Mércores, 11 Decembro de 2024

Gondomar entrega 100.000 euros en axudas directas aos sectores da hostalería, autotaxi e pequenas empresas

Os interesados poderán presentar a súa solicitude a partir de hoxe e nun período de 30 días naturais a través do Rexistro Xeral do concello, formalizando a petición da axuda a través dos modelos normalizados nos anexos I e IV incorporados as bases (que poden descargarse na páxina www.concellodegondomar.gal ou na Sede electrónica). Poderán acceder a elas as empresas do sector da hostalaría que pechase ou vise truncada a súa actividade temporalmente nos negocios establecidos en Gondomar; os taxistas con licenza municipal e domicilio fiscal do vehículo no municipio e aquelas pequenas empresas (menos de 20 empregados) e autónomos cuxa actividade tamén se vise truncada pola pandemia.

En total o goberno de Paco Ferreira poñerá a súa disposición 100.000 euros procedentes da modificación orzamentaria en modalidade de crédito extraordinario financiado con remanente de Tesourería. A súa concesión será en forma de axudas directas: 1000 euros a restaurantes e salóns de banquetes de ata 250 m2 e de 1.200 euros no caso de que a superficie sexa superior. Cafeterías e bares, que cumpran os criterios recollidos nas bases, subvencionaranse con 1000 euros, cantidade que será de 100 euros no caso dos taxistas e de 300 para os autónomos ou empresas pertencentes ao comercio menor.

Tras máis dun ano de pandemia e continuos peches obrigados polas restricións sanitarias no control do avance da covid19 son moitos os negocios que se viron afectados e “desde o noso goberno non nos quedamos nin quedaremos cos brazos cruzados ante as necesidades da nosa veciñanza, e por iso seguiremos promovendo iniciativas e axudas que permitan a súa recuperación para facer fronte á crise socioeconómica á que nos enfrontaremos unha vez superemos a sanitaria”, afirma Paco Ferreira.

O rexedor lembra “que non é unha competencia propia ou delegada dos concellos este tipo de subvencións, pero ante a falta de resposta máis directa e eficaz por parte doutras administracións non podemos abandonar aos nosos hosteleiros e comecirantes. Ademais -lembra- nestes casos todos debemos remar na mesma dirección”.

Confía en que a concesión destas axudas sirvan para dar un respiro á economía local destacando que hai que ir máis aló da dinamización e a creación de maior número de empresas, e aposta por traballar desde o deseño de mecanismos necesarios para que sobrevivan as que xa están en marcha “vitais para a recuperación do emprego, polo que todas as iniciativas que apunten nesta dirección deben ser unha prioridade para nós como goberno”, conclúe Paco Ferreira.