Ponteareas, Tui e O Porriño recibiron esta mañá en Sanxenxo, un premio de 2.000 euros, ao estar entre os 9 concellos que participaban na campaña Únete ao reto, e que incrementaron en máis dun 10 % as súas achegas de latas, bricks e envases de plástico. Esta era a segunda vez que a Xunta de Galicia e Ecoembes puñan en marcha esta campaña coa finalidade de mellorar a reciclaxe no contedor amarelo e sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de continuar separando correctamente o lixo que xeran nos seus fogares.
Ao igual que na primeira edición, celebrada en 2018, un total de 15 concellos asumiron o reto de mellorar as súas achegas de latas, briks e envases de plástico nun 10 %, como mínimo, en comparación co mesmo período do ano pasado. Así, entre o 1 de febreiro e o 30 de abril, cada un dos municipios participantes contou cun amplo programa de accións a pé de rúa, ademais dunha campaña de comunicación en medios, publicidade exterior e redes sociais co fin de axudarlles a activar e concienciar á súa veciñanza.
Cómpre subliñar que en 2020, debido ao confinamento domiciliario decretado por mor da covid, rexistrouse un incremento xeneralizado das achegas ao contedor amarelo –estimada en máis dun 25 % o que supuxo unha complicación engadida para os concellos adheridos a Únete ao reto, xa que partían de cifras de reciclaxe moi altas e, por tanto, difíciles de bater.
En total, 9 dos 15 municipios participantes este ano –concretamente, Arteixo, Lalín, Ourense, Ponteareas, O Porriño, Ribeira, Sanxenxo, Tui e Viveiro lograron superar en máis dun 10 % as súas cifras de recollida de envases lixeiros en 2020, polo que recibirán un premio de 2.000 euros cada un, que poderán destinar a unha causa social da súa elección.
Rosa Covelo, segunda pola dereita, cos representantes dos outros 8 concellos que superaron o reto proposto pola Xunta de Galicia e Ecoembes
Quince kilos de envases lixeiros por cada galego ou galega
Cada galego reciclou o ano pasado ao redor de 15 kg de envases lixeiros (plásticos, latas e briks) no contedor amarelo. Así o avanzou esta mañá en Sanxenxo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de entrega dos recoñecementos da campaña. A falta dos datos definitivos de 2020, indicou que se prevé un incremento de aproximadamente un 13 % nas taxas de reciclaxe deste tipo de residuos.
Durante a entrega de premios da campaña Únete ao reto, a responsable autonómica puxo estas cifras como exemplo da boa evolución que ten experimentado na Comunidade a recollida selectiva ao longo dos últimos anos. “Galicia recicla cada vez máis e mellor”, subliñou a conselleira, salientando o compromiso e o esforzo demostrados pola cidadanía co medio ambiente a través de xestos cotiás como a separación dos residuos domésticos.
Neste sentido, lembrou que a evolución positiva das taxas de reciclaxe na Comunidade tamén se percibe no caso do contedor azul, cunha media estimada de 15 kg de papel e cartón depositados por cada galego durante o ano pasado.
En total e á espera de que Ecoembes presente os datos oficiais de recollida selectiva en 2020 no conxunto de España, Ángeles Vázquez indicou que todo apunta a que Galicia manterá á tendencia de incremento da reciclaxe dos últimos cinco anos, cunha estimación total de 70.000 toneladas recollidas o ano pasado a través dos contedores amarelo e azul.
Así mesmo, tamén subliñou o importante papel que xogan as entidades locais a este respecto, colaborando na concienciación da veciñanza e na mellora das taxas de reciclaxe a nivel local a través da participación en campañas como Únete ao reto, impulsada pola súa Consellería co apoio de Ecoembes. Un compromiso municipal que, de feito, quixo poñer en valor en vésperas do Día mundial da reciclaxe, que se celebrará o vindeiro 17 de maio.
A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asistiu hoxe á clausura do curso de ‘Auxiliar de operacións básicas de restaurante-bar’ para persoas con discapacidade intelectual, unha iniciativa promovida por ‘Aceesca’ e que se desenvolveu nas instalacións de ‘Porremeprego’.
Xunto a Angeles Leirós, xerente de Aceesca e a alcaldesa do Porriño, o acto de clausura tamén contou coa presenza de David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego.
Hai tempo o Concello porriñes cedera a Aceesca o uso temporal da aula de restauración existente no Multiusos Municipal de Torneiros para que, dese xeito, se puidese levar a cabo a formación práctica de alumnado do centro de educación especial. A formación foi de 250 horas –dende febreiro ata hoxe– e participaron cinco persoas.
A alcaldesa trasladou a súa enhoraboa aos aprendices que superaron este curso e que a partir de agora realizarán prácticas en catro establecementos de hostalería da contorna, durante 150 horas máis, para completar a súa formación.
Cernadela, Meirol, Toutón, Vilasobroso e Gargamala. O Goberno municipal de Mondariz, segundo denuncia Alternativa por Mondriz (AporM), prevé pechar estes cinco puntos verdes que entraron en servizo no pasado mandato (2015-2019). Ata agora cada parroquia dispuña dun punto verde no que a veciñanza podía deixar os restos de podas para, posteriormente, recoller estruturante para utilizar nos seus propios composteiros individuais.
Agora, segundo afirma o portavoz municipal de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín ‘Calis’ o Goberno local “pretende centralizar na Escola de Música do Pé do Muíño (Riofrío-Vilar) a recollida e trituración destes restos vexetais, o que supón alonxar o servizo das persoas usuarias”.
O exalcalde lembra que, para este proceso, o Concello dispón dunha trituradora que daba servizo a estes puntos verdes e que era utilizada tamén para triturar a poda propia do Concello. O obxectivo do anterior goberno, era utilizar e aproveitar todos os restos de poda “para devolverlle materia orgánica ao chan, evitar queimas, e contribuír a facilitar o proceso de compostaxe da veciñanza” e engade Calis que, “para o bo funcionamento do servizo de puntos verdes, o anterior Goberno local reforzou o servizo coa adquisición dun camión novo dotado de guindastre”.
AporM levará unha iniciativa ao próximo pleno da Corporación para frear a iniciativa do alcalde e volver a utilizar os puntos verdes “xa que canto máis cerca estean dos núcleos de poboación, máis se incentiva a reciclaxe e a recuperación dos residuos”, destaca Calis.
O portavoz municipalista tamén proporá que o Concello “poña a disposición da veciñanza a trituradora da que é titular cando non estea sendo utilizada polo persoal municipal”. “Cantas máis facilidades deamos aos veciños, máis colaboración haberá e máis residuos se reutilizarán, evitando así o traslado de residuos orgánicos a Sogama e axudando a dar unha nova vida aos restos de podas”, conclúe Calis.
Esta mañá celebrouse no Concello de Mos a recepción á bailarina mosense, Patricia Martínez. Patricia é 17 veces Campioa de España de Baile Deportivo e a fin de semana do 20 e o 21 de marzo erixiuse Campioa de España Profesional Standard e Latinos 2020.
Asistiron ao acto de recepción, Patricia Martínez e a súa parella de baile, Jacopo Casotto, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, José Areal, concelleiro de Deportes do Concello de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, Turismo, Política Social e de Igualdade e demais membros do goberno local e da Corporación Municipal mosense.
Patricia Martínez e a súa parella de baile, Jacopo Casotto, conseguiron a fin de semana do 20 e o 21 de marzo en La Nucía, Benidorm, un novo título de CAMPIÓNS DE ESPAÑA PROFESIONAL STANDARD E LATINOS 2020.
Con estes dous, Patricia suma xa 17 títulos de Campioa de España de Baile Deportivo: 14 en categoría Amateur e os 3 últimos en categoría Profesional.
No Campionato de España Profesional 2020 acadou o ouro tanto na modalidade de STANDARD como na de LATINOS.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que recomenda revisar as viñas para loitar contra o mildio aínda que se poida supor que se atopen protexidas por unha intervención anterior. Ademais, o persoal técnico da Estación lembra que se deben renovar os tratamentos se se detecta a aparición de síntomas recentes. Dende a Estación lembran que a sega da vexetación e a eliminación dos brotes chupóns próximos ao solo son medidas culturais que axudan ao control deste e outros fungos.
Doutra banda, aconsellan iniciar os tratamentos fronte ao oídio, se estes non se teñen levado xa a cabo. Neste senso, recordan que non é recomendable mesturar funxicidas no mesmo tratamento e, de facerse, estes deben ser da mesma casa comercial. Ao igual que o mildio, o black rot tamén está a avanzar nas viñas, polo que recomenda que en caso de detectarse esta enfermidade se empreguen nos tratamentos fronte a mildio ou oídio funxicidas que tamén teñan eficacia fronte a este fungo.
Recoméndase eliminar os gromos preto do solo
Dende a EFA destacan tamén que a pesar de que as temperaturas desta semana non foron elevadas, o resto de condicións meteorolóxicas foron moi favorables ao desenvolvemento da vexetación, tanto en frondosidade coma en fenoloxía, polo que xa se empezan a observar acios en floración. Por último, o aviso fitosanitario tamén aconsella eliminar os pampos rotos polo vento para evitar que sobre eles se instale a botrite.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Salceda, Dolores Castiñeira, para explicarlle o proxecto de ampliación do IES de Pedras Rubias no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 1,5 millóns de euros.
Na xuntanza, á que asistiron técnicos do departamento autonómico xunto ao xefe territorial da Consellería, César Pérez Ares, a representante autonómica trasladoulle a rexedora a necesidade de buscarlle, entre ambas as dúas administracións, encaixe urbanístico a proposta de mellora desta infraestrutura educativa.
Fernández-Tapias indicou que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia.
A representante autonómica defendeu a importancia desta ampliación −cuxo proxecto xa foi encargado− para poder atender á demanda dunha poboación en idade de escolarización en continúo crecemento, nun centro que ata o de agora conta con catro liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían catro aulas, dous espazos para desdobre e apoio e dous laboratorios.
Solución provisional
En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, a delegada informou que os 19 alumnos de 4º da ESO do IES Pedras Rubias á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. A Xunta garante así a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida.
Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ampliou fai dous anos as instalacións do CEP Altamira de Salceda de Caselas cun investimento de preto de 500.000 euros, e que na actualidade está a executar a ampliación do IES de Salvaterra cun investimento de 587.000 euros. Segundo detallou Fernández-Tapias, esta última actuación permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro.
O Concello de Mondariz inicia este sábado, 15 de maio, a programación conmemorativa das Letras Galegas 2021 cun concerto de “Desertores” en homenaxe a Xela Arias, que fora colaboradora do grupo durante a movida viguesa dos anos oitenta. A poeta non só estará presente a través das letras que escribiu para “Desertores”, senón que tamén será recordada a través dunha conversa co seu irmán e dun recital de poemas seleccionados que permitirán coñecer o seu legado literario.
“Con este evento tan interdisciplinar queremos recuperar a memoria da Xela Arias máis polifacética e transgresora no eido cultural. Sabemos que foi poeta, tradutora e editora, pero a súa vinculación coa movida viguesa dos oitenta non é tan coñecida. Foi unha muller que rompeu esquemas como creadora, unha vangardista que nos pode inspirar a día de hoxe”, comenta a concelleira de Educación e Cultura do Concello de Mondariz, Lita Carballo.
O concerto-recital en homenaxe a Xela Arias será interpretado en lingua de signos para promover a accesibilidade. Comezará ás 20:00 horas nos Xardíns do Concello. En caso de chuvia, o evento será trasladado ao Auditorio do Centro Social de Mondariz.
O 29 de maio, así mesmo, a biblioteca pública municipal acollerá a presentación do libro inédito de Xela Arias “Non te amola!”, que foi recentemente publicado por Galaxia. Este evento contará coa presenza da ilustradora Luz Beloso e do director de Galaxia.
Espectáculo “Tirando da lingua”
O 17 de maio, protagonismo do galego na gala de teatro, música e humor “Tirando da lingua”
Para o día 17 de maio, o Concello de Mondariz ten programado un espectáculo de variedades onde a lingua galega é a protagonista. Esta gala leva por título “Tirando da lingua” e no elenco ten a destacados cómicos galegos como Fran Rei, Isabel Risco, Pedro Brandáriz e Avelino González.
O contido deste espectáculo está dirixido a público adulto. A gala comezará ás 20:00 horas no Auditorio do Centro Social de Mondariz. A entrada é libre e gratuita até completar a cabida permitida.
O Día das Letras Galegas 2021, estáse a vivir con especial intensidade na Biblioteca de Chapela que, non en balde, leva o nome de Xela Arias. Entre as actividades que as Bibliotecas Públicas Municipais de Redondela organizan, cómpre salientar o programa radiofónico Xela a diario coordinado e conducido pola dinamizadora cultural Ana Facchini; o encontro virtual cos centros de ensino superior ao redor da figura da autora lucense que tivo lugar nestes días, e por último, o vídeo Buscando a Xela, do que xa poden os centros de ensino de primaria do municipio, pero tamén o público en xeral.
A idea do vídeo parte duns momentos nos que non é posible realizar visitas escolares de carácter presencial ás bibliotecas. Dese xeito tenta suplir esta carencia, propiciando ao tempo un achegamento dinámico dos máis novos, á figura de Xela.
O vídeo é un proxecto da Concellería de Cultura de Redondela e mais das bibliotecas municipais, e conta coa dirección, guión e interpretación da actriz e contacontos Raquel Queizás e mais a gravación de Fernando Carreira.
No ano 2018 Redondela recoñeceu a figura da poetisa Xela Arias ao poñer o seu nome a unha das súas bibliotecas municipais.
Nese ano, o Concello de Redondela convidara á cidadanía a participar na elección dun nome para a Biblioteca situada no Multiúsos do Piñeiral do Crego, na parroquia de Chapela.
Foi o nome de Xela Arias, proposto pola biblioteca do IES Chapela, instituto no que ela deu clases, o escollido entre varias suxestións de nomes de persoeiros vencellados á literatura e mais á lingua galega que foron achegados pola veciñanza. A escolla recibiu a aprobación unánime do Pleno municipal en novembro dese ano.
Nunha cerimonia que tivo lugar xa no 2019, distintas autoridades descubriron a placa conmemorativa que asignaba o nome de “Biblioteca Pública Municipal Xela Arias” á biblioteca de Chapela. Ademáis un mural lembra á escritora na entrada interior da biblioteca, en cuxa fachada tamén se gravou o nome de Xela.
Ao acto asistiran entre outros Manuel Bragado, pedagogo, escritor e vencellado á editorial Xerais, da que foi o seu director durante 24 anos, unha representación do IES de Chapela, onde Xela Arias levou a cabo labores docentes e tamén o fillo, a nai e mais un irmán da poetisa falecida en 2003.
O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de Maio desde as 19:00 horas no Auditorio Municipal o seu acto central das Letras Galegas, adicado integramente á figura de Xela Arias, cunha charla-coloquio e posterior concerto-homenaxe.
Click para ampliar
A entrada será de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias e os asistentes recibirán o libro ‘Poesías e Retratos’ de Xela Arias e o fotógrafo (e marido) Xulio Gil, editado polo Concello e Engaiolarte para a ocasión.
Camiño Noia, escritora, catedrática e veciña de Nigrán experta na obra de Xela Arias, será a encargada de dirixir o coloquio xunto a Xan Carballa, director da Editorial Engaiolarte, e a familia máis próxima da poetisa (o seu fillo Darío Gil Arias, a súa nai Amparo Arias e os seus sobriños Bruno e Iago Arias). Unha pequena exposición recollerá en diferentes paneis retratos de Xela tomados por Xulio Gil e fragmentos dos seus poemas, tal e como aparecen no libro ‘Poesía e Retratos’.
“Desde o Concello de Nigrán queremos, con esta publicación e con todo o mes de Maio adicado a súa obra, render a unha sentida homenaxe a unha poeta que viviu con presa, e iso foi o que lle impediu vivir”, sinala o alcalde, Juan González, no prólogo ao libro editado polo Concello. Nel explica que tivo a ocasión de coñecer á autora no “efímero proxecto cultural ‘Galería Círculo y Cuadrado’ de Sabarís” e quedou impresionado porque “Xela trasmitía xenerosidade e optimismo”. “Queda a súa palabra”, incide.
Xardín Desordenado
A continuación, ás 20:00 horas, o Concello de Nigrán ofrecerá o concerto-homenaxe de Xardín Desordenado, banda galega con máis de dez anos musicando a autores galegos e que, nesta ocasión, baseará a actuación nos catro poemarios de Xela Arias.
Grazas a implicación da cidadanía Tui incremento nun 10 % as achegas ao contedor amarelo durante os meses de febreiro, marzo e abril deste ano, con respecto ao mesmo período de 2020. Deste xeito Tui superou o reto fixado na campaña “Recicla e Únete ao Reto” de Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Hoxe venres, 14 de maio, ás 12 h, na praza dos Barcos de Sanxenxo, representantes municipais acudiron a recoller este premio dotado con 2 mil euros que serán doados integramente a unha causa social.
Dende o Concello de Tui quérese amosar o agradecemento á poboación tudense xa que grazas a súa implicación en prol do medio ambiente superouse este reto. Durante a campaña un posto informativo, un gran contedor amarelo na rúa Ourense, e diverso material publicitario convidaron á cidadanía a reciclar.
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou onte que o Goberno galego licitará por 193.000 euros as obras de substitución da cuberta do IES Val Miñor, no concello de Nigrán. Segundo confirmou nunha visita a este centro educativo, con esta intervención búscase a mellora enerxética da edificación, que contará cunha nova cuberta e sistemas de illamento.
En canto ás especificacións técnicas da obra que se vai a executar no IES Val Miñor, Marta Fernández-Tapias detallou que consistirán na instalación dunha nova cuberta de panel sándwich con aceiro galvanizado e interior de poliuretano, a dotación de lana de roca para favorecer o illamento do teito e evitar as filtracións de auga e a substitución dos canalóns e as baixantes por outros de PVC.
A delegada defendeu así que a Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola mellora das infraestruturas educativas cifrando en máis de 2,3 millóns de euros as obras actualmente en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na área territorial de Vigo.
Despois de que a mocidade do IES Ribeira do Louro fixera o proxecto plástico das lonas que están expostas no Centro Cultural Municipal e no Concello do Porriño, ata o 30 de maio veciñas e veciños poderán gozar dos poemas de Xela Arias e retratos do fotógrafo Xulio Gil no contexto da exposición Poesía do Retrato, mostra que se exibe no vestíbulo do Centro Cultural Municipal.
Cami Moreira, concelleira de Cultura do Porriño, durante a inauguración da exposición dedicada a Xela Arias
A Concellería de Cultura, Cami Moreira, no limiar do libro-catálogo da exposición, cualifica a Xela Arias como “unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea”.
A súa pegada, engade Moreira “parte dun proxecto artístico onde encaixan harmonicamente novos espazos para a poesía, como son a fotografía, a música a pintura, verdadeiras coartadas que afondan no empoderamento do corpo feminino e na perspectiva de xénero”.
Con esta homenaxe, apunta Cami Moreira, “tamén se recoñece a dimensión pública e comprometida de Xela non só como poeta, senón tamén de quen sempre estivo posicionada a favor da lingua galega, de quen prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, como as que se produciron pola marea negra do Prestige”.
Doutra banda a responsable de Cultura do Porriño fai fincapé na faceta de Xela Arias como tradutora ao sinalar que “innegable é a súa contribución, case como pioneira no labor da tradución á nosa lingua dos textos fundamentais da literatura universal”.
Até o 3 de xuño poderanse solicitar as axudas do programa Reactiva Tui II do Concello de Tui. Teñen por obxectivo paliar o impacto na actividade económica que supuxo o peche perimetral de Tui a través da aportación de liquidez ás empresas e autónomos da cidade. O Concello de Tui destina a estas axudas 238 mil euros, dos que 190 mil son de fondos propios e 48 mil foron aportados pola Deputación de Pontevedra. A convocatoria deste programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia foi aprobado por unanimidade en pleno no mes de marzo.
Poden solicitar as axudas Reactiva Tui II as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens, sociedades civís e outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas. Os requisitos que deben cumprir son desenvolver unha actividade empresarial, agás xogos de azar e apostas, por parte dunha persoa física (traballador autónomo), unha microempresa ou pequena empresa. Amais deben ter sufrido unha baixada de facturación igual ou superior ao 30 % no último trimestre de 2020 con respecto ao mesmo período de 2019. Os solicitantes deben ter o seu domicilio fiscal no termo municipal de Tui e exercer a actividade empresarial nun local comercial ou negocio situado no termo municipal de Tui. Tamén deben estar exentos do IAE no exercicio fiscal de 2020, e estar dado/a de alta no réxime da Seguridade Social ou na Mutua Profesional correspondente e na AEAT.
A contía das axudas será de 1000 euros para persoas traballadoras autónomas sen traballadores a cargo, 1200 € para autónomos e microempresas con até 5 traballadores a cargo, e de 1500 € para autónomos e microempresas, con entre 6 e 10 traballadores a cargo.
As bases completas e o extracto desta convocatoria poden consultarse en tui.gal e na sede electrónica do Concello, así coma no BOPPO do 11 de maio e do martes, 12 de maio.
A presentación de solicitudes realizarase a través da sede electrónica do concello.
Estas axudas súmanse ás concedidas ao abeiro do programa Reactiva Tui I cun importe de 110 mil euros, e aos 30 mil euros consumidos dos Bonos Activa Tui.
A Guarda vén de dar un paso máis na protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Con ese fin, a Casa do Concello guardesa acolleu onte xoves a reunión do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, coa xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Villaboy, co fin de tratar diversos temas relativos ao “Sistema VioXén”, unha iniciativa que permite á Policía Local asumir competencias na protección das vítimas de violencia de xénero.
Na reunión estiveron tamén presentes a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez; o xefe accidental da Policía Local e a directora do CIM da Guarda, Yolanda Villaverde.
O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioXén), da Secretaría de Estado de Seguridad del Ministerio del Interior, realiza o seguimento e a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero e das súas fillas e fillos.
O Concello de Ponteareas divulgará a figura de Xela Arias en bolsas de pan grazas ao apoio e colaboración das panadarías locais. As bolsas levan impresas as caras da poeta de Sarria, por un lado, e da escritora ponteareá Emilia Estévez Villaverde, pola outra, e van acompañadas de cadansúa breve reseña e de cadanseu poema.
Panadería A Broa
Tal e como explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, “a través desta iniciativa, queremos render homenaxe á autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas e, ao mesmo tempo, tamén queremos poñer en valor e dar a coñecer a figura da escritora ponteareá, Emilia Estévez Villaverde, pola contribución que esta lle fixo ás nosas letras”.
Groba subliñou o interese das panadarías locais de Ponteareas “sen as que non sería posíbel levar adiante esta iniciativa”. O concelleiro de Lingua quixo agraceder “a súa colaboración e implicación na difusión destas bolsas conmemorativas, que posúen o valor engadido de seren realizadas en papel procedente de fontes sostíbeis, fabricadas en Galiza e seren reciclábeis”.
Nos últimos días, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, iniciou unha acción especial de limpeza interior e exterior de contedores de residuos urbanos, así como da súa contorna máis próxima, nas estacións de contedores coas que conta o municipio.
Estas limpezas interiores e exteriores dos contedores realízanse de dúas formas distintas dependendo do tipo de contedor. En canto á limpeza de contedores de cor verde, esta realízase cun camión especial no que se introduce o contedor, previamente baleirado, ao que se aplica xabón e auga a elevada temperatura. Unha vez dentro do camión, o contedor ábrese para que a limpeza póidase realizar por dentro e por fóra do mesmo. En canto aos de cor gris, a limpeza está a levarse a cabo cunha solución higienizante e odorizante a presión. Esta mesma solución utilízase no chan onde se sitúan ambos os tipos de contedores, e compleméntase coa retirada de restos que poidan quedar enganchados, herbas dos bordos, así como os residuos que indebidamente os cidadáns deixan depositados no exterior.
Esta iniciativa responde a un necesidade de reforzo de limpeza dos contedores e as súas contornas pola suma dunha serie de circunstancias excepcionais e que van desde un maior uso cidadán (en ocasións indebido, ao deixar residuos nos exteriores que se converten en improvisados puntos limpos),así como as modificacións derivadas da crise do coronavirus. O obxectivo é mellorar o aspecto que presentan os contedores e as súas contornas reforzando as limpezas e apelando á colaboración cidadá para un uso correcto, respectando os horarios de depósito, separando para a reciclaxe, etc. “, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado.
Ademais continúase cos labores de desinfección con frecuencia diaria e nocturna dos parques infantís e biosaudables , da contorna de centros educativos, así como nas zonas de maior afluencia de persoas do municipio. Estes baldeos veñen desenvolvendo desde o inicio da alarma sanitaria polo COVID 19.
O alumnado de 2º de CM de Instalacións de Telecomunicacións do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, no módulo Circuíto pechado de televisión e seguridade electrónica, deseñou e construíu un Escape Room que están a desfrutar os profesores nos recreos e á que xogará o alumnado de 4º da ESO como parte da promoción deste ciclo formativo.
Este proxecto comezou no curso 2019-2020 cunha visita á empresa colaboradora no mesmo, o Eskapark de Vigo, na que o alumnado puido ver as súas instalacións e vivir a experiencia. Isto axudou ao grupo a familiarizarse con este tipo de xogos e coller ideas para poder adaptar a unha Escape Room as prácticas dos diferentes módulos que se imparten no ciclo.
Coa declaración do estado de alarma o alumnado dese curso non puido rematar o proxecto que pretendía ofertar a Escape Room tanto ao alumnado do IES coma ao alumnado doutros centros e mesmo á veciñanza de Tomiño.
Este curso, debido ás restriccións pola pandemia, retomouse o proxecto coa condición de que fóra portátil e poder levala a outros centros e dar así a coñecer, dun xeito lúdico, as ensinanzas que se imparten no CM de Instalacións de telecomunicacións.
A Escape Room consta de 6 probas/prácticas onde os xogadores deberán conseguir os códigos para ir abrindo caixas e portas onde atoparán novas pistas que os levarán ao xogo final.
Esta Escape Room estará o xoves no IES San Paio de Tui e nas próximas semanas no C.P.I Manuel Suárez Marquier.
Agora si. Despois da traxedia da pandemia e dos enormes danos que no último ano e medio causou ao sector do turismo, agora chegou o momento para invitar directamente a viaxar de novo á provincia de Pontevedra. “É o teu momento”. Con esta apelación directa a volver a desfrutar no destino Rías Baixas, a Deputación de Pontevedra presentará o próximo xoves, ás 12.00h na Feira Internacional de Turismo “Fitur”, “unha proposta ilusionante, innovadora, tecnolóxica e baseada nas emocións e nas experiencias que, unha vez máis, sorprenderá ao recinto de Ifema”, en palabras da presidenta Carmela Silva.
O Salón de Plenos albergou o acto de presentación da campaña e tamén das liñas de acción do II Plan Estratéxico de Turismo, folla de ruta da Deputación para os vindeiros tres anos. O evento, moi visual, musical e festivo coa actuación de Nadja Sami e a proxección de imaxes e audiovisuais de Rías Baixas, contou coa asistencia do sector e de alcaldes e alcaldesas de concellos como Baiona, Lalín, Cangas, O Grove, O Rosal, A Cañiza, Forcarei, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponte Caldelas, Salvaterra, Barro, Moraña, Vilaboa, A Guarda, Fornelos ou A Illa, amais de concelleiras/os do resto dos concellos da provincia.
“É o teu momento” chega a Fitur
“En Fitur facemos, agora si, unha chamada directa a viaxar á provincia, a que elixan o noso destino como lugar no que vivir experiencias únicas e tamén seguras”, asegurou a presidenta Carmela Silva. A proposta provincial, que poderá seguirse por streaming en www.depo.gal e a través da canle da institución provincial en Twitter, “será unha presentación chea de frescura e de optimismo, unha chamada á acción para que as persoas turistas se preparen para visitar a nosa provincia porque É O TEU MOMENTO”. Contará “co valor engadido de mulleres talentosas e referentes da creatividade cultural en Galicia que poñen voz e alma ao noso relato do turismo”. Silva referiuse con elo á artista Woiza, a voz da mensaxe, á poeta feminista Lúa Mosquetera, coguionista “dun relato que non deixará a ninguén indiferente”, e á reporteira viguesa Noa García, que se encargará de conducir o acto. Amais, a presentación do destino “dará voz ao sector e porá cara, voz e espazos a toda a cadea de valor do sector turístico” contando coa colaboración de Miguel de la Cierva, do Náutico do Grove.
“É o teu momento” continúa a liña emocional de “Fame de experiencias” e “Sigue o teu instinto”, amosando que a provincia é un destino sostible, hospitalario, seguro e multiexperiencial. “Trátase dunha invitación a visitar a provincia para que as persoas turistas creen novos recordos para o futuro”, indicou Carmela Silva. A presidenta tamén explicou que a campaña vai dirixida tanto ás que xa coñecen a provincia como a aquelas que nunca viñeron, con accións de reforzo, promoción en redes sociais, reportaxes en revistas especializadas, prestando atención a Madrid, Barcelona, Asturias e País Vasco. Amais, continúa a estela de #momentosríasbaixas, que arrancou a comezos do 2021 e tivo xa un impacto de máis dun millón de persoas e, a través dos sorteos de experiencias, chegou a máis de 800.000 persoas de Madrid, Barcelona, Asturias, Bilbao, Sevilla, Córdoba e Málaga, entre outros lugares da xeografía estatal.
Xunto á presentación do destino, a Deputación de Pontevedra tamén recollerá as 11 Q da rede Info Rías Baixas que recalarán nas tres oficinas de turismo da institución (Palacete das Mendoza, Aeroporto de Vigo e Armenteira en Meis) e nas dos concellos da Illa, A Estrada, Cangas (A Bola), Nigrán, Sanxenxo, Baiona, Caldas e Poio (Casal de Ferreirós). Amais, participará na XI edición dos premios SICTED, onde a Deputación revalidará o seu liderado como primeiro destino SICTED de España en número de establecementos distinguidos; acompañará aos concellos nas súas presentacións de destino e estará nas accións de promoción de proxectos como “Camiños do Sur”, no stand de Badaxoz, no que a institución provincial participa. Tamén estará no foro “News Trends On Tourism Communication”, de reflexión sobre o audiovisual turístico, no que se proxectará o vídeo “Sigue o teu insinto”, que ten xa un galardón internacional e vén de conseguir outros dous premios, como caso de éxito.
Posta de largo do Plan Estratéxico de Turismo
No evento, a presidenta provincial tamén detallou as liñas de acción do II Plan Estratéxico Provincial de Turismo, con 280 páxinas, 46 plans de actuación e 269 accións operativas, vai permitir “seguir modernizando, dixitalizando e innovando” o sector turístico. O principal obxectivo do plan, que mobilizará ata 16 millóns de euros amais dos fondos europeos que quere impulsar, “é converter a Pontevedra Provincia no primeiro territorio certificado como destino turístico intelixente”.
“Non vai ser posible que sexamos capaces de reconstruír unha situación tan terrible como a que temos vivido se non traballamos xuntas e xuntos”, asegurou a presidenta provincial, que enxalzou o compromiso, implicación e participación: “Que esteades aquí reafirma que o sector turístico reflotará e que seguramente no 22 e 23 vai ter esa subida exponencial que xa estabamos vivindo antes da covid19”.
“Se algo puxo de manifesto esta pandemia –asegurou- é a necesaria transformación dixital e a resiliencia dos destinos sostibles e verdes. Sabemos que dispoñemos dun tesouro valioso e témolo que xestionar con intelixencia e responsabilidade compartida”. Deste xeito, o Plan aborda cuestións como a xestión da incerteza mediante a innovación, a inclusión e a igualdade de oportunidades. Todo elo arredor de catro grandes eixos entre os que se atopan a promoción e a comunicación; a oferta turística diferenciada; a competitividade e a reactivación; e a intelixencia no destino.
Carmela Silva detallou que no eixo da promoción e comunicación vanse lanzar accións de reforzo e marketing do destino, así como un programa específico sobre accesibilidade turística, unha campaña de sendeirismo adaptado e un programa de sensibilización ao sector sobre a sustentabilidade. En canto á oferta turística diferenciada explicou que se desenvolverán accións de valorización e activación da oferta en ata 19 produtos de referencia na provincia, amais de accións nos recursos turísticos como son os Castelos de Soutomaior e Sobroso. A presidenta detallou accións relacionados cos Camiños de Santiago, a ruta dos fenicios, os xacementos galaico-romanos, as rutas da camelia, o patrimonio industrial e a posta en marcha de programas de potenciación de produto ligado ao patrimonio material e inmaterial. Tamén a aposta polo turismo de natureza e científico, actividades nocturnas e un programa starlight, turismo de litoral e actividades acuáticas, turismo de interior, turismo saudable e de bestar, turismo deportivo, enogastronomía e a creación dun produto turístico sustentable arredor de grandes eventos.
No que respecta á competitividade e reactivación vanse promover accións co sector privado centradas no SICTED e a Q de calidade, axudas e subvencións de actividades turísticas, programas de reactivación, plans de sustentabilidade e accións de mobilidade amable. Tamén se vai apostar pola dixitalización das oficinas de turismo, dimensionar o programa SmartPeme e as accións Turistic ás novas necesidades no eido da dixitalización, lanzar accións comerciais e workshops para canalizar o intercambio comercial e traballar para captar fondos Next Generation a través de iniciativas nas que xa está a traballar a institución provincial como o Tourist Inside II, para abordar a dixitalización e a mellora dos equipamentos turísticos e sociais dos concellos.
Finalmente, en canto ao eixo do destino intelixente, no que se enmarcan as actuacións destinadas a mellorar a dixitalización, sustentabilidade e a inclusión, contempla actuacións como a formación e capacitación de persoal de turismo, un plan de eficiencia enerxética e eficiencia hídrica de edificios turísticos, outro de residuos en edificios turísticos e concienciación medioambiental, un programa de Vixilancia Competitiva e Intelixencia Turística e outro de mellora da calidade do emprego. Neste eixo tamén se inclúen cuestións relacionadas coa mellora da mobilidade turística na provincia, a execución do Plan Móvese III de redución de velocidade ou o desenvolvemento de ferramentas virtuais que nos permitan coñecer en tempo real o estado do tráfico ou zonas de aparcamento disuasorio nos principais destinos da provincia. Amais, afondarase no aliñamento continuo coa Axenda 2030 e cos ODS, no compromiso de sustentabilidade, no consumo e compra de produto local ou no lanzamento de liñas de colaboración co sector para traballar nesta dirección.
Na presentación do Plan tamén participaron representantes do sector turístico que puxeron voz aos temas clave que nel se abordan como son a dixitalización, a sustentabilidade, as experiencias ligadas á cultura e a importancia da cadea de valor que compón a enogastronomía. Deste xeito, Adolfo Neira, da empresa EOSA encargada da elaboración do Plan, fixo fincapé na importancia da tecnoloxía “fundamental neste escenario de incertidume” e “núcleo guardián do plan”. Pola súa banda Ana Vázquez, xerente de Alecrín, e Goretti Álvarez, do restaurante Silabario, afondaron na sustentabilidade subliñando, a primeira, a importancia de “coidar a natureza, o patrimonio material e inmaterial para que ao longo prazo poidamos ter un sector turístico consolidado” e, no caso da segunda, a importancia do produto local e o coidado da terra “para garantir un destino turístico de calidade, verde e de excelencia”. Finalmente Jordi Lauren, en representación de Rías Baixas Fest, e Anxo Sánchez, codirector do festival Play Doc dos FilmFest reivindicaron a importancia da cultura como foco de atracción turística. Lauren enxalzou o papel “dos festivais como compañeiros de viaxe idóneos para comezar a reactivación turística, social e económica que temos por diante” e Sánchez apelou á importancia dos eventos culturais “para innovar e tecer redes para fomentar o desenvolvemento local e atraer turismo”.
Un ano máis as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do Concello de A Guarda lucirán o distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.
A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán
Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.
O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.
Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de “Sendeiro Azul” o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.
Ademais a praia de O Muíño contará co distintivo de Ecopraia concedido por ATREGRUS, Asociacion técnica para a xestión de residuos e Medio Ambiente. Este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias xa que non se emprega maquinaria que remova a area. Por isto, se respecta o delicado ecosistema dunar. O ano pasado a praia non luciu este distintivo porque foi cancelado debido á situación de pandemia. Pero este verán volverá a lucir.
O Salón de Exposicións do Concello do Rosal acolle ata o vindeiro 23 de maio a mostra ‘Aquela nena de Sarria’, unha exposición itinerante elaborada polo Colectivo Egeria en colaboración co Concello de Sarria e da Real Academia Galega para honrar á escritora, poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
A mostra está composta por 12 paneis que recollen o tempo sarrián e lucense da escritora, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co idioma galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real.
Complétase con poemas dirixidos a Xela Arias por alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández e por poetas de Sarria, así como de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que a escritora trazou e ata un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela Arias no seu ano.
A exposición inclúe fotografías facilitadas pola familia da escritora e poeta e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo.
O Concello de Nigrán iniciou esta mañá as sesións semanais de terapia canina no Centro de Educación Especial Juan María (Parada) tras acordar consignar 8.500 € a este fin. Grazas á achega económica do Concello, a empresa especializada Yaracan poderá seguir desenvolvendo esta actividade ata finais de ano e incluír, por vez primeira, aos usuarios do Centro de Día (ata o mes de abril autofinanciáranse grazas á venda de almanaques solidarios). En total, benefícianse xa 35 alumnos do Centro de Educación Especial e 25 adultos do seu Centro de Día.
“Desde a dirección do centro pedíronnos este apoio e no Concello de Nigrán non dubidamos en ofrecelo como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen asistíu tamén a semana pasada a unha sesión experimental no Centro Municipal de Atención a Persoas con Enfermidades Neurodexenerativas, en Panxón.
Deste xeito, o CEE Juan María continuará contando todos os mércores con estas sesións con beneficios científicamente demostrados. Así, en catro grupos burbulla (ou individualizadamente, según as necesidades) e dirixidos por persoal especializado con cadanseu can, desenvolverán a terapia como un programa complementario que atenda ás necesidades concretas de apoio educativo.
Desde a propia empresa especialista Yaracan e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do centro.
A alameda Rosalía de Castro de Chapela, o sábado 16 de maio, e a alameda Castelao de Redondela, o 17 de maio, son os lugares elixidos para desenvolver os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que, neste ano 2021, dedícase á tradutora e poetisa Xela Arias.
As actividades, organizadas polas concellerías de Normalización Lingüística e Cultura, que xestionan a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro Daniel Boullosa, respectivamente, buscan poñer en valor a figura de Xela Arias polo que, a maiores dos actos conmemorativos do domingo e luns, desenvolveranse actividades paralelas durante todo o mes dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral.
Así, o domingo 16 de maio, ás 18 horas, a Alameda Rosalía de Castro de Chapela acollerá o acto de presentación da homenaxe a Xela Arias no que se contará coa participación do Coro de Voces Graves de Vigo e a Coral O Piñeiral de Chapela, que interpretarán Dis ma-ma-má, do libro da propia Xela Arias Darío a diario. O acto contará coa presenza do fillo da homenaxeada, Dario Gil e rematará coa interpretación do himno galego.
O luns, 17 de maio, Día das Letras Galegas, será a Alameda Castelao de Redondela a que acolla o acto institucional ás 18:30 horas. De seguido haberá un concerto a cargo do grupo As Efémeras e os actos rematarán coa interpretación do himno galego.
A maiores, dende principios do mes de maio, a Radio Municipal iniciaba un proxecto titulado ‘Xela a Diario. Voces Amigas’ organizado polas Bibliotecas Municipais e a narradora e dinamizadora cultural Ana Facchini.
Do mesmo xeito, os centros escolares terán a oportunidade de coñecer máis sobre Xela Arias a través dun video, pensado para o alumnado de primaria, coa realización de Cuchi Carreira e o guión e interpretación da contadora e actriz Raquel Queizás, nun proxecto das Bibliotecas Municipais e a Concellería de Cultura.
As e os judokas do Club de Judo Baixo Miño veñen de acadar uns excelentes resultados no Campionato Galego Junior, celebrado en Santiago de Compostela, e no que Verónica Pérez Pacheco acadou a medalla de ouro na categoría de 57 quilos e Noa González Da Costa Evangelista o bronce na de 70 quilos.
Logo destes resultados e despois de meses sen competir e adestrando con moitísimas restricións e dificultades, o Club quixo salientar o “traballo realizado por nosos judokas durante este tempo de COVID”.
Noa González da Costa Evangelista, medalla de bronce junior 2021
Amais do ouro de Verónica Pérez e o bronce de Noa González, cómpre salientar o quinto posto de Carla Lomba Quintas e o excelente papel desenvolvido por Saray Vicente, Pablo Cadilla, Martin Souto y Víctor Adrover que fixeron unha boa competición a pesar de non ter acadado posto no caixón.
O Club quixo tamén agradecer o traballo dos dous adestradores que acompañaron ás e aos deportistas, Elena Cañibano y Saúl Álvarez.
O Concello de Ponteareas celebrará o Día das Letras Galegas con diversas actividades durante o resto mes de maio para seguir divulgando a figura e obra de Xela Arias e homenaxear a lingua galega. Faino logo de acoller dúas xornadas das Convergências Portugal-Galiza para homenaxear á propia Rosalía de Castro e ao Zeca Afonso os pasados días 7 e 8 e de dispoñer dun expositor na biblioteca municipal con boa parte da obra de Xela Arias.
Así mesmo, lanzou tamén a iniciativa ‘Xela na túa voz’, na que convida a calquera persoa a gravarse recitando ou lendo algún texto de escritora de Sarria e lle envíen os vídeos para divulgar nas súas redes sociais.
Durante a fin de semana das Letras, o Concello repartirá entre as panadarías de Ponteareas bolsas para pan difusoras da figura de Xela Arias, cunha breve reseña e uns poemas da homenaxeada, así como se difunde a poetisa ponteareá Emilia Estévez Villaverde co obxectivo de pór en valor figuras das letras ponteareás.
O concelleiro de Lingua, o nacionalista Fernando Groba, salienta e agradece a colaboración das panadarías de Ponteareas que, dende hai uns anos, reparten estas bolsas conmemorativas entre a súa clientela, axudando así a divulgar figuras tan importantes para a nosa lingua e cultura.
Por outra banda, o día 15 de maio, Ponteareas acollerá a obra de teatro Clausura do amor, a cargo do grupo Cámara Negra Teatro. Trátase do texto máis representado do francés Pascal Rambert e chega a Ponteareas na súa versión en galego, interpretada pola actriz Teté García e por Xosé M. Esperante baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio.
Ao día seguinte, o domingo 16, o Concello organiza, xunto coa Asociación de Maiores de Ponteareas, a presentación do libro Poemas de outono, un volume que xurdiu froito da creación de persoas desta asociación. O evento consistirá nun recital das propias autoras e autores e estará acompañado da actuación das pandeireteiras “Mestura”.
E xa no día central, o día 17 de maio, o consistorio levará adiante a “Gala da Lingua”. Este acto, que terá como protagonista un recital musicado centrado na propia Xela e que correrá por conta de Samuel Merino e Fernán Permuy, será presentado pola escritora e investigadora Anabel Antela e contará con intérprete en lingua de signos. Nel, o Concello de Ponteareas entregará os Premios “Ponteareas, Lingua e Empresa” 2020, a través dos cales recoñece as persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua, dun xeito normal, aos consumidores e consumidoras e contribúen, deste xeito, ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial. Ademais, farase entrega dos Premios dos VI Xogos Florais, o certame de poesía que posúe categoría xuvenil e de adultos e que agracian a creación en lingua galega.
O pasado xoves 29 de abril de 2021 o CRA A Lagoa presentáballe á alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, un anteproxecto para a restauración e mantemento das escolas infantís nunha iniciativa que tenga dar resposta ás novas situacións educativas, “pensando sempre no beneficio do alumnado que acode ás mesmas”, sinalan dende o CRA.
Cómpre salientar que moitas destas escolas datan dos anos 60 polo que a necesidade de adaptación aos tempos actuais foi entendida como necesaria por parte do Concello de Salvaterra de Miño.
Trátase dun proxecto que se iniciará este curso e que, de xeito gradual, pretende abordar a totalidade das escolas que conforman o CRA A Lagoa.
Neste proxecto contarase coa colaboración e implicación non só do Concello de Salvaterra senón tamén coa ANPA Pequeniños e as distintas Asociacións Veciñais da zona.
“A colaboración das familias, resulta fundamental para levar a cabo este proxecto que ten como obxectivo a contribución á mellora da escola pública”, sinalan os promotores desta iniciativa.
Impulsar a industria da provincia para potenciar a recuperación económica, co desenvolvemento de proxectos conxuntos cara á captación de fondos europeos será un dos obxectivos da nova liña de colaboración que Deputación de Pontevedra e ASIME definiron hoxe en Vigo cun primeiro encontro entre ambas as dúas entidades.
A reunión contou coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva, e as deputadas Ana Mejías e Iria Lamas, xunto a Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime; o vicepresidente Rafael Outeiral; e Lorena Rosende, Vocal da Asociación.
Tanto a presidenta Carmela Silva como o Secretario Xeral de ASIME, Enrique Mallón, subliñaron o compromiso de ambas as dúas entidades para traballar de forma conxunta cara aos Fondos Next Generation, na necesidade da colaboración público-privada para mobilizar para facer posible a recuperación, e concordaron en percorrer un camiño avanzando no xa existente coproxecto europeo IN4.0, no que ambas entidades son socias impulsoras. A presidenta provincial sinalou que cara a explorar novas liñas de colaboración “resulta fundamental apostar por proxectos maduros cuxo resultados permitan medir a transformación real do modelo económico”.
Para Mallón, “o IN4 é unha boa mostra de que a industria e as entidades galegas están preparadas para atraer e desenvolver proxectos europeos de calado, que neste caso afectan de forma directa a unha industria clave na provincia, como é o naval. Grazas a esta iniciativa, dixo, estamos impulsando a transformación das empresas do sector á industria 4.0, adaptando os seus modelos produtivos, capacidades e implantación tecnolóxica. Ese é o el camiño: a capacitación, innovación e dixitalización.”
Pola súa banda, Rafael Outeiral vicepresidente de Asime, destacou que: “a Covid-19 tivo un impacto significativo na industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas, que en 2020 foi testemuña de caídas históricas do 12 % na facturación e do 2 % no emprego. Pero, a pesar de todo, este sector soportou mellor o impacto da pandemia que outros, falamos dunha industria que emprega a máis de 57.000 traballadores e representa o 20 % do PIB con máis de 3.700 empresas, cun peso moi importante na provincia. Estamos ante unha actividade económica, sinalou, cunha enorme solidez, que pode ser un piar fundamental para a recuperación económica, que esperamos que comece a producirse a partir do segundo semestre deste ano ”.
A Feira Internacional Mindtech
A Deputación de Pontevedra seguirá colaborando activamente con a Feira Internacional Mindtech, que Asime organiza do 14 ao 16 de setembro no Ifevi, en Vigo. A este respecto, Carmela Silva amosou a relevancia desta iniciativa, xa que “permítenos amosar ao mundo a calidade e competitividade coa que traballa a nosa industria, recoñecida internacionalmente, e con moi sólidas capacidades para crecer e fortalecerse como elemento clave da nosa economía”. Amais, a presidenta provincial amosou a vontade de seguir a colaborar en novos formatos no marco deste evento, “xa que falamos dunha das mostras máis potentes de Galicia”.
Dúas persoas precisaron ser trasladadas logo de sufrir un accidente de tráfico cos seus vehículos, no concello pontevedrés de Redondela.
Pouco despois das once da noite, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que alertou da colisión entre dous turismos na estrada N-550, á altura dos Valos. Ademáis, engadiu que, pese a que nun primeiro momento os implicados non estaban feridos, comezaban agora a atoparse mal e solicitaron asistencia médica.
Nese momento, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deuse aviso aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Finalmente, o 112 tivo confirmación de que dúas persoas tiveron que ser trasladadas, ata o Hospital Álvaro Cunqueiro e o Hospital de Fátima, respectivamente.
Para manter e restablecer a seguridade da vía, os xestores do CIAE-112 tamén informaron ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.
Unha vintena de escolares de Ponteareas participaron na colocación de caixas-refuxios na contorna do río Tea, que servirán aos morcegos para o seu descanso diario, a cría e a hibernación. Esta iniciativa foi deseñada pola concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, no marco do proxecto CON_CIENCIA_TEA.
Un dos obxectivos desta campaña é “mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do seu hábitat para conservar o bosque de ribeira no Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, como son os morcegos forestais”, segundo indicou a concelleira nacionalista.
Da man do persoal técnico que conduciu a actividade, as mozas e mozos do primeiro curso de educación secundaria descubriron que os morcegos son cruciais controladores de pragas dos cultivos e forestais, ao alimentárense de avelaíñas.
Así mesmo, son controladores de vectores de enfermidades, debido ao gran número de mosquitos que consomen. En base aos beneficios que supoñen para a sociedade, todas as especies europeas están protexidas pola lei, o que non evita que teñan problemas graves de conservación, chegando algunha delas a atoparse en risco de extinción.
Rosa Covelo destacou que “a participación da cidadanía é un dos piares deste proxecto, xa que axudará a fomentar o coñecemento científico sobre especies de interese, así como un uso adecuado e respectuoso coa contorna da ribeira do Tea. Involucrar a poboación máis nova é o mellor xeito de manter vivo o orgullo polo noso patrimonio natural”.
Neste 12 de maio , no que se conmemora o centenario do seu falecemento, a figura de Emilia Pardo Bazán vén de quedar aínda máis ligada se cabe á provincia de Pontevedra a través da camelia que desde hoxe leva o seu nome no Castelo de Soutomaior. Nun emotivo acto, ao que asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde, Agustín Reguera, e colectivos e asociacións de mulleres e da cultura da comarca, a institución provincial quixo render homenaxe a autora nesta efeméride.
Amais, o acto serviu para afondar na excepcional personalidade de Pardo Bazán a través da charla da historiadora Silvia Cernadas, e da actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, cunha peza baseada na protagonista da obra ‘La Tribuna’.
A nova camelia Emilia Pardo Bazán, que será rexistrada co nome da escritora na Sociedade Internacional da Camelia, se incorpora ao Xardín’Con Nome de Muller’ do Castelo de Soutomaior onde xa figuran as plantas cos nomes de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa e Juana de Vega. Esta nova camelia foi orixinada a partir dunha semente de Camelia xapónica na Finca Chazo de Boiro, e convértese na primeira que se planta nun espazo público. Ten unha flor de tamaño medio-grande (entre 8 e 11 centímetros de diámetro, e 4 a 4,5 centímetros de profundidade) e unha cor vermella intensa, con ao redor de 50 pétalos. E agora forma parte xa do Xardín de Camelias con nome de Muller que a Deputación de Pontevedra creou no exterior do Castelo no pasado 2020.
Poñer en valor a esas mulleres extraordinarias que son parte da nosa historia
Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou a “extraordinaria decisión de celebrar este acto neste Castelo de Soutomaior que Emilia Pardo Bazán visitou tantas veces e coa profunda relación que mantivo cunha muller tan excepcional como María Vinyals, dúas mulleres universais e excepcionais”, dixo a presidenta. “Facer aquí este acto significa poñer en valor a esas mulleres extraordinarias que son parte da nosa historia e que nos fan tamén un pobo máis excepcional e máis forte. Rememorar a Emilia é relacionala coa aquela outra muller incrible que foi María Vinyals”.
Carmela Silva apelou a forte relación que uniu a Pardo Bazán coa provincia de Pontevedra. “Amaba esta provincia, da que falou tanto da súa historia e paisaxe pero tamén da súa modernidade. Emilia Pardo Bazán era das nosas, sinalou a presidenta, e estamos moi orgullosas e orgullosos da súa figura que as mulleres temos como unha grande referencia”. Carmela Silva reflectiu tamén sobre a súa permanente vocación de encontro. “Nestes tempos tan difíciles, de tanta confrontación, deberiamos volver a mirada a mulleres como ela e ver no debate e nas ideas diversas, a capacidade de construír un mundo diferente como ela defendía”.
Respecto á camelia que desde hoxe leva o nome de Pardo Bazán no Xardín do Castelo, a presidenta recordou que “as camelias están presentes constantemente na súa obra e nos seus escritos”. “Onde estea hoxe estará contenta porque mirará que os principios que defendeu, que ela sembrou, están a crecer igual que vai crecer esa camelia”. Carmela Silva rematou agradecendo a Carmen Salinero o seu traballo por facer posible que a camelia sexa tan potente nesta provincia e que o Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior dispoña hoxe deste espacio de camelias con nome de muller. De feito, anunciou, a propia Salinero dará nome proximamente a unha nova camelia neste xardín.
Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que se uniu á felicitación a Carmen Salinero, agradeceu a escolla de Soutomaior para celebrar o acto do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, “e a implicación persoal da presidenta provincial en todo aquelo que ten que ver con este Castelo. “Cando falamos de Emilia Pardo Bazán falamos dunha muller que foi un referente e que ten moi merecido todos os actos que hoxe estamos a facer en Galicia. É moi importante, subliñou, que nenas e nenos saiban quen foron as mulleres que tanto loitaron polos dereitos que hoxe desfrutamos todas e todos”.
Trala presentación da camelia, a homenaxe da Deputación á escritora trasladouse ao Salón do Tapiz do Castelo, onde a historiadora Silvia Cernadas afondou nunha charla na vinculación de Pardo Bazán coa provincia e máis polo miúdo co Castelo de, que visitou en varias ocasións debido á súa relación María Vinyals.
Cernadas incidiu en que ambas figuras “comparten as súas inquietudes intelectuais tanto en relación á literatura como ao feminismo” e tamén no feito de que esta relación foi estreita aínda que a documentación sobre esta amizade na prensa e nas crónicas sociais é escasa, ao citar só a visita que fixo a autora coa súa filla Carmen en 1913 ao Castelo, onde entón estaba instalado o Sanatorio Lluria.
“Nesa noticia amais dise que o matrimonio de María Vinyals e Enrique Lluria a recibiron cunha cunca de té, algo que amais a relaciona precisamente coa camelia que xusto acabamos de presentar –sinalou–. Ela era unha gran bebedora de té”. “Pero aínda que non apareza na prensa da época –insistiu a historiadora– ela tiña esta relación con María Vinyals e as visitas eran continuas, tanto en Madrid polas actividades que ambas compartían como en Galicia no Castelo”. Para Silvia Cernadas, “como a obra de Emilia Pardo Bazán é tan inmensa cando traballas na historia de Galicia e na historia das mulleres en Galicia, ao final acabas encontrándote con ela alá onde vaias, sexa dunha maneira ou doutra”.
O acto finalizou coa actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, da Compañía Entremans, que puxo en escena a peza “Amparo ao outro lado”, inspirada na protagonista da novela de Pardo Bazán “La Tribuna”. Amparo, como destaca a compañía, é “un arquetipo da liberdade, muller de berro en peito que como moitas outras non tiveron medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos. En cada célula da muller contemporánea vive Amparo”.
O pasado venres 7 de maio o concelleiro mosense de Novas Tecnoloxía, Leo Costas, mantivo por videoconferencia unha reunión, acompañado por técnicos municipais, con representantes da empresa teleoperadora R para desbloquear e avanzar na implantación da banda longa no municipio, para o que R recibiu unha subvención estatal.
Costas fixo un balance moi positivo da xuntanza e informa de que xa están listos para despregar fibra en varios lugares do municipio: Atín, Casal, Casalmorto, Roublín, unha parte de Campo de Eiró e Rebullón, que suman un total de entre 400 e 500 vivendas que poderán beneficiarse da conexión de internet de banda longa.
A implantación tardará poucas semanas polo que, se todo transcurre segundo o previsto, a veciñanza destes 6 barrios disporá de fibra ótica de cara a finais do vindeiro mes de xuño ou principios de xullo.
O edil de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, avanzou que na próxima reunión con R prevese desbloquear a posibilidade de dar servizo de internet de banda longa a outras 900 vivendas máis, cubrindo gran parte da parroquia de Sanguiñeda, e o resto de Pereiras, Petelos, Tameiga e Mos.
A empresa R Cable y Telecable Telecomunicaciones, S.A.U adheriuse ao Programa Extensión da Banda Larga de Nova Xeración da Administración Xeral do Estado, que promovía despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a internet no territorio galego.
Con prazo ata 2020, a empresa R Cable como beneficiaria dunha subvención despregou redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia (entre eles debería ter estado Mos), que posibilitan servizos de acceso a Internet de de mais de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.
A última das convocatorias do Estado, publicada en Abril de 2018, contou cunha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, coa que os operadores puideron continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non había servizo de redes ultrarrápidas, tal era e é, o caso de Mos.
Moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas ao longo e ancho do termo municipal. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda longa.
A alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o segundo tenente de alcalde, Roberto Mera, mantiveron a pasada semana unha reunión co Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, para abordar a colaboración da Xunta en relación con diferentes necesidades en infraestruturas básicas de Ponteareas.
A alcaldesa en funcións transmitiu á Xunta a necesidade de asinar con urxencia o convenio de colaboración para o financiamento e execución da ampliación da depuradora da Moscadeira. Cristina Fernández lembrou que esta actuación, que supón un investimento de 11,7 millóns de euros, se financia ao 50 % polo Estado con fondos europeos, ao 30 % polo Concello e ao 20 % pola Xunta, a través dun convenio con Augas de Galicia. Na reunión confirmouse que a Xunta asumirá o seu compromiso e que en breve se asinará dito convenio.
Outra das prioridades abordadas foi a referida ao saneamento da parroquia de Ribadetea. Cristina Fernández lembrou o compromiso da Xunta de redactar o proxecto e lamentou que “o tempo pasa e o proxecto continua sen redactarse”, polo que solicitou que de maneira urxente e inmediata se encargue a redacción do proxecto e se cumpra o prometido.
Ademais, os representantes municipais trasladaron ao Delegado Territorial as previsións futuras do Concello en materia de abastecemento e depuración coa intención de lograr a colaboración da Xunta. Trátase de tres proxectos para concluír o abastecemento de auga nas parroquias de Moreira e San Mateo, a futura construción da Estación de Tratamento de Auga Potábel en Cristiñade e a futura Estación Depuradora de Augas Residuais a situar na zona de Moreira.
Segundo Fernández Davila, “a prioridade máxima nestes intres pasa porque a Xunta cumpra xa cos seus compromisos aportando a súa parte na ampliación da depuradora da Moscadeira e redactando dunha vez o proxecto de saneamento de Ribadetea”.
A rexedora local agarda “feitos concretos por parte da Xunta en breve”, tal e como manifestou nun encontro mantido recentemente con representantes da plataforma polo saneamento de Ribadetea.
As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela que se desenvolven ata o vindeiro domingo día 16 de maio, pecharon o seu primeiro fin de semana cun éxito que superou as previsións máis optimistas das e dos organizadores, tal e como confirmaron ao Concello de Redondela algúns dos establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa.
As Xornadas, organizadas polas concellería de Promoción Económica e Eventos, que xestionan María Castro e Marta Alonso, respectivamente, buscaban dous obxectivos claros. Por unha banda, poñer en valor o choco da baía de San Simón como produto de excelencia gastronómica. Así, coa colaboración da Confraría de Pescadores de Redondela, garántese a calidade do choco e que a súa procedencia sexa, efectivamente, da baía redondelá.
Doutra banda, buscábase devolver o protagonismo á hostalaría local, “un dos sectores máis duramente golpeados durante a crise da COVID-19 e cuxa reactivación é un piar básico para a dinamización comercial do municipio”.
Os dous obxectivos, segundo sinala a Concellería de Promoción Ecoómica, “estánse a cumprir”. Tanto é así, que algúns dos establecementos hostaleiros miráronse na obriga de suspender o servizo a domicilio, que se facía gratuítamente a través da empresa redondelá Roombo, para poder atender ao servizo no propio local.
A maiores o protagonismo do choco como produto de excelencia gastronómica, mirouse reforzado pola celebración de tres showcooking nos que o público puido comprobar e aprender diversas maneira de preparar o choco da man de recoñecidos/as profesionais da gastronomía.
Pucho Barciela e Gilda Pires amosaban o venres como preparar uns espectaculares Chocos guisados e unhas Arepas recheas de choco. Mentres que o sábado era Manuel Conde o que desvelaba os segredos dus bos Chocos á galega e, finalmente, Benigno Campos, cociñeiro de Larpeiros, puña o broche de ouro a esta actividade cuns Chocos con patacas e tirabeques.
Dada a aceptación desta primeira fin de semana e as previsións para a vindeira, a organización como lembran a necesidade de reservar mesa nos establecementos participantes 78 Gastro Bar(986 404 971), Antolín (649576527), Café Bar Os Amigos(986 405 180), Casa Consejo (986 401 194), Casa Mucha(986 404 288), Don Vinarius(986 408 115), Lemos (616 062 347), Meraki (986 458 088), O Xantar de Outelo(986 401 520), Tapería Patri (659 405 116)eVila Bella (986 404 501).
A alcaldesa Digna Rivas amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento desta iniciativa “que tiña a difícil tarefa de ocupar o oco da tradicional Festa do Choco ante a imposibilidade de celebrala no seu formato habitual, dado o seu carácter masivo e de celebración comunitaria”.
Tanto a alcaldesa como a concelleira María Castro, animaron á veciñanza e visitantes “a gozar dunhas xornadas nas que se pode degustar o choco preparado de diferentes xeitos, a cada cal máis sorprendente e apetitoso, e que amosa o altísimo nivel da hostalaría de Redondela”
O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposta conxunta de PSdeG e BNG para que a CRTVG impulse a canle ‘Xabarín’ de televisión infantil e xuvenil en galego. A proposición non de lei, que nace dunha iniciativa popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Cámara.
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, defendeu que a nova canle sexa unha “oportunidade” de que a nosa infancia e mocidade “socialicen en galego”, o que supón “abrirlle todo un abano de posibilidades de goce e diversión na nosa lingua nun momento como o actual no que as pantallas se teñen convertido case nos novos xoguetes das e dos máis pequenos”.
“Con esta proposición que asumimos hoxe as nenas e nenos, e os non tan novos, terán a oportunidade de crecer no seu idioma”, reivindicou a responsable socialista cando, ademais, nos atopamos ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas.
A socialista lamentou que, na actualidade, “o número de series ou películas que poden verse no noso idioma é tan irrisorio que non dá nin para falar de porcentaxes” e, de feito, xa “quedou constancia da inexistencia do galego nas diversas plataformas audiovisuais que existen no Estado”, segundo un recente informe da Mesa pola Normalización Lingüística.
Nexte contexto, Díaz incidiu en que “Galicia non pode quedar atrás”, quen resaltou que as familias queren ter “o mesmo dereito que noutros lugares”, xa que isto “é un dereito, non un capricho” e o mero feito dunha canle con contidos infanto-xuvenís en galego sería “un paso importantísimo para manter o galego vivo e loitar contra a, cada vez maior, desafección da xente nova pola nosa lingua”.
Así, a responsable socialista destacou que “a promoción da nosa lingua en todos os ámbitos e espazos é unha obriga estatutaria do goberno galego”. De feito, subliñou que “é abundante a literatura normativa que recolle a importancia estratéxica do sector audiovisual para a normalización das linguas” e que “garante o dereito da cidadanía de recibir contidos nun contexto de pluralismo cultural e lingüístico”.
Por último, Díaz lembrou que a proposta hoxe aprobada ten o respaldo dunha iniciativa popular presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística “que recolle o sentir de moitas persoas” cando se recolleron máis de 33.000 sinaturas en toda Galicia.
“Recuperemos ese sentir de toda unha xeración que a comezos dos anos 90 enganchou cun Xabarín e canturreaba en galego, que sentaba a mirar a Chin Chan en galego. Fagámolo como hoxe, en positivo, entendendo a normalización da nosa lingua como o natural, como a obriga que ten a política de asegurar espazos de socialización e garantir a supervivencia da nosa maior riqueza entre a xente máis nova”, concluíu.
A Concellería de Medio Ambiente de Redondela, dentro da posta en valor dos espazos naturais da rede Natura 2000, pon en marcha saídas en kaiak para coñecer e gozar dun espazo natural único no mundo.
A actividade
A actividade consiste na valoración da contorna natural de forma activa, disfrutando e navegando as súas augas, e mostrando todos os valores que posúen estas e os seus ecosistemas asociados a biodiversidade da enseada. Realizaranse paradas divulgativas na illa de San Simón, na batea, no illote das Corveiras, no monumento ao Capitán Nemo (tentando observar o bosque de zoostera ou sebe que se atopa nas inmediacións), e outras segundo as inquedanzas do público e as posibilidades da xornada.
Desta forma poderanse observar e coñecer de primeira man o valor deste espazo da Rede Natura 2000.
A actividade estará dirixida por:
Un educador ambiental
Monitores de kaiak (que se encargarán do control do grupo, de axudalos a manterse unidos ao grupo, de remolcar aos usuarios que se cansen e de dinamizar e animar o servizo).
Normativa e seguranza
A actividade conta cos permisos necesarios para a súa realización, e o seguro de R.C. e póliza de accidentes con especificación de seguro de rescate.
Saída do Potro de Cesantes as 10:00 horas días 15 e 16 de maio.
Prezo da actividade bonificada: 15€
Venta de entradas na Casa do Concello, na oficina de turismo, no horario de 11:00 a 14:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas.
Tomiño continúa levando a cabo a bo ritmo a implantación da compostaxe no concello, dentro do Plan Revitaliza, impulsado dende a Deputación de Pontevedra.
Tal coma estaba previsto, neste primeiro semestre do ano estase completando o reparto dos composteiros individuais (1.858 entregados, de 3.000) e a instalación dos centros comunitarios (14 en funcionamento, de 16). E para seguir cerrando o ciclo dunha correcta xestión de biorresíduos, na que se obterá estruturante (restos de poda triturada) necesario para utilizar nos composteiros, ofrecerase á veciñanza un servizo de préstamo de trituradoras ou a opción de depositar estes restos en puntos verdes, creados en distintas parroquias en zonas delimitadas cunha cerca de madeira.
Para a xestión dos devanditos puntos verdes o Concello decidiu adquirir un camión con guindastre, do que a entrega tivo lugar a semana pasada por parte da empresa adxudicataria: Volvo Group España, SAU, cunha carga útil de 6.509 kg. e un custe de 126.445,00 euros, a cargo da subvención recibida da Deputación de Pontevedra.
Na primeira quincena de maio quedarán instalados os 10 puntos verdes previstos, tendo en conta as necesidades de cada parroquia, e logo da súa instalación e sinalización xa se poderán empregar pola veciñanza. Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, non se descarta instalar máis nun futuro, se hai demanda, ou anular algún punto se non se usa ou se usa de forma incorrecta. A partir da trituración dos restos de poda, obterase o estruturante, que poderá ser recollido neses mesmos puntos, para darlle uso nos composteiros individuais.
Asi mesmo, na segunda quincena deste mes entrará en funcionamento o servizo de préstamo de biotrituradoras que estará regulado pola ordenanza publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a este efecto (BOPPO Núm. 80 do xoves, 29 de abril de 2021). “En Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande, que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Será o persoal encargado de entregar a maquinaria o que indique as instrucións básicas de funcionamento das biotrituradoras”, comenta a concelleira, creándose asemade, unha guía de uso, que acompañará a máquina.
“Este servizo facilitará á veciñanza a correcta xestión dos residuos de orixe vexetal, que poden supoñer ata un 10% do lixo domiciliario nos municipios máis rurais. Con elas poderase triturar restos leñosos procedentes de podas domiciliarias, ramas de árbores de froiteiras, viñas, árbores ornamentais e restos de xardinería”, comenta a concelleira.
Para poder empregar as biotrituradoras é preciso ser maior de idade, residente en Tomiño e estar dado/a de alta no servizo. Logo da solicitude, indicaráselle dende o concello a data e o lugar de recollida. O préstamo será dunha semana, coma máximo, e as retiradas e devolucións realizaranse, en principio, os mércores de 08:00 a 14:00 horas, salvo que se acorde outro día coa persoa usuaria.
Finalmente, estase a crear unha páxina web (https://revitaliza.tomino.gal/) adicada a compostaxe a nivel municipal, onde a poboación terá acceso a toda esta información e poderá ademais comunicarse cos técnicos/as do departamento de medio ambiente, para resolver dúbidas. “É unha nova ferramenta para que as veciñas e veciños de Tomiño podan ter información completa das accións que se están a desenvolver no marco de Revitaliza, así como acceder a utilidades, tales coma mapas interactivos onde consultar o composteiro comunitario correspondente en función do domicilio, ou o mapa de situación dos puntos verdes. Así mesmo, poderá solicitarse a reserva das biotrituradoras, aprender trucos e recomendacións de compostaxe, etc.
O Concello de Nigrán, tal e como publica onte o Boletín Oficial da Provincia (BOPPO número 88) abre desde mañá e ata o 10 de Xuño o prazo para solicitar as axudas do segundo plan de rescate municipal ao sector hostaleiro e do taxi. O goberno local consignou a este fin 120.000 € do Remanente de Tesourería que se suman aos outros 120.000 € do primeiro plan, aos que se engadirán 60.000 € dun terceiro rescate municipal para outros sectores especialmente afectados pola crise sanitaria.
As bases deste segundo plan de rescate municipal son máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licencia, a diferencia da anterior convocatoria).
Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis”, resume González.
Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos ou empresas do sector hostaleiro afectados polo peche ou limitacións sanitarias de 2021 cunha axuda de 1.000 €; os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade novamente con 750 € e, finalmente, os mencionados taxistas empadroados con 400 € por cada vehículo ao seu nome.
A principal novidade na restauración é que se teñen en conta como beneficiarios tamén aos autónomos colaboradores –independentemente da localidade onde desenvolvan o seu traballo, o requerimento é estar empadroado en Nigrán– e aos diferentes socios dun mesmo negocio situado no termo municipal de Nigrán. Como no primeiro plan de rescate, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e mesmo coas anteriores do Concello.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia comezou a execución das obras dunha senda peonil na estrada PO-404, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, no concello de Tui, unha intervención que conta cun investimento de 32.400 euros e cun prazo de execución de 2 meses.
Esta obra permitirá prolongar a senda no perímetro da glorieta da intersección da estrada autonómica co viario de acceso á depuradora de Guillarei, salvando un punto da estrada especialmente estreito. Esta glorieta foi executada pola Xunta no ano 2019, cun investimento de preto de 263.000 euros.
Estase a construír un treito de senda de 60 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+760 e 1+820, cun ancho mínimo de 1,5 metros. A intervención, que se executa no dominio público existente, inclúe un muro e sostemento dunha altura media de 1,5 metros.
Un grupo de usuarios do Centro Castro Navás da Fundación Menela (Priegue) iniciou onte en Panxón a súa primeira etapa do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, acompañados de persoal especializado e de boa parte do goberno local de Nigrán. O grupo comezou a súa andaina desde o paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e, en outras cinco etapas máis (Vigo, Teis, Redondela e Arcade) agardan alcanzar Pontevedra o 27 de maio. O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 €.
“Volvemos a sentirnos peregrinos. Lo hacemos con mucha ilusión, con ganas de implicarnos en una vivencia que cambia la rutina de nuestro día a día (…) y anima al dejar atrás largos meses de restricciones”, sinalou ao inicio Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, quen confesou que botarán de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si os puideron acompañar no 2019 no Camiño de A Guardia a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non estarán. “Los esperamos con la mirada puesta en 2022”, sinalou en referencia a esa terceira edición, na que está previsto que alcancen Santiago. Igualmente, alumnos do CEIP Humberto Juanes mandáronlles un vídeo de ánimo e o grupo seguirá recibindo apoios ‘virtuais’ ao seu paso por cada municipio.
“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, sexa o punto de partida nesta edición”, incidíu o alcalde, Juan González, na presentación.
Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).
O pasado 28 de abril o alcalde Luis Piña solicitou oficialmente á Vicepresidencia 1ª da Xunta a equipación necesaria para activar o GES, e o 3 de maio recibiuse no Concello notificación da Xunta para a cesión dun vehículo de emerxencias.
Segundo explicou o alcalde, tras aprobar esta mañá a sinatura do convenio, o novo vehículo, un camión bomba rural pesada, conta con tracción integral 4×4 e está dotado de todo o material necesario para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Por iso, con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais.
Cunha inversión cercana aos 200.000 euros, dispón de cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada que permite o lanzamento de auga en baixa a alta presión ou ambas de xeito simultáneo.
O GES da Cañiza creouse este ano no marco da Comisión de Seguimento de GES para reducir os tempos de resposta en situacións de risco e emerxencias no territorio da Paradanta e abarca aos concellos da Cañiza, Crecente, Arbo e Covelo, que ata agora pertencían a zona de Ponteareas. O grupo estará coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias.
Co gallo da programación cultural prevista para o Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio a Agrupación Musical de Goián ofrecerá un concerto na Praza do Seixo. A actuación está prevista para as 12:00 horas e terá unha duración aproximada de 60 minutos.
Aínda que as previsións son boas, a realización do evento estará condicionada polas circunstancias climáticas, polo que en caso de choiva a actuación terá que ser cancelada. Para asistir ao concerto non será precisa a inscrición previa.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.