos de rexistros nos puntos necesarios da nova rede e reposicións.

En total está previsto executar 782 metros de tubería de PVC de 250 mm de diámetro nominal e a instalación de 20 pozos de rexistro nos puntos necesarios do novo colector. Os tramos a executar fluirán en colectores existentes, polo que as vivendas poderán conectarse á rede de saneamento actual una vez rematada a obra, cun prazo de execución de dous meses.

O presuposto desta obra ascende á cantidade de 72.319,92 € que levará a cabo o Concello a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

A Deputación destina este ano case 680.000 euros aos clubs de alto nivel, un 7,19 % máis que no 2020

O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu un ‘acto de orgullo’, no que a Deputación de Pontevedra quixo facer un recoñecemento público aos clubs masculinos de elite da provincia, como na pasada semana o fixo cos femininos. A presidenta, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiron a representantes do Club Balonmán Cangas, Club Cisne de Balonmán, Coruxo C.F., GD Supermercados Froiz, Club Ciclista Rias Baixas, Club AMFIV, Gimnástica de Pontevedra, Bádminton Ravachol, Tenis de Mesa Monte Porreiro e da Agrupación Deportiva Vincios.

A presidenta puxo en valor o tesón co que os clubs están a afrontar a situación actual, “un ano de encerro, de non poder estar co público, dificultades económicas pola perda de patrocinios… Un golpe moi duro do que somos moi conscientes na Deputación de Pontevedra”. Pero o deporte na nosa provincia non se mingua ante as dificultades, tal é así que “temos a sorte de ter novos equipos na elite cada ano, polo que lle dedicamos máis recursos”. Carmela Silva quixo lembrar que este ano o ente provincial tivo que aumentar a súa inversión en política social e a reforzar o seu apoio a sectores produtivos, entre outras actividades, pero que tiña claro dende un primeiro momento que “ao deporte non lle podíamos restar recursos”. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra continuou coa súa aposta polo deporte “a pesar de que os fondos do ente provincial foron os mesmos posto que a administración local non recibiu nin absolutamente nin un euro máis de ingresos durante esta pandemia”, subliñou.

Carmela Silva amosouse orgullosa do equipo que forman a Deputación de Pontevedra e os clubs, “que levan o nome da nosa provincia e dos nosos concellos alá onde compiten”. Coa vista xa posta no ano que vén, a presidenta asegurou que “nos gustaría que 2022 fora nesta provincia o ano do deporte, ter máis presencia da que temos e converter a Pontevedra nunha referencia deportiva aínda máis grande”. Para a presidenta da Deputación “non hai recursos mellor empregados que os que se dedican ao deporte”. Silva afronta o 2022 con optimismo e espera “que o mundo local teñamos máis posibilidades para xestionar recursos públicos e seguir dedicando parte deles ao deporte polo que imos a seguir apoiando a todos os clubs”.

As persoas representantes dos clubs coincidiron nos seus agradecementos á Deputación. O presidente do Club Ciclista Rías Baixas Jose Luis Chamorro, puxo en valor a inversión realizada polo ente provincial posto que “é a principios de ano cando temos o gasto máis forte, polo que a achega da Deputación foi fundamental e supuxo para nós un alivio enorme”. Fernando Álvarez, director do Tenis de Mesa Monte Porreiro, aproveitou a ocasión para evidenciar que “a práctica de deporte é segura” nos tempos que corren. Nesta reivindicación tamén coincidiu Alberto González, presidente do Club Balonmán Cangas, quen resaltou a súa “ilusión porque a xente practique balonmán e veñan ao campo a desfrutar del”. Ademais, agradeceu a confianza que a Deputación deu ao seu club ao xestionar unha pista en Príncipe Felipe para os seus adestramentos mentres que as súas instalacións estaban a ser renovadas grazas ao Plan Concellos. Tamén tomou palabra Evaristo Portela, director deportivo do GD Supermercados Froiz, quen lembrou que “o deporte é fundamental na sociedade que queremos, unha sociedade con valores” e arengou ao resto de clubs a “loitar para levar á provincia ata o máis alto do deporte”.

Forte aposta polos clubs de elite

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta polo deporte ao dedicar 678.000 euros aos clubs de elite da provincia, o que supón un 7,19% máis que en 2020, nun ano no ente provincial equiparou as contías das subvencións nominativas entre os equipos masculinos e femininos que compiten na mesma categoría.

Ponteareas saca a concurso o Servizo de Axuda ao Fogar por máis de 900 mil euros ao ano

O Concello de Ponteareas sacará a concurso a continuidade na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), por un valor estimado de 5.249.520 euros por un período máximo de 5 anos, dous de contrato inicial e outros tres en prórrogas dun ano cada un. Unha vez rematado o período de concesión da anterior empresa adxudicataria, o Goberno ponteareán convocou o procedemento para a renovación deste servizo.

Tras a presentación dun recurso aos últimos pregos de contratación por parte dunha asociación, o goberno veuse na obriga de convocar novamente este proceso para a selección da nova empresa que xestione o servizo, que terá a obriga de subrogar ás máis de 40 profesionais que o prestan na actualidade.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, lembra que os pregos de contratación xa contaban cos correspondentes informes favorables dos funcionarios habilitados estatais, sendo aprobado polo Pleno da Corporación no pasado mes de xaneiro sen ningún voto en contra.

Na actualidade, segundo informa Verónica Carrera, “o SAF por dependencia atende a 84 usuarios e usuarias, que aportan unha pequena porcentaxe do importe total, fixado pola normativa vixente e na que se consideran os ingresos de cada persoa usuaria. De media, cada persoa usuaria aporta 2,5 euros/hora”.

A concelleira nacionalista tamén aclarou que “a lei de Dependencia prevé o financiamento dos servizos de dependencia entre o Estado e a Xunta de Galicia pero xa vemos que lle seguirá custando moitos cartos aos Concello”. Carrera explicou que a Xunta aporta 9,70 euros por cada hora de atención a persoas dependentes mentres que o prezo que o Concello ten que asumir é superior aos 15 euros por hora.

“Cada mes, dunha media de 4.000 horas polas que a Xunta aporta 38.800 €, o Concello ten que pagar 15.000, producíndose polo tanto un desfase anual de 180.000 euros que ten que facerlle fronte o Concello cos recursos propios, a pesar de non ser un servizo de competencia municipal”, sinalou a concelleira de Benestar Social.

No orzamento municipal para este ano 2021 reservase a contía necesaria, así como o compromiso de habilitar o crédito para dar cobertura á prestación deste servizo nos vindeiros anos. Verónica Carrera manifestou que “agora o que procuramos é que a empresa que resulte adxudicataria garanta un bo funcionamento para as persoas usuarias e as propias traballadoras deste servizo”.

Entre os criterios de adxudicación, recollidos nos pregos de licitación, serán puntuadas cun máximo de 28 puntos as axudas técnicas e de enfermería, cun máximo de 15 a mellor oferta económica e cun máximo de 45 puntos outros criterios avaliables, como a organización da xestión do servizo, os protocolos de intervención e o plan de formación do persoal, entre outros.

A maiores, o Concello conta co Servizo de Axuda no Fogar por libre concorrencia, do que se asumen integramente os custes agás o copago que corresponde aos usuarios e usuarias. Este servizo municipal atende na actualidade a 54 persoas.

A Xunta recibe 57.330 doses da vacina de Pfizer, 32.200 da de Moderna e non recibe ningunha de AstraZeneca

A Xunta de Galicia recibiu, no día de hoxe, un total de 57.330 doses da vacina de Pfizer e32.200 da de Moderna. Da vacina de AstraZeneca non se recibiu ningunha dose. Esta semana, a Xunta de Galicia continuará coa vacinación das persoas de 80 e máis anos e de colectivos profesionais e persoas de profesións consideradas esenciais ata os 65 anos de idade. Continuarase, tamén, coa vacinación de grandes dependentes.

A Consellería de Sanidade lembra, así mesmo, que mañá martes, día 30 de marzo, en horario de mañá, volverá a ter lugar unha nova xuntanza do comité clínico que asesora ao Goberno galego nas medidas a levar a cabo para loitar contra a covid.

Nesta nova reunión do comité volveranse analizar os datos epidemiolóxicos do conxunto dos concellos galegos, así como os datos da presión asistencial nas distintas áreas sanitarias, para, en consecuencia, adoptar as medidas oportunas.

O Consorcio Contra Incendios dota aos parques da provincia dun novo camión para rescate e extinción en altura

O Parque do Servizo Contra Incendios do Porriño recibiu hoxe o novo vehículo pesado de rescate e de extinción en altura que se incorpora aos medios materiais do Consorcio provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia. Este novo camión, adquirido á empresa Incipresa cun investimento de 777.304 euros, terá a súa base no Parque de O Porriño aínda que a súa operatividade se estenderá ao resto dos parques do Consorcio radicados en Vilagarcía, Ribadumia, e Bueu.

O obxectivo da adquisición é mellorar o funcionamento e capacidade dos efectivos naquelas intervencións en altura que se presenten. Unha vez que o vehículo xa está no parque, iniciarase un proceso de 10 días de formación de todo o persoal, que permitirá acadar un elevado coñecemento do uso con seguridade do brazo. En canto ás características técnicas, trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con melloras nas súas características mínimas e condicións operativas. O camión consta de dous brazos articulados que permiten o xiro e traballar ata 5,5 m por debaixo da cota cero; permite a elevación de ata 2000 kg e dispón dunha carga mínima da cesta de gran capacidade, soportando ata 500kg. A cesta do vehículo está dotada de rociadores de auga,  sistema anticolisión e medición do vento automatizados para aumentar  a seguridade do traballo en entornos con fume ou inclemencias meteorolóxicas; dispón de iluminación, carrete de extinción de incendios e tomas de aire respirable aumentando o tempo de traballo e efectividade dos bombeiros. O camión conta cun monitor para lanzar auga/escuma electro-hidráulico con funcionamento por control remoto e caudal superior aos 2000 l/min, regulándose o alcance de xeito automático. Isto permite que incluso dende a base do camión, un só bombeiro actúe co monitor. Igualmente está dotado de postos de control con pantalla a cor e unidade de mando remoto de control por radio que permite actuar nun radio mínimo de 100m do vehículo.

O acondicionamento da estrada PO-331 en Gondomar reforza a seguridade e mellora o acceso ao polígono da Pasaxe

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que as obras de acondicionamento executadas na estrada PO-331 en Gondomar reforzan a seguridade viaria e melloran o acceso ao polígono industrial da Pasaxe, tras un investimento da Xunta de case 435.000 euros.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado das actuacións acometidas neste punto da estrada autonómica PO-331, en Gondomar. Explicou que estas intervencións se enmarcan na estratexia da Xunta para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías de titularidade autonómica.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade referiuse á satisfacción de ter cumprido o compromiso adquirido co Concello de Gondomar e cos empresarios desta área industrial, cos que se coordinaron as actuacións executadas.

O proxecto incluíu a actuación no treito industrial, onde se desenvolveu a maior parte das obras, pero tamén noutro tramo máis rural, que conforma os accesos a esta área.

Concretou que na zona do polígono, se mellorou a intersección entre a estrada PO-331 e a autoestrada AG-57 e se eliminaron os xiros á esquerda desde a calzada, coa construción dunha glorieta. Tamén se reordenou o estacionamento e executáronse beirarrúas.

A titular de Infraestruturas precisou que nos treitos máis rurais, de acceso ao polígono desde a PO-331, se acondicionou o firme, entre outras melloras.

Ademais, ao longo de todo o tramo regularizouse a sección, con anchos suficientes, espazo intermedio entre carrís e coa renovación da capa de rodadura e da sinalización.

Destacou que tamén se incrementou a visibilidade dos pasos peonís mediante a disposición da iluminación axeitada e evitando o aparcamento nas súas proximidades.

Fixo fincapé en que esta mellora integral favorecerá a circulación fluída dos vehículos, moitos deles pesados, que cada día se achegan ás empresas do polígono. Lembrou que esta estrada rexistra un tráfico elevado, entre 11.000 e máis de 15.000 vehículos ao día, segundo o treito.

Tarxeta ‘Xente Nova’

A esta mellora da rede viaria, a conselleira sumoulle a optimización dos servizos de transporte público. Avanzou que no mes de maio todos os menores de 21 anos de Gondomar  poderán viaxar de balde no transporte interurbano da Xunta coa tarxeta ‘Xente Nova’.

A Xunta estenderá en maio a todo o territorio da Comunidade as vantaxes que supón esta medida, que contribúe á economía das familias e facilita os desprazamentos dos máis novos, garantindo o acceso á educación, especialmente á non obrigatoria.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta culminou en decembro o Plan de Transporte Público de Galicia coa posta en marcha de novos contratos, que no caso de Gondomar, permitiron o aumento de conexións coa cidade de Vigo e a redución dos prezos dos billetes.

Tamén apuntou que o Goberno galego comezará a implantar a Área de Transporte de Galicia no segundo semestre do ano. Neste sentido, convidou aos concellos, como Gondomar, a adherirse á Área para que os veciños se beneficien dos descontos nos billetes que xa desfrutan nas áreas de transporte metropolitano. Detallou que a incorporación voluntaria do municipio á Área de Transporte suporá unha bonificación de 0,65 € no prezo de cada viaxe.

Inspectores de Sanidade visitan preto de 9.000 establecementos dentro da campaña de reforzo para a mellora do cumprimento de medidas da Covid-19

A campaña de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid, posta en marcha nos mes de febreiro pola Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa leva realizadas, ata o 21 de marzo, preto de 9.000 visitas a establecementos, entre eles, 3.727 de alimentación (hipermercados, supermercados e ultramarinos), 313 centros comerciais e prazas de abasto, 1.286 instalacións deportivas, e 3.459 establecementos de hostalería.

A campaña ten por obxectivo asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias  implantadas para facer fronte á crise sanitaria da covid, en especial control de aforos, distancias, uso de máscaras, etc, actuacións que se encadran dentro do paquete de medidas para tentar diminuír a incidencia do virus.

No que atinxe á semana que vai do 15 ao 21 de marzo, o persoal inspector de saúde pública -máis de 200 efectivos-, vén de comprobar, nas 1.146 visitas realizadas a establecementos de hostalería, de alimentación e instalacións deportivas, que o 21% deles estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello. Dos que se atopaban abertos (79%), o 51% das visitas de inspección foron favorables, o 37% presentaban deficiencias leves, e o 12% deron como consecuencia incumprimentos de maior importancia. Cómpre destacar que segue o bo grao de cumprimento das medidas covid nos sector da alimentación, xa que das visitas realizadas, o 59% deron como resultado que cumpren as medidas que lles son de aplicación, e no 18% atopáronse deficiencias menores.

No que atinxe á hostalería, na semana que vai do 15 ao 21, o 40% dos establecementos cumpría coas medidas sanitarias, mentres que nun 30% atopáronse deficiencias menores e nun 9% incumprimentos, permanecendo aínda pechados un 21% dos establecementos de hostelería visitados.

Nesta terceira semana de marzo, no total das visitas de inspección ao conxunto dos establecementos, o 40% dos incumprimentos son por non dispoñer de xel de mans ou este non estar debidamente rexistrado para o seu uso; seguido do apartado de aforos (20%). Na distribución dos incumprimentos desta terceira semana de marzo, obsérvase que a maior parte, o 75%, son no sector da restauración. 

Sinalar que, tendo en conta que o obxectivo da campaña é o de asesorar sobre a normativa sanitaria, as medidas que se tomaron foron, sobre todo, o establecemento de prazos para emendar as deficiencias ou incumprimentos.

A campaña de reforzo estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.

O Rosal pon en marcha un novo Consello Municipal para traballar a prol do medio ambiente

0

O Concello do Rosal continúa dando pasos para afianzar o seu compromiso co medio ambiente, coa preservación da contorna e coa natureza. Neste camiño acaba de constituírse o Consello Municipal de Medio Ambiente, un novo órgano consultivo integrado por persoas e representantes de asociacións relacionadas coa natureza e co medio ambiente que servirá como foro aglutinador de ideas, propostas, preguntas e respostas sobre as actuacións medioambientais que se están levando a cabo no concello, así como calquera outra cuestión relacionada con este eido. “Para nós é importante contar en todos os campos coa participación da veciñanza e do tecido asociativo, sempre tan participativo e unha das marcas de identidade do Rosal. E este novo consello municipal será unha ferramenta máis nese camiño que comezamos hai xa tempo cara un concello máis sustentable, realizando todos os cambios de forma estratéxica e planificada”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Na reunión de constitución deste novo consello, celebrada por videoconferencia, ademais da rexedora e dos concelleiros de Medio Ambiente e Participación Veciñal, Sara Vicente e Ramón Fernández Leal, participaron tamén César Blanco, enxeñeiro de montes e integrante do departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela; Isaac González, antigo presidente da comunidade de montes do Rosal; Patricia Muñoz, empresaria e activista medioambiental; Manuel Sobrino, autor do blog ‘El naturalista cojo’; Charo Tabales, concelleira de medio ambiente no anterior equipo de goberno e actual concelleira do PP; e Ignacio Ojea, que participou no Inventario de Recursos do Baixo Miño.. O consello tamén contará coa participación de Carlos Villanueva, concelleiro de Educación; Ignacio Rivas, activista medioambiental; e Miguel Sousa, da asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira.

Este encontro serviu para facer unha primeira toma de contacto entre as persoas participantes e para explicar as liñas xerais das accións inmediatas que está a desenvolver o Concello no eido medio ambiental, referíndose especialmente aos proxectos postos en marcha grazas á consecución de dúas subvencións de arredor de 78.000€ de fondos Feder Galicia 2014-2020 para o fomento da compostaxe entre a poboación e para a creación dun espazo de autorreparación a través do que concienciar á veciñanza para ir cada vez máis cara modelos de economía circular, coa reparación, reutilización e intercambio de materiais como eixo central para alongar a vida útil dos obxectos. Este espazo tamén servirá como centro de divulgación medio ambiental onde se acollerán charlas relacionada coa reciclaxe, a redución, a reutilización…, obradoiros e outro tipo de actividades relacionadas.

Dende o Consello propuxéronse tamén novas ideas a ter en conta, como a importancia que debe ter a relación entre medio ambiente e educación, a oportunidade de destacar todas as posibilidades que ten o Baixo Miño como espazo natural ou temas a estudar nun futuro inmediato como o cambio climático, a enerxía eólica e os espazos públicos. Tamén, entre outros temas, se abordaron cuestións relacionadas coas rutas polo monte, propostas como forma para coñecer O Rosal. Neste sentido o Concello xa está a traballar coas comunidades de montes para explorar a posibilidade de sinalar os sendeiros dos que dispón o municipio. Durante a reunión tamén se propuxo ter un plan de traballo no que abordar as problemáticas identificadas dende unha perspectiva práctica e facer partícipe á veciñanza para que transmita as carencias ou necesidades que detecta.

Este é xa o sexto consello municipal que pon en marcha o Concello do Rosal tras o de Desenvolvemento Local, Igualdade, Deporte, Cultura e Educación, cos que se busca crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.

Sae ileso un traballador tras precipitarse dentro dun pozo en Salvaterra de Miño

Un taballador foi rescatado ileso tras precipitarse ao interior dun pozo, esta mañá, no concello de Salvaterra de Miño.

O 112 Galicia tivo constancia do feito mediante a chamada dun particular que avisou da caída dunha persoa nun pozo de, aproximadamente, cinco metros de altura e que se atopaba agarrado por una corda. Nese momento, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Pouco despois, a Policía Local de Salvaterra confirmoulle ao 112 Galicia que o traballador xa estaba rescatado, sano e salvo. De todas formas, os servizos médicos atenderon, no punto, a un compañeiro do home por queimaduras producidas nas mans ao suxeitar a corda da que este colgaba.

O Concello de Nigrán insiste en pedir ante a Xunta a desafección da casa dos mestres de Camos ao acreditar que non ten uso residencial

0

O Concello de Nigrán reiterará oficialmente ante a Consellería de Educación a súa petición de desafección da vivenda dos mestres de Camos (en Balinfra, número 45) ao poder acreditar documentalmente que está deshabitada e en estado de abandono. O Concello de Nigrán si dispón desde 2010 das antigas escolas e desde 2017 dunha das dúas casas dos mestres (número 43, cedida ao CEE Juan María para programa de respiro familiar), restando só a desafección educativa desta segunda ao alegar sempre a Xunta que seguía a funcionar como vivenda de mestres.

“Está adxudicada a unha docente pero toda a parroquia sabe que, en realidade, non vive ninguén desde hai anos. É de xustiza que o Concello poida dispoñer dela para un uso social porque se atopa nun estado de abandono que prexudica ao propio inmoble”, xustifica o alcalde, quen reitera a súa vontade de rehabilitala para outorgalle este fin, tal e como fixo coa súa xemelga adosada.

O Concello de Nigrán está en disposición de acreditar documentalmente ante a Xunta que a casa está sen uso porque o seu consumo eléctrico permanece prácticamente inalterable, as persianas baixadas (agás unha traseira, sempre subida), a finca en estado de crecente abandono e o peche perimetral derrubado. “Non hai dúbida que desde hai moitos anos non ten uso residencial, pero tomamos a iniciativa de acreditalo documentalmente desde novembro de 2020 á actualidade para tratar de desbloquear esta situación que prexudica ao municipio e indigna á veciñanza”, defende o alcalde.

A edificación foi construída hai máis dun século para fogar dos mestres é consta dun volume de 339 metros cadrados dividido en dúas vivendas adosadas (unha delas, xa mencionada, a 43, está en uso desde 2017 tras obterse a desafección e cedela o Concello de Nigrán ao Centro de Educación Especial Juan María). Cada una destas dúas casas conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados. Igualmente, a escola infantil á que estaba vinculada xa non cumple tal función, por esta razón o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafección do seu uso docente, sendo concedido o 15 de marzo de 2015 e permitindo así que as escolas sirvan para albergar á asociación cultural VaiMillor ou ao grupo de pandereteiras da Asociación Cultural A Camoesa.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa en desuso para poder destinala a casos de emerxencia ou calquera outro fin social”, reitera o rexedor, quen incide en que, precisamente, o único ‘parche’ do recinto de Balinfra é esta casa abandonada. “Gustaríanos poder rehabilitala e integrala nos diferentes usos que se dan actualmente en Balinfra porque xa comprobamos que uns e outros se benefician da presencia mútua e comparten actividades”, finaliza González.

As Neves adxudica a Vodafone un contrato de telefonía máis ventaxoso para o concello

0

O novo contrato do servizo, por 12 meses, supón un importante aforro económico e unha mellora nas prestacións. Este cambio vén motivado pola análise dos actuais servizos contratados (liñas, consumos, terminais, coberturas, etc.) tanto de telefonía móbil como de fixa, realizado nos últimos meses por Óscar González, concelleiro de Servizos e responsable da área de innovación tecnolóxica.

A nova proposta inclúe liñas de telefonía para móbiles, instalacións de tratamento de auga e depuración e telefonía fixa. Tamén conexións mediante fibra, ADSL e router 4G en diferentes edificios municipais. Tódolos servizos estarán interconectados e o teletraballo será máis seguro e eficaz.

Na parte económica, o contrato ten un importe anual de 15.048 euros, considerablemente inferior ao actual de Movistar, que supera os 22.000 euros.

O proceso de cambio de compañía implica que o Concello debe soportar unha penalización con Movistar. Acordouse que o 60% desta penalización sexa sufragada por Vodafone e o 40% polo Concello, arredor de 3.000 euros. Aínda con isto, no primeiro ano o aforro será duns 4.000 euros e nos seguintes anos, coas mesmas condicións de 7.000 euros. Este aforro económico servirá para seguir mellorando os equipos e ferramentas tecnolóxicas para unha atención a veciñanza aínda máis eficaz.

Hoxe rexístranse 2.327 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.327, deles 847 son da área da Coruña, 175 da de Lugo, 127 da de Ourense, 217 da de Pontevedra, 574 da área de Vigo, 248 da de Santiago e 139 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 27 están en UCI, 179 en unidades de hospitalización e 2.121 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 112.108 persoas curadas, rexistrándose 2.334 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.841.195.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 447.787.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O club Bádminto Tui volve á competición

0

Despois dun tempo sen poder participar en competicións debido á crise sanitaria. O club Bádminton de Tui participou esta pasada fin de semana nunha cita dobre.

Despois de dúas longas xornadas, unha o sábado en Vigo e a outra o domingo en Ponteareas, o equipo de Tui está contentos, debido a que puideron volver gozar da competición e do deporte.

A xornada do sábado, foi no TTR Sub 13-Sub17 de Vigo organizado polo CER Vigo, no que a pesar de non lograr subir ao podium, aínda que estiveron preto, quedan co bo xogo desenvolvido polos xogadores.

O domingo, desprazáronse a Ponteareas onde participaron no TTR Sub 11 e Abs, do que se regresaron con moi bos resultados, destacando moi especialmente aos deportistas máis pequenos, os sub 11.

Neste torneo estes foron os resultados:

Categoría Absoluta

  • Bronce para Fabi Barreiro e Jessica Santos en Dobres Mixtos
  • Cuarto posto para Daniela Sanz e Patricia Quevedo (CER Vigo)

Categoría Sub11

  • ? Oro para Martín Gándara e Xoél Álvarez (As Neves) en Dobre masculino
  • ? Prata para Iago Díaz-Fierros e Mikel Martínez en Dobre masculino
  • ? Prata para Mariña García e Alexia Pérez en Dobre femenino
  • ? Bronce para Mariña García e Mikel Martínez en Dobre mixto
  • ? Bronce para Martín Gándara e Alexia Pérez en Dobre mixto
  • ? Bronce para Martín Gándara en individual masculino
  • ? Bronce para Mariña García individual feminino
  • ? Bronce para Alexia Pérez individual feminino
Imaxe do grupo do domingo