A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co ciclista mosense, Óscar Pereiro, único galego gañador dun Tour de Francia, técnicos do equipo de La Vuelta Ciclista a España, representantes da Comunidade de Montes de Herville e da Policía Local de Mos, o concelleiro da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, e o novo concelleiro de Deportes do Concello de Mos, José Areal, visitaron o alto de Herville para supervisar o enclave no que se instalará a meta da etapa 20 de La Vuelta 21 o vindeiro 4 de setembro.
Comezan así os preparativos previos a este gran día do ciclismo mosense que ven precedido da saída doutra etapa de La Vuelta o ano pasado desde o Pazo de Mos. Esta nova cita de La Vuelta en Mos convirte ao municipio nunha localidade referente para o mundo do ciclismo e marca un fito histórico para o Concello de Mos.
Durante a visita técnica do equipo de La Vuelta 21 ao alto de Herville, Óscar Pereiro declarábase “orgulloso porque esta é a primeira vez que podo deseñar unha etapa ao 100%, ademáis na miña terra, nas estradas nas que adestrei tantos e tantos quilómetros. E é unha etapa diferente, xa que La Vuelta Ciclista a España non está acostumada a rematar nunha etapa como a que imos ver aquí e que será unha etapa rompe pernas, unha etapa durísima”.
Unha etapa na que Pereiro aposta na meta por un corredor “do perfil de Alejandro Valverde, que ten que subir moi ben, ser rápido, ser clasicómano, aguantar a distancia xa que é unha etapa con moita montaña na que prácticamente os ciclistas non teñen metros de recuperación. Tamén pode ser un corredor tipo Alaphilippe, Primož Roglič, ou Tadej Pogačar. Aquí vai gañar un corredor importante”.
Etapa 20, penúltima etapa de La Vuelta
E é que a etapa 20, Sanxenxo-Mos (173.6 km), está íntegramente deseñada por el e constituirá unha emboscada, un verdadeiro reto para os ciclistas, e un auténtico espectáculo para o público.
O alto de Herville, no que se atopa o Castro de Herville, na parroquia de Cela, será o lugar no que reamatará a penúltima etapa da edición deste ano de La Vuelta 21 Ciclista a España. O seu deseñador, artífice e autor, Óscar Pereiro, explica que a etapa 20, Sanxenxo – Mos, Castro de Herville (Cela) “percorrerá 7 das 10 parroquias mosenses (cun tramo de 2 km ao 11,8% de desnivel) é trátase dunha etapa que deseñei con moito cariño e dándolle moitas voltas á cabeza para que fose especialmente bonita”.
Oscar Pereiro ‘firma’, deste xeito, o deseño do seu primeiro percorrido completo de La Vuelta, xa que o ano pasado interviu no deseño da etapa que partiu de Mos pero sen asumir a autoría da etapa completa.
É moi importante, atopándonos en tempos de crise sanitaria da COVID-19, o aspecto do sinxelo acceso á etapa para os afeccionados que poderían fácilmente mirar a carreira a pé de estrada en tres puntos na mesma etapa.
Esta penúltima etapa de La Vuelta terá lugar o vindeiro 4 de setembro e nela decidirase o campión de La Vuelta Ciclista a España a falla da contra reloxo en Santiago. Será unha etapa de 173,6 km con subidas e baixadas constantes e cinco portos curtos pero duros entre a Serra da Groba e a do Galiñeiro. Todos os ascensos coñecidos polos cicloturistas da zona e descoñecidos para a gran competición. Terá un final en alto e nos últimos 50 km non contará con nin un só quilómetro en chan, será un continuo subir e baixar.
O mosense Embaixador de La Vuelta salienta “a continuidade dos 5 portos, sen prácticamente terreo chan entre eles e máis de 3.000 metros de desnivel en 90 km; e o percorrido por estradas interiores”. “A maioría dos ascensos son subidas estreitas con pendentes duras. Unha emboscada. Unha etapa deseñada para facer dano os últimos 40 ou 50 km”, comenta, sobre a que foi unha ruta habitual de adestramento nos seus tempos de ciclista profesional. “A base de facer 400.000 km na miña vida por esas estradas e pasar 50.000 veces por ahí coñecín en profundidade esta zona pola que é difícil que alguén pase, se non o fai en bicicleta”.
Óscar Pereiro trouxo o pasado novembro ao director de La Vuelta, Javier Guillén, a ver o percorrido e o propio Óscar declara que quedou, literalmente “flipado”. O de Mos asegura que Guillén non será o único e “o trazado sorprenderá, especialmente as dúas subidas finais porque hai que coñecelas”.
Será a última etapa competitiva en liña da edición deste ano, sendo Concello protagonista da emblemática competición ciclista por segunda vez consecutiva. A última batalla corpo a corpo de La Vuelta 21 rematará en Mos, sendo a chegada mosense a penúltima etapa da competición, pero a última etapa competitiva en liña, polo que o vencedor decidirase en Mos case con total seguridade.
Pola súa banda a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destaca que “desde o Concello de Mos lle estamos inmensamente agradecidos a Óscar Pereiro por ser o primeiro e principal valedor do noso pobo, de Mos, nesta hazaña deportiva que volve a situar a Mos no mapa e a convertilo xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo”. E declarouse “satisfeita e enormemente orgullosa de que La Vuelta volte a elixir a Mos dentro do seu percorrido e ademáis por segundo ano consecutivo. Facendo a Mos protagonista en dúas edicións consecutivas de La Vuelta, saída de etapa o ano pasado e chegada da penúltima etapa este ano”.
Arévalo agradécelle enormemente a Pereiro “que apostase por Mos e deseñase unha etapa que demostra o profundo cariño e un gran coñecemento do seu pobo”.