8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasFernández-Tapias e a alcaldesa de Salceda de Caselas acordan buscarlle encaixe urbanístico...

    Fernández-Tapias e a alcaldesa de Salceda de Caselas acordan buscarlle encaixe urbanístico á ampliación do IES Pedras Rubias

    A actuación permitirá ampliar a oferta educativa de bacharelato, con aulas suficientes, para incorporar 2 novas liñas ás 4 de ensinanza secundaria obrigatoria

    A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión coa alcaldesa de Salceda, Dolores Castiñeira, para explicarlle o proxecto de ampliación do IES de Pedras Rubias no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 1,5 millóns de euros.

    Na xuntanza, á que asistiron técnicos do departamento autonómico xunto ao xefe territorial da Consellería, César Pérez Ares, a representante autonómica trasladoulle a rexedora a necesidade de buscarlle, entre ambas as dúas administracións, encaixe urbanístico a proposta de mellora desta infraestrutura educativa.

    Fernández-Tapias indicou que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia.

    A representante autonómica defendeu a importancia desta ampliación −cuxo proxecto xa foi encargado− para poder atender á demanda dunha poboación en idade de escolarización en continúo crecemento, nun centro que ata o de agora conta con catro liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían catro aulas, dous espazos para desdobre e apoio e dous laboratorios.

    Solución provisional

    En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, a delegada informou que os 19 alumnos de 4º da ESO do IES Pedras Rubias á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. A Xunta garante así a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida. 

    Cómpre lembrar que a Consellería de  Cultura, Educación e Universidade ampliou fai dous anos as instalacións do CEP Altamira de Salceda de Caselas cun investimento de preto de 500.000 euros, e que na actualidade está a executar a ampliación do IES de Salvaterra cun investimento de 587.000 euros. Segundo detallou Fernández-Tapias, esta última actuación permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.