21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro advirte do incremento das capturas da avelaíña da mazá

    Areeiro advirte do incremento das capturas da avelaíña da mazá

    O persoal do centro dependente da Deputación tamén pon o foco no seguimento do mildio

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda ás persoas viticultoras seguir pendentes ante o mildio e a botrite nas viñas e no que advirte así mesmo sobre o incremento das capturas da avelaíña da mazá.

    No que respecta ao mildio, o persoal da EFA destaca que as condicións meteorolóxicas dos últimos días foron favorables ao seu desenvolvemento e, deste xeito, observouse un avance da presencia de manchas esporuladas nos gromos terminais das viñas que levan tempo sen tratar, e tamén a aparición significativa de rebuscos afectados nestas mesmas parcelas. Non obstante, as previsións da climatoloxía para as vindeiras xornadas, con algunha precipitación feble e posterior estabilización, non deberían, segundo Areeiro, xerar problemas maiores, dada a elevada densidade de vexetación deste ano.

    En canto á botrite, non se atoparon nas parcelas visitadas síntomas desta enfermidade, aínda que o cambio da meteoroloxía para os próximos días fai máis previsible a instalación do patóxeno, pero si se ten mantido unha boa sanidade da uva non é probable que se produzan danos. De instalarse puntualmente o fungo, pódense eliminar os grans/acios afectados ou ben aplicar un funxicida (salvo nos casos en que as adegas limiten os tratamentos) con moi curto prazo de seguridade.

    Capturas de Cydia pomonella nunha semana

    Do mesmo xeito, dende a Estación indican que se observou un incremento da presenza de síntomas do oídio, en especial nas follas e pampos máis tenros das plantas testemuña e naquelas viñas que levan máis tempo desprotexidas. Por esta razón, o persoal de Areeiro sinala que, nalgún caso, poderá será conveniente aplicar un tratamento despois da vendima, non só fronte este patóxeno senón tamén fronte ao mildio.

    Doutra banda, no que respecta á avelaíña do acio, dende a Estación destacan que nesta semana tamén producíronse poucas capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas, e o número de ovos e penetracións das eirugas foi tamén moi reducido nas viñas visitadas.

    E no que atinxe aos cicadelidos, volvéronse capturar dous exemplares do mosquito Scaphoideus titanus, mentres que no caso dos demais cicadelidos, o número de insectos mantívose reducido tamén, coma no resto da campaña nas viñas controlada pola EFA. A última referencia ás viñas vén marcada polo incremento da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico debido ás altas temperaturas, así coma da intensidade dos síntomas de patoloxías da madeira nas plantas onde xa apareceran.

    O aviso fai referencia a outros cultivos e, no caso da maceira, Areeiro advirte que esta semana se produciron as maiores capturas da avelaíña nas trampas instaladas na EFA  (15 machos).  E apunta que é bo momento de instalar as bandas-trampa de cartón nas maceiras para capturar as  eirugas que se retirarán a  invernar; xa que ao retirar e destruír estas bandas antes da primavera, elimínase parte da poboación para a seguinte campaña. Por último, non se observaron eirugas da bolboreta do buxo nas revisións, só se atoparon crisálides e a brotación das plantas é máis xeneralizada.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.