A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou onte que o Goberno galego licitará por 193.000 euros as obras de substitución da cuberta do IES Val Miñor, no concello de Nigrán. Segundo confirmou nunha visita a este centro educativo, con esta intervención búscase a mellora enerxética da edificación, que contará cunha nova cuberta e sistemas de illamento.
En canto ás especificacións técnicas da obra que se vai a executar no IES Val Miñor, Marta Fernández-Tapias detallou que consistirán na instalación dunha nova cuberta de panel sándwich con aceiro galvanizado e interior de poliuretano, a dotación de lana de roca para favorecer o illamento do teito e evitar as filtracións de auga e a substitución dos canalóns e as baixantes por outros de PVC.
A delegada defendeu así que a Xunta de Galicia continúa a súa aposta pola mellora das infraestruturas educativas cifrando en máis de 2,3 millóns de euros as obras actualmente en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na área territorial de Vigo.