Domingo, 9 Febreiro de 2025

Nigrán inicia as sesións semanais de terapia canina no Centro de Educación Especial Juan María

O goberno local consignou 8.500 € para que todos os usuarios continúen a actividade todo o ano tras autofinanciarse hasta abril coa venda de almanaques solidarios

O Concello de Nigrán iniciou esta mañá as sesións semanais de terapia canina no Centro de Educación Especial Juan María (Parada) tras acordar consignar 8.500 € a este fin. Grazas á achega económica do Concello, a empresa especializada Yaracan poderá seguir desenvolvendo esta actividade ata finais de ano e incluír, por vez primeira, aos usuarios do Centro de Día (ata o mes de abril autofinanciáranse grazas á venda de almanaques solidarios). En total, benefícianse xa 35 alumnos do Centro de Educación Especial e 25 adultos do seu Centro de Día.

“Desde a dirección do centro pedíronnos este apoio e no Concello de Nigrán non dubidamos en ofrecelo como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen asistíu tamén a semana pasada a unha sesión experimental no Centro Municipal de Atención a Persoas con Enfermidades Neurodexenerativas, en Panxón.

Deste xeito, o CEE Juan María continuará contando todos os mércores con estas sesións con beneficios científicamente demostrados. Así, en catro grupos burbulla (ou individualizadamente, según as necesidades) e dirixidos por persoal especializado con cadanseu can, desenvolverán a terapia como un programa complementario que atenda ás necesidades concretas de apoio educativo.

Desde a propia empresa especialista Yaracan e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do centro.