9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA casa das letras mosense levará o nome da principal representante das...

    A casa das letras mosense levará o nome da principal representante das letras de Mos

    Nidia Arévalo informa de que, tras a súa reforma integral, a Biblioteca Municipal será bautizada co nome de María Magdalena, gran poeta da Louriña, que falecía onte aos 99 anos de idade

    ‘Biblioteca Municipal María Magdalena’, así se chamará o edificio sito na Porteliña, parroquia de Petelos, que alberga tamén o Xulgado de Paz de Mos, e que o Concello ten previsto reformar mediante un proxecto de mellora integral para o que opta a subvención do Plan Concellos.

    Deste xeito a casa das letras mosense levará o nome da principal representante das letras de Mos, sendo bautizada co nome de María Magdalena, gran poeta da Louriña que falecía onte aos 99 anos de idade; en gratitude e recoñecemento polos seus impagables labor e valía cultural e persoal. Ademais dotarase á Biblioteca Municipal da obra completa de María Magdalena (xa que agora dispónse só de parte dos títulos publicados), para que os lectores poidan gozar íntegramente dela nas novas instalacións, unha vez sexan reformadas. A súa obra literaria completa está composta por obras en galego-poesía: Alborada do Val da Louriña 1986 (primeira edición), Colleita de soños tristes 1990, Alborada do Val da Louriña 1992 (segunda edición), Retrancas 1993, Sementeira de soños 1994, Amores na lúa 1998, Tempos de chorar 2001, A quen lle dou unha estrela? 2005, Alma de can 2009. Literatura infantil-xuvenil: O baúl das lembranzas, poemas para nenos, 2005. E obras en castelán-poesía: Un nuevo amanecer 1991, Como el manantial 1993, Mariposas de invierno 1994, En él doblaron lanas campanas 1998, Sueños de cristal 2001, Golondrinas en el cielo 2005.

    A fin de tratar a proposta de bautizar a Biblioteca co seu nome celebrouse esta mañá unha Xunta Local de Voceiros, na que se expuxo a proposta municipal contando co consenso e aprobación unánime de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal.

    María Magdalena Domínguez Domínguez, gran poeta da Louriña, Medalla ao Mérito do Concello de Mos, falecía onte tras unha longa traxectoria persoal e literaria que se prolongou durante case un século. Toda unha vida de entrega, traballo e creación artística.

    Biografía

    Naceu en Mos e desde moi novo foi moi afeccionada á lectura, especialmente de poesía e sempre tivo unha gran inquietude por aprender. Aprendeu a ler e escribir grazas á súa nai, ata que empezou a ir á escola. Empezou a escribir poesía e, durante anos, ninguén da súa contorna o sabía. Dedicou moitos dos seus poemas ao seu marido, entre outros ‘Alborada do Val da Louriña’, que tardou 30 anos en publicarse, en 1986. As súas primeiras lecturas e inspiracións, tomounas xa na escola lendo a Rosalía de Castro, con quen quedou moi impactada. Tamén admiradora de Daniel R. Castelao e Álvaro Cunqueiro entre outros. Nunha ocasión participou nunha representación teatral no Porriño, da obra de Castelao ‘Os vellos non deben namorarse’, engadindo ela ao título “das mozas novas”, versión que se segue conservando. O Concello de Mos, no ano 2016 rendeulle unha homenaxe polo seu 94 aniversario, recoñecendo o seu mérito ao ser unha das tres mellores poetas galegas autodidactas.

    Mos vive, polo tanto, días tristes pola perda dunha muller referente e pioneira no ámbitos da cultura, a igualdade e o empoderamento feminino.

    Así a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, ademáis de facer o anuncio sobre a nova denominación da Biblioteca Municipal, dedicáballe unhas emotivas palabras a esta muller exemplar: “Día triste para Mos, día triste para as nosas letras e a nosa cultura, día triste para a loita municipal pola igualdade e o empoderamento feminino, xa que se nos foi unha pioneira da literatura, da reivindicación do papel da muller no rural, tanto no ámbito doméstico como profesional, intelectual, cultural e artístico. Fóisenos a poeta da Louriña, fóisenos a gran María Magdalena. Da miña mesma parroquia, veciña da parroquia de Mos, María Magdalena foi unha traballadora e loitadora incansable. Exemplo para min e para tantas mulleres do municipio e da comarca, referente e estela a seguir. Lamentamos a triste perda do seu pasamento e trasládolle o meu máis sentido pésame á súa familia, amigos e seres achegados. A miña máxima gratitude a María Magdalena, Medalla ao Mérito do Concello de Mos. O camiño por ela percorrido abriunos portas ás mulleres de xeracións posteriores, polo que as grazas cara a ela son hoxe e sempre, infinitas. Grazas María Magdalena, en Mos por sempre e para sempre”.

    Mellora integral da Biblioteca Municipal

    Para a devandita mellora integral a administración municipal mosense confiou e apostou novamente por outra gran muller mosense: a arquitecta local Estefanía Grandal. Arquitecta de moda por ter recibido dous premios autonómicos pola Escola Infantil a Galiña Azul da Veigadaña (premio COAG 2019 e Premio de Arquitectura de Galicia 2020) e por atoparse tamén inmersa noutro proxecto de reforma integral xusto ao carón do da Biblioteca: o da Escola Infantil da Porteliña que desde o Concello se anunciaba fai uns días.

    Para a mellora da Biblioteca e Xulgado de Paz de Mos, Fani Grandal e Ludmila Castro, que acompaña á mosense neste proxecto, fan unha proposta de actuación que pretende conseguir un edificio caracterizado polo uso de materiais espidos, destacando a expresión natural dos mesmos. A da Porteliña trátase dunha edificación de planta baixa e planta primeira cunha superficie construída total de 317,81
    m2, con forma rectangular e materializada con cuberta a catro augas e fachada de pedra rosa Porriño con canto de forxado vistos.

    Para a mellora integral programada pártese do cerramento de pedra existente e dos elementos estruturais en formigón visto. Con iso de base, introdúcense os metais en zinc e aluminio anodizando natural que apoian a rehabilitación para conseguir un resultado interior de maior confort: carpinterías exteriores e cuberta. O interior da biblioteca manterá a mesma esencia que o exterior. Neste caso, será a madeira, na súa expresión natural, a principal protagonista.

    Con ela búscase achega a calidez necesaria neste tipo de uso. Xeráronse mobles a media altura que van moldeando un único espazo para conseguir ambientes máis reducidos e íntimos. Búscase non romper o contacto visual do espazo na súa totalidade; dispoñendo de espazos polivalentes e zonificados para xerar unha maior sensación de confort.

    Ademáis propóñense unha serie de mellorías para garantir o confort térmico e visual: mellora do illamento térmico da envolvente do edificio, instalación de novos equipos de produción de calor ou frío, mellora das instalacións de iluminación, implantación de equipos de contabilización, e monitoraxe de datos. O orzamento desta reforma ascende a 481.375,53 €.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.