Despois de que a mocidade do IES Ribeira do Louro fixera o proxecto plástico das lonas que están expostas no Centro Cultural Municipal e no Concello do Porriño, ata o 30 de maio veciñas e veciños poderán gozar dos poemas de Xela Arias e retratos do fotógrafo Xulio Gil no contexto da exposición Poesía do Retrato, mostra que se exibe no vestíbulo do Centro Cultural Municipal.

A Concellería de Cultura, Cami Moreira, no limiar do libro-catálogo da exposición, cualifica a Xela Arias como “unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea”.
A súa pegada, engade Moreira “parte dun proxecto artístico onde encaixan harmonicamente novos espazos para a poesía, como son a fotografía, a música a pintura, verdadeiras coartadas que afondan no empoderamento do corpo feminino e na perspectiva de xénero”.
Con esta homenaxe, apunta Cami Moreira, “tamén se recoñece a dimensión pública e comprometida de Xela non só como poeta, senón tamén de quen sempre estivo posicionada a favor da lingua galega, de quen prestou a súa voz en mobilizacións cívicas, como as que se produciron pola marea negra do Prestige”.
Doutra banda a responsable de Cultura do Porriño fai fincapé na faceta de Xela Arias como tradutora ao sinalar que “innegable é a súa contribución, case como pioneira no labor da tradución á nosa lingua dos textos fundamentais da literatura universal”.