17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSanidade lembra a importancia da detección precoz no Día Mundial contra o...

    Sanidade lembra a importancia da detección precoz no Día Mundial contra o Cancro de Colon

    Con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Colon, que se celebra hoxe, a Consellería de Sanidade quere lembrar a importancia da detección precoz desta enfermidade, e fai un chamamento a poboación para que participe nos cribados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal. A iniciativa diríxese a homes e mulleres de 50 a 69 anos e o obxectivo é detectar precozmente esta enfermidade.

    Historia do Programa

    O programa comezou a funcionar no ano 2013 e participaron nel un total de 449.672 persoas. Durante este tempo e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 1.046.823 invitacións e participaron no programa o 44,39% das persoas invitadas, sete puntos superior en mulleres (47,7%), que en homes (40,8%). Ao analizar a participación, pódese observar que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo nun 91,6%.

    Dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019, realizáronse colonoscopias a un total de 26.647 persoas. Grazas a estas probar puidéronse identificar 1.436  cancros invasivos, dos que o 67% estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor (49% en estadio I e 18% en estadio II). Se comparamos estes resultados cos do cancro de colon detectados fora do cribado de Sanidade, tan só o 14% son diagnosticados en estadio I. Ademais dos cancros tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de risco alto, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.

    Cómpre subliñar que a Consellería de Sanidade completou a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro de colon en 2019, cinco anos antes do que establece a Carteira básica común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).  Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar os chamamentos do cribado dende marzo do ano pasado, o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes en canto se recuperou a actividade no mes de maio.

    Funcionamento do programa

    A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.

    Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta co resultado e se lles invitará no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria. Alí explicaráselles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.

    A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -se procede- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica. O programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.

    Tumor máis frecuente na poboación

    O cancro colorrectal é o tumor maligno máis frecuente na poboación. Nas mulleres é o segundo en incidencia por detrás do de mama; e nos homes é o terceiro tras o cancro de pulmón e o de próstata. En relación á mortalidade, é a segunda causa de morte por cancro e a quinta causa de mortalidade en Galicia.

    Este tipo de cancro non produce síntomas ata que xa está moi avanzado, polo que a maior parte diagnostícanse en estadios avanzados, o que afecta á supervivencia dos pacientes xa que, aos cinco anos do diagnóstico, é do 75-90% se o cancro é detectado en fases iniciais (fase I-II) e de tan só do 15% cando é detectado en fases máis avanzadas (fase IV). A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.