Luns, 9 Decembro de 2024

Ata o 3 de xuño estará aberto o prazo para solicitar as axudas do programa Reactiva Tui II

O Concello de Tui destina 238 mil euros para paliar o impacto do peche perimetral na actividade económica

Até o 3 de xuño poderanse solicitar as axudas do programa Reactiva Tui II do Concello de Tui. Teñen por obxectivo paliar o impacto na actividade económica que supuxo o peche perimetral de Tui a través da aportación de liquidez ás empresas e autónomos da cidade. O Concello de Tui destina a estas axudas 238 mil euros, dos que 190 mil son de fondos propios e 48 mil foron aportados pola Deputación de Pontevedra. A convocatoria deste programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia foi aprobado por unanimidade en pleno no mes de marzo.

Poden solicitar as axudas Reactiva Tui II as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens, sociedades civís e outras entidades económicas sen personalidade xurídica legalmente constituídas. Os requisitos que deben cumprir son desenvolver unha actividade empresarial, agás xogos de azar e apostas, por parte dunha persoa física (traballador autónomo), unha microempresa ou pequena empresa. Amais deben ter sufrido unha baixada de facturación igual ou superior ao 30 % no último trimestre de 2020 con respecto ao mesmo período de 2019. Os solicitantes deben ter o seu domicilio fiscal no termo municipal de Tui e exercer a actividade empresarial nun local comercial ou negocio situado no termo municipal de Tui. Tamén deben estar exentos do IAE no exercicio fiscal de 2020, e estar dado/a de alta no réxime da Seguridade Social ou na Mutua Profesional correspondente e na AEAT.

A contía das axudas será de 1000 euros para persoas traballadoras autónomas sen traballadores a cargo, 1200 € para autónomos e microempresas con até 5 traballadores a cargo, e de 1500 € para autónomos e microempresas, con entre 6 e 10 traballadores a cargo.

As bases completas e o extracto desta convocatoria poden consultarse en tui.gal e na sede electrónica do Concello, así coma no BOPPO do 11 de maio e do martes, 12 de maio.

A presentación de solicitudes realizarase a través da sede electrónica do concello.

Estas axudas súmanse ás concedidas ao abeiro do programa Reactiva Tui I cun importe de 110 mil euros, e aos 30 mil euros consumidos dos Bonos Activa Tui.