18.7 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Rede Europea 'Polis' cualifica o proxecto Ágora da Deputación como unha...

    A Rede Europea ‘Polis’ cualifica o proxecto Ágora da Deputación como unha “boa práctica inspiradora”

    'Polis' convida á Deputación a expoñer o seu proxecto ante cidades e rexións da UE

    ‘Polis’, a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, vén de cualificar o proxecto Ágora para recuperar espazo público na provincia de Pontevedra como “unha boa práctica inspiradora” e convidou á Deputación a expoñer o seu proxecto ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea. Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, participou como relator nunha comisión telemática de traballo sobre seguranza viaria -na que tamén amosaron o seu modelo representantes de Flandes- e asistiron delgados das urbes de Oslo, Londres ou Jerusalén, entre outras.

    Segundo explicou o xerente senior de Políticas e Proxectos e coordinador Gobernanza e Integración e tamén de Seguridade de ‘Polis’, Pedro Homem de Gouveia, “a experiencia de Pontevedra é moi inspiradora e aínda é máis inspirador saber que a Deputación busca difundir estas boas prácticas pola provincia a través da rede Ágora”. “Co voso traballo na área de seguridade viaria, Pontevedra é un magnífico exemplo cara ao resto das cidades europeas e axudaraas”, subliñou.

    Homem de Gouveia indicou que “na nosa opinión, o que está a suceder en Europa é o seguinte: se analizásemos os problemas de seguridade viaria como un virus, dariamonos conta de que a vacina xa está inventada e que o reto non é inventar outros remedios, senón distribuír a vacina e convencer ás persoas que non cren nela”. Poñendo como modelo innovador á provincia de Pontevedra destacou que “difundir boas prácticas non é sinxelo. É necesario amosar bos exemplos, si, pero é necesario que os responsables asuman que hai un problema, descubran que hai solucións ao seu alcance, aprendan a aplicar estas solucións e se animen a facer todo isto a través do recoñecemento público”, subliñou ante a presentación de Benitez.

    Plan Ágora

    O deputado de Mobilidade, pola súa parte, explicou que o proxecto Ágora é rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 “de forma concreta e plasmable en números” coa seguranza viaria como un dos seus eixos.

    Explicou que existe un decálogo Ágora baseado nos seguintes principios: O espazo público é un dereito da cidadanía; debe haber un cambio de prioridade e poñer ás persoas primeiro; é preciso apostar pola mobilidade inclusiva; pola mobilidade sustentable e a acción contra o clima; polas mobilidades alternativas; polo hábitat saudable; pola autonomía infantil; pola actividade económica de proximidade; e por espazos amables e de calidade.

    En canto aos espazos seguros, Benítez destacou que a seguranza viaria debe ser unha prioridade incentivando políticas de calmado de tráfico. Concretou mencionando a importancia da colocación de pasos peonís sobreelevados e reductores físicos de velocidade, potenciando que todos os viarios municipais en contornas de núcleos urbanos ou rurais teñan velocidades máximas de 30 qm/h e que nos espazos públicos de preferencia peonil os vehículos autorizados teñan unha velocidade máxima de 10 qm/h.

    Política europea de mobilidade

    Ademais da participación na xornada sobre modelos innovadores sobre seguranza viaria no espazo público do proxecto Ágora, e segundo confirmou De Gouveira, a rede ‘Polis’ pretende colaborar coa Deputación e incorporar a súa filosofía nos seus traballos sobre política Europea no ámbito da Seguridade Viaria.

    De feito, ‘Polis’ contribúe ás iniciativas lexislativas e políticas da UE no campo do transporte e da mobilidade que poden ter un impacto a nivel local e rexional, desenvolve documentos de posición e discusión sobre temas de actualidade, presenta emendas aos documentos lexislativos e perspectivas financeiras da UE e organiza eventos de alto nivel con sede en Bruxelas sobre os principais retos políticos relacionados coa mobilidade urbana.

    A rede europea tamén é membro do Consello Consultivo Europeo de Investigación en Transporte por Estrada (ERTRAC) e lidera o Grupo de Traballo de Mobilidade Urbana da plataforma, que asesora á Comisión Europea sobre temas de mobilidade urbana que deberían ser priorizados para o financiamento da UE nos programas marco de investigación e innovación. Nestes momentos forman parte de ‘Polis’ cidades como Amsterdam, Berlín, Barcelona, Bolonia, Bilbao, Bruxas, Bruselas, Budapest, Eindhoven, Jerusaleb, Lille, Kisboa, Manchester, Moscú, París, Perugia, Ravenna, Roma, Rotterdam, Toulouse, Estocolmo, Tallinn, Sophía, Southampton ou provincias como Noord Brabant, Noord Holland, Utrech, Vlaam Brabant, South Hollando u rexións como Sturgar ou Twente, entre outras.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.