Despois de toda unha noite de traballo, os medios de extinción, desprazados ata o incendio da nave de peixe en Ponteareas, conseguiron sufocar a totalidade do lume.
Foi arredor das dúas da tarde de onte, cando o 112 Galicia comezou a recibir chamadas de varios particulares que alertaban de que estaba a arder unha nave de tratamento de peixe. Moitas outras persoas, tamén daban o aviso desde a estrada PO-402 e mesmo desde a autovía A-52, ao ver unha gran fumareda negra cara a zona do Calvario, na parroquia de Cumiar, en Ponteareas.
Desde ese momento, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos Bombeiros de Ponteareas, do Baixo Miño, de Vigo e do Morrazo, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Ponteareas, da Mancomunidade Oitavén-Tea e de Mos. Todos os medios traballaron ao longo da noite para acabar de sufocar un lume que, pese a estar controlado a media tarde e non ter risco de propagación, contaba con varios focos na totalidade da fábrica.
A primeiras horas da madrugada, os Bombeiros do Baixo Miño e do Morrazo confirmaron ao 112 Galicia que o incendio non chegou a consumir a totalidade da nave, en Ponteareas, pero sí que se viron afectadas varias oficinas, maquinaria e diverso material do centro. Con todo, grazas á pronta intervención dos medios, a fábrica non colapsou por completo, ao quedar aínda operativas varias zonas de procesado do peixe.