Cun orzamento de 47,2 millóns de euros a Deputación de Pontevedra pon en marcha ‘ReacPon’, Reacción Pontevedra Provincia, o plan de investimento público más ambicioso da historia da institución, destinado a impulsar a economía da provincia co obxectivo de xerar actividade e crear ou manter o emprego. Esta potente inxección de recursos súmase aos 168 millóns do orzamento para o 2021 e vai dirixida á transformación do territorio para paliar as consecuencias da Covid-19.
O Plan, que foi presentado pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, suporá “unha resposta contundente e unha aposta inequívoca pola inversión pública como ferramenta para estimular a actividade económica”.
A presidenta provincial foi tallante: “non queríamos esperar, porque a provincia de Pontevedra non pode esperar, somos valentes e imos a adiantar estes recursos, aínda que temos en mente optar a que parte dos proxectos poidan ser cofinanciados polos fondos Next Generation”
O novo plan contará con dous programas: un dirixido aos concellos, dotado con 20 millóns de €, e outro ás dotacións da Deputación, que ascende a 27,2 millóns, e será financiado con remanentes e cunha débeda de 20 millóns de €. “Trátase dun endebedamento totalmente asumible, dixo Carmela Silva, porque temos débeda cero, solvencia financeira e sobre todo unha obriga coas veciñas e veciños da provincia, poñer recursos á súa disposición para impulsar o desenvolvemento”. Todo o procedemento está tan avanzado que será aprobado no pleno de maio, incluídas as bases para optar aos recursos destinados aos concellos.
“
Carmela Silva: “É o momento de ser valentes e damos unha resposta contundente porque a provincia non pode esperar. Desde as administracións temos que achegar recursos á xente”
A presidenta asegurou que “non hai ningunha administración que teña avanzado tanto, nin que vaia facer un investimento tan potente centrado no concreto, no de xa, no que é necesario. Estamos a facer un esforzo enorme, dixo, para poñer rapidamente recursos para a recuperación económica e transformación da provincia”. Explicou que a Deputación quere “ser un instrumento para a transformación” e amosou a vontade do goberno de “aplicar políticas anticíclicas, de expansión do gasto e aliñalas coa axenda 2030 e cos fondos Next Generation”.
Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera manifestouse francamente satisfeito por ter sacado adiante un proxecto como ‘ReacPon’ que fará que o orzamento real da Deputación para 2021 chegue ata os 215 millóns de euros para incidir na recuperación da economía de xeito inmediato e directo. “Cando presentamos os orzamentos pensamos que finalmente poderiamos alcanzar os 200 millóns, pero chegamos aos 215. Nunca tal cousa se viu nesta institución”, subliñou.
Os fondos –destacou- servirán para poñer ao día á Deputación e recuperar terreo en obrigas que se deixaran de lado por ter mandado todos os cartos provinciais aos concellos. Por outra parte, indicou que os cartos destinados aos Concellos subvencionarán proxectos relativos á rehabilitación de edificios, novos equipamentos e dotacións e urbanizacións de espazos públicos e que, a priori, non están repartidas cantidades concretas, se ben o cofinanciamento municipal variará debendo achegar máis proporcionalmente os concellos máis grandes e menos os máis pequenos.
“
Mosquera: “Cando presentamos os orzamentos pensamos que poderiamos alcanzar os 200 millóns, pero finalmente chegamos aos 215. Nunca tal cousa se viu nesta institución”
Mosquera tamén lanzou unha advertencia clara: as administracións locais deberán presentar proxectos maduros e listos para licitar. Lembrou que xa se avisara aos concellos na reunión de toma de posesión para que foran elaborando proxectos, e logo tamén na reunión dos fondos europeos: “Hai que contratar este ano para que o impacto na economía sexa xa”, insistiu, convencido de iniciar obras no mes de outubro.
REACPON Concellos
Centrado nos concellos de menos de 50.000 habitantes, o programa farase como sempre por concorrencia competitiva, con bases e criterios obxectivos, e estará aberto a proxectos maduros, que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. Así, vanse garantir dereitos e servizos nas áreas de coidados de menores, cultura, deporte e dinamización social; despoboamento; a sustentabilidade a través da eficiencia enerxética, o saneamento e servizos e instalacións públicas; apostar pola conectividade e dixitalización e a accesibilidade no acceso a equipamentos, espazos e infraestruturas locais no medio rural.
Os investimentos centraranse na rehabilitación de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, turístico e de lecer, de infancia e mocidade, de atención a vítimas de violencia de xénero, de interese patrimonial e os destinados a uso institucional e administrativo. Tamén para a construción de novos equipamentos e dotacións, edificios ou instalacións sostibles e intelixentes, ademais de novas actuacións sustentables para asegurar os servizos que impulsen a cohesión territorial. Finalmente contempla achegas para a recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos para darlles un uso plural, amable, e de fomentar a estancia e as mobilidades alternativas.
REACPON Deputación
Suporá a transformación dos servizos e dotacións da institución para a modernización, sustentabilidade, dixitalización e restauración ambiental. Deste xeito, vaise dotar de maior investimento ás estradas provinciais e aos concellos, apostar polo Museo de Pontevedra e a restauración medioambiental da xunqueira de Alba, impulsar o Plan Revitaliza e a mellora enerxética e dixitalización das edificacións provinciais, promover o emprego, a cohesión social e a cooperación transfronteiriza, así como novos instrumentos para a dinamización cultural e deportiva e a implantación do teletraballo.
Os proxectos concretos son a restauración ambiental da xunqueira de Alba (3,1 millóns de €), melloras nas estradas provinciais (2 millóns de €), convenios con entidades locais para ditas estradas (3,42 millóns de €), convenios de cooperación cos municipios (3,7 millóns de €), reinvestimentos de recursos (4,4 millóns de €), Museo de Pontevedra (4,4 millóns de €), Plan Revitaliza (2,3 millóns de €), dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo provincial (600.000 €), mellora enerxética do CEIP Daría González (1,145 millóns de €), mellora das edificacións do CIPF (máis de 300.000 €), novos servizos GES en Redondela, Mos, A Lama e A Cañiza (preto de 340.000 €), cuberta da Escola de Cantería (380.000 €), melloras na Finca Mouriscade (137.000 €), investimentos, estudos e traballos en infraestruturas transfronteirizas (150.000 €), mellora do parque móbil (133.000 €), accións medioambientais de loita contra os plásticos (117.000 €), material para a implantación do teletraballo (173.000 €), Facultade Ágora (100.000 €), mellora de espazos turísticos (100.000 €), lingua e patrimonio (50.000 €), aposta polo cinema como elemento dinamizador do turismo (30.000 €), novas accións formativas en materia de emprego (40.000 €), aposta polos colectivos deportivos de categoría nacional (75.000 €), campañas de igualdade (60.000 €) e colaboracións con ONG (45.000 €).
En canto aos cartos concretos que utilizará a Deputación para o Museo, o vicepresidente Mosquera destacou que a día de hoxe hai en carteira uns 6,8 millóns de euros, sumando os 4,4 que se incorporarán agora e os existentes no orzamento previo. Explicou que os traballos de mellora do Museo serán superiores en orzamento, pero que é preciso ir sumando: “Con isto poderiamos licitar as obras”, sentenciou.