Os servizos de emerxencia que traballan na extinción dun incendio que está a afectar a unha nave de tratamento de bacallau en Ponteareas teñen o lume controlado, segundo informaron ao 112 Galicia os bombeiros de Ponteareas desprazados ata a zona do sinistro. O lume afectou a boa parte das instalacións aínda que, por fortuna, non se rexistraron danos persoais.
Ao redor das 14:00 horas o 112 Galicia recibía chamadas de particulares que alertaban dun incendio nunha nave industrial situada no punto quilométrico 17 da PO-402, concretamente na parroquia de Cumiar.
Os bombeiros ponteareáns constataron que o lume afectaba ao primeiro andar da nave existindo tamén múltiples focos na segunda planta. Nestes intres a situación está controlada e os efectivos centran as súas forzas na completa extinción das lapas.
Amais dos bombeiros de Ponteareas, do Baixo Miño, de Vigo e do Morrazo, participaron nas tarefas de acordoamento da zona axentes da Policía Local e da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Ponteareas, da Mancomunidade de Oitavén-Tea e do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia alertouse como medida preventiva a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.