Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Redondela denuncia a falta de persoal no Centro de Saúde e o deterioro da atención primaria

O Centro de Saúde de Redondela conta con cinco facultativos menos e está sen xefe de servizo dende o 26 de xaneiro

O Concello de Redondela vén de esixir ao Sergas que poña fin ao deterioro que sufre a Atención Primaria no municipio como consecuencia da paulatina diminución de persoal médico no Centro de Saúde de Redondela.

Para a alcaldesa Digna Rivas, “non é de recibo” que o Centro de Saúde conte, nestes momentos, con cinco médicos/as menos e que non se realicen substitucións do persoal que está de baixa ou de vacacións. A esta situación, engade a rexedora redondelá, “súmase o feito que dende o pasado 26 de xaneiro, o Centro de Saúde non conta cun xefe/a de servizo, o que da boa conta da pouca importancia que o Sergas lle da á saúde dos nosos veciños e veciñas”.

A falta de persoal no Centro de Saúde –5 facultativos/as menos que os que ten asignado– inflúe negativamente na Asistencia Primaria xa que os médicos e médicas que agora están traballando, atópanse con que contan case que con 60 pacientes diarios nas súas axendas, cando habitualmente eran 40. “Este incremento –apunta Rivas– inflúe directamente cun empeoramento do servizo, non por falta de profesionalidade do persoal médico, senón pola sobresaturación que sofre e que lles impide dedicar o tempo necesario a cada un dos seus pacientes”.

“O deterioro da sanidade pública en Redondela é evidente”, afirma a alcaldesa, “cupos que non teñen médico de urxencias, pacientes aos que cada vez atende un médico/a diferente e que polo tanto non contan co seguimento que sería desexable, esperas de máis de 15 días para as citas telefónicas…”.

Digna Rivas adiantou a súa intención de seguir insistindo, como o leva facendo dende hai semanas, ante as autoridades sanitarias, “para que poñan freo a un desmantelamento progresivo da Atención Primaria e que sobrevive a duras penas únicamente grazas a profesionalidade de todo o persoal sanitario”.