15.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación conmemora o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán coa...

    A Deputación conmemora o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán coa presentación dunha camelia co seu nome

    O Castelo de Soutomaior foi escenario da posta en valor desta nova camelia en homenaxe á escritora nun acto que contou tamén coa charla da historiadora Silvia Cernadas e a danza de Ana Beatriz Pérez coa peza “Amparo ao seu lado”

    Neste 12 de maio , no que se conmemora o centenario do seu falecemento, a figura de Emilia Pardo Bazán vén de quedar aínda máis ligada se cabe á provincia de Pontevedra a través da camelia que desde hoxe leva o seu nome no Castelo de Soutomaior. Nun emotivo acto, ao que asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde, Agustín Reguera, e colectivos e asociacións de mulleres e da cultura da comarca, a institución provincial quixo render homenaxe a autora nesta efeméride.

    Amais, o acto serviu para afondar na excepcional personalidade de Pardo Bazán a través da charla da historiadora Silvia Cernadas, e da actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, cunha peza baseada na protagonista da obra ‘La Tribuna’.

    A nova camelia Emilia Pardo Bazán, que será rexistrada co nome da escritora na Sociedade Internacional da Camelia, se incorpora ao Xardín’Con Nome de Muller’ do Castelo de Soutomaior onde xa figuran as plantas cos nomes de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa e Juana de Vega. Esta nova camelia foi orixinada a partir dunha semente de Camelia xapónica na Finca Chazo de Boiro, e convértese na primeira que se planta nun espazo público. Ten unha flor de tamaño medio-grande (entre 8 e 11 centímetros de diámetro, e 4 a 4,5 centímetros de profundidade) e unha cor vermella intensa, con ao redor de 50 pétalos. E agora forma parte xa do Xardín de Camelias con nome de Muller que a Deputación de Pontevedra creou no exterior do Castelo no pasado 2020.

    Poñer en valor a esas mulleres extraordinarias que son parte da nosa historia

    Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou a extraordinaria decisión de celebrar este acto neste Castelo de Soutomaior que Emilia Pardo Bazán visitou tantas veces e coa profunda relación que mantivo cunha muller tan excepcional como María Vinyals, dúas mulleres universais e excepcionais”, dixo a presidenta. “Facer aquí este acto significa poñer en valor a esas mulleres extraordinarias que son parte da nosa historia e que nos fan tamén un pobo máis excepcional e máis forte. Rememorar a Emilia é relacionala coa aquela outra muller incrible que foi María Vinyals”.

    Carmela Silva apelou a forte relación que uniu a Pardo Bazán coa provincia de Pontevedra. “Amaba esta provincia, da que falou tanto da súa historia e paisaxe pero tamén da súa modernidade. Emilia Pardo Bazán era das nosas, sinalou a presidenta, e estamos moi orgullosas e orgullosos da súa figura que as mulleres temos como unha grande referencia”. Carmela Silva reflectiu tamén sobre a súa permanente vocación de encontro. “Nestes tempos tan difíciles, de tanta confrontación, deberiamos volver a mirada a mulleres como ela e ver no debate e nas ideas diversas, a capacidade de construír un mundo diferente como ela defendía”.

    Respecto á camelia que desde hoxe leva o nome de Pardo Bazán no Xardín do Castelo, a presidenta recordou que “as camelias están presentes constantemente na súa obra e nos seus escritos”. “Onde estea hoxe estará contenta porque mirará que os principios que defendeu, que ela sembrou, están a crecer igual que vai crecer esa camelia”. Carmela Silva rematou agradecendo a Carmen Salinero o seu traballo por facer posible que a camelia sexa tan potente nesta provincia e que o Xardín de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior dispoña hoxe deste espacio de camelias con nome de muller. De feito, anunciou, a propia Salinero dará nome proximamente a unha nova camelia neste xardín.

    Pola súa banda, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que se uniu á felicitación a Carmen Salinero, agradeceu a escolla de Soutomaior para celebrar o acto do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, “e a implicación persoal da presidenta provincial en todo aquelo que ten que ver con este Castelo. “Cando falamos de Emilia Pardo Bazán falamos dunha muller que foi un referente e que ten moi merecido todos os actos que hoxe estamos a facer en Galicia. É moi importante, subliñou, que nenas e nenos saiban quen foron as mulleres que tanto loitaron polos dereitos que hoxe desfrutamos todas e todos”.

    Trala presentación da camelia, a homenaxe da Deputación á escritora trasladouse ao Salón do Tapiz do Castelo, onde a historiadora Silvia Cernadas afondou nunha charla na vinculación de Pardo Bazán coa provincia e máis polo miúdo co Castelo de, que visitou en varias ocasións debido á súa relación María Vinyals.

    Cernadas incidiu en que ambas figuras “comparten as súas inquietudes intelectuais tanto en relación á literatura como ao feminismo” e tamén no feito de que esta relación foi estreita aínda que a documentación sobre esta amizade na prensa e nas crónicas sociais é escasa, ao citar só a visita que fixo a autora coa súa filla Carmen en 1913 ao Castelo, onde entón estaba instalado o Sanatorio Lluria.

    “Nesa noticia amais dise que o matrimonio de María Vinyals e Enrique Lluria a recibiron cunha cunca de té, algo que amais a relaciona precisamente coa camelia que xusto acabamos de presentar –sinalou–. Ela era unha gran bebedora de té”. “Pero aínda que non apareza na prensa da época –insistiu a historiadora– ela tiña esta relación con María Vinyals e as visitas eran continuas, tanto en Madrid polas actividades que ambas compartían como en Galicia no Castelo”. Para Silvia Cernadas, “como a obra de Emilia Pardo Bazán é tan inmensa cando traballas na historia de Galicia e na historia das mulleres en Galicia, ao final acabas encontrándote con ela alá onde vaias, sexa dunha maneira ou doutra”.

    O acto finalizou coa actuación de danza contemporánea a cargo da bailarina Ana Beatriz Pérez, da Compañía Entremans, que puxo en escena a peza “Amparo ao outro lado”, inspirada na protagonista da novela de Pardo Bazán “La Tribuna”. Amparo, como destaca a compañía, é “un arquetipo da liberdade, muller de berro en peito que como moitas outras non tiveron medo a alzar a voz e a conservar a súa estirpe en defensa dos seus ideais e dereitos. En cada célula da muller contemporánea vive Amparo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.