Para seguir a sortear as barreiras invisibles ás que teñen que enfrontarse as mulleres que queren dedicarse á música, a Deputación de Pontevedra pon en marcha a través da Plataforma “Descúbre-as” o programa de mentoría para o que serán seleccionadas oito mozas da provincia que cumpran cos requisitos reflectidos nas bases que xa foron publicadas no BOPPO. As aspirantes a conseguir un destes postos deberán ter entre 16 e 26 anos e inquietudes musicais, xa que poderán adquirir coñecementos da man de profesionais da industria para a proxección das súas carreiras.
As rapazas seleccionadas participarán nun proceso de mentoría titorizado por persoal especializado de Descúbre-as que terá unha duración aproximada de dous meses. O programa conta con bolsas, dun valor estimado de mil euros cada unha, coas que as mozas terán acceso a un itinerario individualizado no que se lles realizará un seguimento pormenorizado. Este percorrido culminará coa gravación dunha canción propia en estudio así como coa gravación e realización dun vídeo-clip. As rapazas interesadas poden xa tramitar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Deputación.
Descúbre-as é o programa da Deputación de Pontevedra que ten como obxectivo visibilizar a todas as mulleres da industria musical. Representantes, produtoras ou artistas son algunhas das profesionais que forman parte de deste proxecto musical, didáctico, social e de igualdade, pioneiro en todo o estado. Con “Descúbre-as” o ente provincial incide na participación e promoción das mulleres na escena musical en colaboración con profesionais do sector, escolas e produtoras.