O Concello das Neves que preside Xosé Manuel Rodríguez Méndez vén de adiantar que este ano, a ‘Feira do Requeixo e do Mel’, festa de referencia do municipio, “non será presencial”. Ainda que os datos da evolución da pandemia sinalan una satisfactoria evolución no concello, no que non hai casos activos dende hai máis dun mes, o Goberno municipal tomou a decisión de non colocar os tradicionais postos na Praza Maior e apostar por unha edición ‘on line’, que terá máis duración no tempo.
Deste xeito, dase inicio a unha serie de accións e actividades arredor do requeixo que se desenvolverán durante o 2021, así ao longo do mes de abril realizarase un ‘Concurso virtual’ de receitas do Requeixo das Neves para Bloggers de España e norte de Portugal.
O concurso presentarase o venres de Semana Santa, que é o día habitual da Feira e estará aberto á participación ata final de mes. O xurado estará composto por catro persoas do ámbito profesional da gastronomía.
Para a promoción da Feira, e a festa do requeixo e o mel e das Neves , realizaranse vídeos con sete chefs galegos: Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da leña; Marco Varela, de Casal de Arman; Miguel Mosteiro de Gastrolab; Ángel Martínez e Víctor Otero de A Xanela Gastronómica; Óscar Vidal de O Pazo; Adrián Albino de Niño Corvo e Begoña Vázquez de O Souto das Candeas.
Entre outras cousas, tamén ao longo deste ano dende o Concello se promoverá a creación dun book fotográfico de requeixo no que participarán chefs que formaron parte das actividades da Feira do Requeixo e Mel nos últimos anos (pregóns, showcookings, etc.).