As feiras que habitualmente celebrábanse en Redondela os días 6 e 21 de cada mes, cambiarán a súa data –cando esta coincida en día laborable– para celebrarse no domingo máis próximo. O cambio adoptado polo Goberno local permite pechar ao tráfico rodado a Avenida Mendiño; instalar o 100 % dos postos, mantendo entre eles a distancia de seguridade marcada polas autoridades sanitarias e, ao mesmo tempo, facilitar o distanciamento entre as compradoras e compradores.
A nova medida foi explicada esta semana ao colectivo de vendedores e vendedoras polo concelleiro de Feiras e Mercados, Vicente Lamas, e entrará en vigor de inmediato de tal xeito que a feira que tería que celebrarse o vindeiro martes, 6 de abril, adiántase ao domingo día 4 de abril.
Non se pode esquecer que a Avenida Mendiño é unha vía que rexistra unha alta densidade de tráfico rodado ao ser o acceso natural aos institutos e centros escolares, pavillón de deportes, conservatorio, piscina municipal e centro de saúde. Por ese motivo, explica a alcaldesa Digna Rivas, “o seu peche en día laborable é impensable e de manter as feiras nos seus días habituais, obrigaría a reducir o número de postos para poder cumprir as normas sanitarias establecidas”.
En todo caso, e pese ao peche ao tráfico rodado da Avenida Mendiño durante a feira, quedará habilitado un corredor que, en caso de necesidade, permita o paso de ambulancias ao centro de saúde ou aos servizos de emerxencia.
A alcaldesa de Redondela subliñou a necesidade deste cambio “para poder desenvolver unhas feiras que constitúen un elemento dinamizador da economía local e, ao mesmo tempo, non baixar a garda nas medidas de prevención sanitaria”.
Segundo a nova medida, as feiras ata o mes de decembro, desenvolveranse nas datas que figuran no seguinte cadro:
Meses | Día de celebración |
Abril | Domingo 4 de abril |
Abril | Domingo 25 de abril |
Maio | Domingo 9 de maio |
Maio | Domingo día 23 de maio |
Xuño | Domingo día 6 de xuño |
Xuño | Domingo día 20 de xuño |
Xullo | Domingo día 14 de xullo |
Xullo | Domingo día 25 de xullo |
Agosto | Domingo día 8 de agosto |
Agosto | Domingo día 22 de agosto |
Setembro | Domingo día 5 de setembro |
Setembro | Domingo día 19 de setembro |
Outubro | Domingo día 3 de outubro |
Outubro | Domingo día 24 de outubro |
Novembro | Domingo día 7 de novembro |
Novembro | Domingo día 21 de novembro |
Decembro | Luns día 6 de decembro |
Decembro | Domingo día 19 de decembro |
Estas datas serán mantidas sempre que o concello de Redondela non rexistre un nivel alto de risco sanitario e non se atope en situación de peche perimetral.