Xoves, 19 Xuño de 2025

En setembro volven os “roteiros literarios” da Deputación

A Deputación de Pontevedra segue a “aviventar” cultura na provincia e porá en marcha o vindeiro 5 de setembro o seu programa de Roteiros Literarios por cidades e vilas  que son escenario ou que inspiraron obras literarias. Serán de novo cinco paseos, para os que haberá un total de 125 prazas, que se desenvolverán por espazos dos concellos de Vigo, Moaña, Salvaterra, Silleda e Pontevedra. O programa volve contar coa colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Cada un dos roteiros, que terán lugar tres domingos de setembro e os dous primeiros de outubro en horario de 11 a 13.30 horas, contará con 25 prazas.  Terán como guías a autores e autoras da AELG, que tomarán como base obras propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos. Deste xeito, o público poderá gozar desta experiencia descubrindo unha nova visión destes lugares e viaxando pola memoria literaria do territorio. As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico [email protected], indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto. 

  • As camiñadas, que forman parte do programa provincial “Aviventa Cultura”, arrancarán o domingo, 12 de setembro, co Roteiro de dramaturxia en Vigo, que conducirá o dramaturgo Ernesto Is e que percorrerá aqueles espazos que serviron de inspiración ou nos que se ambientan obras de autores como Marta Pérez, Cunqueiro, Valle-Inclán, María Xosé Queizán ou o propio Is.
  • O 19 de setembro será o actor, director e dramaturgo Santiago Cortegoso ofrecerá en Moaña o paseo titulado O ronco do carneiro. Alí contará historias de fuxidos polos montes de Domaio, inspiradas na obra do mesmo título e que falarán dos lugares e das consecuencias da represión franquista na comarca.
  • A última ruta do mes de setembro, o día 26, será en Salvaterra, onde Raquel Castro guiará Versos de auga e viño, con paradas en lugares que evocan a pegada de Cunqueiro, Manuel Puente e Xela Arias, entre outros.
  • Xa en outubro, haberá dous roteiros, o primeiro o día 3 en Silleda, conducido pola xornalista e escritora Ana Cabaleiro, que leva por título Memoria e ficción no relato rural e que percorrerá parte do centro urbano da localidade para poñer en valor as pegadas literarias que atesoura.
  • Os paseos literarios rematarán o día 10 de outubro en Pontevedra, onde o autor Xosé Monteagudo guiará o titulado Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos, un roteiro que o pasado 2020 non se puido levar a cabo por mor da Covid. Percorrerá escenarios desta novela de Monteagudo , en especial os espazos onde se situaban os cafés dos anos 20 e 30 do século XX, algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época ou os lugares relacionados coa fundación do Partido Galeguista.

O desenvolvemento destas rutas estará guiado por un estrito protocolo con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias e será obrigatorio o uso de máscara.

Redondela denuncia a falta de persoal no Centro de Saúde e o deterioro da atención primaria

0

O Concello de Redondela vén de esixir ao Sergas que poña fin ao deterioro que sufre a Atención Primaria no municipio como consecuencia da paulatina diminución de persoal médico no Centro de Saúde de Redondela.

Para a alcaldesa Digna Rivas, “non é de recibo” que o Centro de Saúde conte, nestes momentos, con cinco médicos/as menos e que non se realicen substitucións do persoal que está de baixa ou de vacacións. A esta situación, engade a rexedora redondelá, “súmase o feito que dende o pasado 26 de xaneiro, o Centro de Saúde non conta cun xefe/a de servizo, o que da boa conta da pouca importancia que o Sergas lle da á saúde dos nosos veciños e veciñas”.

A falta de persoal no Centro de Saúde –5 facultativos/as menos que os que ten asignado– inflúe negativamente na Asistencia Primaria xa que os médicos e médicas que agora están traballando, atópanse con que contan case que con 60 pacientes diarios nas súas axendas, cando habitualmente eran 40. “Este incremento –apunta Rivas– inflúe directamente cun empeoramento do servizo, non por falta de profesionalidade do persoal médico, senón pola sobresaturación que sofre e que lles impide dedicar o tempo necesario a cada un dos seus pacientes”.

“O deterioro da sanidade pública en Redondela é evidente”, afirma a alcaldesa, “cupos que non teñen médico de urxencias, pacientes aos que cada vez atende un médico/a diferente e que polo tanto non contan co seguimento que sería desexable, esperas de máis de 15 días para as citas telefónicas…”.

Digna Rivas adiantou a súa intención de seguir insistindo, como o leva facendo dende hai semanas, ante as autoridades sanitarias, “para que poñan freo a un desmantelamento progresivo da Atención Primaria e que sobrevive a duras penas únicamente grazas a profesionalidade de todo o persoal sanitario”.

Apertura da nova rúa Regueiro da Cañiza grazas á Xunta

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de rematar as obras de apertura da nova rúa Regueiro da Cañiza ao abeiro da nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta actuación de mellora realizada no centro urbano, financiada ao abeiro do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, acompañado do alcalde, Luis Gómez Piña, e doutros representantes municipais.

“Temos un compromiso decidido coa mellora urbana da Cañiza, como capital da bisbarra da Paradanta, polo que vimos de rematar a apertura da rúa Regueiro, derivada dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello a comezos do ano 2019 que sufriu retrasos por cuestións técnicas e de prazo, e xa estamos en disposición de continuar coa nosa colaboración  co municipio para mellorar o vial das Adegas en Valeixe”, explicou o representante autonómico.

Así, e ao abeiro do Plan Hurbe 2019-2020, o Concello da Cañiza recibíu o 70% do financiamento dos 47.000 euros para a apertura deste vial urbano, que entronca a estrada N-120 co aparcamento municipal ao aire libre situado nas inmediacións do Parque Heriberto Fuentes e da rúa Vilanova.

“Esta actuación orientouse a incrementar o atractivo da vila, mellorar un espazo público para a veciñanza, favorecer a súa accesibilidade, reforzar os servizos, aumentar a conectividade e impulsar a dinamización económica e social do casco urbano da Cañiza, ao tempo que seguimos modernizando lugares céntricos para toda a cidadanía”, explicou Luis López.

Ademais, esta acción co Plan Hurbe vai ter continuidade, xa que o Concello da Cañiza é un dos oito municipios beneficiarios da provincia de Pontevedra que van recibir fondos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a mellora de infraestruturas municipais, posto que a resolución da derradeira convocatoria, celebrada a pasada primavera, concedeulle 50.161 euros para a modernización do vial das Adegas, en Valeixe, que se acometerá ao longo deste ano.

O Concello inicia a gravación do documental “O agro en Oia”

0

O Concello de Oia vén de iniciar as gravacións para o documental “O agro en Oia”, unha peza audiovisual que se centrará no patrimonio material e inmaterial que atesouran as distintas prácticas, costumes e tradicións vinculadas ao traballo da terra.

Nestas primeiras gravacións tense feito o rexistro dalgunhas tarefas cotiás relacionadas co cultivo e recolección de produtos como o centeo, a pataca ou o millo. Os labores de sega, empacado de palla e a elaboración de palleiros de centeo son os principais protagonistas das imaxes capturadas polo equipo que realiza a peza audiovisual.

O documental ten o obxectivo de por en valor e recuperar os labores agrícolas tradicionais en Oia, implicar a distintas persoas e institucións nun proxecto participativo, rexistrar variantes dialectais do galego local, impulsar o uso da lingua galega e acadar unha valoración positiva do idioma entre as persoas que o empregan no seu día a día.

Para a realización deste audiovisual cóntase cunha subvención da Xunta de Galicia (promoción da lingua galega) por importe de 2.257,10 euros e unha da Deputación (dinamización da lingua) de 2.679,30. A cantidade restante para completar o orzamento total do proxecto, de 4.900 euros+IVE, será asumido polo Concello con recursos propios.

A participación no documental está aberta a toda a veciñanza, a fin de poder reunir coñecementos, experiencias e vivencias relacionadas co agro para gravalas en entrevistas. As persoas interesadas en participar ou facer calquera tipo de achega poden contactar co Concello no teléfono 986362125.

A Deputación aproba 25.000 euros para a celebración de actividades deportivas na provincia

A Deputación de Pontevedra volveu a por de manifesto a importancia de potenciar o deporte na provincia. Esta vez fíxoo coa aprobación das axudas para a celebración de campionatos, eventos e actividades deportivas, que neste 2021 ascenden a 250.000 euros, que chegarán a 156 entidades e clubs organizadores dun total de 36 concellos da provincia.

As achegas divídense en dúas liñas de subvencións. A primeira delas é de 100.000 euros e está destinada ás competicións deportivas oficiais, de ámbito estatal ou internacional coa denominación de campionato ou copa de España, de Europa ou do mundo. Con ela fináncianse diversas actividades como o Campionato de España de Bolo Celta, o Campionato de España de Clubs Infantís Femininos, o Campionato de España de Bádminton sub 17 ou a Copa de España de Slalom Olímpico.

Os 150.000 euros restantes están destinados á segunda das liñas, na que se enmarcan as axudas para a realización de competicións oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, federadas ou non federadas. Dentro delas atópanse citas tan relevantes como un open de xadrez, un festival de windsurf, rutas BTT, rallys, torneos de tenis de mesa ou regatas de traiñeiras.

Na Área de Vigo repartíronse 86 subvencións por un total de 144.827,55€ no marco das dúas liñas de subvencións. Resultaron beneficiados o Club Ciclista Rías Baixas, Club Deportivo Old School Boxing, Federación Galega de Tenis, Federación Gallega de Bolos, Federación Gallega de Motonáutica (Endurance Class B), Federación Gallega de Motonáutica (Motos Acuáticas), Real Club Náutico de Vigo, +Enduro MTB, Agrupación Deportiva SODIM, Asoc. Aguas Abiertas de Galicia, Asoc. Futevolei Vigo, Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo, Club Billaristas Errantes, Club Bolos Valladares San Bartolomé, Club Ciclista Vigués, Club Cíes Squash, Club de Lucha El Castro, Club de Piragüísmo Olívico, Club Deportivo Padel Femenino Cíes, Club Deportivo Atlántigas, Club Deportivo Coia, Club Deportivo Freestyle Slalom Vigo, Club Deportivo Minauta, Club Escola Rosalía, Club Montañeros Celtas, Club Moto Vigo, Club Remo Vigo, Club Sociedad Deportiva Carballal, Comesaña Sporting Club, Escuelas Deportivas Vigo 2015 Fútbol Sala, Federación Galega de Ciclismo, Federación Gallega de Balonmano, Federación Gallega de Lucha, Federación Gallega de Motociclismo, Prado Surf Clube, Real Federación Gallega de Vela, S.D. Atletismo San Miguel, Sociedad Cultural y Deportiva Atlántida e The Wild, Tumetapersonal.

Na comarca de Pontevedra repartíronse 22 subvencións por 37.202,89€ nestas axudas da Deputación. Resultaron beneficiados o Casino Mercantil e Industrial, Federación Gallega de Piragüismo Pontevedra (I Regata Internacional Xacobeo), Federación Gallega de Piragüismo Pontevedra (Trofeo Internacional Xacobeo-Campionato de España), Baloncesto Estudiantes Pontevedra, BVB, Club Boa Vila de Tiro con Arco-Pontevedra, Club Deportivo Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra, Club Deportivo Viejo Lobo School, Club de Taekwondo Mace-Sport, Club de Tiro Río Lérez, Club Natación Galaico, Club Treboada, Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra e Sociedad Deportiva Teucro.

Na comarca do Morrazo repartíronse 9 subvencións por 9.044,11€. Os beneficiarios son:

Club Balonmán Cangas, Club Náutico de Cangas, Club Náutico Rodeira Cangas, Luceros, Sociedad  Deportiva Samertolameu, Clube Balonman Moaña, Club Takwondo Patiño, Escuela de Waterpolo Moaña e o Club Bueu Atlético Balonman.

Na comarca de Arousa repartíronse 17 subvencións por 30.103,5€. As achegas foron para o Club Náutico O Muiño Ribadumia, Club Ajedrez Albariño, Club Cambados Tenis de Mesa, Club de Tenis Cambados, Club Náutico Pontecesures, Kennel Den, Club de Remo Mecos do Grove, Club Marítimo Deportivo e Cultural Breogán do Grove, Creacciona Cum Laude, Asoc. Cultural Dorna, Club Piragüismo Illa Arousa, Motoclub VFM, ADC Encestarias, Asoc. Deportiva Arousa Fútbol 7, Club Vilagarcía RC-Team Pitufo, Asoc. Juvenil Saraiva do Mar e, finalmente, o Congostra Team Sanxenxo.

Nas comarcas do Deza-Tabeirós-Terra de Montes repartíronse 10 subvencións por 30.594,66€. As entidades receptoras foron o Club Badminton A Estrada, Escola Estrada de Fútbol Base, Escudería Estradense-La Estrada, Extol-La Gramola Team, M.N.M. (Móvete Na Moto), Clube (S.R.) Sobre Rodas, Club Escudería Lalín-Deza, GTR Galaico Trail Run, Asoc. De Criadores de Caballos Españoles de Galicia e o Club de Trail Rural UP.

O Rosal licita a rehabilitación da escola unitaria de Pías

0

O Rosal aposta pola educación de proximidade coa rehabilitación progresiva das súas escolas unitarias. O Concello investirá 200.000 euros en accións de mellora da eficiencia enerxética e do confort para contribuír na conservación destes  espazos, e na protección do medio ambiente O proxecto arrancará coa transformación da escola unitaria de Pías, que foi licitada esta semana en Xunta de Goberno.

A reforma do CRA de Pías transformará o centro en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axudan a reducir ao mínimo o consumo e mellorando en gran medida o confort interior. 

A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que para o Concello “as seis escolas unitarias do Rosal son unha prioridade”, que permiten “fomentar unha educación de proximidade e responsabilidade coa nosa contorna entre os nenos e nenas”. Por todo isto, “queremos que sexan espazos modernos e sostibles”, conclúe.

As aulas das escolas en Couso, Fornelos, Marzán, Novas, Paradelas e Pías contan nestes intres con 8 unidades de educación infantil e 3 de primaria.

A Policía Local do Porriño desarticulou un grupo que se dedicaba ao roubo en vivendas e vehículos

Axentes da Policía Local detiveron a tres mozos, veciños do Porriño, que formaban un grupo moi activo aos que se lles responsabiliza de diversos roubos en vivendas e tamén no interior de vehículos acaecidos no Porriño nos últimos días.

As detencións realizáronse na pasada madrugada grazas á colaboración cidadá. Un veciño chamou á Policía Local ás 4:27 horas informando que estaba vendo varias persoas dentro dun domicilio con lanternas. Unha dotación da Policía Local acudiu e detivo a dous mozos de 18 e 19 anos e unha moza menor de idade, despois dunha persecución a pé, pois intentaron fuxir ao apercibirse da presencia da patrulla. Os axentes puideron recuperar os obxectos sustraídos e devolvelos aos donos da vivenda.

A menor foi entregada a súa nai pero deberá pasar a disposición da Fiscalía de Menores namentres os dous mozos  maiores de idade, pasan a disposición do xulgado de garda no Porriño. 

A Policía Local informou que a detención deste grupo ía producirse na noite do mércores ao xoves pero adiouse por causa do lume declarado no serradoiro de Mosende que obrigou a concentrar todos os efectivos de garda para atender ese sinistro.  

Unha vez máis A Policía Local e a Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure agradecen a colaboración da veciñanza e lembran que a Policía Local ten patrulla dispoñible 24 horas ao día, chamando ao teléfono 620404040.

Máis de 150 aventureiros exploradores dispostos a descubrir todos os recunchos de Gondomar

0

A actividade, pensada principalmente para familias con nenos, ten como obxectivo dar a coñecer a contorna de Gondomar de forma amena e facilitando  unha  xornada de lecer e encontro familiar neste tempo de verán. A resposta a iniciativa foi moi satisfactoria porque en poucos días cubríronse as 150 prazas.

Todo  preparado para que este domingo 22 de agosto os equipos, que se dividirán nas categorías “Pequenos  Castores” – na que debe haber polo menos un menor de 12 anos- e a de “Exploradores” -integrantes maiores de 12 anos-, enfróntense aos retos que se lles exporán a partir das 10:30 pola organización. O punto de partida a Praza Paradela onde tras dar a coñecer as regras faráselles entrega dun mapa, que no caso dos máis pequenos irá acompañado dun tubo  portaobxetos “onde poderán gardar as  sorpresas que irán atopando en cada unha das balizas que deben localizar”.

Pertrechados  cun teléfono móbil, por se fose  necesaria a comunicación coa organización nalgún momento, roupa e calzado cómodo así como o avituallamento adecuado os participantes contarán con ata dúas horas e media para cubrir todo o percorrido, distintas fases nas que irán atopando balizas con pistas, tesouros ou mesmo probas que realizar e que lles permitirá ir sumando puntos.

Ademais do carácter deportivo deste roteiro turístico, sumarase o espírito  olímpico, aínda moi recente tras a clausura dos Xogos de  Tokyo e as medallas conseguidas polos galegos e galegas. Así que os concursantes deberán enfrontarse tamén a retos relacionados coas olimpiadas.

Todo preparado para Descubrir Gondomar andando ou correndo pero cun sorriso nos beizos e sen esquecer “o compoñente estratéxico, a toma de decisións, o traballo en equipo e a deportividade como claves para finalizar con éxito”.

O 1 de setembro abrirá o prazo de inscrición para os cursos CELGA e de linguaxe administrativa galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas informa que os cursos CELGA e de linguaxe administrativa galega da Escola Oficial de Idiomas abrirán o prazo de inscrición do 1 ata o 10 de setembro para o primeiro cuadrimestre do curso (outubro – xaneiro). As solicitudes para o segundo (febreiro – maio) poderán presentarse desde o 4 ata o 14 de xaneiro de 2022.

Todas as persoas que estean interesadas e precisen información sobre estes cursos poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ponteareas, onde recibirán información detallada sobre estas accións formativas. A formación é gratuíta e está convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, destaca que estes cursos “son unha gran oportunidade para mellorar no uso da nosa lingua e poder obter un título imprescindíble para acceder a un proceso de oposición en Galicia”. Por todo isto, “animo a veciñanza a sumarse a esta formación”, concluíu.

Salceda loita contra o feísmo no casco urbano para potenciar o turismo

O Concello de Salceda de Caselas está a realizar un traballo de revisión das fachadas dos edificios do casco urbano que non se manteñan limpas e en bo estado. A ordenanza de limpeza viaria e ornato público do Concello de Salceda de Caselas establece a obrigatoriedade de manter limpas e en bo estado todas as partes dos inmobles que sexan visibles dende a vía pública, e especialmente nos baixos, nos que as persoas propietarias deben “pechalos debidamente, con ladrillo ou bloque, levando a cabo o seu recebado, salpicado e, en todo caso, pintado”. O non cumprimento desta obriga considérase como infracción grave, o que carrexa multas que poden ir ata os 1.500 €.

Nesta primeira fase, a policía local está a rematar o traballo de revisión das diferentes edificacións, e o departamento xurídico do Concello xa está a emitir os correspondentes informes que lles serán notificados aos propietarios e propietarias dos inmobles, establecéndolles un prazo para que procedan a realizar as tarefas de adecentado dos locais para evitar deste xeito a posible sanción.

O Concello de Salceda leva realizado un importante esforzo nos últimos anos por mellorar o aspecto das súas rúas e espazos públicos, coa recuperación de espazos para as persoas, a creación de novas zonas verdes ou a instalación de mobiliario urbano sobre o que destacan as xardiñeiras e maceteiros que se teñen convertido xa en sinal de identidade da vila, e que supuxeron a concesión de dúas flores no certame “Vilas en flor” que premia este tipo de actuacións ao longo de todo o País.

O aspecto das fachadas dos edificios resulta fundamental para contribuír ao embelecemento da vila, e aínda que moitos destes locais xa se foron adecuando á normativa, é certo que outros permanecen sen rematar, con paredes de ladrillo ou incluso sen pechar, amosando un aspecto descoidado que non favorece a sectores como o turismo ou o comercio, e que agora se pretende atallar dende o Concello.

Loli Castiñeira, Alcaldesa accidental: “O Concello leva realizado un importante esforzo para ofrecer a mellor cara da vila a veciñanza e visitantes, contribuíndo deste xeito a potenciar Salceda como vila de destino de numerosas persoas. Unha imaxe axeitada dos inmobles completará o traballo realizado ofrecendo unhas rúas máis atractivas, polo que apelamos á responsabilidade e á colaboración das persoas propietarias deses locais para seguir a construír esta Salceda que tanto queremos entre todos e todas”.

O Concello de Oia saca a licitación melloras en varios camiños de Mougás e Loureza

0

O Concello de Oia vén de sacar a licitación varios contratos de obras de mellora en catro camiños situados nas parroquias de Mougás e Loureza por un valor total de 109.455,43 euros. As actuacións consistirán maioritariamente en reforzo do firme nestas vías, actualmente moi deteriorado, co obxectivo de mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria, a vertebración do territorio e a calidade de vida da poboación.

As actuacións en Mougás sitúanse en dous camiños de titularidade municipal. Así, faranse melloras no acceso norte ao campo de fútbol do Cabezo e nun tramo do camiño de Fabás. A actuación afecta aproximadamente a un percorrido dun quilómetro.

O orzamento base de licitación destas obras ascende a 59.222,53 euros e a antedita licitación farase por procedemento aberto. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 27 de agosto ás 14.00 horas.

A actuación financiarase con 39.507,14 euros concedidos a Oia dentro  das subvencións convocadas por Vicepresidencia da Xunta para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o ano 2021. O investimento restante asumirao o Concello con fondos propios.

Melloras en Loureza

Pola súa banda, as intervencións de mellora na parroquia de Loureza desenvolveranse en dous puntos: nun tramo do camiño dos Eidos de Abaixo e noutro tramo do da Aldea, ambos de titularidade municipal.

Neste caso, o orzamento base de licitación é de 50.232,90 euros, IVE incluído. A licitación destas obras segue o procedemento aberto e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 27 de agosto ás 14.00 horas.

A actuación de mellora nos dous camiños de Loureza será financiada a través do Plan MARCO da Xunta -destinado á mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas- cun total de 40.109,88 euros, repartido en dúas anualidades (20.054,94 euros en 2021 e os restantes 20.054,94 euros en 2022). Pola súa parte, o Concello asumirá con fondos propios o importe correspondente ao IVE.

Areeiro advirte do incremento das capturas da avelaíña da mazá

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda ás persoas viticultoras seguir pendentes ante o mildio e a botrite nas viñas e no que advirte así mesmo sobre o incremento das capturas da avelaíña da mazá.

No que respecta ao mildio, o persoal da EFA destaca que as condicións meteorolóxicas dos últimos días foron favorables ao seu desenvolvemento e, deste xeito, observouse un avance da presencia de manchas esporuladas nos gromos terminais das viñas que levan tempo sen tratar, e tamén a aparición significativa de rebuscos afectados nestas mesmas parcelas. Non obstante, as previsións da climatoloxía para as vindeiras xornadas, con algunha precipitación feble e posterior estabilización, non deberían, segundo Areeiro, xerar problemas maiores, dada a elevada densidade de vexetación deste ano.

En canto á botrite, non se atoparon nas parcelas visitadas síntomas desta enfermidade, aínda que o cambio da meteoroloxía para os próximos días fai máis previsible a instalación do patóxeno, pero si se ten mantido unha boa sanidade da uva non é probable que se produzan danos. De instalarse puntualmente o fungo, pódense eliminar os grans/acios afectados ou ben aplicar un funxicida (salvo nos casos en que as adegas limiten os tratamentos) con moi curto prazo de seguridade.

Capturas de Cydia pomonella nunha semana

Do mesmo xeito, dende a Estación indican que se observou un incremento da presenza de síntomas do oídio, en especial nas follas e pampos máis tenros das plantas testemuña e naquelas viñas que levan máis tempo desprotexidas. Por esta razón, o persoal de Areeiro sinala que, nalgún caso, poderá será conveniente aplicar un tratamento despois da vendima, non só fronte este patóxeno senón tamén fronte ao mildio.

Doutra banda, no que respecta á avelaíña do acio, dende a Estación destacan que nesta semana tamén producíronse poucas capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas, e o número de ovos e penetracións das eirugas foi tamén moi reducido nas viñas visitadas.

E no que atinxe aos cicadelidos, volvéronse capturar dous exemplares do mosquito Scaphoideus titanus, mentres que no caso dos demais cicadelidos, o número de insectos mantívose reducido tamén, coma no resto da campaña nas viñas controlada pola EFA. A última referencia ás viñas vén marcada polo incremento da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico debido ás altas temperaturas, así coma da intensidade dos síntomas de patoloxías da madeira nas plantas onde xa apareceran.

O aviso fai referencia a outros cultivos e, no caso da maceira, Areeiro advirte que esta semana se produciron as maiores capturas da avelaíña nas trampas instaladas na EFA  (15 machos).  E apunta que é bo momento de instalar as bandas-trampa de cartón nas maceiras para capturar as  eirugas que se retirarán a  invernar; xa que ao retirar e destruír estas bandas antes da primavera, elimínase parte da poboación para a seguinte campaña. Por último, non se observaron eirugas da bolboreta do buxo nas revisións, só se atoparon crisálides e a brotación das plantas é máis xeneralizada.

Os Premios Nacionais de Vela recoñecen a Joan Cardona como mellor regatista olímpico

0

Era o máis novo do equipo español e foi o último en sumarse ao escuadrón de regatistas que acudiron a Tokio 2020 representando a España, pero nin unha cousa nin a outra lle impediron lograr o seu ansiado soño de colgarse ao pescozo unha medalla olímpica.

Con apenas 23 anos, o deportista balear Joan Cardona, asinou co seu bronce un dos grandes éxitos para a vela española en Enoshima e o eco desa vitoria permitiulle ser protagonista de múltiples homenaxes desde o seu regreso do país nipón.

O próximo recibirao o 4 setembro no Monte Real Club de Iates de Baiona (Galicia), onde se celebrará a gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, na que Cardona recollerá un novo recoñecemento, o de mellor regatista olímpico.

Sempre tiven moi claro que quería facer isto na miña vida

Joan Cardona tras ganar el bronce en Tokio 2020 – Foto Sailingshots by María Muiña ©

Será unha liña máis para un currículo deportivo que Cardona empezou a escribir desde o Club Marítimo de Mahon con apenas 6 anos, cando o seu pai inculcoulle a súa paixón pola vela. Debutou con 14 anos como o benxamín do Trofeo Princesa Sofía e a súa evolución foi constante desde entón.

Con moito adestramento, constancia e empeño, aos poucos foi subindo nas clasificacións das probas internacionais ás que acudiu e nas súas últimas grandes competicións previas aos Xogos Olímpicos logrou dous ouros (Campionatos de Europa Sub23 de 2019 e 2021) e dúas pratas (Campionato de Europa e do Mundo de 2021).

Sumaba podios nuns preliminares que auguraban o éxito que finalmente Cardona logrou facer realidade en Enoshima coa medalla de bronce de Finn. “Sempre tiven moi claro que quería facer isto na miña vida e non me vía doutra forma; deixei moitas cousas de lado poñendo en prioridade á vela porque era o meu obxectivo e quería chegar a este día, facer leste soño realidade”, declaraba o balear tras cumprir o seu soño de infancia.

O Concello de Oia distribúe axudas á hostalería local por importe de 28.000 euros

0

O Concello de Oia destinou un total de 28.000 euros a axudas á hostalaría local para paliar os efectos da COVID-19, unha achega realizada a través dun convenio de colaboración coa Xunta que permitiu ampliar o plan de rescate da administración autonómica con aportacións municipais.

O Concello adheriuse recentemente ao convenio proposto pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e máis a Consellería de Emprego e Igualdade para a concesión de axudas ao sector da hostalaría afectado polos peches regulados nas normativas ditadas polas autoridades sanitarias a causa da COVID-19. Este convenio permitiu ampliar o plan de rescate autonómico a través de achegas municipais de 1.000 euros por establecemento, así como simplificar trámites e axilizar pagos.

No caso de Oia, a colaboración entre Xunta e Concello supuxo unha achega municipal de 28.000 euros, a cal foi distribuída entre un total 28 establecementos hostaleiros (todas as persoas pertencentes ao sector da hostalería de Oia que resultaron beneficiarias do II Plan de Rescate da Xunta Programa I-Hostalería). Deste xeito, cada negocio recibiu o importe concedido pola Administración autonómica e 1.000 euros adicionais  procedentes da achega do Concello.

Nos plans de rescate á hostalaría I e II, a Xunta leva destinados 129.100 euros a establecementos radicados no municipio de Oia, importe ao que se suman os 28.000 euros procedentes do Concello a través do convenio de adhesión.

Por outra banda, a Administración local continúa desenvolvendo xestións destinadas á activación doutras axudas para a hostalaría local afectada pola COVID-19. A este respecto, en breve publicará a liña de axudas da Deputación de Pontevedra dirixida a este sector, que no caso de Oia ascenderá a 8.000 euros.

O alcalde da Cañiza recibe aos oficiais da BRILAT da operación “Centinela Galego”

0

O alcalde da Cañiza recibiu na Casa do concello aos oficiais da BRILAT do operativo “Centinela Galego” desplegado na Cañiza. Trátase dunha operación de reforzo para loitar e previr os incendios forestais, posta en marcha o pasado 15 de agosto.

O Xefe de Patrullas, sarxento Marcos, e o Oficial de Enlace da provincia de Pontevedra, brigada Lamas, informaron ao alcalde sobre esta estratexia, que permanecerá activa ata o vindeiro 30 de setembro. Inicialmente despregarase un total de 30 patrullas terrestres nas zonas da comunidade con maior actividade incendiaria, unha delas nas comarcas do Condado – Paradanta, con sede única na Cañiza, que integra todos os Concellos do Distrito XVII e o Concello de Melón, pertencente ao Distrito XI Ribeiro – Arenteiro.

Ademais dos labores de vixiancia continua, que contarán con drons, os efectivos militares despregados realizarán unha importante acción de disuasión e visibilidade. Este sistema de prevención efectiva se fundamenta na disposición dun sistema de detección e alerta temprana que permite a actuación dos equipos en tempo e forma.

Nesta primeira reunión, Luis Piña agradeceu a “esencial labor que o Exército leva desenvolvendo nestes anos na loita contra os incendios, corroborado polas estadísticas que marcan un importante descenso dos incendios nos nosos montes”. O rexedor, un ano máis lle transmitiu aos oficiais “a vontade do consistorio de colaborar e traballar conxuntamente sempre que a situación o requira”.

No ano 2019, o Luis Piña adoptou a decisión de buscar un mellor emprazamento para as patrullas con sede na Cañiza que ata o 2018 se aloxaban nos comedores e anexos do Centro de Ensinanza de Carballo do Marco. Nese ano adaptouse o Centro Cultural O Pateiro de Oroso para que estes efectivos poideran disfrutar de maior comodidade. A estes efectos dotouse á instalación de auga potable coa construcción dun pozo, de quentador de auga e de duchas. Ademáis contan cun espazo único para a instalación das habitacións e outro para o posto de mando.

Ponteareas construirá un muro de contención no punto limpo municipal

O Concello de Ponteareas construirá un muro de contención que garanta a seguridade da contorna do punto limpo en Alemparte (Areas), xa que a instalación municipal está construída sobre un terreo con gran desnivel con risco de desprendemento.

A alcaldesa da vila, Cristina Fernández Davila, expón que esta actuación “é urxente para reducir o perigo, sobre todo en inverno, e mellorar o servizo ofrecido á veciñanza”.

Durante a intervención tamén se aproveitará para levar a cabo a construción dun muro de peche que evite a entrada de persoas alleas ao punto limpo así como animais. Este muro de peche discorrerá na cota superior do muro de contención, establecendo así unha dobre protección.

A intervención conta cun orzamento de máis de 180 mil euros financiado por fondos propios do Concello e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Unha xornada diferente no proxecto Vincúlate de Baiona

0

O pasado martes, e dentro das actividades levadas a cabo no proxecto Vincúlate, os participantes recibiron a visita do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e da concelleira de servizos sociais, Conchy Vara, que aproveitaron a ocasión para facerlles entrega dunhas camisetas. Con tal motivo, os rapaces dos tres grupos xuntáronse para pasear aos cans e visitar con eles o parque canino situado no paseo Monte Boi, onde tiveron ocasión de realizar varias actividades.

Dentro do proxecto, os participantes están traballando técnicas de adestramento básico cos cans ao tempo que lles dan a oportunidade de visibilizalos para tratar de conseguir unha adopción responsable. Con este mesmo fin, a semana pasada tanto os rapaces e rapazas como os cans, participaron nunha sesión fotográfica conxunta realizada polo estudo de fotografía Ño, que quixo colaborar co proxecto.

“Nos 5 meses que leva en marcha o proxecto xa se conseguiron 6 adopcións, moitas delas fora do noso municipio, ao que nos da unha idea do seu alcance”, resalta o alcalde, que di sentirse moi orgulloso tanto do traballo realizado por parte dos participantes no proxecto como dos distintos colaboradores que, na medida na que poden, aportan ao proxecto non só a oportunidade de medrar senón tamén axudan a inculcar nos rapaces e rapazas valores tan importantes como son o traballo en equipo, o altruísmo, o cooperativismo… 

Despois dunha demanda feita polos participantes, o alcalde adquiriu o compromiso de que o proxecto continuará no ano 2022.

O Porriño atende a un milleiro de persoas no punto de información sobre a actualización catastral

Preto dun milleiro de persoas foron atendidas no punto de información habilitado polo Concello do Porriño en colaboración co ORAL e o Catastro para atender as consultas da veciñanza sobre a actualización de parcelas. A atención ao público centralizouse no salón de sesións da casa consistorial e funcionou mediante cita previa. Abriu o luns 19 de xullo e rematou este pasado martes 17 de agosto.

Segundo informa o persoal que atendeu á veciñanza, do total de persoas atendidas, 76 interpuxeron recurso. A meirande parte por non ser titulares das fincas ou por non figurar correctamente a configuración. Agás 4 veciños que recorreron por considerar excesivo o incremento da valoración catastral.

A Xerencia do Catastro notificou unha actualización da cualificación de parcelas feita en aplicación da lexislación vixente que afecta a 17.400 propiedades no concello do Porriño. Trátase dunha revisión de valores que renova o anterior padrón que databa de 1985. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.
Ante o gran número de afectados , a alcaldesa Eva García xestionou coa Xerencia do Catastro e do Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para que dispuxeran este punto de información para aclarar dúbidas é consultas que se prolongou por cinco semanas pola demanda de aclaracións.

A partires de agora, as consultas deben realizarse na oficina do ORAL no Porriño, que sita na rúa Pinar, 5 baixo, con solicitude de cita previa a través da páxina web da Deputación ou nas oficinas do Catastro en Pontevedra e Vigo.

O Concello de Oia ampliará a rede de saneamento

0

O Concello de Oia investirá máis de 65.000 euros en ampliar a rede de saneamento municipal, uns traballos que permitirán conectar o camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e, na parroquia de Viladesuso, prolongar a rede existente ata a altura de Paxariños-Sobral.

A Administración local fixo unha solicitude ás  subvencións de Augas de Galicia destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración; resultando beneficiaria dunha axuda de 50.000 euros para a execución do proxecto presentado.

Este proxecto consiste na construción de rede de saneamento de augas residuais no camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e da parte baixa do Sobral (Viladesuso). Nestes puntos instalarase unha rede composta por colectores de PVC, os correspondentes pozos de rexistro e as acometidas domiciliarias. Unha vez finalizados os traballos, reporase o firme dos camiños afectados polas obras.

O Concello de Oia afrontará os custos destas obras cos 50.000 euros da subvención concedida por Augas de Galicia e o importe restante asumirao con fondos propios.

Licitación

O Concello vén de sacar a licitación destas obras de saneamento, cun orzamento total de 65.122,6 euros (IVE incluído). O anuncio de licitación esta publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na plataforma de contratación do Estado.

A antedita licitación levarase a cabo mediante procedemento aberto e as empresas interesadas terán de prazo ata o 24 de agosto ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas.

A Deputación organiza visitas escenificadas aos castros ao abeiro do programa “Historias Cavadas”

Cultura, diversión e patrimonio conxúganse nas “Historias Cavadas”, o novo programa de visitas escenificadas co que a Deputación de Pontevedra vai poñer en valor os castros musealizados da provincia da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión de tódolos públicos. Deste xeito, a institución provincial levará a cabo o vindeiro mes de setembro estas rutas polos xacementos de Toiriz (Silleda), A Subidá (Marín) e Castro Alobre (Vilagarcía), que vén de musealizar xunto ao Ministerio de Fomento e os citados concellos.

As sesións aos distintos castros serán realizadas polo grupo Troula Animación e, máis concretamente protagonizadas por dous personaxes, un romano e unha castrexa, que lle darán unha “onda cómica” a estes percorridos pola historia co obxectivo de convertelos nunha experiencia non só cultural, senón divertida para todas as idades. A duración estimada é de 50 minutos.

Complétase con esta iniciativa sociocultural o compromiso da Deputación coa recuperación e posta ao dispor da sociedade destes espazos. Unha aposta pola divulgación e actualización do legado patrimonial da provincia e o fomento de experiencias culturais seguras e singulares.  Haberá 25 prazas para cada unha das visitas, que as persoas interesadas deberán reservar no enderezo [email protected]. No correo deberá indicarse o nome do castro e a data da visita, o nome completo das persoas solicitantes (4 prazas máximo por reserva) e un teléfono de contacto.

As visitas arrancarán o 2 de setembro en Toiriz, onde tamén se celebrará outra ruta o día 3, ambas as dúas ás 20 horas. Posteriormente, as “Historias Cavadas” chegarán ao vilagarcián Castro Alobre (días 16 e 30 de setembro ás 20 horas) e finalizarán no castro marinense da Subidá, con citas o 17 e 24 de setembro ás 19 horas. Serán actividades accesibles e inclusivas, que contarán así mesmo con intérprete de lingua de signos en caso de ser necesario.

O obxectivo coas actividades nestes enclaves patrimoniais, é que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica, que axude a comprender o importantísimo papel que teñen como testemuña do pasado e o indispensable labor de recuperación e respecto que se realiza para sacalos á luz e que continúen a súa historia cara o futuro. A compañía Troula, encargada de realizar as visitas escenificadas, está especializada en teatro e animación, con ampla traxectoria de máis de 20 anos na produción de espectáculosde rúa. Moi presentes cos seus proxectos en Galicia e boa parte da xeografía nacional, así como estranxeira (Francia, Portugal, Inglaterra, Escocia e Irlanda), Troula é a compañía organizadora do festival de espectáculos itinerantes de Pontevedra, Itineranta, e produtora de coñecidos proxectos como  “Uxía Lambona e a Banda Molona”, “Errantes”, “Pachamama” ou “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”. Actualmente, tamén se encargan das visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior, outra das apostas socioculturais da Deputación para poñer en valor o patrimonio provincial.

Covelo humaniza o camiño da igrexa de Santa María de Paraños grazas á Deputación

0

Un investimento de case de 41.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu embelecer e mellorar a accesibilidade do camiño da igrexa de Santa María de Paraños, ao tempo que levouse a cabo unha humanización de toda a contorna. As obras foron supervisadas polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font; a deputada de Cohesión Social, Olga García, e o alcalde, Juan Pablo Castillo nunha visita institucional.

A actuación cínguense ao camiño que conecta o conxunto formado polo templo e o cemiterio parroquial a través doutra vía rural coa N-120. O proxecto, que remarca a prioridade peonil e elimina todo tipo de barreiras arquitectónicas, consistiu na pavimentación do firme de xabre cunha base de formigón incluíndo unha zona empedrada con lousa de granito, a modo de vestíbulo, na contorna das edificacións relixiosas. Alí tamén habilitáronse dous bancos. A maiores, o concello renovou o saneamento.

O camiño embeleceuse con franxas transversais de pedra e tamén quedou dotado dunha nova rede de recollida de augas pluviais coas respectivas arquetas e grellas de ferro. No deseño respectáronse os accesos da circulación rodada ás fincas e predios colindantes, así como as conexións peonís coa contorna da igrexa e as vivendas da zona. Atendendo á suxestión de Patrimonio o encontro dos pavimentos cos muros de peche tanto do adro como do parcelario da zona resolvéronse con bandas de pedra de granito silvestre de 8 centímetros.

O investimento total da Deputación de Pontevedra en Covelo, desde o ano 2016, supera os 5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos, o municipio recibe máis de 460.000 euros.  Dende o ano 2016 Covelo foi quen de executar 25 obras financiadas pola Deputación con cargo a este operativo de financiamento regrado. A maiores, obtivo achegas en concorrencia competitiva para a mellora da seguridade dos viarios municipais (86.757 euros do plan DepoRemse) e para o proxecto de mellora de accesibilidade e humanización da praza de Barciademera (287.407 euros do Plan de Reequilibrio). O Concello puido contratar tamén a 95 persoas desempregadas ata o ano pasado para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 16 traballadores/as máis.

O proxecto DepoMar chega a Redondela

0

A campaña informativa do proxecto DepoMar da Deputación de Pontevedra recalou hoxe no concello de Redondela. Esta iniciativa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha con financiamento europeo xunto á Fundación Biodiversidad, ten como obxectivo fundamental fomentar a protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos da Rede Natura 2000 da provincia a través da participación activa e directa das mulleres mariscadoras.

A deputada provincial, Olga García, participou, xunto á alcaldesa, Digna Rivas, nesta xornada da campaña, cuxo punto de encontro foi a Rúa Alfonso XII, no que se instalou a carpa informativa e distribuíuse material divulgativo do proxecto e dous códigos QR: un co audiovisual do proxecto, protagonizado por mulleres do sector do mar e que ten como obxectivo difundir a importancia do traballo da muller mariscadora na conservación dos recursos mariños, que tamén está a difundirse nas redes sociais da Deputación, e outro co código de boas prácticas elaborado no marco desta iniciativa.

Tralo seu paso polos concellos de Vigo, A Guarda, Cangas, Baiona e Redondela, a campaña continuará ata o 27 de agosto nos concellos do Grove, Cambados e Poio.

O Concello iniciará en setembro as obras das dependencias dos Servizos Sociais de Chapela

0

A Xunta de Goberno Local aprobou, na súa sesión do mércores 18 de agosto, a adxudicación do contrato de servizo de Dirección de Obra e Coordinación de Seguridade e Saúde para a obra de ‘Acondicionamento, adaptación e mellora enerxética’ das dependencias de Servizos Sociais de Chapela, último trámite para que os traballos poidan comezar o mes de setembro.

Con anterioridade –o 10 de agosto– o Goberno Local xa tiña adxudicado a obra á empresa Impervelper, S.L. cun orzamento de 175.329,00 euros (IVE incluído) con cargo aos fondos EDUSI Redondela 2020.

Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses e, mentres duren os mesmos, as usuarias e usuarios dos servizos sociais de Chapela serán atendidas nas oficinas provisionais que o Concello está a acondicionar no multiúsos da parroquia.

Dada as especiais condicións de privacidade que a prestación dos servizos sociais require, ditas dependencias provisionais serán independentes do resto de servizos do multiúsos contando, incluso, cunha entrada aparte do resto da instalación.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia das obras que están a piques de comezar xa que, asegurou, “permitirán que tanto persoas usuarias como persoal municipal, poidan contar cunhas instalacións axeitadas, modernas, funcionais e deseñadas específicamente para esta función”.

Como todas as obras que se realizan por parte do Goberno local, as novas oficinas serán totalmente accesibles e contarán con elementos que garantan a súa eficiencia enerxética.

Nos vindeiros días, adianta a alcaldesa de Redondela, “darase a coñecer a veciñanza a data en que comezarán a funcionar estas dependencias provisionais para que non se produza, en ningún momento, suspensión nin demora na prestación deste servizo”.

Tomiño fai máis accesible o tramo municipal da estrada de San Salvador de Tebra

0

Veñen de arrancar as obras de reforma e acondicionamento da vía de acceso a San Salvador de Tebra, que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia.

A intervención, orientada á renovación completa do tramo de propiedade municipal, procura darlle coherencia coa urbanización da praza situada nas inmediacións da igrexa e do centro cultural, e empregando materiais similares aos utilizados neste espazo.

A actuación, con deseño do arquitecto Xavier Pousa, facíase necesaria para acondicionar un espazo que levaba acumulando un notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís.

O proxecto formula unha modificación na sección da vía, formada até o de agora por dous carrís e beirarrúas bastante estreitas. Por iso estanse a ampliar as zonas de uso peonil, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais.

Con esta intervención, adxudicada a Construccións Castro Figueiró S.L, por preto de 100.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, o Concello pretende dar resposta á unha demanda veciñal.

As obras realízanse con cargo ao Plan Concellos 2020 e inclúen a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e os dos vehículos.

Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil (unha de 1 metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, na marxe dereita), para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.

Ademais, dotarase de pavimentos e arborado novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética. O alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental; toda a vía terá a mesma altura, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís. “Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopaba”, precisa a alcaldesa  Sandra González.

Nigrán rende a súa particular homenaxe ao finalista olímpico de 800 metros Adrián Ben

0

O Concello de Nigrán rendeu onte a súa particular homenaxe a Adrián Ben, primeiro atleta español finalista olímpico na proba de 800 metros en Tokio. O deportista de Viveiro veranea ininterrumpidamente coa súa familia desde hai 20 anos no Camping Praia América, lugar que mencionou nos medios de todo o mundo xusto despois de acadar a súa flamante quinta posición na carreira e a onde regresou directo desde Xapón. Por este motivo, o rexedor e o edil de Deportes aproveitaron a chegada de Ben ao camping para trasladarlle persoalmente as felicitacións do Concello e achegarlle o Libro de Honra para a súa firma, ademais de agasallado cunha peza conmemorativa de Nigrán. Ao acto informal acudiron as grandes promesas da Sociedade Atlética Val Miñor e o seu adestrador Óscar Fernández, estes leváronlle unha camiseta  actual da carreira popular Nigrán Area que Adrián tantas veces disputou nos seus veráns en Nigrán. 

“Adrián fai bandeira do noso municipio alí onde vai e nos tamén presumimos de ser o seu segundo fogar, por iso estamos especialmente orgullosos do seu gran éxito e agradecemos moitísimo que nos mencione polo mundo adiante”, sinalou o alcalde, Juan González.

“Desde que cumplín 3 anos non faltei ningún verán a este camping, son moi feliz aquí, é a miña segunda casa, teño un grupo de amigos de toda Galicia que nos vemos cada ano e, se non estou adestrando, pasamos xuntos as mañás na piscina e as tardes en Praia América, que me encanta, é o mellor do municipio, o coñezo perfectamente”, explica o atleta, quen actualmente prepara en Nigrán a súa participación o vindeiro xoves en Lausana (Suíza) na liga Diamond, polo que non considera esta estancia concreta como “vacacional”. “Corro pola senda completa do río Muíños que é estupenda, fago un circuito en L que inclúe o parque empresarial Porto do Molle,  e desprázome a Pontevedra para adestrar en pista cuberta”, comenta Ben, quen confesa que só os runners cos que se cruza o recoñecen como o flamante olímpico que é.

“Aquí o coñecemos desde sempre como ‘Runi’ precisamente pola súa afección desde pequeno a correr, o deporte era algo innato nel e todos os rapacez do camping o querían nos equipos que montaban, chamaba a atención. Son unha familia estupenda e estamos moi orgullosos da súa fidelidade”, explica Javier Miguez, director desta instalación.

“Nas miñas vitorias intento acordarme de todo o mundo e Nigrán é unha parte moi importante da miña vida, son moi feliz aquí”, engade o atleta e estudante de fisioterapia na Universidad Camilo José Cela de Madrid. “Tiven que deixar a complutense porque non me daban facilidades, non consideraban os adestramentos como motivo para trocar as prácticas obrigatorias, por exemplo, así que este curso me cambiei e estou feliz”, finaliza Adrián, quen agarda superar as súas marcas e facer todavía máis Historia no atletismo español.

A casa das letras mosense levará o nome da principal representante das letras de Mos

0

‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello ten previsto reformar mediante un proxecto de mellora integral para o que opta a subvención do Plan Concellos.

Deste xeito a casa das letras mosense levará o nome da principal representante das letras de Mos, sendo bautizada co nome de María Magdalena, gran poeta da Louriña que falecía onte aos 99 anos de idade; en gratitude e recoñecemento polos seus impagables labor e valía cultural e persoal. Ademais dotarase á Biblioteca Municipal da obra completa de María Magdalena (xa que agora dispónse só de parte dos títulos publicados), para que os lectores poidan gozar íntegramente dela nas novas instalacións, unha vez sexan reformadas. A súa obra literaria completa está composta por obras en galego-poesía: Alborada do Val da Louriña 1986 (primeira edición), Colleita de soños tristes 1990, Alborada do Val da Louriña 1992 (segunda edición), Retrancas 1993, Sementeira de soños 1994, Amores na lúa 1998, Tempos de chorar 2001, A quen lle dou unha estrela? 2005, Alma de can 2009. Literatura infantil-xuvenil: O baúl das lembranzas, poemas para nenos, 2005. E obras en castelán-poesía: Un nuevo amanecer 1991, Como el manantial 1993, Mariposas de invierno 1994, En él doblaron lanas campanas 1998, Sueños de cristal 2001, Golondrinas en el cielo 2005.

A fin de tratar a proposta de bautizar a Biblioteca co seu nome celebrouse esta mañá unha Xunta Local de Voceiros, na que se expuxo a proposta municipal contando co consenso e aprobación unánime de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal.

María Magdalena Domínguez Domínguez, gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, falecía onte tras unha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística.

Biografía

Naceu en Mos e desde moi novo foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Dedicou moitos dos seus poemas ao seu marido, entre outros ‘Alborada do Val da Louriña’, que tardou 30 anos en publicarse, en 1986. As súas primeiras lecturas e inspiracións, tomounas xa na escola lendo a Rosalía de Castro, con quen quedou moi impactada. Tamén admiradora de Daniel R. Castelao e Álvaro Cunqueiro entre outros. Nunha ocasión participou nunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao ‘Os vellos non deben namorarse’, engadindo ela ao título “das mozas novas”, versión que se segue conservando. O Concello de Mos, no ano 2016 rendeulle unha homenaxe polo seu 94 aniversario, recoñecendo o seu mérito ao ser unha das tres mellores poetas galegas autodidactas.

Mos vive, polo tanto, días tristes pola perda dunha muller referente e pioneira no ámbitos da cultura, a igualdade e o empoderamento feminino.

Así a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, ademáis de facer o anuncio sobre a nova denominación da Biblioteca Municipal, dedicáballe unhas emotivas palabras a esta muller exemplar: “Día triste para Mos, día triste para as nosas letras e a nosa cultura, día triste para a loita municipal pola igualdade e o empoderamento feminino, xa que se nos foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. Fóisenos a poeta da Louriña, fóisenos a gran María Magdalena. Da miña mesma parroquia, veciña da parroquia de Mos, María Magdalena foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. Lamentamos a triste perda do seu pasamento e trasládolle o meu máis sentido pésame á súa familia, amigos e seres achegados. A miña máxima gratitude a María Magdalena, Medalla ao Mérito do Concello de Mos. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores, polo que as grazas cara a ela son hoxe e sempre, infinitas. Grazas María Magdalena, en Mos por sempre e para sempre”.

Mellora integral da Biblioteca Municipal

Para a devandita mellora integral a administración municipal mosense confiou e apostou novamente por outra gran muller mosense: a arquitecta local Estefanía Grandal. Arquitecta de moda por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña que desde o Concello se anunciaba fai uns días.

Para a mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, Fani Grandal e Ludmila Castro, que acompaña á mosense neste proxecto, fan unha proposta de actuación que pretende conseguir un edificio caracterizado polo uso de materiais espidos, destacando a expresión natural dos mesmos. A da Porteliña trátase dunha edificación de planta baixa e planta primeira cunha superficie construída total de 317,81
m2, con forma rectangular e materializada con cuberta a catro augas e fachada de pedra rosa Porriño con canto de forxado vistos.

Para a mellora integral programada pártese do cerramento de pedra existente e dos elementos estruturais en formigón visto. Con iso de base, introdúcense os metais en zinc e aluminio anodizando natural que apoian a rehabilitación para conseguir un resultado interior de maior confort: carpinterías exteriores e cuberta. O interior da biblioteca manterá a mesma esencia que o exterior. Neste caso, será a madeira, na súa expresión natural, a principal protagonista.

Con ela búscase achega a calidez necesaria neste tipo de uso. Xeráronse mobles a media altura que van moldeando un único espazo para conseguir ambientes máis reducidos e íntimos. Búscase non romper o contacto visual do espazo na súa totalidade; dispoñendo de espazos polivalentes e zonificados para xerar unha maior sensación de confort.

Ademáis propóñense unha serie de mellorías para garantir o confort térmico e visual: mellora do illamento térmico da envolvente do edificio, instalación de novos equipos de produción de calor ou frío, mellora das instalacións de iluminación, implantación de equipos de contabilización, e monitoraxe de datos. O orzamento desta reforma ascende a 481.375,53 €.

O alcalde de Baiona reclama sanitarios para o municipio

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, como xa o fixo antes de comenzar o verán, reclama sanitarios para o concello.

Nestes momentos, dos sete médicos que forman parte do persoal do centro de saúde, tan só hai tres médicos desempeñando a súa labor. Isto implica que teñen que facer xornadas con moita máis carga horaria traballando mañas e tardes.

Debido a cantidade de visitantes que atópanse agora mesmo no concello, nesta época estival, a presión que se está levando a cabo sobre os traballadores é brutal e inxusta.

O alcalde reitera que non é un problema de falta de profesionais cualificados, se non dun modelo implantado polo anterior conselleiro de sanidade e que o actual mantén. Neste Sistema prima a redución de custes sobre a saúde dos pacientes, deixando á atención primaria totalmente desvalida,  sendo os máis afectados os veciños da vila de Baiona.

O Servizo Galego de Saúde non pode permitir que ano tras ano isto siga ocorrendo.

O Club Balonmano Porriño xogará o Torneo Concello de Mos esta fin de semana

0

O mércores ás 11:00 horas da mañá tivo lugar a presentación do Torneo Concello de Mos de Balonmán Feminino. Nela estiveron presentes Camilo Augusto, tenente alcalde do Concello de Mos; José Areal, concelleiro de Deportes mosense; Abel Estévez, presidente do Club Balonmano Porriño, e Sarai Samartín, xogadora do Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño, que ademáis é a capitana e veciña mosense da parroquia de Tameiga.

O Torneo Concello de Mos terá lugar no Pavillón Óscar Pereiro durante toda esta fin de semana. Así, o sábado, 21 de agosto, ás 19:00 horas dará comezo co enfrontamento entre o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño (División de Honra) e o Rubensa Bm Porriño (División de Honra Prata).

O domingo ás 11:00 xogarase o segundo e último partido entre o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño (División de Honra) e o AD Carballal Balonmán (División de Honra Prata).

A entrada será gratuíta, pero é necesario a reserva previa de entradas chamando ao número 666 493 089 ou na páxina web do club (www.balonmanoporrino.com).

O Rosal Cámara Fest remata por todo o alto este sábado

0

A II edición de O Rosal Cámara Fest rematará por todo o alto o vindeiro sábado ás 22.00 horas na praza do Calvario. A banda da Agrupación Musical do Rosal, organizadora do festival, e Big Band AMdoR tocarán as últimas notas dun ciclo que musicou todas as parroquias do municipio con 12 concertos. A entrada é de balde e pode  reservarse na web do Concello, ademais, durante o espectáculo, haberá un sorteo onde se repartirán vales de compra nos comercios da Asociación de Comerciantes do Rosal.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “no Concello estamos encantados coa boa acollida dun festival tan ben organizado”, e pon en valor o importante que é “para O Rosal”, que “a música sexa accesible a toda a veciñanza e valorice cos seus ritmos todos os nosos espazos”. “Non podemos deixar de agradecer o traballo da Agrupación para organizar este festival”, concluíu.

No Concello destacan que a II edición remata este sábado, pero que o festival “chegou para quedarse e darlle unha nova vitalidade ás nosas rúas e á propia agrupación”.  O Cámara Fest naceu o verán pasado como unha adaptación do festival de Músicos Xoves que se viña celebrando cada ano. Por mor da Covid-19 era imposible xuntar nun mesmo espazo aos máis de 70 compoñentes da banda, polo que a Agrupación decidiu modificar o formato ofrecendo concertos por ensembles instrumentais que levan o nome de persoas destacadas da entidade, como Pepe Alfonso, ou Suso González.

O Concello de Baiona suspende a Arribada 20/21

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, despois de consensuar as diferentes opcións coas asociacións de empresarios e comerciantes e o tecido asociativo, que son os que axudan a que a Arribada pódase levar a cabo, tomou a decisión xunto co seu grupo de goberno de suspender a Arribada 20/21.

Nesta situación de incerteza que xera o a crise da Covid-19, o Concello ten que actuar con responsabilidade non realizando eventos que non podan garantir a saúde pública e asegurando que a actividade económica do noso municipio poida continuar.

“Esperamos que a Arribada 2022, recuperando a súa data real sendo o primeiro fin de semana de marzo, poda celebrarse con todas as garantías e normalidade, para que tanto os veciños e veciñas como os visitantes desfruten dunha festa de Interese Turístico Internacional como se merecen”, declara o rexedor.

A exposición fotográfica “Facedoras do Baixo Miño” estará na Guarda ata o 2 de setembro

0

A Guarda acolle ata o 2 de setembro unha exposición fotográfica que leva por nome “Facedoras do Baixo Miño”, e que recolle unha selección de fotografías de Mar Caldas que amosan a aportación da muller a súa comunidade, cun recoñecemento ao seu traballo.

Este proxecto da continuidade ao de “Facedoras de Bueu” no que Mar Caldas quere transmitir o legado da muller na Galicia Rural, neste caso centrado na Comarca do Baixo Miño, e ao traballo da muller en diversos ámbitos coma o viveirismo, os cultivos de froitas e verduras, a artesanía ou o traballo do mar, coma é o caso das redeiras.

A exposición estará nos baixos da Casa dos Alonso dende o mércores 18 de agosto ata o 2 de setembro en horario de luns a venres de 9:00h a 14:30h.

Na inauguración desta exposición a concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, quixo por en valor o traballo realizado por Mar Caldas para recoller esta selección de mulleres e por en valor o mundo no que traballan dun xeito tan realista e tan ben representado.

Pola súa banda Antonio Lomba, alcalde da Guarda, quixo dar os parabéns á autora destas fotografías e ás súas “musas”, por un resultado final moi especial, que quedou de manifesto nunhas fotografías de gran calidade.

Descenso dun 11% do paro en Ponteareas

O paro baixou un 11 % no primeiro semestre do ano en Ponteareas. En xaneiro había 2.046 persoas paradas, e a finais de xullo 1.833, un 8 % da poboación total do municipio. A tendencia é positiva e, se toda vai segundo o previsto, vaise manter coa recuperación económica posterior á Covid-19.

A concelleira de Emprego, Vanesa Fernández Soage, explica que no Concello acollen con “esperanza” estes datos, pero engade que non se vai deixar de traballar para facer mellorar a situación. “Estamos planificando unha actuación cos grupos de idade que máis paro teñen, as mulleres e os homes maiores de 25 anos”, relata. No mes de xullo había en Ponteareas 1.148 mulleres maiores de 25 anos en situación de desemprego, o 62 % do total, e 609 homes, o 33 % do total.

Por sectores de actividade o de servizos é o que rexistra un maior paro (1.296 persoas), seguido da industria (228), a construción (107), e a agricultura e a pesca (58). 144 persoas aínda non traballaron nunca. O Concello quere lembrar á veciñanza que no Centro de Desenvolvemento Local dispón dun servizo de orientación laboral a súa disposición.

Xa están en execución as obras na estrada EP-5005 na Cañiza

0

Esta semana deron comezo as obras de execución na estrada EP-5005 ao seu paso polo Couto, na Cañiza. Son obras de calmado do tráfico, executadas e financiadas ao 100 % pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro do “Plan Móvese”.

O alcalde do municipio, Luis Piña, trasladou no mes de abril deste ano á Deputación Provincial a relación de actuacións necesarias na estrada EP-5005 no tramo de Xunqueiras-Couto, para reducir a velocidade e mellorar a mobilidade nesta parroquia. Todas estas necesidades estiveron consensuadas coa Asociacion de Veciños San Bartolomé do Couto.

Segundo comentou o alcalde da Cañiza, este Plan de Movilidade e Velocidade Segura ten como obxectivo garantir a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia con especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida.

As obras consisten na anulación dos reductores físicos de velocidade nos PK 5+470, 6+000 y 6+300 da Estrada Provincial EP-5005. Execución dun paso de peatóns sobreelevado no PK 6+020 da EP-5005, con reforzo da sinalización viaria horizontal para a reducción da velocidade local da zona e instalación de paso peonil na parroquia do Couto na altura do acceso á Igrexa na zona de Xunqueiras co punto de inicio do sendeiro do río Ribadil.

‘Festa da História’ revivida com animação de rua itinerante por um dia

Vila Nova de Cerveira readapta mais um dos seus grandes eventos de verão aos condicionalismos provocados pela Covid-19. Reduzida a um único dia, a edição 2021 da ‘Festa da História’ apresenta-se com animação de rua itinerante alusiva aos 700 Anos da Fundação do concelho. Atividade está decorre este sábado, 21 de agosto, pelas ruas do centro histórico.

Em ano comemorativo dos sete séculos de atribuição da Carta do Foral de D. Dinis a Vila Nova de Cerveira (1321-2021), a Câmara Municipal, com a produção habitual da Associação Velha Lamparina, retrata alguns dos episódios marcantes da época medieval, tendo como protagonista o Rei D. Dinis, a sua vida e a sua ação em Cerveira, através de música e dança, encenações e peças de teatro.

Dando cumprimento às regras emanadas pela Direção-Geral de Saúde, esta versão de reviver a ‘Festa da História’ arranca às 16h00, com Cortejo Real realizado apenas com atores da Velha Lamparina, numa comitiva muito restrita. Estará ‘presente’ El Rei D. Dinis, acompanhado de sua esposa, a Rainha Santa Isabel, e dos seus dois filhos, além de um pequeno grupo de serventia, música ao vivo e soldados.

Cm saída da Câmara Municipal, o Cortejo Real percorre a Avenida José Pedreira, a Rua Costa Brava, a Rua César Maldonado, o Terreiro, a Rua Queirós Ribeiro, o Largo 15 de Fevereiro, a Avenida 1º de Outubro, a Praça Alto Minho e terminar no Terreiro. Aí, mesmo em frente ao Castelo, pelas 16h30, será encenada a entrega da Carta Foral por el Rei D. Dinis a Vila Nova de Cerveira; para as 18h00, está prevista a Encenação do ‘Dia na Corte com El Rei D. Dinis’ e às 22h00, a peça de teatro intitulada ‘Recordar El Rei D. Dinis’. Pelo segundo ano consecutivo, a ‘Festa da História’ de Vila Nova de Cerveira não se realizará com a vasta programação, de dias e de atividades, na expetativa de que a alegria contagiante que lhe é  tão caraterística e que a reconhece como uma das 12 feiras medievais mais relevantes do país possa ser vivida em 2022.

A Área Recreativa Bouza de Miguel de Arbo contará cunha pista de skate

0

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, acaba de anunciar que Arbo contará cunha pista de skate que se construirá na Área Recreativa Bouza de Miguel.

Para a financiación da pista de skate, o concello asinou un convenio de colaboración coa Secretaria Xeral para o Deporte, onde a Xunta de Galicia se compromete a aportar 24.000,00 € sendo o importe restante 5.949,92€, asumido con fondos propios do Concello de Arbo .

O alcalde destaca que “no Concello somos conscientes de que, entre as actividades deportivas que a poboación xuvenil do municipio está a demandar, atópase a práctica de deportes urbanos, en especial do Skate. Detectada esta necesidade, e carecendo actualmente Arbo de instalacións específicas para a súa práctica, desde o Concello imos proceder, nos próximos días, a licitar o proxecto para a construción dunha pista de Skate, que este goberno levaba no seu programa electoral,  polo que dotaremos ao municipio dunha nova oferta de lecer deportivo, especialmente orientada á súa poboación máis nova e seguir así na linea de atender a demanda de toda a poboación arbense”.

Para a súa localización, o Equipo de Goberno do Concello escolleu un espazo existente dentro da denominada Area Recreativa – Parque Forestal Bouza de Miguel, no que xa se instalou un tobogán xigante, unha tirolina, un parque biosaludable, asador… e donde se pretende seguir instalando outros equipos de lecer.

O Concello de Arbo, tamén contou coa colaboración da Xunta de Montes de Santa María de Arbo, que cedeu os terreos para colocar a Pista de Skate.

Dende o Consistorio, agradece a colaboración da Xunta de Galicia que atende as demandas de Arbo, e a Xunta de Montes en man Común de Arbo- manifesta o rexedor arbense- que tamén afirma estar a espera dunha nova cesión de máis terreo por parte da Comunidade de Montes de Arbo, para seguir equipando a Area Recreativa Bouza de Miguel de máis equipamento deportivo, infantil e de lecer.

Adxudicadas as obras de mellora da rede de pluviais en Lamas-Meder e Codeiro-Alxén

O Concello de Salvaterra de Miño ven de adxudicar as obras de mellora na rede de pluviais en Lamas, na parroquia de Meder, e no Cordeiro, parroquia de Alxén, co fin de mellorar os servizos e infraestruturas por un importe de máis de 46.000,00€ a través do Plan Concellos da Deputación Provincial.

As obras a realizar  en Lamas-Meder consisten na construción dun colector de pluviais, a creación dunha cuneta de 70m  en terra e reparación de 165 m existentes en formigón , desbroce e limpeza, barrido lo firme e capa de rodadura en toda a carretera. Así mesmo no Cordeiro realizarase unha nova cuneta en terra, desbroce e limpeza  e unha capa de rodadura nos dous tramos máis danados da estrada.

Volve o Festival de Cans ao Porriño

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu a presentación da 18ª edición do Festival de Cans, onde defendeu o interese estratéxico destes eventos para o sector, así como para as localidades e comarcas nas que se celebran. Neste sentido, lembrou que o compromiso do Goberno galego cos festivais audiovisuais materialízase a través dunha liña específica de subvencións, que este ano incrementou o seu orzamento ata os 200.000 euros para contribuír á organización de 14 encontros en toda Galicia.

Esta vía de apoio aos festivais enmárcase no programa anual de subvencións da Xunta ao audiovisual galego, que este ano distribuirá máis de 3,6 millóns de euros a través das seis convocatorias publicadas, entre as que tamén se atopan as dirixidas a producións e coproducións audiovisuais, desenvolvemento de proxectos, promoción do talento, difusión e comercialización en foros de negocio e certames internacionais e unha nova liña para as salas de exhibición cinematográfica.

O equipo organizativo e os representantes das diferentes entidades e empresas colaboradoras do festival déronse cita no Torreiro das Estrelas de Cans para desvelar o programa que se desenvolverá nesta parroquia do Porriño do 1 ao 4 de setembro. Todos eles recibiron a felicitación do conselleiro por seguir impulsando esta “cita indispensable para a cultura galega” e mantendo intactos os seus valores diferenciais.

Como sinalou, trátase dunha das citas adxudicatarias da devandita convocatoria de axudas, que en 2021 incrementou a súa dotación nun 5%, dándolle continuidade a unha tendencia ascendente segundo a que en 2020 xa experimentara un aumento do 11% respecto ao ano anterior. Esta medida, inserida no plan autonómico de reactivación do sector cultural, reforzouse ademais cunha serie de modificacións nas bases para tomar en consideración o esforzo dos festivais por manter a súa celebración, respectando estritamente ás esixencias sanitarias sen menoscabo da súa calidade.

Recoñecemento ao conxunto do sector

Román Rodríguez fixo especial fincapé neste traballo de adaptación ao novos modelos de difusión e de conexión co público, reaxustando datas e combinando accións en liña con formatos semipresenciais ou presenciais, entre outras medidas. Ao tempo, trasladoulle este recoñecemento ao conxunto do sector audiovisual, que definiu como “unha das pedras angulares das nosas industrias culturais” polo seu potencial creativo, pola valía dos seus traballadores e pola súa capacidade de conectar co gran público e de levar a imaxe de Galicia por todo o mundo. “Malia o duro golpe que supuxo esta pandemia, o audiovisual galego demostrou unha vez máis a súa fortaleza, sendo quen de manter o seu nivel de calidade e competitividade, lanzando estreas de gran relevancia ou acadando premios en festivais de primeiro nivel”, continuou.

Exemplo de valentía

Respecto ao Festival de Cans, subliñou o seu papel como escaparate da creatividade, dinamismo e calidade do sector en Galicia, ademais de como exemplo de valentía: desde os seus inicios, elixindo un emprazamento a priori pouco convencional para reivindicar o noso rural, a nosa identidade, a nosa cultura e o noso cine, ata o momento actual, no que a súa organización optou por redeseñar o formato e trasladalo a setembro para garantir a súa celebración de acordo cos protocolos sanitarios vixentes.

Xunto coa selección de curtametraxes e demais proxeccións, como a estrea en salas de 9 Fugas de Fon Cortizo e a premiere absoluta El tiempo es libre de Fernando Epelde, sobresae no programa desde ano o recoñecemento a nomes claves do audiovisual galego e estatal actual co Premio Pedigree de Honra ao director e guionista Jorge Coira ou o Chimpín de prata ao actor Tamar Novas, entre outros. Destaca tamén o cartel musical, con Maika Makovski e Sés entre as citas principais, a estrea da nova sección Correspondencias para afondar na relación dos cineastas galegos cos doutros países, ou a retrospectiva dedicada ao brasileiro Kleber Mendoça, gañador do Premio do Xurado no Festival de Cannes (Francia) en 2019.

Tomiño suma un segundo mestre composteiro no marco do Revitaliza

0

O Concello de Tomiño vén de contratar un segundo mestre composteiro no marco do Revitaliza, financiado pola Deputación de Pontevedra. Así, dende o pasado día 1 de agosto, José Manuel Prado, sumouse ao equipo como persoal funcionario interino co fin de reforzar o servizo e contribuír a mellorar a información e formación da cidadanía no tratamento dos residuos orgánicos e incrementar a participación dos que viven en pisos nos 15 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) instalados no municipio.

Entre as súas funcións, ademais de completar a distribución dos composteiros individuais entre a veciñanza con vivendas (na actualidade hai repartidos máis de 1800 dos 3000 previstos), e realizar logo o seu seguimento e tarefas de asesoramento e resolución de dúbidas; estará tamén o estudo de inclusión de pequenos produtores singulares (centros de día, cafeterías, restaurantes, etc.) na autocompostaxe.

Tomiño leva adherido ao Revitaliza dende o ano 2016 e ten activos na actualidade 13 CCC nos centros urbanos de Tomiño e Goián, e 1 máis no CEP Pedro Caselles. A estes sumaranse en breve outros 2, pendentes de apertura, para dar servizo a toda a cidadanía que vive en edificios. Concretamente, este xoves ás 13.00h abrirase o CCC instalado ao final da Rúa Gondomar, polo que esta semana se están a realizar as visitas aos veciño/as da zona coa finalidade de entregarlles un caldeiro que facilitará a separación na casa dos residuos orgánicos, e explicarlles o funcionamento do centro de compostaxe para o seu uso correcto.

En Goián, esperase realizar a apertura do CCC situado no Leira-Parc, situado a carón do colexio o xoves seguinte 26/08/2021 ás 13:00, polo que as visitas se realizarán a semana que vén.

Ademais, lévanse repartidos entre a veciñanza con casas 1858 composteiros individuais (COIN), de 300l de capacidade, dos 3000 adquiridos na 2ª fase do plan. Tamén foron adquiridos 150 COIN de maior capacidade (800l) para os pequenos produtores singulares.

“A pesar da ralentización do reparto que nos supuxo a situación de pandemia, xa son moitos os veciños que dispoñen de composteiro, polo que o grado de penetración da compostaxe individual no territorio e efectivamente alto. Máis teremos que agardar un pouco para cuantificar o efecto, que agardamos redunde nunha mellora das taxas de compostaxe, en particular, e de reciclaxe en xeral”, explica a concelleira responsable da área de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

Asemade, dende o departamento de medio ambiente estase planificando posibles reunións para o reparto dos COIN pendentes.

Por outra banda, ademais da disposición de biotrituradoras para a xestión de podas, comezaron a funcionar varios “puntos Verdes”, onde a veciñanza pode deixar restos de poda e recoller estruturante. Están xestionados por persoal municipal coa axuda dun camión con guindastre adquirido para ese fin.

Lembra a concelleira que toda a información sobre compostaxe, así como contacto para resolver dúbidas, está a disposición na páxina web https://revitaliza.tomino.gal/.

O Concello da Guarda recibe a Arcos e a Prades despois da súa participación nos JJOO de Tokio

0

Na mañá do mércores día 18 de agosto de 2021, o Concello da Guarda realizou unha recepción oficial a Paula Arcos e a Ignacio Prades despois da súa participación nos pasados JJOO de Tokio.

Tal e como manifestou Antonio Lomba, para a vila da Guarda é todo un orgullo e satisfacción contar con figuras tan representativas no eido deportivo que levan o nome da Guarda polo mundo adiante.

Montserrat Magallanes quixo agradecer o enorme esforzo que supón traballar nun equipo de élite como é o Atlético Guardés e o ter participado nuns xogos olímpicos, un feito que, sen dúbida, quedará marcado nas súas vidas. Para rematar esta recepción, o alcalde e a concelleira de Deportes fixeron entrega dun ramo de flores e dunha placa representativa da vila, realizada pola Asociación local Avelaíña, pola súa banda dende o Atlético Guardés fixeron entrega ao Concello da Guarda dunha camiseta oficial da selección española, que tamén aproveitaron para firmar e deixar unha dedicatoria “Para el Concello de A Guarda en agradecimiento por todo su apoyo en los JJOO Tokio 2020+1”.

María Xosé Porteiro presentará “Sándalo” no Museo Municipal de Ponteareas

O Museo Municipal de Ponteareas acollerá, o vindeiro venres ás 19.00 horas, a presentación da novela “Sándalo” de María Xosé Porteiro, publicada por Editorial Galaxia. A escritora, política e xornalista falará dunha obra coa que percorre 200 anos de historia entre Europa e América, Cuba e Galicia, emigración e inmigración. 

A novela arranca en 1823 ca execución do comandante Rafael del Riego, protagonista da sublevación de 1820. A partir de aí empezar a mesturar historias relacionadas cas guerras de independencia e cambios sociais que suceden ao mesmo tempo en Galicia e Cuba. Fitos heroicos, Ulises galaicos, orixas afrocubanas, secretas sociedades de figuras públicas, independencias políticas e pendencias eróticas, saltan de tempo e lugar nunha viaxe emocionante con corpo de relato estimulante dos sentidos e dos sentimentos, para facernos cómplices da relación antiga e inmorrente de dous universos unidos pola Corrente do Golfo.

A actividade está organiza por Si Radio e a Biblioteca Municipal. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, “convida a toda a veciñanza a asistir”, e lembra que para participar neste evento é necesaria a inscrición previa na propia biblioteca, chamando ao 986 660 765 ou a través do enderezo electrónico [email protected].